7 de set. de 2009

Fíos visibles

.
Se algo ten de bo ir medrando (mesmo envellecendo) é que o corpo apréndenos a escoitalo mellor. Dende logo, non sempre é posible atender ao que pide, pero que non sexa por non saber. A min, hai tempo que o corpo me pide mudar de actividade. Cando menos, mesturalas algo. Un chisquiño de cabeza, un chisquiño de escrita e outro chisquiño dalgo distinto.

Así foi como din en tecer.

Non foi unha descuberta. Nin unha aprendizaxe. Hai ben anos que a miña avóa e logo a miña nai desveláronme os segredos desa cruza de fíos. Era eu unha nena e non había diferenza entre o xogo e a calceta.

Moito tricotei daquela. Abrigos e bufandas, medias e gorros. Tamén cosía, pero diso xa falamos. Logo, coa universidade e o traballo non foi quedando tempo e as agullas tanto como os fíos deixaron espazo para outras actividades.

Nas últimas semanas volvín tricotar. Foi unha viaxe á rapaza que fun, unha volta no tempo. Cantos que somos mentres imos sendo! moitos lados que deixamos á vista hoxe e van quedando agochados mañá. Recuperei o goce do nobelo que é todo posibilidade. Atopei de novo o desafío das febras deitadas sen mais. E botei algúns cagoendios diante dos nós e dos atrancos de quen leva décadas sen mover as agullas.

Non andiven moito por estes recantos nas últimas semanas pero levo feitos chalecos para o fillo e o afillado, un saco para o sobriño, un abrigo para min e unha chea de amigurumis para os nenos e nenas da familia que foron unha encantadora descuberta.

.

9 comentários:

  1. que cousa máis bonita, eu levo tempo querendo facer deses amigurumis (que non sabía como se chamaban)e si, tamén de pequena sabía facer ben máis cousas ca agora: calcetar, ganchillar e coser na máquina...supoño que algún día tamén o retomarei dese mesmo xeito :) bico!

    ResponderExcluir
  2. Mira en que se nos andaba entretendo a nosa misteriosa Torre... e volveu con regaliños para todos!

    ResponderExcluir
  3. Parabéns pola "nova" actividade :-)

    Unha aperta.

    Antón.

    ResponderExcluir
  4. Miña nai sempre me calcetaba os xerseis. E metíalles unha cenefa polo medio doutra cor que non me gustaba un carallo.
    Ainda daría algo por saber que foi deles...

    ResponderExcluir
  5. A calceta tense identificado maioritariamente como unha actividade feminina, pero eu lembro un colega da época universitaria ao que lle encantaba calcetar, e iso que non coñecía os "sunamis" eses.

    ResponderExcluir
  6. Fíos visibles e ben xeitosos. Supoño que axudará o tempo invernal.

    ResponderExcluir
  7. Pois eu penso que eses graciosos bonequisños mesmo terán o seu bo tirón comercial. Moita sorte.

    ResponderExcluir
  8. Es unha verdadeira artista...

    Beijinhossssssssss linda.
    :)

    ResponderExcluir
  9. hoxe vin dar ó teu blog,
    non sei nin cómo,
    atópote por aí nalgún comentario de cando en vez,
    en blogs que tamén leo eu...
    non sei polo qué fásteme cercana,
    e vas
    e estás en buenos aires!!

    isto que dis da calceta, moveume á emoción
    non, non as cousas que fas,
    que tamén,
    se non polos cagoendios porque de pequena cando miña nai me quería ensinar a calcetar,
    a min escapábanseme os puntos todos, e escarallábaseme o conto, e din que calcetar relaxa, pero a min poñíame dos nervios,
    e terminaba tirando o labor no chan, e saltando enriba dela coa rabia!
    entón ainda non me atrevía a decir un "pecadazo" como cagoennnndiós!, pero agora moitos botaría!!!
    un saudiño, moza.

    ResponderExcluir