A foto foi tirada no meu segundo cumpreanos. Cunha Kodak Instamatic que levaba un cubiño con catro disparos para o flash. A pesar do tempo, ainda vense as cores daqueles primeiros anos 70: pantalóns rosas, camisas amarelas ou laranxas a flores, saias verdes con raias brancas ou vermellas. E risas.
Pode que polas cores ou pola alegría da ocasión, a imaxe só desentona no xesto severo das miñas avóas. As dúas sentadas unha xunto á outra, nun recuncho da mesa que non daba moito lugar ao movemento. Case recluídas entre a mesa e a parede. Atrapadas. Co aceno rigoroso de quen non quere sorrir. Nin un pouco. Nada. Seriedade.
E sen embargo, non é o rostro o que mais chama a atención senón eses dous vestidos negros de todo, coas mangas ben longas e o escote pechado. Non é porque fora un traxe raro nin porque non sos vira antes. É, sobre todo, porque eu cumpro anos en xaneiro, o mes máis caloroso e abafante de todo o ano e o daquel 1975 non foi a excepción, coma ben se ve nas roupas abertas e liviás do resto dos invitados.
Moitas fotos teño das miñas avóas e chéganme os dedos dunha man para contar nas que non van vestidas de negro. As veces que preguntei por aquela manía dos vestidos negros, miña nai e maila miña avóa Xerónima explicáronme aquilo do loito. Levar roupas escuras un tempo mostraba a pena pola morte de alguén moi querido, segundo me informaron e adoctrinaron. Por iso, a miña avóa ía de negro. Sempre. Ata a única foto que teño dela na praia, vai cun traxe de baño negro.
Entón, o caso pareceume doado e lóxico. Só moitos anos despóis decateime do asunto. Para o meu segundo cumpreanos, o morto máis recente da miña avóa Xerónima levaba case vinte anos baixo terra e o vindeiro ainda tiña tres meses de vida. E nada moi diferente pasaba coa miña avóa Xosefina.
Non sei a idade que terían elas cando vestiron o loito por primeira vez, pero co paso do tempo, das guerras, da fame, dos barcos, das cartas e da dor, eses traxes negros fixéronse unha segunda pel. Os mortos, pode que non tan nosos nin tan queridos, íanse sucedendo e con eles os loitos.
A miña avóa Xerónima pariu ao seu primeiro fillo vestida de negro. A nai dela morrera xusto un mes antes e deixáralle de herdanza un presaxio: no ventre medraba unha nena. A filla máis vella aferrouse á premonición cunha forza que non tiña para que non lle escapase de todo a nai. Pero no derradeiro día de setembro daquel ano naceu un neno e non a filla prometida por aquela muller con demencia senil e tan perdida. Miña avóa viviu aquel erro da sua nai coma unha segunda morte.
No barco viña tamén de negro. O loito, unha ducia de anos despóis, era agora polo pai. O home dela levaba catro anos na Arxentina, pero chegáronlle algo mais de doce meses para ter traballo, casa e diñeiro para reclamar á muller e os catro fillos. Sen embargo, Xerónima non saía da casa ata que o pai morrera que non estaba disposta a deixalo alá nin o home -vello e enfermo- quería vir á Bos Aires. Tampouco quería deixalo ao coidado das suas irmás, non se sabe ben por qué. Entón, tocaba esperar. Tres anos levoulle ao bisavó Emilio morrer e só cando o sol xa non chegaba ao cadeleito, os cinco fixeron os papeis.
Os tíos, veciños, curmáns, coñecidos, tíos de alguén, sobriños doutros e coñecidos de coñecidos foron engadindo novos loitos. Para os anos 70, moitos mortos ainda virían e moitos outros xa eran lembrados cun traxe negro. Pode que o loito fora por todos eles ou pode que por ningún. Pode que o vestido negro e pechado mostrara daquela a pena, xa non pola morte de alguén moi querido, senón pola morte dunha vida que tivo que morrer para que outra necera. Pode que mostrara a dor do perdido, do que quedaba alá. Pode que tamén falara dunha morte de cada un deles: eran os mesmos pero eran outros nesta terra na que eran os diferentes, os que falaban outra lingua, os que comían outras cousas. Os outros. Eses outros que sempre foron e ainda son: os que chegaron, os distintos, os que non-son-coma-nós.
Cos anos, a miña avóa Xosefina morreu. No hospital, conectada a canto tubo e cable había, vestía unha bata branca. Mágoa. De escoller ela, seguramente prefería o batón negro. Xerónima sigue forte e adusta. O negro foi perdéndose co mesmo ritmo ca sua capacidade de dar ordens ás fillas. Mercaron panos con pintitas pequenas que ela mesma cose e transforma en vestidos, saias ou camisas. Logo chegaron as raias e -co tempo- algunhas cores verdes, celestes e marrones. E eu, ainda, me pregunto por qué os meus avós non vestían de negro nin levaban loito ningún.