17 de ago de 2007

Caderno de bitácora /3 (e última)

Xoves 26
Coñecín Ribadeo so cando cheguei á miña casa de Bos Aires. Foi grazas a unha coñecedora desa rexión e a un fermoso libro que Paquita tivo o agarimo de mandarme pola súa filla. Souben qué cousa era esa torre tan rara diante da que pasei dúas ou tres veces. Aprendín do porto deportivo diante do que ceamos dúas noites. E puxen nome e historia á igresa que empreguei como referencia para atopar o hotel e ao palco tan bonito sobre o que finalmente non houbo espectáculo de gaitas sobre as 3 da madrugada por medo a que nos botaran da cidade por escandalosos.

Apunto Ribadeo para voltar nesta vida e coñecelo con tempo e esmero. Os dous días que alí pasamos estiveron plenamente dedicados ás XV xornadas Mar por Medio, ideadas polo inglés de berce e galego de corazón John Rutherford fai moitos anos ainda que dende o ano 2004 non teña xa relación co congreso.

Os dous días e as oito mesas redondas e presentacións foron interesantísimos! houbo tempo para aprender, para emocionarse, para sorprenderse, para divertirse e para polemizar. A presencia cubana era notoria e engadiu unha dose fabulosa de sorrisos e dunha ollada alienada da nosa "naturalizada" vida consumista e capitalista que en moitas ocasiones foi desestabilizadora e -dende logo- impresionante. Mágoa non ter o talento necesario para reproducir aquí o que foi o diálogo entre o alcalde de Ribadeo, Fernando Suarez Barcia, e o presidente do Instituto Cubano do Libro, Iroel Sánchez Espinosa. Se para mostra vale, vede este diálogo:

Iroel Sánchez- E dime Fernando, cal dirías que é o problema máis importante de Ribadeo que tes que solucionar?
Fernando Suárez- Bueno, diría que o da tensión urbanistica.
Iroel Sánchez- A tensión urbanística... a tensión urbanística... (neste momento, o cubano fai un aceno de seriedade e medita un longo minuto. E logo fala de novo). ¿E qué cousa é a tensión urbanística?

O xoves pasei o día bastante nerviosa por mor da presentación e porque non é pouca cousa compartir a mesa cun autor coma é don Xosé Neira Vilas. Sobre todo para os galegos de Bos Aires e de Cuba. Fixeno o mellor que puiden e logo dediqueime a escoitar e aprender cunha tranquilidade recobrada que moito me faltou os días anteriores. Aquí vos deixo a presentación que pasei mentres falaba.



Venres 27
Antes de que o venres rematara, estaba de novo en Compostela. Alí tiven un agasallo que non agardaba: o meu curmán Lisardo e a miña tía Jesusa estaban no hotel. Vinos apenas uns poucos minutos pero pódovos asegurar que me valeron a vida. Algún día vos falarei de Jesusa. É esa clase de muller que máis cun post, merece un libro. Pode que máis. Vela alí, sempre ocupada e un chisco preocupada, sempre fermosa, sempre con esa picardía e retranca que non perde co paso dos anos, dalgunha maneira que non son quen de explicar foi recuperar unha parte importante de Gerónima. Se até me chamou a atención porque dixen "carallo"! O malo de non ter deus é que cando pasan estas cousas non se sabe ben a quen dar as grazas. Pois a quen toque neste caso: que moitas grazas, de corazón.

Ainda tiña unhas poucas horas en Galiza e foron igual de fermosas e emotivas como o resto. Ana e mais eu fumos facer unha visita a Brión que ás dúas nos encheu a alma en moitos sentidos. Os amigos, eses aos que admiramos, son de diferentes maneiras terapéuticos. Pasamos un momento acubilladas na luz agarimosa dun fogar único, dunha xente especial e de almas brillantes e xenerosas. Había cheiro a gardenias que sempre foi sinónimo de tempos máxicos na miña vida (e esta vez non foi a excepción). Había viño e queixo e chourizo. Había historias con banda sonora de tango. Penso que non se pode pedir máis.

Dalí voltamos ao corazón de Compostela onde agardaba (e vaia que agardou!) unha amiga non menos querida e admirada. Pasamos horas no Café Literario vendo algunhas pingas que caían caladamente e xentes que percorrían as rúas sonoramente. Foi unha desas conversas tan femininas que chegan e marchan dos temas anárquicamente, coa ledicia de saberse acompañado nos brillos e nas miserias. E claro, rimos moito.

Sábado 28
Pola mañá do sábado houbo bágoas. Ningunha das dúas quixo que a outra o sentira, pero as dúas marchamos chorando. Anita, segundo contou. E eu tamén. No aeroporto merquei un avión que prometera e pasei as 14 horas da viaxe agardando por outros dous sorrisos que alí estaban, en Ezeiza.

Chegar a casa, aos cheiros da nosa vida, ás peles da nosa vida, ás voces da nosa vida sana moitas das morriñas. As que non se sanan é porque alí teñen que ficar. Morriña por vós todos, os que vin, os que non, os que estades aquí. Morriña polas deliciosas tardes de sol en Vigo, en Compostela e en Ribadeo. Morriña polas viaxes en coches coa paisaxe galega apertándonos, coidándonos as almas. Graciñas. Non teño mellor palabra ca esa.

16 comentários:

a randeeira disse...

Foi todo un pracer que tiveras compartindo/participando, na miña bisbarra, as xornadas de Mar por Medio.
Un saúdo.

Doutora Seymour disse...

Interesantísima presentación para ler e reler con calma. Parabéns.
Volva por Ribadeo, por Santiago, e por Vigo, foi un pracer volver a descubrilas noutros ollos.
Un saúdo.

paideleo disse...

Quedoume mágoa de non chegar a coñecerte en persoa. En fin...quedo co esas palabras de Manuel Rivas: o mapa de Galicia é o mapamundi...e supoño que nos cruzaremos nalgunha ocasión.

besbellinha disse...

Nestes días volvinte a ver, pero desta vez nun resumo que nos fixo a randeeira do teu paso por Ribadeo. Alédome que o pasaras ben os poucos días que estiveches aquí, que está visto que foron moi aproveitados.

Unha aperta enorme e encantadísima!

O Breogán de Gáidil disse...

Este "cicerone" quedou con moitas ganas de ensinarte esa Compostela que non se ve a simple vista.
A ver se puidera ser outra vez que veñas.

Bicos.

Roi Buligan disse...

Ola guapa vinte en La Voz de Galicia creo, noraboa pola repercusión do teu blog porque o mereces linda

Torreira disse...

Encantoume este caderno,pena de non poder compartilo.Bicos

Zerovacas disse...

unha aperta moi forte. Espero que non falte moito para a próxima. De verdade, foi unha delicia coñecerte.

Ah, deume marinha o teu mail. Téñoche que facer unha consulta. Nuns días tela por aí

peke disse...

Eu tamén te vin na Voz de Galicia. Fíxome ilusión.

SurOeste disse...

A próxima non te me escapas!

Clara Flor disse...

En poucos dias, a levarte ar de Bouzas para encher a bitácora de inverno. O teu traballo e compromiso estase recoñecendo. Ainda que todos nós sabemos que ti no no fas por eso senon porque o o vives. Trouxéchesnos moita esperanza no futuro da galeguidade americana. Bicos e aloumiños, como di a Mafalda galega.

David disse...

Alégrome moitísimo de que desfrutaras tanto nestes días que pasaches aquí, e se para a próxima ves á Coruña será un pracer coñecerte ;)
Saúdos!

busto.agolada disse...

Comprobo que a feliciade e a éxtase protagonizaron os teus días en Galicia. Levabas as maletas cheas deses sentimentos pero no retorno baleiraches unha para enchela de morriña. Fermosos agasallos para quen demostra ter unha alma tan grande e especial coma ti.
Apertas e lembranzas da Terra

xurxocimadevila disse...

A tua terra esta sempre aberta para os seus fillossss! ;) Volve pronto! unha vez un catedratico da miña facultade dixonos q "coa emigración fuxen do país os mellores talentos e mentes, as persoas máis preparadas para erguelo e facelo camiñar. Unha galega coma tí penso que é moi necesaria na súa terra!
saudos desde Pantón!

Ra disse...

Qué gusto da leerla, torredebabel.
Abrazo

Marinha de Allegue disse...

Foi un agasaio ben fermoso a t�a visita. Ser�a fant�stico que volveras de contado. Xa sabes que aqu� agard�moste con moita ledicia.

Unha aperta grande grande.
:)