24 de fev de 2009

Rosalías


.
Son filla de Rosalía. E non hai pinga de lirismo nisto que apunto. Dalgunha maneira, todos os galegos e as galegas somos fillos da poeta de Padrón. Todos xuntámonos debaixo dos seus poemas coma as vacas se amorean na sombra dos enormes carteis de publicidade na inmensa Pampa arxentina. Rosalía como o teito debaixo do que nós, os galegos do mundo, somos quen de atoparnos, de xuntarnos, de sentírmonos todos un.

Con todo, eu son filla de Rosalía dun xeito, ademáis, persoal. A miña nai chámase Rosalía. Como Rosalía tamén se chamaba a súa avóa. O nome non é común aquí. E se es unha nena inmigrante, non hai cousa que se desexe máis que a de ser común, como o resto. Nalgún momento, a miña nai, Rosalía, atopouse con Rosalía. Ainda gardo unha lembranza da miña nenez na que ela lee con énfase e paixón os versos de "Adiós, ríos; adios, fontes / adios, regatos pequenos / adios, vista dos meus ollos: / non sei cando nos veremos". Daquela, non fun quen eu de entender canto había dela nesas verbas, canto dicía e non lía.

Na lembranza da de Padrón, queda un momento deste manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega titulado No día de Rosalía de Castro e redactado por Teresa Moure.

« Se a morte non fose un camiño sen volta, se puideses ver cos teus propios ollos o noso país -o país "en que me eu criei", como ti dirías-, sorprenderíaste do actual que resulta a túa obra, a pesar do paso implacábel do tempo e dos moitos cambios que operaron no mundo. Coido que non te abraiarían as novidades tecnolóxicas que envolven as nosas vidas; como nunca fuches babeca nin reaccionaria, asumirías os novos inventos no que valen mais tampouco non te deixarías cegar polas falsas aparencias de modernidade que producen as máquinas. Con toda seguranza, celebrarías o progreso económico, que nos libra de ver por toda a parte, como ti viches, a miseria e os padecementos dunha sociedade empobrecida que queremos deixar atrás, aínda que
seguramente o teu ollar, atento aos detalles, se decataría con precisión de que o luxo consumista en que nos bambeamos non ten nada a ver coa xustiza nin abrangue toda a poboación. Porque ti, Rosalía, non escribías poemas para exercer de delicada nin de dama triste e mexeriqueira, senón coa intención de condensares na escrita a forza revolucionaria que levan as palabras dentro.»

.

13 de fev de 2009

Historias de amor

Unha onda de flores, corazóns e chocolates espallase pola cidade. Os restaurantes están a tope e se o amor non ten data fixa no ano é ou ben porque non te queren ou porque non queres. Abril ten 8 anos e ven de descubrir que o azar é unha influencia poderosa nas relacións humanas e que os seus pais tamén podía non terse coñecido nunca nesta vida. Hai anos, moitos anos, tamén eu fun unha nena que quería saber cómo foi que os seus pais se enamoraron. Contáronme a historia varias veces e non houbo nin unha pinga de romanticismo na narración. Con todo, a historia ainda hoxe paréceme fermosa.


Meu pai botáballe unha man ao seu amigo Pepe nun arranxo da casa. Caíalle ben Pepe. Tiñan moitas cousas en común: galegos chegados de nenos os dous, contaban daquela uns vinte e poucos anos. Eran veciños no barrio e compartían partidos de fútbol. Algunha vez, foran compañeiros na carpintería na que o meu pai traballaba dende os 13 anos. Por iso, andaba ese día a axudalo.

Non lle gustaba moito á nai de Pepe ter xentes estrañas na casa. Pero o mozo estaba alí a traballar, de xeito que o convidou con algo. Pode que fose unha bebida ou algo de comer. O caso muda segundo as versión da historia. O meu pai pisou asi, por vez primeira, a cociña e agradeceu o convite.

Foi alí cando viu, ao fondo da casa, a unha rapaza que mergullaba nuns papeis e libros. Calou. Rematou a bebida e volveu ao traballo.

- Ouviches, quén é a rapaza dalá?
- ... a miña irmá.
- Non me pareceu que fose Anita.
- Non é Anita. É Rosalía.
- Tes outra irmá?
- Teño.
- Xa...
- Pero non sae nunca. Sempre está estudiando.

Unha Noite Boa fixéronse noivos. Á miña avóa levábaa o demo: "Nada de noivos aos 16 anos", berrou. Pero o meu avó chamoulle a atención: "Déixaa estar. Se non é este será outro. E, cando menos, o rapaz é galego coma nós". Pasaron sete anos de noivos. E casaron. Pasaron 32 anos de matrimonio. E divorciáronse. Agora, levan 4 anos sen falarse. E eu quixera saber se unha historia de amor deixa de ser unha historia de amor cando a parella se separa.

.