31 de out de 2010

A dor

É posible que, por estes días, aínda teñades na retina as imaxes inexplicables que vos chegaban dende este recanto austral do mundo. É posible, ademáis, que non saibades moito do devandito Néstor Kirchner ou, no mellor dos casos, que o que saibades sexa só o que vos conta -mal e mentireiramente- a prensa de Madrid (o vergoñento El País) ou a da terra (o non menos vergoñento La Voz de Galicia). É posible, por fin, que vos xurdan palabras como bárbaros, populistas, ignorancia, primitivismo, caciques, pobreza, terceiro mundo.


Vos deixo dous artigos para achegarvos e entender por qué un millón de persoas saiu á rúa a chorar a un ex presidente. Non foron escritos na Arxentina. Pola contra, levan o nome de autores galegos. O primeiro é do noso Manolo Rivas. E o segundo, do enorme Xosé Manuel Beiras. Dúas voces galegas que son quen de explicar vivamente os motivos e a dimensión desta dor.

13 de out de 2010

Os mineiros chilenos, a lúa e a terra

.
Hai ben anos, os meus quedaron toda unha noite pegados ao aparello da televisión agardando aquel pequeno paso para o home pero grande paso para a humanidade. Ainda hoxe o lembran.

Onte, o meu home e mais eu (e tantos millóns coma nós no mundo) quedamos coa ollada fixa na pantalla, cun nó na gorza, e inzados e emoción cando os mineiros comezaron a xurdir da terra nesa cápsula case que espacial. Dificil esquecelo...








Con todo, e por moi boas que sexan estas fotografías que nos chegan pola axencia nacional Telam para dar conta da fazaña, eu quería contar esta historia pedíndovos que reparedes nos apelidos dos 33 mineiros.



Bugueño, Yañez, Illanes, Galleguillos, Reygada, Urzúa... eu non sei canto da terra teñen na súa historia, e quen sabe cal é o apelido materno (o que non ven nestas fotografías). O que sí estou certa é que os galegos saímos mesmo debaixo das pedras, en calquera parte do mundo, en calquera grande catástofre así como tamén nos grandes milagres.
.

6 de out de 2010

A embaixadora

.

De cando en vez, penso que estaría ben iso de ter unha relixión. Dende logo, non é algo que podes mercar na tenda ou decidir que hoxe ou mellor mañá teño fe. Pasa ou non pasa e eu veño sendo desas ás que non se lles da. Fago moitas preguntas e non me vale calquera resposta. Por riba, cando o motor das cousas é o medo ou a culpa xa non me parece ben (ides desculpar a miña deformación psicanalítica... cousas que ten vivir en Bos Aires).


O caso é que esta mañá de primavera lembraba canto ría eu cando o meu avó se cagaba en dios e miña avóa, desesperada e nun mesmo movemento, berráballe prometéndolle o lume do inferno e ollaba ao ceo para suplicar que o perdoasen, que non o escoitasen, que non era malo.


O curioso é que ela mesma, tan piadosa como era, tan crente (deses fieis sen dúbidas nin débedas), guindaba maldicións e xuramentos, mentres cuspía cara ao ceo, a ese mesmo deus ao que tanto medo e respecto podía terlle.


Gustábame moito ese vínculo que a miña avóa tiña -nos últimos anos- con deus, co seu deus, o dela. Ou o de todos. O caso é que nesa relación tiñan sitio a fe e o amor mesmo que o medo, a seguridade de saberse protexida e coidada, ou a carraxe. Deus, para ela, era alguén achegado e amoroso mesmo que esixente. O deus da miña avóa tiña sentidiño cando pedía e moita xenerosidade cando daba.


Ela pensaba que se deus era tan bó con ela debíase, sen dúbidas, a unha embaixadora que tiña: a Virxe do Carme. Claro que non refería á virxe en si mesma senón á súa virxe do Carme: a que ainda está (penso) na capela de Nigueiroa, en Bande (Ourense). Moitos anos pasou ela vestindo á virxe, peiteándoa, enchéndoa de flores e ollando para ela. Pensaba a miña avóa que aquela amizade tecida cos coidados a esa boneca non entendía de emigracións ou de diáspora. De feito que sempre seguiu falando e rezando a aquela virxe que, seica, éralle amiga e compañeira.


A virxe deulle os catros fillos que lle pediu (dous homes e dúas mulleres, porque a miña avóa sabía o que pedía). A virxe devolveulle o fillo que marchara á terra facer a mili. A virxe escoitábaa, dáballe resposta e, se non era quen de dar cumprimento aos pedidos da miña avóa, tiña -dende logo- unha boa explicación. A virxe foi presencia e amizade, coidado e seguridade.


Cando fun por vez primeira á Galicia fixen dúas fotos na capela de Nigueiroá. Non había daquela as cámaras dixitais de xeito que volvín a Bos Aires con papeis coloridos nos que as formas falaban de xentes e de sitios, de amores, de tristuras e de dores. Viu as fotos a modiño, unha a unha e fancendo comentarios sobre o moito que cambiaran as cousas ou as xentes. Pero ao chegar ás dúas fotos da Virxe, soubo que era para ela. Bicounas e gardounas. E logo, fixo un cadrino para a mesiña da cama. Coma quen garda a foto dunha amiga. Dunha compañeira.


.