27 de jun. de 2007

Embaixadoras da seriedade

"Muller reideira ou puta ou peideira". Non sei se é só cousa de emigrantes, un dilatado sofremento, unha atrofia na capacidade de disfrute ou certo doo que non remata e non remata, pero os meus sempre fixeron da alegría evidente unha actitude censurable. Só os nenos estabamos fora da condea e non por moito: tiñamos unha relativa liberdade para xogar e rir, pero non moito nin con estridencia porque de seguida alguén chamaba á orde e anticipaba dores de estómago, problemas para respirar ou, sinxelamente, prometía unha labazada. E santo remedio.

O canon tiña unha vixencia curiosa. Diante dos outros, sempre. Diante dos nosos, con excepcións. Dona Rosa, de feito, era o que se podería chamar "a muller da excepción". Vestía cuns pantalóns de home (ou cando menos os levaba coa elegancia dun home), gastaba uns sombreiros que ela mesma tecía co plástico dos envases da leite, falaba cunha voz vibrante e aguda e tiña unha gracia fabulosa para os contos. Sen dúbidas, era unha narradora única. Ademáis, como moitos dos que contaba tiñan ocorrido a xentes máis ou menos coñecidas, antigos veciños, vellos tíos de alguén, a madriña dun seu parente e cousas así, as mulleres da miña familia rían con ganas. Ela era o centro e as mulleres todas alí rían, máis ainda, con intensidade, con furia. Sen limites. E non paraban nin cando as bágoas inundábanlles a faciana mesturándose cos posibles maquillaxes.

Cando a tarde de mate, galletas e mulleres remataba, cando as gargalladas íanse apagando, cando Dona Rosa marchaba, unha sombra de censura enchíao todo. Elas, as mesmas que tanto riran toda a tarde, voltaban á opacidade non sen antes pronunciar algunha frase chea de remorsos e cunha dose de condena para a muller que tanta ledicia era quen de facerlles estoupar. A que máis soaba era a do comezo: "Muller reideira ou puta ou peideira".

20 de jun. de 2007

A identidade según Bauman

Ando traballando cun libro do sociólogo Zygmunt Bauman de quen engadiría aquí que é polaco se non fora porque o asunto da súa identidade é, precisamente, un tema que percorre a súa obra desafiando conceptos e provocando aos limites das categorías establecidas. Bauman é polaco por nacemento, ruso por circunstancias e inglés por elección. Gustoume moito este parágrafo no que me atopei eu mesma:

"A identidade desvélasenos so como algo que hai que inventar en lugar de descubrir; como o branco de un esforzo, "un obxectivo", como algo que hai que construir dende cero ou escoller de ofertas de alternativas e logo loitar por elas para protexelas despóis cunha loita ainda máis encarnizada..."

13 de jun. de 2007

Serenidade marina

Se cadra é a mestura do sal e do vento. Tamén, tecendo ideas, podía ser a enerxía da agua e das mareas. Ben podía deberse aos moitos homes e mulleres que desafiaron a súa inmensidade en naves ridículas para tanto poderío. Ou mesmo a que, antigamente, chamaban ao Atlántico mar Tenebroso ou mar Océano, ainda que so exploraran as costas das illas Británicas e as Canarias. Quen sabe. O certo é que o mar ten unha potencia sanadora das almas difícilmente superable pola multipoderosa e polbosa industria farmacolóxica.
Levo o espírito cheo de mar.
E séntese moi ben.

3 de jun. de 2007

Suso de Toro en Bos Aires

Quen só coñece ao inquietante escritor Suso de Toro pola súa obra pensará nel coma un home oscuro e difícil. Nada máis afastado da realidade. É un home cálido, loita contra a timidez cunha simpatía franca, e ten un sorriso contaxioso que loce máis do que el mesmo pensa. Como autor é virtuoso, intelixente, ambicioso e impiadoso: ten a teima de enfrontarnos ao retrato de Dorian Gray que cada quen de nós esconde no desván. Alí están os nosos medos, as nosas miserias. Alí os nosos egoísmos, as accións das que nos sentimos avergonzados e o noso lado negro e suxo. "Estou afeito a meter o dedo na ferida", di. Pero niso non hai a perturbación pola perturbación mesma senón un concepto literario audaz e ingrato: "Creo na capacidade de intervención da literatura, creo no poder da palabra", suliña. E quen leu as súas novelas, quen se achegou a elas, que conseguiu sair delas, sabe que é verdade.


Suso de Toro estivo en Bos Aires. Aquí asegurou que a súa última novela, Home sen nome, foi afogada pola crítica e que tivo con ela un problema de recepción porque os españois so queren obras complacentes ideoloxicamente. Tivo nesta viaxe de poucos días tempo para as risas e para as bagoas. E tamén para falar. Das moitas e moi impactantes cousas que dixo (que se poden ler aquí), quixera eu suliñar estas.

Dende que chegou a democracia, dende que se creou un goberno galego, e sobre todo dende que Manuel Fraga Iribarne comprendeu que o que alimentaba o poder político nunha democracia son os votos, dende ese momento buscou unha canteira de votos que fixeran que o seu poder político fora perpertuo. Enton foi que contemplou a emigración. Non o sei (pero podo incluso crer) se hai un aspecto de sinceridade pola súa experiencia como fillo dun pai emigrante. En todo caso, dende logo, houbo un aspecto de utilización cínica e perversa da situación histórica da emigración e da manipulación dunha parte da xente da emigración para conseguir un almacén de votos que era utilizado para perpetuarse no poder.

A idetidade das persoas é o tema mais moderno que ocorre en todas partes: en Nova Iork, en Fracia, en Inglaterra. Estase revisando a idea de cidadanía e estase resituando o componente de pertenza emocional, e revisando se é lexitimo ou non. Enton, o que está a ocorrer cada vez máis é que hai cidadáns dun Estado que desexan conservar dun modo regulado a súa relación con outra patria, nación ou comunidade. E iso é algo absolutamente contemporáneo e vai ser cada vez máis contemporaneo porque cada vez máis as urbes e cidades modernas están feitas de persoas que veñen doutro lugar. E hai unha cousa bonita que é que antes a xente tiña que negar o mundo do que procedía para integrarse á ideoloxia ríxida do Estado-nación.

Hoxendía, afortunadamente as nosas identidades son máis complexas, son máis individualistas, son mais libres. Temos que regularizar isto e comprender ademáis que se somos quen de trasladar ao mundo unha nova imaxe de país, unha nova Galiza que está nacendo, viva, bonita, atractiva, moderna, iso vai ser un banderín de enganche para moitas persoas que viven noutro país pero que queren ser parte desa Galiza. Eu gustaríame ter novas xeracións de persoas que quixesen seguir sendo norteamericanos, brasileiros, franceses, arxentinos, e ademáis diso que queran ter un lazo con Galiza por lealdade á sua historia persoal, pero tamén por orgullo e alegría, porque é algo bonito, do que se sintan orgullosos.

Tiven un problema de recepción clarísimo coa novela Home sen nome. En primerio lugar, coa crítica española. Encontreime con reseñas que foron moi favorables, nas que expresamente se recoñecía a enorme ambición literaria da novela, nas que decían que estaba a altura do desafío, e nas que a continuación podíalles máis unha cousa prexistente na que expresaban toda unha serie de pegas estéticas, anímicas, políticas... A que atribúo isto? pois a que amólalles verdadeiramente, disgústalles que unha novelística de moita ambición veña da literatura galega, é decir que non hai escritores españois neste momento que fagan desafíos literarios desa embergadura. Iso é evidente, altera a centralidade no mapa literario español.

Coa novela o que pretendín foi tocar dous tabus: o primeiro é o nome dos verdugos, eu na novela dou nomes dos asasinos. Por outro lado, ademáis decir o evidente que é que frente a complacencia en ser víctima (toda a sociedade española, a xente benpensante de esquerda di que somos todos víctimas) eu o que digo é que ali todo o que sobreviviu tivo que corromperse. Esa é a verdade das nosas vidas, das nosas familias. Eu tamen o xustifico porque houbo que sobrevivir, máis ao mesmo tempo a novela é moi incomoda porque obriga a decir: "Si, si, os asasinos estan aquí, siguen entre nós e calquera de nós pode ser fillo dun asasino". E en segundo lugar, é que se non es fillo dun asasino, es fillo dunha víctima dos asasinos que chantou, dalguen que se humillou. E iso é moi incomodo.

É, probablemente, a novela máis ambiciosa literariamente, pero foi afogada. Ali son aceptada as propostas que no fondo son complacentes ideolóxicamente: "Que víctimas somos, pobres de nós, canto asesino anda por aí". Xa está ben! Ese punto de vista é, no fondo, un ponto de vista conservador porque non obriga a afrontar a realidade do que foi. Somos unha sociedade construida polos vencedores.


Escribilo era unha decisión moi dura, e eu xa estou afeito, xa tiña demasiados conflictos abertos en moitos aspectos. Foi para min decir: "Vou meterme tamén neste lío". Pero pasa que eu entendo a literatura dun modo moi radical en moitos sensos e tamén dende o ponto de vista social: creo na capacidade de intervención da literatura, creo no poder da palabra, e pensei que esta novela -sinceramente- era un acto non so literario senon un acto de forza social, pensei que xeneraría un debate. Pero non. Foi afogada. Danse na Galiza sete ou oito premios a libro publicado e nin un foi para ela, para min é moi elucuente de que é unha novela que molesta.

No caso da crítica galega é que molesta ao lector porque o obriga a interrogar e a interrogarse a un mesmo. Aparte da perturbacion psicoloxica que provoca, as preguntas sobre a identidade, sobre a condicion humana e sobre o do que é capaz esa condición humana, é que non é nada complacente coas víctimas. Enton, o que lle va á xente é retratarse na figura da víctima, pero iso para min é reaccionario.


((Fotos de Herbas de Prata))