8 de out de 2009

Os lectores do Tortoni, a lingua e os medios

.
Unha vez ao mes xuntámonos cunha chea de amigos para ler e falar das letras da Galiza. Facémolo, sobre todo e como diría Celso Emilio, "porque sí, porque nos gosta, porque nos peta e queremos e nos da a gaña". Facémolo porque o administrador do Café Tortoni é fillo de galegos e nos recibe nunha das fermosas salas do mítico bar porteño. Facémolo, Andrea Cobas, uns 40 amigos e amigas, e mais eu porque nos interesa o coñecemento fondo da terra e da expresión da súa existencia e pensamento a través da literatura. Gústanos ler. Gústanos comentar o que lemos. E tamén nos gusta entender.

Levo unha ducia de anos repetindo na universidade que para que calquera cousa poda ser narrada como noticia ten que sair do normal, ser excepcional, ser novo, ter o poder de influir nas persoas e na súa vida, entre outros "criterios de noticiabilidade". Pois, mal ten que ir a cousa se isto que nós facemos no Tortoni coa maior naturalidade remata saindo nos xornais.


Pero alí estamos. O xornalista Jose Luis Estevez compartiu parte da tertulia do 26 de setembro que -nun ciclo de clásicos- lle dedicamos a Sempre en Galiza, de Castelao. E logo escribiu un fermoso artigo que aquí vos deixo.

Ainda que non sae na nota, preguntounos se ofreciamos clases de galego ou se a xente toda dominaba o idioma. Contámoslle que moitos dos participantes chegaron ao ciclo de literatura sen ter lido nunca na súa vida un libro na lingua da Galiza e que mesmo así nunca dimos clase ningunha. Nós as dúas pensamos que o galego é unha ponte ao castelán e o castelán pode valer de ponte ao galego. O único que importa é ter a vontade.

Nestes tres anos, nunca (nunca) a lingua foi un problema nestas tertulias dos sábados. Pola contra, é motivo de goce, de irmandade, de amizade. De feito, nesta sala non hai camareiro asignado para servir as mesas pero un deles, un brasileiro chamado Sergio ven traernos o café porque -díxonos el- "vós falades o meu idioma".

Se as cousas fosen como teñen que ser, isto non sairía nos xornais.
.