22 de ago de 2007

Futuro perfecto

Volto con esta teima de socializar a miña ignorancia. A semana pasada, nas Xornadas Buenos Aires Gallega: Inmigración, pasado y presente asistín con moito interese á ponencia do director do departamento de Lingua e Literatura galega do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires e profesor de galego na Universidad de Belgrano, Carlos Rodríguez Brandeiro, quen chamou a atención sobre o pouco que se fala galego na cidade de Bos Aires. Entre outras cousas, Rodríguez Brandeiro dixo:

«Na diáspora, a lingua galega non xoga na actualidade o papel que lle corresponde. A negación cara ao seu uso (ata por persoas que a dominan), a autocorrección permanente debida á falta de autoestima, a falta de convencemento persoal e o momento que transitamos na nosa historia social emigrante deben ser revisados»

«A maior parte das variadas iniciativas para dar a coñecer a nosa cultura, todas elas dunha importancia capital, esquecen en gran medida o vehículo propio de comunicación: clases de gaita e percusión ou clases de baile tradicional onde a lingua de relación nunca é a galega; ciclos de cine galego onde a presentación da película realízase en castelán ou, tamén, esas películas son emitidas no idioma de Cervantes cando existe a versión no de Rosalía; conferencias sobre Galicia para un público galego, en castelán. E poderiamos seguir. ¿Son estas as estratexias que nos permitirán sobrevivir cultural e socialmente na emigración cando deixou de achegar novos referentes?»

«Lograr que eses fillos, fillas, netos e netas de emigrantes galegos volvan mostrar interese polo achegamento á cultura dos seus devanceiros, conseguir que o apego á lingua de orixe non descenda de xeito tan drástico conforme avanzamos na liña do tempo e abrir unha senda para que eses descendentes poidan involucrarse en maior ou menor medida coa esencia natural das súas orixes debese ser unha actividade urxente e capital»

Polo que levo lido sobre o asunto, e se non me trabuco, podería dicirse que ainda perviven dúas posturas xerais, claras e non necesariamente excluíntes entre sí:
  • por unha banda, os que entenden coma un tandem inseparable a cultura galega e a lingua galega de xeito que, ainda que é posible empregar calquera idioma na súa transmisión, só a lingua de Galiza é quen de manifestar todos os matices, todas as riquezas e todo o contido a comunicar. Así, o futuro da cultura galega está conectado cento por cento ao futuro da súa lingua natural.
  • por outra banda, os que atendendo ao peso da emigración na historia do país e á presencia da Galiza en todo o mundo, entenden que o futuro da cultura galega falará moitas linguas: dende o castelán porteño de Bos Aires, até o inglés de Nova Iorque ou o de Australia, o francés ou o alemán dos respectivos fillos e netos de Galiza que naceron e medraron fora da terra -e tamén fora la lingua- pero son parte do proxecto común que é o país no sentido máis amplo.
Nin idea de cal das dúas é da vosa preferencia. De feito, nin idea de cal das dúas reflicte mellor o que eu mesma penso. Se cadra, algo das dúas...

12 comentários:

busto.agolada disse...

Os fillos, netos, bisnetos... da emigración se queren voltar a sentir a alma dos seus ancestros teñen por lei natural que falar o galego,aprendelo, practicalo.
A lingua é o espírito dun pobo. O galego é o espírito da Nosa Terra. Ti, Débora, es o mellor paradigma do que veño de expoñer. Nacida en Arxentina e sentindo a comunión perfecta na Rede e na Terra cos teus irmán galegos.
Unha aperta e adiante co teu labor tan meritorio e exemplar.

xurxocimadevila disse...

eu non creo que a partir dos netos sexa facil que se sintan galegos... para iso teñen que facer un esforzo, porque perden na maior parte dos casos contato real coa terra dos avos, etc. segue habendo galegos polo mundo pero xa dun xeito distinto... nas canarias, etc. a lingua vaise perdendo porque nos paises de recepción non se ampara a lingua dos extranxeiros como os galegos.. se é dificil facer que o galego non morra na terra,moito máis dificil vai ser que se manteña na diaspora... se teño que elixir elixo a primeira.

Saúdos!

Suso Lista disse...

Podes comprar a "canción " de Arturo Pondal, e poñerlla aos nenos coma se fose do Xabarín Club.¡Este P.J.!

Doutora Seymour disse...

É un tema moi complexo este de decidir porque aquí, malia pisar cos pés na terra galega todos os días, vivimos nunha "diáspora" linguistica tamén todos os días. E non por iso podemos dicir que todos os que non falan galego non respectan a nosa cultura e que non a coñezen e que non gustan dela. Do mesmo xeito tampouco podemos dicir que todo galegofalante coñece e respecta a lingua que fala. Este é un país moi complicado, cunha historia que aínda sangra polas esquiñas, e cun grave conflito de personalidades múltiples.
A ideal sería a primeira é obvio, pero a realidade lévame a elexir a mesma mestura que vostede. Dar a coñecer unha lingua e unha cultura é dar un voto de esperanza ao futuro.

Mrs.Doyle disse...

A lingua é parte da cultura, é máis, a lingua é a parte máis externa e visible dunha cultura.


Debemos motivar para que medre o interese pola lingua e aceptar ese rico patrimonio plurilingüe da nosa cultura. A cultura galega pode vivir en galego, en inglés, en chabacano,...

Mario disse...

A segunda soa mellor do que as circunstancias farían posíbel. Unha das cousas que máis me chamaron a atención de Italia cando estiven alá foi ese entendemento que a poboación tiña cos norteamericanos, unha relación palpábel, cimentada pola historia e tamén pola emigración. Daba xenio escoitar a moitos nativos falando nun inglés con sotaque cos estadounidenses. Iso é unha das partes máis fermosas das diásporas, supoño (tamén estaría ben que os outros soubesen algo de italiano pero en fín).
No noso caso a cuestión é radicalmente distinta pola cuestión na que aínda hoxe se atopa a lingua.
Unha relación en arxentino porteño retrotrae ao conflicto lingüístico que temos na porta da casa, e é moi difícil asumila como algo positivo. Ou por mellor dicir, é moi difícil crer que esa relación pode estabelecerse nun réxime de igualdade: a nós fállanos a soberanía, temos a obriga de saber a lingua allea, pero só o dereito de saber a nosa, e ningún dereito a que os demais a empreguen connosco.
Agora que os fluxos se invertiron eu tamén boto en falta que a maior parte dos latinoamericanos que veñen aquí non adopten a nosa lingua e continuen, por inercia, a fomentar a glotofaxia que o castelán está a levar a cabo.
O plurilingüismo é fermoso cando parte das mesmas posicións iniciais, senón pode levar a repetir a mesma realidade que xa ten hoxe o noso bilingüismo caseiro (unha pantalla para ocultar o exterminio das culturas subsidiarias).

Lúa disse...

penso que todolos galegos deberíamos coñecelo noso idioma e as nosas costumes, lendas... un sino de identidade dentro e fora das fronteiras, un bico

Nébeda disse...

eu son dos da primeira opinión, pero non lle falta complicación ó tema.

Suso Lista disse...

Pola miña parte,( e con esto tamén digo que incluso podo cambiar de opinión), Penso que sempre haberá a discusión, pero, cada persona é un mundo. De todas maneiras, cando leo Flor de Santidad, de Valle-Inclan, pra min eso, a pesar de estar en Castelán, é cultura galega. Non opino que sea cine galego "Apocalypsis Now", ainda que Martín Sheen, sea neto de Galego. Non sei se me explico.

paideleo disse...

Cada vez estou máis convencido de que o galego e a súa cultura acabarán por difuminarse: fóra de Galicia primeiro e en Galicia despóis.
Como di a canción: menos mal que nos queda Portugal.

torredebabel disse...

Graciñas a todos polos vosos comentarios. Moitas grazas busto.agolada polo que anotaches. Síntome moi honrada pero eu, dende logo, non podo ser paradigma de nada diante doutros que realmente teñen todos eses méritos dos que eu sinto fame. Moitas grazas xurxocimadevila polo teu realismo. Tes toda a razón, é difícil e o mellor desas dúas alternativas, se cadra, é que as dúas poden convivir. Moitas grazas, admirado Suso! certamente o asunto viña a conto da "canción" deste señor tan pero tan raro que se chama Pondal ;-). Eu honestamente penso que con máis que conten as historias que ti contas e que o fagan do xeito que ti o fas, sería máis doado espallar o amor pola orixe galega do que ven semellando hoxendía.
Moitas grazas a miña doutora favorita que leva tamén toda a razón cando dí "malia pisar cos pés na terra galega todos os días, vivimos nunha "diáspora" linguistica tamén todos os días". Por veces, ese paradoxo quita forzas e ilusión. E por outras, enche de máis pulo. Ogallá ese futuro ao que as dúas damos votos de esperanza teña ganas de recebilos.
Moitas grazas á benquerida Mrs.Doyle porque é completamente certo que a cultura de Galiza so se entende completamente na lingua de Galiza pero non por iso deixa de ser noutras linguas. Moitos quixeran algo asi!
Moitas grazas ao admirado Mario por plantexar as cousas nas moitas cores que ten. Non se pode nin se debe deixar de ollar e asumir que a loita haina que dar en todos eses terreos. Cando dis: "A nós fállanos a soberanía, temos a obriga de saber a lingua allea, pero só o dereito de saber a nosa, e ningún dereito a que os demais a empreguen connosco", é dunha claridade, dunha dureza e dunha verdades que doen no corpo.
Moitas grazas a Lúa porque si, tes razón, dalgunha maneira tería que ser unha "obriga" moral, unha necesidade íntima, propia. E moitas grazas a Nébeda pola súa xenerosidade e porque son as complicacións du asunto o que fai para min tanto máis valiosas as vosas achegas.
Moitas grazas a paideleo e desexo fortemente que non sexa así: que o galego e a súa cultura non se difuminen nunca xamáis.

O dito, moitas grazas a todos vós!!

Sintagma in Blue disse...

Os fillos da diáspora só poden acabar por diluirse na cultura de adopción, como así foi no caso de Carré Alvarellos e tantos outros fillos de cataláns en Galicia que acabaron sendo defensores da nosa lingua. Os que estamos fóra podemos coidala e pasárllela aos nosos fillos. Máis triste é o panorama dos que viven en Galicia e deixan de fallarlles en galego aos fillos.

De todos os xeitos, ningunha lingua sen estado propio sobrevive, así que gocemos do que aínda temos...