7 de ago de 2007

Caderno de bitácora /2

Quedaramos na chegada a Compostela, en bus e cun home lendo o Galicia-Hoxe diante de nós. Pois baixamos e, logo de deixar as maletas no hotel, fixen coma os peregríns pero cun camiño propio que non tiña coma norte ao apostolo senón a unha chea de xente fabulosa que ides ver de contado.

Martes 24
Chegar a Compostela sempre é coñecela de novo. Estivera antes dúas veces: a primeira, media hora; a segunda, medio día. Por iso, podo dicir que certamente foi como descubrila. Pasei as primeiras horas alí facendo visitas (algo ben galego, por certo). Primeiro, coñecín en persoa aos compañeiros do Diario Cultural. Coñecín o edificio da Radio Galega cunha privilexiada guía que non o é so no edificio senón tamén no compromiso coa cultura galega e no talento. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña ben tempo. Dalí fun a Vieiros. Claro que o fixen como a arxentina que son e cheguei alí no horario do xantar que, para os parámetros de Bos Aires, son horas do máis forte traballo. Cousas dunha galega ectópica. Marchei pensando que xa perdía de ver a Lúa Neghra pero Compostela é terra máxica na miña vida e ainda me gardaba algunhas sorpresas.

Por moito que lera sobre o Festigal, non o imaxinaba así de bonito como me pareceu so chegar alí. É verdade que non había moita xente ese martes e que o recital de poesía ao que fun escoitar a Anxo Angueira, Marga do Val e Eduardo Estevez case que comezou sen público. Antes de que rematara, xa atopara a Marinha e ao Artipractor e tamén a Jan. Increible!!! Tanto falamos polo messenger que estar ali, un diante do outro, semellaba cousa de meigas. Soaba música brasileira mentres falabamos moxando a gorxa cunhas aguas e bebidas frescas que boa falta facía. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña algo de tempo.

Agardamos tanto polas cousas que logo pasan máis rápido do que estamos listos para entender. Así marchou a tarde e os amigos. Cando quixen decatarme, xa estaba nun taxi marchando cara ao hotel. Tiña plans de cea e de paseo. Tamén de ver os lumes do aspóstolo. Tiña moitos amigos que ver e unha visita que quedaba xa para o día seguinte que este -como son as cousas!- so viña con 24 horas. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña catro horas que, claro, non son moitas horas.

Uns plans deixaron sitio aos outros e percorrín Compostela da man duns amigos que tiñan marabillosas historias que contar en cada rúa, en cada recanto, en moitos portais. Que fermosura máxica a de Santiago pola noite! Ceamos falando de Galiza e dos galegos, das súas xenerosidades e das súas carencias, da diáspora, do futuro. Digo eu que ceamos falando diso que sempre falan os galegos. Cando a cea estaba na súa coda de café, os lumes do apóstolo encheron todo de latexos de luz e de estrondo.

Penso que ainda que pasara na cidade unha e mil vidas, non sería quen de aprender a percorrela sen mapa. Con todo, intúo que polas noites, ese brillo das pedras e as mareas de persoas que circulan por ela guiados quen sabe por qué feitizo, podería ser unha guía perfecta.

Si si, a columna. Remateina case ás 3 da madrugada.

Mércores 25
Día da Patria. O meu primeiro día da Patria na terra comezou cedo e entre amigos. Artipractor veu por min ao hotel e Marinha e eu saimos de paseo pola cidade. Vivir no barrio San Pedro ten que ser unha experiencia ben fermosa, se as cousas son así como as vin. Compostela é bonita tamén de día, sobre todo se se trata dun día que abre con nubes e que adianta coa banda de son dunha conversa entre amigas.

Chegamos ao Casino e Jan xa estaba aí agardando. Unha constante nestes seis días foi chegar tarde a todos os sitios. Sintoo... O Casino ten un algo do Tortoni: pode que a boisserie, pode que as mesas, pode que as dimensións ou pode que a elegancia. Ou pode que todo iso xunto. Dun xeito inesperado e casual, fixen unha encantadora visita a outro café máxico: o Derby. O Breogán e nos as tres chegamos alí na procura da doce Moralla que alí estaba e a dose de azar que todo o foi tecendo ainda hoxe non deixa de me sorprender.

A manifestación propuxo un percorrido novo e tamén seductor pola cidade. O acto na Quintana tivo ese encanto que moitas cousas novas traen pero que tamén rápidamente perden. Os políticos son políticos sempre. Os novos, tristemente. Os experimentados, cando menos con un algo máis de ximnasia pero -polo que alí vin- sin a potencia necesaria. Cousas do poder que a máis das veces contaxia a miopía.

A Quintana chea de xente e berrando o himno foi un pequeno terremoto emocional. O sol e ese mediodía quente pedían un descanso e tivémolo en Casa Felisa onde atopamos á benquerida Lua Neghra! Eramos moitos e ainda seríamos máis! Para ser democráticos, escollimos cada quen un plato que logo compartimos. Non había nada que non fora delicioso: os platos, a conversa, os sorrisos dos amigos, as historias. Un home uruguaio fixo as fotos e agora que as vexo ao lonxe, días despóis e cousas despóis, sinto non ter feito milleiros e milleiros delas.

Como en procesión, saímos dalí cara ao Festigal. O Breogán foi un guía de luxo e houbo tempo ainda para coñecer a Raandeira a quen boto de menos no blogomillo. Ao chegar ás carpas, e cando pensaba eu que nada mellor que todo isto podía pasar, estaban alí as encantadoras Besbelliña e Elianinha e a Lourixe. Quen me dera días de 35 horas para falar canto quería con cada quen! Penso agora que Galiza é un sitio privilexiado se é quen de sementar persoas coma estas.

Houbera pasado alí horas e horas pero como ben dixo Besbe "non daba feito con tanta xente arredor" e o reloxo que adiantaba e adiantaba. Lembreime dúas ou tres veces da letra dese bolero: "Reloj, no marques las horas". Pero o demo claro que as marcaba e, antes de que puidera disfrutar de tantos amigos, dunha tarde de verán tantas veces imaxinada no inverno porteño, xa estaba de novo nun coche, cara a Ribadeo.

28 comentários:

Torreira disse...

Xenial caderno de bitacora srta.Bicos

paideleo disse...

Gústame o teu relato e pórlle cara a blogueiros que non coñezo persoalmente.
Sigue. Non pares de contar.

Suso Lista disse...

Foi pena non conocerte, xa que estuven alí o 25, dando pegatinas na mani, a quen non as tiña. Seguramente estuvemos moi cerca, e foi pena porque tampouco conozo a todolos blogueiros con cantos nos comunicamos. Mais bicos

sarijess disse...

sigue sigue...

Sintagma in Blue disse...

Xa que eu non podo ir á Terra, lerte é como achegarse un pouco a ela.

bicos

Rifo I de Zeuquirne disse...

Eu estou a disfrutar tanto coma ti so coa lectura da bitácora.
sigue contando a viaxe.
Un saudiño

Ra disse...

Qué buena manera de exprimir las horas y la tierra!
Muaaa

jan disse...

Boa crónica Torre, agora falta a parte que non vivimos en directo...a de Ribadeo!!!

Bicos moi grandes!!!!

Elianinha disse...

Mimá, e vin tanta xente da que non me daba conta... se era un zombi.
Que bonito, isto si que é unha bitácora de verdade, e non os esbardalles que facemos outros ;)

Mario disse...

Canta envexa, tes que volver para o ano, e resérvame sitio na axenda agora mesmo.

Mrs.Doyle disse...

Si xenial bitácora e xenial reencontro...

Marinha de Allegue disse...

Foron días intensísimossss, días de moita ledicia que revive ao son desta minuciosa crónica.

Unha aperta grande grande linda.
:)

xurxocimadevila disse...

moi bo relato, e polo visto no teu regreso a terra non parachesss! así me gusta!
Saúdos!

Doutora Seymour disse...

Aínda que os días só teñan 24 horas, se un sabe aproveitalas dan para moito e bo. E chegamos a Ribadeo... teño un amor especial por esa vila, agardo que o pasara ben alí.

TXARI disse...

peninha de nom coincidir, a min cadroume eses días por aí tambén....será noitra...

moucho branco disse...

gho!, ao final perdinme un pouco, teríame gustado coñecerte... a ver se para outra...

Suso Lista disse...

Xa te vemos nos medios últimamente. Sigue así,entre todos temos que millorar Galicia. Bicos

busto.agolada disse...

Ola Débora: Certamente foi proveitosa a túa visita. Hoxe veño de ler en La Voz de Galicia as túas opinións encol da diáspora e da súa fin grazas a Internet e aos blogs e coincido contigo plenamente en que serve para acercar á xente de lonxe e de preto, para establecer novos nexos, para a intercomunicación cultural. Boa proba de todo iso es ti, culturizada en galego desde a Arxentina. É moi loable a túa andaina.
Un afectuoso saúdo e confésoche que sentín mágoa de non poderte coñecer na túa recente visita a Galicia.

Ana Bande disse...

Prezada D., ti que es a GRANDE IRMÁ irmá deste fabuloso blogomillo ¿sabes cara onde foi o bló de Moralla? Levo días petando na súa porta e non abre ninguén, a boto tanto de menos....Bicos

torredebabel disse...

Ola benquerida Ana! certamente Yoli pechou o seu blog porque -de momento- preferiu afastarse un pouco da vida "virtual" para non quitar atención á real. Moitos sentimos esa perda no blogomillo, sobre todo porque a súa páxina era tan única, tan audaz, tan rica... Non deixan de xurdir poemas e verbas do seu talento, dende logo, pero teremos que contentarnos co que vemos na presa. Cando menos eu, e así llo dixen, agardo que sexa unha ausencia de pouco tempo. Se queres contactar con ela, teño o seu correo. Claro que non é o mesmo que a súa fermosa e feminina e apaixonada e apaixonante páxina... pero é unha maneira do contacto tamén. Apertas!!

Crítica literaria feminista disse...

Se Yoli pechou o seu blog, pouco se perdeu. Non sexades hipócritas, que de audaz e rica non tiña nada. O seu era un xuntar frases ao chou por que si, sen ter realmente nada que dicir alén dos típicos tópicos adubiados con merengue. Ela pensará que fai prosa poética, pero é outra cousa que non vou cualificar. As súas amigas deberiades facerlle pensar nestas cousas, porque se quere algún día ser unha escritora das de verdade, debería ter máis xeito, prepararse e ler moito máis, aparcar a súa tendencia á cursilería (que fai pasar por feminismo e alermundismo) e aprender a escribir en condicións. E se para iso fai falla estar calados unha tempada, mellor estalo, antes que facer o que ela fai. Porque está gastando os seus cartuchos absurdamente. E non me veñades con que é envexa nin inquina á pobre rapaza. Hoxe por hoxe, non está capacitada para dicir nada que poida ser tomado en serio, esa é a verdade. Dentro duns aniños, pode ser.

torredebabel disse...

Neste blog, a súa opinión non vale máis ca que deixamos o resto. Por moito alcume de "crítica literaria feminista". E algo máis, como levo moitos moitos anos vendo como traballades os supostos "críticos", direi que as paixóns humanas (a envexa entre elas pero non é a única) sí son o motor da meirande parte do que se publica.

crítica literaria feminista disse...

O da envexa cae polo seu propio peso. Porque postos a envexar hai mil persoas antes que a Yoliña. Obviamente vostede non vai dicir publicamente que estou no certo, xa que perdería unha amizade. Pero, en privado, podíalle dicir á rapaza que acougue e se prepare máis. Polo seu propio ben. As amigas de verdade están para iso, non?

torredebabel disse...

Non se preocupe que o día no que necesite de alguén que me diga o que debería ou non debería eu facer, será vostede a primeira persoa que contacte, xa que vexo o moito que iso lle gusta e o empeño e profesionalismo que pon.
Sobre Yoli, só suliñar que é vostede que ven unha e outra vez falar dela aquí. Moito interese, moito esforzo, moita e moita enerxía pousada nela. En privado, podía vostede preguntarse por qué dedica este tempo da súa vida (minutos que marchan para non voltar) nunha poeta que non lle gusta. Só os admiradores de verdade fan iso, non?

crítica literaria feminista disse...

Nin esforzo nin enerxía, señora. Simplemente chamoume a atención esas louvanzas hipócritas que lin por casualidade, e decidín dar a miña opinión (suponse que para iso están os blogs abertos, pero no seu podería poñer unha advertencia: abstéñase quen me leven a contraria). En total non máis de dez minutos gastados (agora van uns quince). Pero ten vostede razón: son todas unhas excelentes escritoras. Os meus parabéns. Viva a democracia literaria! Morra a excelencia!

torredebabel disse...

Opinións "hipócritas" porque non acatan o que vostede pensa?? Vaia democracia literaria a súa. Excelencia é o que vostede pensa e non o que pensa o resto?? Si si, xa vou entendendo a súa idea do que é a democracia.
Para gustos están as alternativas: aquí en Bos Aires, e tamén en Ourense. Pero ir pola vida dando indicacións á xente (que ninguén, pediu, por certo!) e considerando falsa calquera ollada que non repita sistemáticamente a súa, iso sí que semella moi democrático!

crítica literaria feminista disse...

Acaba de cometer unha infamia, e sábeo. Xa non digo máis.

torredebabel disse...

pode sentirse unha víctima se quere, dende logo.