29 de abr de 2009

Cordas da ausencia

.
Hai anos, lin a historia do señor Saturno. Lembreino nestes días porque o seu neto, Victor Freixanes, recordou aquí en Bos Aires o fervor que o seu avó colleu nestas terras polo tango. "Logo de vinte anos, volveu a Galiza cun aparello para escoitar tangos. E mais nada", narrou.

A paixón por aquelas vellas e tristes cancións pasou ás fillas e ainda hai quen lembra as Noiteboas familiares nas que -logo da misa- na casa se reproducía unha ceremonia pagana: as tías cantaban os tangos aprendidos diante da ollada esbaradía do avó Saturno que se cadra volvía aos anos vividos en Bos Aires.

Todos saben que o neto lle herdou a paixón. Así como outros netos, no reverso da historia, herdaron aquí o amor pola gaita.

Preguntábame eu, diante destas historias, por qué os emigrantes que volveron á terra botan de menos o tango, mentres os que quedaron na emigración o que estrañan é a música galega?

.

8 de abr de 2009

Outono porteño

.
Cheira o outono. Cheira a vento fresco e a sol. Nas rúas de Bos Aires, todo é agora outono e sen dúbida ese é o mellor vestido que ten esta cidade. Cada tarde, o sol pinta as casas dunha luz amarela e brillante que fai que todo o barrio semelle bañado en ouro. E os pasos, todos os pasos dados por todos os camiñantes, soan enriba dun tapete de follas que rexurde cada mañá. No outono de Bos Aires non faltan as flores lilas do Jacarandá. Unhas poucas, unha pinga delas, unha presenza. E como non vai nin frío nin calor, as xentes non saben cómo vestirse. Por iso, en xeral elas tremen porque esqueceron o saquiño de lá e eles camiñan abafados polo abrigo que alguén lles teimou que levasen. No outono caen os froitos da tila. Unha folla longa e protectora que aperta os fíos e as sementes da árbore. Cando a ponla os deixa ir, o cangallo abanea no aire dando voltas e voltas e voltas e así ata chegar ao chan.

.