13 de jul de 2006

"El gallego perfecto"

La mujer de mi vida é unha revista interesante. Reune contos e textos mais ou menos literarios que unha vez ao mes dan voltas ó redor dun asunto. Poden ser as loiras, o control, a queixa, o diñeiro, a moda... todo dende unha mirada ben porteña: moito psicoterapeuta, bastante retranca, non pouca superioridade e, moitas veces, tamén moito talento. O xefe é o tema do último número. Coma sempre, as sinaturas falan dunha nova xeración de escritores e escritoras arxentinos, progresistas e intelixentes, con bos libros publicados, recoñecidos (sen ser moi famosos) e cunha carreira nas letras arxentinas que adianta a forza de méritos nunha leira na que non é doado sementar logo de Borges, Cortazar, Puig e tantos outros. Pablo Ramos é un deses autores. E, falando de xefes, deu en contar a historia dun que tivo e que era galego.

Tanto ten que a história sexa real ou non. A galeguidade do xefe non aporta nada novo senón que alimenta (de novo, unha e mil veces) a imaxen de bruto que está asociada ós homes e mulleres que chegaron a esta terra. O galego chámase Perfecto (sería Perfeuto, pero Ramos -sen inocencia, claro- prefire o nome en castelán que tan irónicamente contrasta coa imperfección, coa brutalidade deste home). O galego é un explotador, vaidoso, esaxerado e bastante parvo (fronte ó moi listo autor). É un ignorante, un cretino e un imbécil. E, se iso non é bastante, ten unha muller tamén inculta (ainda que é inexplicablemente arquitecta) que, por suposto, está moi interesada no autor.

Só teño preguntas.

Non, non é verdade. Teño algunhas preguntas e moita indignación. Sobre todo por duas razóns: a primeira, Ramos -que non é un home discriminador- naceu e medrou en Avellaneda, unha cidade cunha taxa de galegos e galegas moi por riba das outras deste país (menos Bos Aires). É decir: alimenta, hoxe, no século XXI, un prexuizo cheo de ignorancia e o fai sen sequera querelo. Sen sabelo, diría eu. Pero coñecendo, sen dúbida, a dor, a inxustiza, o sofremento que calquera minusvaloración leva ás xentes. A segunda: a galeguidade do personaxe non engade nada de nada. Para falar dun home bruto e ignorante, para debuxar esas características nun conto, digo eu que nada sei de literatura, haberá moitos recursos e ferramentas tanto mais delicadas, sutiles, intelixentes, virtuosas co de etiquetalo cunha nacionalidade tan inxustamente maltratada.

O historiador e sobre todo amigo Ruy Farías, nun destacado artigo que se publicará nestes días nun monográfico sobre os galegos no mundo que ven coa segunda edición da revista ReNova Galiza, dí: "O estereotipo do “galego bruto” aínda segue presente na Arxentina. Nos noventa foi un éxito de vendas un libelo miserable de “chistes de gallegos”. O último 23 de abril, seis días antes de que na Feira Internacional do Libro se presentase a derradeira novela de María Rosa Lojo (literata e investigadora arxentina que sempre reivindica a súa condición de filla de sangue galaica), o xornal de maior circulación do país (Clarín) publicou na súa contracapa un chiste que abunda no ferinte estereotipo do galego. Sería isto posible con outras colectividades da Arxentina? Que acontecería se o mesmo xornal incluíse algunha viñeta na que se aludise ao estereotipo do xudío rácano e miserable? A comunidade xudía organizada, os xudíos como colectividade, pedirían a través dos seus máximos representantes unha reparación pública do agravio e encetaría accións legais contra o ousado. Como é lóxico, a comunidade xudía na Arxentina ten as súas diferenzas internas, pero de cara ao conxunto da sociedade respostan máis ou menos de xeito monolítico, defendendo os seus intereses e o seu nome. E souberon artellar unha mensaxe de orgullo identitario cara ao resto da sociedade Arxentina, en ocasións a partir dos mesmos agravios que recibiron".

¿Por qué os galegos non fundamos dunha vez unha nova idea da nosa galeguidade? Os dalá e os dacá e os do mundo. Todos nós. ¿Por qué non comenzar hoxe mesmo, con este conto, con este autor, con esta revista?

15 comentários:

Mr Tichborne disse...

gustaríame ler o conto para opinar, pero eses prexuizos existen (non só na Arxentina), e é indignante. Imaxínate un conto dun escritor español sobre un traballador arxentino, lacazán, psicoanalizado, preguiceiro e chuchador de mate. Hai que rematar cos topicazos, pero os galegos tamén (e aí vai outro tópico) son pouco dados a protestar. Así nos vai.

Larvós disse...

É certo que parte da culpa é nosa por non reaccionar con suficiente contundencia contra estas cousas. Pero tamén é certo que iso de “facerse respectar” é, no fondo, profundamente mesquiño. Mentres teñamos que “facerrnos respectar” saberemos que, no fondo, vivimos rodeados de xente incivilizada á que hai que “medio ameazar” para obter algo que, a menos que fixeramos algo concreto para non ser merecedor del, deberíamos posuir.

O que fai especialmente desagradable o caso que nos contas, lémbrame a algo que lin n’O lobo estepario, cando Harry Haller se anoxa ao ver como os “intelectuais”, os homes cultos, tamén participaban e alimentaban o militarismo do seu tempo, en vez de ser a luz do seu século e, como lles correspondía, combatelo. Con isto pasa igual. Que un bruto participe dos prexuizos é máis sinxelo de dixerir ca ver como o fai un home cultivado.

En fin…

F. Miguez disse...

Pois a min, non me agrada que me teñan por parvo nin nada de iso, pero tampouco me alporizo. Primeiro, porque a opinión que conta é a que cada un ten de sí mesmo, e ahí sí que hai espiñas clavadas, porque hai moitos galegos que ridiculizan ó galego.
Segundo, porque como dicía unha vez un boxeador en unha película (Bruce Willis en Pulp Fiction?) "Gaño tódolos combates porque os meus rivais sempre se creen máis listos ca min." Deixa que crean o que queiran, o que importa é o que vai por dentro.

TXARI disse...

hai muito caminho que andar, ás veçes son o resto os que deberían alcançar os nossos pasos...

SZ disse...

Coido que unha boa actitude sería un compendio entre o que di larvós e o que manifesta tchari.
Un saúdo

máis alá disse...

Os prexuizos existen en tódolos paises. Aquí en Vigo se despreciaba aos Portugueses e aos Ourensans (cando a maioria ten un ourensan na familia. Pero hai que facer ver que eses chistes e esas cousas non nos fan gracia. Eu xa deixei a miña protesta.

FraVernero disse...

Os esquemas dos prexuízos e tópicos a verdade é que densenrolan unha longa e autónoma vida. É parte, quizaves, do noso xeito de ser o definirnos sempre por contrastre co Outro, e o Outro ten que ser, evidentemente, a suma dos nosos aspectos negativos, ou alomenos descolante nalgún deles. Que o tópico teñe algún tipo de raíz sociolóxica non o fai máis soportábel, con todo.
O galego filisteo, non só da Arxentina (é un modelo tamén moi típico de Venezuela, e xa fora atacado por Celso Emilio Ferreiro) é unha imaxe repulsiva, pero debería ser evidente que non corresponde á maioría dos galegos emigrados. Quizaves a unha parte escasa daqueles que ascenderon ao paraíso pequeno-burgués co seu traballo, e que cultivan as mezquinas e miserabeis virtudes de clase, esaxeradas polo trasfondo inicial de pobreza. Mais o tópico arxentino peca da arrogancia e da estupidez do aristócrata vido a menos, envexoso do ascenso social dos que despreza. Como un hálito redivivo do 'Porco de Pé' risquián, cos galegos en categoría facendo o papel de Don Celidonio...
Liberarse dos tópicos é bo para a saúde mental. E no seu caso, agora que cada vez temos máis arxentinos por Galiza, a incomodidade dos tópicos que se xeran arredor deles debería facelos pensar no delgada que é a fronteira que moitas veces separa víctimas de verdugos.

Marinha de Allegue disse...

Coincido con F.Miguez, o máis importante é a percepción que temos sobre nos mesm@s. Si non somos capaces de ver e recoñecer a nosa valía temos un problema de autoestima que repercutirá en todalas nosas relacións. Non se trata de comparar, nen moito menos, iso é un gran fallo que esta sociedade incentiva, senón de apreciar o propio e valoralo como tal.

Unha aperta grande.
:)

X disse...

O tópico nace da frecuencia do certo, o malo é cando se asume como a realidade propia.

Jan disse...

POuco máis podo engadir, pero coincido con Marinha e con Miguez en que o impostante é a percepción que teñamos de nós e da nosa cultura. É cómodo instalarse nos tópicos e non reflexionar máis alá.

marcos valcarcel disse...

Só quería recomendarvos os magníficos traballos a este respecto do historiador Xosé M. Núñez Seixas, que traballou abondo na imaxe dos galegos en América. Imaxe que xa dende os anos 20 quixo ser contestada coa asunción da dignidade propia dos galegos: velaí as campañas de recepción ao aviador Ramón Franco: Franco, o noso! o noso! (mal sabían que logo viría outro que tinguiría de terror ese apelido). Saúdos.

torredebabel disse...

Grazas a todos vos polas vosas opinións e miradas. É posible que Mr Tichborne teña razon e

moitos galegos sexan pouco dados a protestar. Pois a cambiar iso! Larvós ten moita razón: o

mais indignante que o discriminador sexa un home cultivado que sen dúbida non está de

acordo con este tipo de prexuizos (ou polo menos iso semella). Tamén coma F. Miguez, X, Jan e Marinha, penso que é central o que vai por dentro o que cada un de nós ve e pensa sobre a propia identidade. Pero iso non é excluinte: eu valoro moito a miña galeguidade e non vou pola vida atancando a quen pensa diferente. Este caso, este conto, é particularmente ferinte porque a galeguidade do personaxe non engade nada: o home é un bruto e nada mais. A identificación do xefe como galego inxustificada totalmente, e o resultado é unha expresión enorme de rasismo que -ainda que sexa repetida e común en moitos lugares do mundo- non deixa de ser por iso menos irrespectuosa. Concordo con Txari: "Hai muito caminho que andar". Eu pola miña banda, e como fixo máis alá, mandei unha carta á revista co espírutu do que di SZ: "Un compendio entre o que di larvós e o que manifesta tchari". E grazas a FraVernero por esa frase tan intelixente: "Agora que cada vez temos máis arxentinos por Galiza, a incomodidade dos tópicos que se xeran arredor deles debería facelos pensar no delgada que é a fronteira que moitas veces separa víctimas de verdugos". Grazas tamén a Marcos pola recomendación. Na Arxentina tamén hai alguns traballos sobre o tema e outros en elaboración como o que fai a doutora Graciana Vázquez Villanueva, profesora titular da Cátedra de Estudos Galegos da UBA, sobre a imaxen da actriz Nini Marshal na construcción da imaxen dos galegos.

Cobiñas disse...

É que, as veces, a práctica da literatura brinda unha boa coartada pra exercer o prexuicio e a xenofobia. Baixo o manto da ficción literaria, acubíllanse tódalas cousas. O verdadeiro problema témolo cando –como no caso deste mal conto- a palabra non pasa dunha parrafada de café que exhibe a reactualización dun tópico tan vello coma a nosa literatura (a arxentina). Non creo que o autor teña mala vontade, creo que lle falta capacide. E está moi ben que esto fique aclarado. Unha aperta, Andrea

ohqtordv disse...

lamento as xeralizacións por tópicas e inxustas. pero tamén eu creo que as xeralizacións son froito da ignorancia e, por tanto, non merecentes de atención e que o respecto a nós mesmos empeza por casa.

pero tamén digo que chamar culpábel ao relato é como matar o emisario que trae a mala nova. o relato pinta un tipo social real. e non se pode facer arte políticamente correcta.
a culpa da realidade non é do escritor. que se podía buscar outro modo de dicir as cousas? pode ser. pero iso podería dicirse case sempre de case todo.
o relato recórdanos a mala nova de que existe o tópico. non o fai con ánimo de destruílo. simplemente faino.

podemos ir contra o escritor ou contra o relato. sería doado. pero con iso non destruímos o tópico. iso é o realmente difícil.

Anônimo disse...

Lamento que se hayan tomado a mal esta historia
Soy hijo de Italianos (por parte de padre) y Gallegos (pr parte de madre) y he elejido el apellido materno para mi humilde carrera de escritor.
Como mucha gente trata de ególatras y fanfarrones a los porteños, y las bromas al respecto mucho ayudan a que nuestra autocrítica. En Bs As, se trató de brutos a los gallego, aunque también se los trató de honestos, amigos y solidarios. Será porque la gente que vino acá era campesina, y no tenía escuela, pero tenía otra cultura, muy valiosa,la de la amistad, la del trabajo.
Mi relato critica a la mujer de este hombre, que se casó con él por su dinero y que no ama lo que él es, aunque él, en ESTE CASO PARTICULAR (solo eso), sea un explotador.
Bueno, quiero mucho a Galicia, tengo amigo y familiares en La Coruña.
Perdón si llos ofendí.
Pablo Ramos