30 de jan de 2009

Raimundo, as galiñas e os teros

Cando os meus marcharon de Ourense, antes de que abrise o día para non pasar pola pena de dicir adeus, levaban maletas, os billetes para subir ao barco Alberto Dodero, bastante medo e unha memoria poboada de animais. Eses compañeiros eran os protagonistas da meirande parte das historias da familia. Os momentos importantes, os mais felices e mesmo os durísimos, sempre tiñan como partícipe a algún animal.

Nada mellor para dar conta do estilo túzaro do avó Emilio que lembrar aquela vez mallou nun home na feira de Bande por un becerro. Se a miña avóa quería sinalar -con modestia dende logo- que tiña ela os ollos mais bonitos da familia, falaba dunha gata á que moito lle chamaba a atención a cor azul dese ollar. O conto de como a pequena Anita escapou do lobo e chegou chorando á casa porque o animal lle comera o aniño é dos momentos mais temibles e tenros da nosa historia. E ainda que morreu hai mais de 30 anos, o gato Raimundo semella que é cada día mais listo.



O arqueólogo Xurxo Ayán explica, na recensión do libro Os animais domésticos na Historia de Galicia, que o país “tense caracterizado tradicionalmente pola importancia que os animais tiveron e teñen na cultura e na forma de vida do seus habitantes”. Engade que o libro axuda a comprender mellor "o papel que teñen xogado os animais na conformación da nosa sociedade”.

Se é posible, a partir dos nosos bechos, dar conta da “complexa realidade mental do agro galego a comezos do século XXI, co seu conflicto entre Tradición e Modernidade” -segundo apunta Ayán- tamén pode ser posible pensar como esa mentalidade e esa tensión emigrou cos galegos e as galegas e se perviviu ou desapareceu alende o mar.

16 de jan de 2009

En soños

Terra extravagante a dos soños. Chegamos alí e sempre somos estranxeiros, mesmo se protagonizamos a trama. Cando mociña, padecía os clásicos pesadelos de quedar espida na rúa e tamén as historias nas que fuximos dalgo ou dalguén. A pouco de morrer o meu avó, miña nai contoume que unha noite soñara con el e que estaba tan guapo, tan sorridente e pleno que ela interpretou que iso non podía ser mais que unha visita. Era, dixo ela, unha despedida do pai, que onda estaba sentíase ben, que quería que o soubesen para quedar tranquilos. Hai algún tempo, mentres almorzabamos, Santiago contou o que soñara: "Estabamos mamá e mais eu...", comezou. E ollando cara a min, preguntou: "Lémbraste mamá?".

.