24 de jan. de 2012

Os nomes


Antes de ter fillos, non me preguntaba moito polos nomes das persoas. Tiña unha historia familiar sobre a maneira na que cada quen rematou sendo José, Grisel ou Marilín e gustábame pensar que, máis ou menos, a cousa sería así en todas as familias.

O caso é que, cando tiven que escoller eu un nome -daquela para o meu primeiro fillo- din en cavilar sobre os motivos, as pulsións que operan neses momentos. E apunto o de motivos e o de pulsións porque, se cadra, nin todo é tan conciente, nin tan irreflexivo como semella.

Coñezo xente que escolle o nome de moda, o de algún persoeiro ou celebridade e mesmo o das personaxes das teleseries. Aquí na Arxentina, na década dos ´90 pasaron unha telenovela protagonizada por un neno que era criado polos indios: Catriel. O éxito da historia e a novidade do horario no que a daban (ás 21) fixo que o que daquela era un nome descoñecido de todo pasase a ser levado por centos e centos de nenos.

Dende entón, a xente semella que descubriu os nomes vencellados aos poboadores orixinarios do país e hai unha chea de Ailén, Eilén, Tayel, Sami, Newén, Kalén, ou Wayra. O casó é que adoitan ser Ailén Fernández, Tayel Goldstein ou Newén Abbruzzesi.

Outro tanto pasa cos filmes de Hollywood: cheíño está dos Kevin, Brian ou Jennifer que, de novo, son Brian Rodríguez, Kevin Steinschneider ou Jennifer Levecchi.


As mesturas, en si mesmas, no teñen nada de malo. Digo eu. Mesmo falan da escencia deste país: o coñecido crisol de razas. O malo, dende o meu punto de vista, é levar un nome que non é quen de decir algo de nós e da nosa historia.

Nisto, dende logo, hai cores para todos os gustos. E por iso, precisamente, chegado o momento de nomear aos nosos fillos, o meu home e mais eu buscamos que fosen o mesmo eles, a súa historia, a súa orixe e o seu nome.

Os motivos polos que Santiago é Santiago xa os contei aquí. E Manuel, que naceu hai sete meses, é Manuel Gonzalo porque Manuel é Belgrano, tamén o fillo de Osvaldo Soriano (que o é por Belgrano) e Manuel tamén é Rivas. Mesmo Manolo Escobar! E todos estes Manolos falan de nós.

Pola súa banda, Gonzalo é o nome do meu pai e, deste xeito, cada un deles é unha mensaxe cara ao futuro do que os seus avós sementaron neste país que, sen ser o de eles, lles deu moito do que eles son. Para que non os esquezan. E para que sempre saiban de onde é que eles veñen.

16 de jan. de 2012

O blog, os blogs e este blog

Estábame preguntando cándo foi que deixei o blog. Non buscaba a data, o día, o momento. Non. O que quería era lembrar como foi que fun pasando de vir por aquí, de escribir, de contar.

Unha visita pola longa lista daquí a carón dame a pista de que, cando menos, non foi un mal exclusivo. Paideleo fixo na súa páxina case que unha enquisa metendo unha estreliña nos blogs sen actividade. Son moitos!

Entón, cambio a miña pregunta do comezo: cándo foi que o blogomillo comezou a esmorecer?

Se cadra, levan razón os que din que é polo Facebook. A rede social construiu nestes anos unha ficción de achegamento moi forte. Tes alí á xente, as súas fotos, as súas ideas, o que pensan "neste momento", o que leron e o que queren que nós leamos.

Con todo, a comunicación redúcese a unhas poucas palabras. Non é igual que o blog. Por riba, ainda que ten alternativas para saber só das xentes que nos interesan, a vida dos outros métese alí dunha maneira imperativa. No blog, en troques, veñen de visita os que queren e deixan pegada só se lles apetece.

Non vexo, agora mesmo, incompatibilidade ningunha. Pero, visto o asunto, habelas hainas.

Cansámonos de escribir? Non temos máis que decir? Ou é que o blog, como formato ou como espacio, xa non nos vale?

Eu veño de volta. A ver qué pasa...

10 de jan. de 2012

2mil12

Seica o 2012 é un ano especial. Bueno, eso din que dixeron uns que non é igual ao que dixeron outros. Eu, polo de agora e se o mundo non estoupa, deito aquí os meus anceios de felicidade para todos e todas. Que teñamos forza na resistencia. Que sexamos creativos e seductores para que outros veñan con nós. Que as cousas non sean tan malas como pensamos e que as boas sean ainda mellores.
E que nos xuntemos para parolar por aquí ou por alá...

Bon aninovo!!!