22 de out. de 2007

Fabricantes de lixo

« E non recordo moi ben que lixo podía recoller (o carro dos varredores municipais), porque daquela o lixo todo que sobraba nas casas era moi pouco. Daquela a xente non tiña lixo. É un tema curioso este do lixo, eu diría que se poden estudar os cambios na nosa civilización a través do estudo da produción de lixo. Hoxe a industria do lixo, recollida, reciclaxe, procesado todo, move grandes sumas e o lixo transformouse nun auténtico problema que atinxe á supervivencia da nosa civilización e da nosa especie. Esta civilización nosa, ese modelo socioeconómico, produce tanta porcallada que ameaza a todo o planeta. É evidente que é un modelo insostíbel e que debe ser custionado.

Daquela o que sobraba da comida era para os porcos ou para as galiñas, nós tiñamos galiñas, e non había lixo. Plásticos case non había. Periódicos había poucos, líanse poucos periódicos. Hoxe non moitos máos. Nas casa dos pobres non se lían periódicos, e amais os periódicos valían para queimar nas chemineas, para acender o lume, ou para envolver cousas, os xornais ninguén tiraba con eles pois eran moi útiles, de maneira que non sei que lixo podían recoller aqueles varredores que lembro que pasaban ocasionalmente polo meu barrio. Hoxe témonos transformado esencialmente en fabricantes de lixo, debemos facer un quilo por persoa ao día. iso é debido a que xa non somos traballadores, creadores, senón consumidores. O rasto que deixamos non é o que fabricamos senón o que consumimos, e os restos do consumo. »


Suso de Toro
Conversas con Suso de Toro
,
Antonio Pedrós-Gascón
(Xeráis)
Ilustración de Pablo Bernasconi

15 de out. de 2007

Verbas en imaxes

Andan na procura dunha imaxe. Non pode ser unha imaxe calquera. Ten que falar. Andan na procura dunha imaxe que sexa quen de simbolizar a lingua galega.

Das máis de duascentes que teñen alí, só unha pode gañar o concurso "Enfoca o galego" e eu xa teño as miñas miñas favoritas. Son cinco, pero en dous grupos.

No primeiro grupo están

a de Carlos Portas

a de Jaime Díaz Fiuza



a de Yolanda Gómez Gálvez


E no segundo grupo as que penso que mellor falan da lingua de Galiza. Son de Lara Bacelo.

8 de out. de 2007

Touporroutou

Pérdense calcetíns, paraugas ou moedas. Pérdense amigos, números telefónicos e xente querida. Pode un perder a vergonza, a dignidade e tamén a paciencia. A min perdéraseme unha palabra.

Cunha elegancia que máis quixeran as señoras da alta (e rancia) sociedade arxentina, a miña avóa desestimaba argumentos mentireiros, explicacións barrocas con pretensión de seriedade, e plataformas políticas en xeral cunha frase: "Touporoulou, baila Gumersindo".

Ese "touporoulou" (só ou coa compaña do "baila Gumersindo" para maior énfase) chegaba e xa non eran necesarios nin viñan a conto as queixas, os comentarios sarcásticos, a descualificación ou o escepticismo. "Touporoulou, baila Gumersindo" e a relativización do que alí fora dito era terminal.

O asunto é que "touporoulou" non existía. Nin nos libros, nin no oráculo-Google, nin nos tradutores... E cómo podía ser que unha palabra tan determinante, tan necesaria, retranqueira e fundamental na miña historia non estivera nos diccionarios? Dende logo, tiña que existir. Con toda seguridade, na pronuncia dos meus, na dicción da miña avóa, no acento (seguramente contaminado pola emigración) perdíanse letras ou engadíanse outras extrañas.

Moito busquei. Sempre sen sorte.

Abandonara xa a expedición cando un comentario no blog de Francisco Castro deume unha sorpresa. Era "touporroutou"! Claro que existía! O rr tiña un son máis doce na fala e o tou perdera contundencia disfrazándose de lou na miña escoita. Pero alí estaba! Como cando xurde no sitio menos pensado o calcetín, o paraugas ou unha moeda perdidos.

Ou unha palabra que di moito máis (tanto máis) do que di.

1 de out. de 2007

Estatística

O 62% das consultas nas unidades de saúde mental galegas fanas as mulleres, e delas, catro de cada dez exercen como amas de casa, segundo un estudo presentado por Mario Páramo, psiquiatra do Complexo Hospitalario de Santiago e presidente da Asociación Galega de Psiquiatría.


Páramo relacionou o elevado número de amas de casa coas presións económicas e persoais que soportan estas mulleres e as características do seu tempo de lecer, que favorecen a depresión ou a síndrome mixta depresión-ansiedade.


O psiquiatra resaltou que o problema máis frecuente neses dispositivos asistenciais son as depresións leves, que sofren entre o 12 e o 16% dos pacientes. O desenvolvemento da asistencia psiquiátrica en Galicia é «medio», considerou Páramo, e o plan autonómico presentado hai uns meses pola Consellería de Sanidade, que prevé actuacións ata o 2011, suporá «mellorar en recursos materiais e humanos» e tamén recuperar aos pacientes crónicos, sobre todo de esquizofrenia e depresión, que son quen sofren maiores complicacións de saúde, e que agora non teñen seguimento.


O especialista apelou á necesidade de mellorar a investigación. Neste sentido, afirmou que continúan vixentes os datos do traballo que realizou en 1991 Antonio Rodríguez, o falecido catedrático de Psiquiatría da Universidade de Santiago. A prevalencia sinalada nese informe apunta que un 1% da poboación pode sufrir esquizofrenia; un 2%, trastorno bipolar; un 6%, alcoholismo; outro 6%, trastornos depresivos graves, e un 9%, trastornos de ansiedade.


Estes datos supoñen unha incidencia das patoloxías psiquiátricas en Galicia semellante ao do resto de España. Mario Páramo indicou que a poboación da costa tende a ser máis expresiva e contar mellor os seus problemas sen necesidade de pregunta, mentres que á do interior é máis necesario sonsacarle a información. Nas cidades de Vigo, A Coruña e Ferrol rexístranse máis trastornos de ansiedade; e en Ferrol e outros lugares onde se observan maiores índices de desemprego increméntase o alcoholismo.

Este especialista indica que nunha área sanitaria como a de Santiago funcionan sete unidades de saúde mental, que atenden unha media de 20 casos diarios cada unha. Ademais, no complexo hospitalario compostelán hai 55 camas para ingresos psiquiátricos, que están sempre ocupadas «e non se ingresa máis porque non hai capacidade».

25 de set. de 2007

Consumismo

"O meu avó recollía cousas do camiño, un arame, un ferriño..., cousas caídas, para o caixón dos ferranchos vellos. Sempre se lle acababa encontrando utilidade". O comezo deste artigo de Suso de Toro non só fala do seu avó. Fala tamén do meu. Dende logo, sen sabelo.

Non había mañá ou tarde na que Xoaquín non chegase dos seus paseos por ningures cun ferro (a máis das veces comido polo óxido), un caixón vello, madeiras orfas do moble do que formaran parte, cravos, porcas, parafusos. Todo remataba, logo dunha coidadosa análise, nun cuarto esquecido debaixo dunha escaleira.

Cando marchaban por tempadas á casa de Mar del Plata a colleita non quedaba en Bos Aires porque tamén alí había sitio para eses tesouros diante dos que a miña avóa rifaba que para qué máis cousas, que por qué esa teima de coller o que outros botaban, que se non valían para nada... Xoaquín -moi no seu estilo- non atendía, ocupado xa noutros asuntos.













Non sei se algunha vez cando menos unha desas pezas tivo uso. As máis das veces penso que non. Ainda moitos anos despóis de morto el, a morea de ferros, madeiras cravos, porcas e parafusos seguía no seu sitio. Imaxino que agardando esa segunda oportunidade prometida no momento de ser rescatadas.

"Agora chámase «reciclar», simplemente sabía ver o valor das cousas", remata o parágrafo Suso de Toro. Que sen sabelo tamén falaba do meu avó.

18 de set. de 2007

Perspectivas

Fai moitos días que chove. O luns choveu. E o martes e o sábado e todos os días apertados entre aquel e hoxe. Porén, non importan os acenos desesperados e teatrais nos que se obstina. De nada valen estes ademáns espasmódicos de agua e agua. O inverno está morrendo.


E nada pode facer diante da forza impúdica deses xermolos e das pequenas flores exhibicionistas.

11 de set. de 2007

Realidade e ficción

Algún día, alguén con talento e formación literaria será quen de explicar por qué os escritores arxentinos novos ainda hoxe repiten nas súas novelas e contos os estereotipos máis espallados e tamén máis inxustos sobre os galegos. Parvos, brutos, babecos, mellor se gordos e tamén bastante feos, rústicos e primitivos.

Non importa o moito que mudou Galiza nos últimos 30 anos. Non importa canta información chegue a diario pola televisión e por internet dunha rexión cun avance superior ao arxentino. Nin importa tampouco que algúns destes autores coñezan Galiza. Sempre os galegos da ficción son os estereotipados galegos de sempre.

Dende a miña ignorancia teórica pero tamén dende a miña afición de lectora, fai algúns meses trouxen un conto de Pablo Ramos protagonizado por un galego chamado Perfecto e que perfectamente cristaliza esta morea de prexuizos e ignorancia. Tempo despóis, atopei un conto mediocre nun libro medriocre (e non o digo eu, senon a crítica publicada esta fin de semana na revista Ñ) de María Fasce protagonizado tamén por unha galega prototípica.

O curioso é que nin sequera son tantos casos. Malia estar Galiza nas orixes de boa parte da poboación arxentina (hai quen di que cinco millóns de arxentinos teñen algún galego na súa historia familiar), malia ser a cultura galega determinante na consolidación da identidade arxentina, os personaxes galegos son unha rareza nas obras literarias escritas hoxendía. E os que aparecen, bueno... o xa dito.


Por iso, a lectura da novela El enigma de París non fixo máis que sorprenderme e confirmar a estupenda impresión persoal e profesional que teño do escritor Pablo de Santis. O libro fixoo gañador do Premio Planeta-Casa de América e tamén do aplauso unánime da crítica e dos lectores. Se até tivo eloxios en formato de banda deseñada!



Vai de detectives. Vai de moito máis que de detectives. Na páxina 16 da novela fai a súa breve entrada a cociñeira galega que traballa na casa do detective Craig. E alí comeza unha lección maxistral. É posible escoller algúns tópicos, é posible moldealos coma se foran de masa e é posible con eles dar forma a algo fermoso, novo, superador e revelador da condición humana. Pablo de Santis déixao en claro.

3 de set. de 2007

Quino /1

De como o mundo cambia para non cambiar.
De como os que hoxe están aquí, onte estiveron alá.
De como o tempo pasa pero non sempre deixa sabiduría.




















Quino. Un home que ve antes de todos nós iso que todos veremos logo.

28 de ago. de 2007

Entendemento

Facíao escondida. Cando sabía que ninguén ollaba. Podía ser que non estiveran ou que andiveran ocupados co seu mundo de maiores. Sempre o máis difícil era librarme da miña irmá pequena. Cando o conseguía, marchaba ao patio e finxía xogos que non xogaba até acadar a seguridade libre de dúbidas de que estaba soa. Soa de compañas. Soa de ollares. E soa de lembranzas. Nese momento, abría os brazos coma ás, nun ángulo de 90º co torso, e separaba un pouco os pés. Xiraba todo o conxunto (tronco e brazos) uns centímetros e logo daba unha, dúas, catro ou seis voltas agardando polo brillo e o estoupido. A clave estaba na cantidade de voltas e na combinación destas cos movementos do corpo, segúndo as hipóteses do meu entendemento de nena. Pero, por moito que o fixen, nunca fun quen de volverme a «Mujer Maravilla».

22 de ago. de 2007

Futuro perfecto

Volto con esta teima de socializar a miña ignorancia. A semana pasada, nas Xornadas Buenos Aires Gallega: Inmigración, pasado y presente asistín con moito interese á ponencia do director do departamento de Lingua e Literatura galega do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires e profesor de galego na Universidad de Belgrano, Carlos Rodríguez Brandeiro, quen chamou a atención sobre o pouco que se fala galego na cidade de Bos Aires. Entre outras cousas, Rodríguez Brandeiro dixo:

«Na diáspora, a lingua galega non xoga na actualidade o papel que lle corresponde. A negación cara ao seu uso (ata por persoas que a dominan), a autocorrección permanente debida á falta de autoestima, a falta de convencemento persoal e o momento que transitamos na nosa historia social emigrante deben ser revisados»

«A maior parte das variadas iniciativas para dar a coñecer a nosa cultura, todas elas dunha importancia capital, esquecen en gran medida o vehículo propio de comunicación: clases de gaita e percusión ou clases de baile tradicional onde a lingua de relación nunca é a galega; ciclos de cine galego onde a presentación da película realízase en castelán ou, tamén, esas películas son emitidas no idioma de Cervantes cando existe a versión no de Rosalía; conferencias sobre Galicia para un público galego, en castelán. E poderiamos seguir. ¿Son estas as estratexias que nos permitirán sobrevivir cultural e socialmente na emigración cando deixou de achegar novos referentes?»

«Lograr que eses fillos, fillas, netos e netas de emigrantes galegos volvan mostrar interese polo achegamento á cultura dos seus devanceiros, conseguir que o apego á lingua de orixe non descenda de xeito tan drástico conforme avanzamos na liña do tempo e abrir unha senda para que eses descendentes poidan involucrarse en maior ou menor medida coa esencia natural das súas orixes debese ser unha actividade urxente e capital»

Polo que levo lido sobre o asunto, e se non me trabuco, podería dicirse que ainda perviven dúas posturas xerais, claras e non necesariamente excluíntes entre sí:
  • por unha banda, os que entenden coma un tandem inseparable a cultura galega e a lingua galega de xeito que, ainda que é posible empregar calquera idioma na súa transmisión, só a lingua de Galiza é quen de manifestar todos os matices, todas as riquezas e todo o contido a comunicar. Así, o futuro da cultura galega está conectado cento por cento ao futuro da súa lingua natural.
  • por outra banda, os que atendendo ao peso da emigración na historia do país e á presencia da Galiza en todo o mundo, entenden que o futuro da cultura galega falará moitas linguas: dende o castelán porteño de Bos Aires, até o inglés de Nova Iorque ou o de Australia, o francés ou o alemán dos respectivos fillos e netos de Galiza que naceron e medraron fora da terra -e tamén fora la lingua- pero son parte do proxecto común que é o país no sentido máis amplo.
Nin idea de cal das dúas é da vosa preferencia. De feito, nin idea de cal das dúas reflicte mellor o que eu mesma penso. Se cadra, algo das dúas...

17 de ago. de 2007

Caderno de bitácora /3 (e última)

Xoves 26
Coñecín Ribadeo so cando cheguei á miña casa de Bos Aires. Foi grazas a unha coñecedora desa rexión e a un fermoso libro que Paquita tivo o agarimo de mandarme pola súa filla. Souben qué cousa era esa torre tan rara diante da que pasei dúas ou tres veces. Aprendín do porto deportivo diante do que ceamos dúas noites. E puxen nome e historia á igresa que empreguei como referencia para atopar o hotel e ao palco tan bonito sobre o que finalmente non houbo espectáculo de gaitas sobre as 3 da madrugada por medo a que nos botaran da cidade por escandalosos.

Apunto Ribadeo para voltar nesta vida e coñecelo con tempo e esmero. Os dous días que alí pasamos estiveron plenamente dedicados ás XV xornadas Mar por Medio, ideadas polo inglés de berce e galego de corazón John Rutherford fai moitos anos ainda que dende o ano 2004 non teña xa relación co congreso.

Os dous días e as oito mesas redondas e presentacións foron interesantísimos! houbo tempo para aprender, para emocionarse, para sorprenderse, para divertirse e para polemizar. A presencia cubana era notoria e engadiu unha dose fabulosa de sorrisos e dunha ollada alienada da nosa "naturalizada" vida consumista e capitalista que en moitas ocasiones foi desestabilizadora e -dende logo- impresionante. Mágoa non ter o talento necesario para reproducir aquí o que foi o diálogo entre o alcalde de Ribadeo, Fernando Suarez Barcia, e o presidente do Instituto Cubano do Libro, Iroel Sánchez Espinosa. Se para mostra vale, vede este diálogo:

Iroel Sánchez- E dime Fernando, cal dirías que é o problema máis importante de Ribadeo que tes que solucionar?
Fernando Suárez- Bueno, diría que o da tensión urbanistica.
Iroel Sánchez- A tensión urbanística... a tensión urbanística... (neste momento, o cubano fai un aceno de seriedade e medita un longo minuto. E logo fala de novo). ¿E qué cousa é a tensión urbanística?

O xoves pasei o día bastante nerviosa por mor da presentación e porque non é pouca cousa compartir a mesa cun autor coma é don Xosé Neira Vilas. Sobre todo para os galegos de Bos Aires e de Cuba. Fixeno o mellor que puiden e logo dediqueime a escoitar e aprender cunha tranquilidade recobrada que moito me faltou os días anteriores. Aquí vos deixo a presentación que pasei mentres falaba.



Venres 27
Antes de que o venres rematara, estaba de novo en Compostela. Alí tiven un agasallo que non agardaba: o meu curmán Lisardo e a miña tía Jesusa estaban no hotel. Vinos apenas uns poucos minutos pero pódovos asegurar que me valeron a vida. Algún día vos falarei de Jesusa. É esa clase de muller que máis cun post, merece un libro. Pode que máis. Vela alí, sempre ocupada e un chisco preocupada, sempre fermosa, sempre con esa picardía e retranca que non perde co paso dos anos, dalgunha maneira que non son quen de explicar foi recuperar unha parte importante de Gerónima. Se até me chamou a atención porque dixen "carallo"! O malo de non ter deus é que cando pasan estas cousas non se sabe ben a quen dar as grazas. Pois a quen toque neste caso: que moitas grazas, de corazón.

Ainda tiña unhas poucas horas en Galiza e foron igual de fermosas e emotivas como o resto. Ana e mais eu fumos facer unha visita a Brión que ás dúas nos encheu a alma en moitos sentidos. Os amigos, eses aos que admiramos, son de diferentes maneiras terapéuticos. Pasamos un momento acubilladas na luz agarimosa dun fogar único, dunha xente especial e de almas brillantes e xenerosas. Había cheiro a gardenias que sempre foi sinónimo de tempos máxicos na miña vida (e esta vez non foi a excepción). Había viño e queixo e chourizo. Había historias con banda sonora de tango. Penso que non se pode pedir máis.

Dalí voltamos ao corazón de Compostela onde agardaba (e vaia que agardou!) unha amiga non menos querida e admirada. Pasamos horas no Café Literario vendo algunhas pingas que caían caladamente e xentes que percorrían as rúas sonoramente. Foi unha desas conversas tan femininas que chegan e marchan dos temas anárquicamente, coa ledicia de saberse acompañado nos brillos e nas miserias. E claro, rimos moito.

Sábado 28
Pola mañá do sábado houbo bágoas. Ningunha das dúas quixo que a outra o sentira, pero as dúas marchamos chorando. Anita, segundo contou. E eu tamén. No aeroporto merquei un avión que prometera e pasei as 14 horas da viaxe agardando por outros dous sorrisos que alí estaban, en Ezeiza.

Chegar a casa, aos cheiros da nosa vida, ás peles da nosa vida, ás voces da nosa vida sana moitas das morriñas. As que non se sanan é porque alí teñen que ficar. Morriña por vós todos, os que vin, os que non, os que estades aquí. Morriña polas deliciosas tardes de sol en Vigo, en Compostela e en Ribadeo. Morriña polas viaxes en coches coa paisaxe galega apertándonos, coidándonos as almas. Graciñas. Non teño mellor palabra ca esa.

7 de ago. de 2007

Caderno de bitácora /2

Quedaramos na chegada a Compostela, en bus e cun home lendo o Galicia-Hoxe diante de nós. Pois baixamos e, logo de deixar as maletas no hotel, fixen coma os peregríns pero cun camiño propio que non tiña coma norte ao apostolo senón a unha chea de xente fabulosa que ides ver de contado.

Martes 24
Chegar a Compostela sempre é coñecela de novo. Estivera antes dúas veces: a primeira, media hora; a segunda, medio día. Por iso, podo dicir que certamente foi como descubrila. Pasei as primeiras horas alí facendo visitas (algo ben galego, por certo). Primeiro, coñecín en persoa aos compañeiros do Diario Cultural. Coñecín o edificio da Radio Galega cunha privilexiada guía que non o é so no edificio senón tamén no compromiso coa cultura galega e no talento. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña ben tempo. Dalí fun a Vieiros. Claro que o fixen como a arxentina que son e cheguei alí no horario do xantar que, para os parámetros de Bos Aires, son horas do máis forte traballo. Cousas dunha galega ectópica. Marchei pensando que xa perdía de ver a Lúa Neghra pero Compostela é terra máxica na miña vida e ainda me gardaba algunhas sorpresas.

Por moito que lera sobre o Festigal, non o imaxinaba así de bonito como me pareceu so chegar alí. É verdade que non había moita xente ese martes e que o recital de poesía ao que fun escoitar a Anxo Angueira, Marga do Val e Eduardo Estevez case que comezou sen público. Antes de que rematara, xa atopara a Marinha e ao Artipractor e tamén a Jan. Increible!!! Tanto falamos polo messenger que estar ali, un diante do outro, semellaba cousa de meigas. Soaba música brasileira mentres falabamos moxando a gorxa cunhas aguas e bebidas frescas que boa falta facía. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña algo de tempo.

Agardamos tanto polas cousas que logo pasan máis rápido do que estamos listos para entender. Así marchou a tarde e os amigos. Cando quixen decatarme, xa estaba nun taxi marchando cara ao hotel. Tiña plans de cea e de paseo. Tamén de ver os lumes do aspóstolo. Tiña moitos amigos que ver e unha visita que quedaba xa para o día seguinte que este -como son as cousas!- so viña con 24 horas. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña catro horas que, claro, non son moitas horas.

Uns plans deixaron sitio aos outros e percorrín Compostela da man duns amigos que tiñan marabillosas historias que contar en cada rúa, en cada recanto, en moitos portais. Que fermosura máxica a de Santiago pola noite! Ceamos falando de Galiza e dos galegos, das súas xenerosidades e das súas carencias, da diáspora, do futuro. Digo eu que ceamos falando diso que sempre falan os galegos. Cando a cea estaba na súa coda de café, os lumes do apóstolo encheron todo de latexos de luz e de estrondo.

Penso que ainda que pasara na cidade unha e mil vidas, non sería quen de aprender a percorrela sen mapa. Con todo, intúo que polas noites, ese brillo das pedras e as mareas de persoas que circulan por ela guiados quen sabe por qué feitizo, podería ser unha guía perfecta.

Si si, a columna. Remateina case ás 3 da madrugada.

Mércores 25
Día da Patria. O meu primeiro día da Patria na terra comezou cedo e entre amigos. Artipractor veu por min ao hotel e Marinha e eu saimos de paseo pola cidade. Vivir no barrio San Pedro ten que ser unha experiencia ben fermosa, se as cousas son así como as vin. Compostela é bonita tamén de día, sobre todo se se trata dun día que abre con nubes e que adianta coa banda de son dunha conversa entre amigas.

Chegamos ao Casino e Jan xa estaba aí agardando. Unha constante nestes seis días foi chegar tarde a todos os sitios. Sintoo... O Casino ten un algo do Tortoni: pode que a boisserie, pode que as mesas, pode que as dimensións ou pode que a elegancia. Ou pode que todo iso xunto. Dun xeito inesperado e casual, fixen unha encantadora visita a outro café máxico: o Derby. O Breogán e nos as tres chegamos alí na procura da doce Moralla que alí estaba e a dose de azar que todo o foi tecendo ainda hoxe non deixa de me sorprender.

A manifestación propuxo un percorrido novo e tamén seductor pola cidade. O acto na Quintana tivo ese encanto que moitas cousas novas traen pero que tamén rápidamente perden. Os políticos son políticos sempre. Os novos, tristemente. Os experimentados, cando menos con un algo máis de ximnasia pero -polo que alí vin- sin a potencia necesaria. Cousas do poder que a máis das veces contaxia a miopía.

A Quintana chea de xente e berrando o himno foi un pequeno terremoto emocional. O sol e ese mediodía quente pedían un descanso e tivémolo en Casa Felisa onde atopamos á benquerida Lua Neghra! Eramos moitos e ainda seríamos máis! Para ser democráticos, escollimos cada quen un plato que logo compartimos. Non había nada que non fora delicioso: os platos, a conversa, os sorrisos dos amigos, as historias. Un home uruguaio fixo as fotos e agora que as vexo ao lonxe, días despóis e cousas despóis, sinto non ter feito milleiros e milleiros delas.

Como en procesión, saímos dalí cara ao Festigal. O Breogán foi un guía de luxo e houbo tempo ainda para coñecer a Raandeira a quen boto de menos no blogomillo. Ao chegar ás carpas, e cando pensaba eu que nada mellor que todo isto podía pasar, estaban alí as encantadoras Besbelliña e Elianinha e a Lourixe. Quen me dera días de 35 horas para falar canto quería con cada quen! Penso agora que Galiza é un sitio privilexiado se é quen de sementar persoas coma estas.

Houbera pasado alí horas e horas pero como ben dixo Besbe "non daba feito con tanta xente arredor" e o reloxo que adiantaba e adiantaba. Lembreime dúas ou tres veces da letra dese bolero: "Reloj, no marques las horas". Pero o demo claro que as marcaba e, antes de que puidera disfrutar de tantos amigos, dunha tarde de verán tantas veces imaxinada no inverno porteño, xa estaba de novo nun coche, cara a Ribadeo.

30 de jul. de 2007

Caderno de bitácora /1

Como os antigos navegantes, levei nestes días na terra un caderno. Tiña aidea de ir engadindo as anotacións no blog segundo pasaran os días pero non me deu tempo. De feito que -xa de volta en Bos Aires e coas turbinas do avión ainda nos oídos- abro as tapas moradas con estreliñas e volvo vivir a intensidade de cinco días de amigos, de festa, de viaxes, de traballo, de emocións, de Galiza.


Domingo 22
As filas que facemos con présa non adiantan canto quixeramos, é sabido. Pero ese domingo souben que as que facemos e non queremos rematar, esas sí que van rápido. Deixei aos meus en Ezeiza case sen decatarme pero como esquecera un trámite, tiven unha segunda despedida. O voo foi dilatado coma sempre (qué lonxe que estamos!) ainda que condimentados polas historias de emigración dunha rapaza arxentina residente en Valencia. Hai cousas que non cambian tanto cando cambian.


Luns 23
Nunca antes chegara a Vigo en avión. Nunca antes vira a ría abrirse delicadamente sitio entre a terra. Nunca antes descubrira a simetría das bateas dende o aire. E nunca antes atopara dous sorrisos tan fermosos na chegada a Galiza. Só estiven unhas horas en Vigo pero vou voltar porque das cidades galegas que coñezo (e non son tantas) ten un algo que ainda non podo explicar pero que sinto en completa conexión comigo.

Souben alí que non ten sona de ser unha cidade das máis bonitas de Galiza. Terei que coñecer máis porque a min pareceume fascinante. Igual de fascinante que abrir a porta da librería Andel e atopar alí unhas xentes comprometidas. Para non perder tempo, mandara días antes un correo detallando algúns libros que necesitaba. Pero confeso que non fun quen de pagar e sair. Quedei dando voltas, buscando, remexendo nos andeis. Non me chegaban os minutos nin a memoria me axudaba. Tanto hai que quixera ler! Quén me dera unha librería que fora só o 25 por cento desa en Bos Aires!

Durmimos en Bouzas, ese barrio mariñeiro do que fala María Xosé Queizán na novela que deixara sen rematar antes de sair de Bos Aires. Pode que fora ese fío ou a súa praia pequena e case íntima o que máis me atrapou. Pode que fora só a propia fermosura das rúas e das casas esquecidas dos seus tempos de esplendor. Pode que foran os surrealistas berros das gaivotas pola noite. Pode que sinxelamente fora que Vigo é unha cidade chea de encanto.



Martes 24
Pola mañá, Vigo e as súas voces tan maioritariamente castelás quedaban atrás mentres o bus adiantaba. Viaxaban nel xentes con présa e outros despreocupados. Diante, un home percorría un exemplar de Galicia-Hoxe e Compostela anunciabase nos peregríns que deixabamos atrás.