30 de jul. de 2007

Caderno de bitácora /1

Como os antigos navegantes, levei nestes días na terra un caderno. Tiña aidea de ir engadindo as anotacións no blog segundo pasaran os días pero non me deu tempo. De feito que -xa de volta en Bos Aires e coas turbinas do avión ainda nos oídos- abro as tapas moradas con estreliñas e volvo vivir a intensidade de cinco días de amigos, de festa, de viaxes, de traballo, de emocións, de Galiza.


Domingo 22
As filas que facemos con présa non adiantan canto quixeramos, é sabido. Pero ese domingo souben que as que facemos e non queremos rematar, esas sí que van rápido. Deixei aos meus en Ezeiza case sen decatarme pero como esquecera un trámite, tiven unha segunda despedida. O voo foi dilatado coma sempre (qué lonxe que estamos!) ainda que condimentados polas historias de emigración dunha rapaza arxentina residente en Valencia. Hai cousas que non cambian tanto cando cambian.


Luns 23
Nunca antes chegara a Vigo en avión. Nunca antes vira a ría abrirse delicadamente sitio entre a terra. Nunca antes descubrira a simetría das bateas dende o aire. E nunca antes atopara dous sorrisos tan fermosos na chegada a Galiza. Só estiven unhas horas en Vigo pero vou voltar porque das cidades galegas que coñezo (e non son tantas) ten un algo que ainda non podo explicar pero que sinto en completa conexión comigo.

Souben alí que non ten sona de ser unha cidade das máis bonitas de Galiza. Terei que coñecer máis porque a min pareceume fascinante. Igual de fascinante que abrir a porta da librería Andel e atopar alí unhas xentes comprometidas. Para non perder tempo, mandara días antes un correo detallando algúns libros que necesitaba. Pero confeso que non fun quen de pagar e sair. Quedei dando voltas, buscando, remexendo nos andeis. Non me chegaban os minutos nin a memoria me axudaba. Tanto hai que quixera ler! Quén me dera unha librería que fora só o 25 por cento desa en Bos Aires!

Durmimos en Bouzas, ese barrio mariñeiro do que fala María Xosé Queizán na novela que deixara sen rematar antes de sair de Bos Aires. Pode que fora ese fío ou a súa praia pequena e case íntima o que máis me atrapou. Pode que fora só a propia fermosura das rúas e das casas esquecidas dos seus tempos de esplendor. Pode que foran os surrealistas berros das gaivotas pola noite. Pode que sinxelamente fora que Vigo é unha cidade chea de encanto.



Martes 24
Pola mañá, Vigo e as súas voces tan maioritariamente castelás quedaban atrás mentres o bus adiantaba. Viaxaban nel xentes con présa e outros despreocupados. Diante, un home percorría un exemplar de Galicia-Hoxe e Compostela anunciabase nos peregríns que deixabamos atrás.

20 de jul. de 2007

Maletas

Ben mirado, nin sequera sei por qué chorei. Estaban alí os meus pais, tíos, curmáns e a miña irmá. E os avós, claro, que eran os que viaxaban. A ocasión non podía ser máis feliz: logo de case 30 anos voltaban a Galiza. Pero eles estaban preocupados: polas maletas, polos netos que facían moito balbordo, polos fillos que quedaban con tarefas específicas (coidar as plantas, ventilar os cuartos, ir por alí, e mandar cartas). Os fillos, en cambio, estaban entusiasmados. E nós, os nenos, algo desorientados nese edificio enorme e gris que é Ezeiza. A guerra quedara atrás, xa ninguén cantaba a marcha a Malvinas e o ano 1982 agora tornábase un universo de fútbol e festa.

Hoxe teño as maletas feitas, o artigo rematado, amigas e amigos aos que vou ver, unha Mafalda coa que xogar, e cinco días na terra. Será o meu primeiro 25 de Xullo alá. Será, para min, unha festa.

Digo eu que desta vez non vou chorar. Pasaron moitos anos, moitas viaxes, os avós xa non están, moita xente que daquela estaba alí saudando non vai ir comigo ao aeroporto. Outra que si, coma sempre está. Será a segunda vez que estea lonxe do meu anxo da garda. E a primeira que deixe ao meu Santiago para ir a Santiago. As mellores cousas da vida condensan o máis poderoso da felicidade e o máis fondo das nosas penas e medos.

Graciñas por estares aquí e alí!

10 de jul. de 2007

Neve sobre Bos Aires

Mentres fago a maleta, remato a ponencia e a presentación nun PowerPoint, e trazo cálculos imposibles para que todo o que ainda non fixen entre nos poucos días que ainda teño, cóntovos da neve. Bos Aires viu cair neve nestes días. A última vez fora no ano 1918 e, se cadra pola excepcionalidade e a posibilidade de estar diante de algo que non volve ocorrir en 90 anos, as xentes saíron á rúa a festexar e facer fotos.

Eu tamén saín. Non fixen fotos. Fun traballar. Gústoume a neve. Ese xeito de resistirse á caida, de non se deixar atrapar polo chan. Con todo, as folerpas teñen para min unha significación menos lírica e fermosa. Medrei coas historias do frío, da pel ferida polo xeo, dos pes inmovilizados, das doenzas collidas daquela e que ainda se manifestan. Vin demasiadas veces a faciana grave dos meus falando dos días de nevada. E afíxenme á idea negra diso tan branco.

Quixera que me gustara a neve. Pero, confésoo, téñolle medo. Un medo vello e transplantado.

This album is powered by BubbleShare - Add to my blog

Fotos da cidade de Bos Aires e do país todo dos xornais e das axencias de noticias.

4 de jul. de 2007

Mar por medio


Mar por Medio leva quince anos deixando ronseis de palabras arredor das relacións culturais entre Galiza e o resto do mundo. Conferencias, mesas redondas e debates sobre casos prácticos, así como a difusión de proxectos e iniciativas en marcha serán os contidos arredor dos cales os participantes debatan e traballen para analizar as fórmulas máis adecuadas de entrarmos, como cultura diferenciada, nas sociedades que nos convidan, acollen e dialogan con nós, ou que se sorprenden cando nos descobren como tal.

E o primeiro territorio ao que nos achegamos con esta nova agulla de marear é todo un continente: Latinoamérica. Terras que non nos son estrañas aos galegos, como verifican a nosa historia política, social e cultural, mais que si o semellan ser para as estratexias públicas de internacionalización da nosa cultura.

O papel da Internet como espazo de cultura e como ferramenta de acceso e distribución, a activación dos Centros Galegos como focos de difusión cultural, a creación dunha marca para a proxección exterior da cultura galega ou as posibilidades de mercado en Latinoamérica para os nosos sectores do libro, a música e o audiovisual serán temas a tratar durante o 26 e 27 de xullo en Ribadeo.

Vou estar alí

O día xoves 26 de xullo.
Será sobre as 18, nunha mesa redonda que leva por título "Galiza en América. As comunidades galegas, un activo para a difusión da nosa cultura". Se non fora xa isto un milagre pagano, por riba ocuparei unha cadeira a carón do enorme Xosé Neira Vilas. Como todos, levarei o meu exemplar de Memorias dun neno labrego. Agardo que entre nas maletas porque van cheas de emoción e de ledicia, de medo, tamén de pena porque esa que mellor que ninguén entendería o que isto significa xa non está para coller e escoitar iso de "Abue!!!!! estou en Galiza!!!!!".

Se estades por Santiago os días 24 ou 25.
Se estades por Ribadeo os días 26 ou 27.
E, sobre todo, se tendes tempo e gañas, gustaríame moito saber de vós.