24 de jul de 2009

No Día da Patria

.


.

8 de jul de 2009

Engripados

.
Co inverno e co frío, espallouse na Arxentina a Gripe A (N1H1). Outros anos, espállase o virus doutros tipos de influenza que remata coa morte dunhas catro mil persoas promedio. Pero isto non semella ser tan importante.

Polo medo á Gripe A, a xente merca moitas máscaras na farmacia. Non saben usalas. Non saben (ou sí saben) que para unha persoa sa, a máscara é un invernadoiro de microbios a milímetros do fociño. De todos os xeitos mercan máscaras e algúns as levan pola rúa, ao traballo ou ao centro de compras. Os doentes, os médicos, as persoas que realmente as necesitan, nestes días non teñen onde atopalas. Non as hai. O da oferta e a demanda que tan ben nos aprendeu o mercado.


Polo medo á Gripe A, a xente que pode, paga fortunas por un medicamento que non necesita, que millóns de persoas non necesitarán nin este ano nin ningún ano. Pagan máis de 130 pesos a caixa (o equivalente a 40 litros de leite) e gardana coma un tesouro á espera de que a peste chegue e co desexo de que non chegue. Ninguén pensa nos enfermos que necesitan o remedio agora mesmo.


Polo medo á Gripe A, a xente baleira os andeis da farmacia onde se exhiben os frascos de xel antibacterial. Hai 15 días pagaban 5 pesos e hoxe pagan 35. Os empregados dunha farmacia dun barrio porteño contaban hai tres días que encheran todo con cinco mil envases e que ás dúas horas quedaran sen eles.


Polo medo á Gripe A, a xente discrimina máis, sospeita de todos e de todo. Pagan cartos que non teñen. Quedan pechados na casa. Leen xornais que lle meten moito máis medo porque o medo sempre é mais noticia, calquera sabe iso. Se vostede quere dominar o mundo, non tire os cartos en bombas: espalle o medo, agoche a información ecuánime e clara e agarde algunhas semanas.
.

2 de jul de 2009

Caladiños

.
O que ten de bo o silencio é que deixa mais posibilidades para pensar. Isto non o pensan nunca os que nos fan calar. Eles pensan que abonda con que non se escoiten máis algunhas voces. Pensan que se non se escoita o son desas falas, entón non pasa nada. Pero engánanse. Porque ainda pensamos.

O que ten de bo que unha porta se peche é que convida a abrir unha xanela. E calquera sabe que mentres as portas clausuran, deixan dentro ou fora, as ventás valen para soñar e imaxinar. Pódese sair pola fiestra sen moverse do sitio, pódese voar ceibe e ledo sen correr os cristais, e pódese enlazar unha xanela coa outra para ser cada vez mais libres. Pola contra, as portas crúzanse só co corpo. E os que hoxe entran, mañá sempre saen.

Para min, as 122 columnas que fun enfiando nos últimos dous anos no Diario Cultural da Radio Galega foron unha posibilidade marabillosa de dar conta dunha Galiza que non vive na terra pero que late ao mesmo ritmo vital. Cada xoves, entre as 15.55 e as 16 agradecin esa oportunidade dando conta de vidas, de historias, de sitios, de pensamentos, de loitas, de cores e de sons, de libros, de costumes, de inxustizas, de sorpresas, de soños e de pesadelos.

Fíxeno no meu galego, que os amigos xenerosos definen como exótico; un galego inzado de erros e de notas altisonantes, que é en si mesmo unha declaración. Eu falo galego. Mal. Ao lonxe. Pero falo galego.

Mándanos estar caladiños. E farémolo polo ben dese milagre radiofónico que é o Diario Cultural. Caladiños que non quedos. Caladiños que non apagados. Caladiños pero sabendo o que pasa. Caladiños pero activos. Caladiños, si. Pero calados en galego!

.