21 de set. de 2006

Lápices


Abrín a páxina de estalote e quedei cun nó no peito, como llo contei aí mesmo. A miña nai levaba pouco tempo vivindo na Arxentina (chegara so meses antes de Galiza un mes antes de facer os seis anos) e -como os pais non tiñan cartos para mercarlle lapices de cores para a escola- ela e o irmán pequeno recollian do lixo os que os outros nenos tiraban porque xa eran moi pequenos para usalos ben. Mágoa que ás veces, algúns non lembren que fai non tanto tempo eles eran os que chegaban ás praias alleas...

12 de set. de 2006

Terrorismo

Meu avó Xoaquín non tiña medo. A nada. Non, polo menos, que alguén sexa capaz de lembrar. As memorias da familia traeno de volta cando neno, retando a saña do seu avó e coidador ao que non lle tremía a man para darlle canta labazada permitíanlle as suas forzas de vello se o rapaz deixaba as vacas para fuxir á escola a fartar aí a sede de saber que sempre tivo. A noite que o sacaron da carcere na que estaba por fuxir dunha guerra allea (allea a todos os sensatos, como sempre é unha guerra), dixeronlle que ía dar un paseo. El, que ben sabía cal era o destino desa viaxe, tivo a astucia de mandar recado coa nova a certo amigo crego con chegada aonde moitos non chegaban. E non falo do ceo, precisamente. Tivo esa picardía. Pero medo, medo non se sabe se tivo. Nin na guerra. Nin nos anos de Garda Civil. Nin no barco. Nin nos traballos case esclavos que fixo na Argentina. Meu avó Xoaquín non tiña medo.

Xerónima, a miña avóa e a sua viuva, naceu no ano 1916 e soubo cedo na vida que a guerra sentíase no estómago. Como o medo. Moitas veces o terror percorreulle o corpo, xelandolle o sangue e enchoupandoa dun suor frío e paralizante. Pasoulle a vez que os franquistas dispararonlles ás mulleres da aldea para que saisen do camiño. Pasoulle no barco cando Anita puxose maliña e alguén -sen nada de tacto nin idea da diplomacia- contoulle que se morría no mar guindaban o corpo ás aguas. E pasoulle todas as veces que os fillos estiveron no hospital. Pero as veces que é mais intenso ese pánico é nas noites de tempestade: dende nena e hoxe, con 90 anos tamén, sofre cos alustros e tronos dun xeito irracional e intenso. Entón, reza. Coma sempre.


Tamén rezaba moito o meu avó Xosé. E non tanto porque tivera medo do demo, senón porque tiña pánico de Deus. De Deus e do feito na súa vida. Pero esa é outra historia. Lembrei estes contos familiares ao ler unha entrevista á académica Rossana Reguillo, mestra en investigación no Departamento de Estudios Socioculturales del Instituto de Estudios Superiores de Occidente (ITESO), de México. Leva tempo traballando sobre xuventude, culturas urbanas, comunicación e medios masivos, e o medo.

Di ela: “En los últimos tres años -casi cuatro ya- en una intuición muy motivada por mi propio trabajo de investigación previo, entendí que había que estudiar cómo se estaban produciendo los nuevos mecanismos de miedo en nuestras sociedades para tratar de entender precisamente algunas formas de socialidad, algunas formas de comunicación y sobre todo tratar de entender la vida cotidiana, el día a día de nuestras sociedades en América Latina. Ahí empecé a plantearme la necesidad de trabajar el miedo como un dispositivo de control político social, bajo la hipótesis o la premisa de: quien logre apropiarse de nuestros miedos será quien logre definir cuál es el proyecto social del siglo XX”. E, claro, tiven medo.

6 de set. de 2006

Muletas

Non é nova ningunha que o meu galego e eu imos pola vida con muletas. O caso é que -xa nin sei como- atopei un directorio de diccionarios bilingües e multilingües xestionado, pon aí, por “un equipo internacional de lingüistas e informáticos que traballan dende Francia e dirixidos por Sebastian Abbo, o fundador do sitio”.

Contan que o obxectivo de lexicool.com é “o de crear unha ferramenta de investigación que sexa o mais completa e potente posible para os lingüistas e, particularmente, para os tradutores e intérpretes”.

Hoxe, o sitio ten mais de 5 mil links e seica se engaden novos a cotío. O traballo do equipo consiste na pescuda e catalogación de todo diccionario/glosario bilingüe e/o multilingüe disponible gratis en Internet.

A min, os cinco mil se me fan moitos, entón fun ver qué pasaba cos diccionarios de galego. Para o caso de querer mergullar entre o afrikaans-gallego, non so hai aí diccionario, senón que tamén é posible atopar a Declaración Universal dos Dereitos Humans e unha lista cos nomes dos países do mundo. O mesmo para o caso do Albanés-gallego, o Árabe-gallego ou o Bielorruso-gallego, o Búlgaro-gallego, o Chino-gallego, o Croata-gallego, Estonio-gallego, e Finlandés-gallego. A lista é máis longa.

Para as linguas do Estado, como é ben que pase entre os irmans, xa hai mais vinculos. Na autovía que vai e ven do Catalán ao gallego pode un falar de Arquitectura e Construcción gracias a un diccionario Interactivo, pódese aprender algo do Léxico do Transporte de Turismo, ou aprender o nome de moitas Especies Marinas. Para o matrimonio entre o Vasco-gallego tamén están as Especies Marinas, e se enganden o vocabulario das Zona Verdes - Características e Aplicacións das Plantas, e a Declaración Universal dos Dereitos Humans, entre moitas outras ferramentas.

E claro, na lingüa de Castela hai para todos os gustos: Vocabulario xurídico-administrativo, de química, de transporte ou de termos da Internet. Diccionarios da construcción e da computación. Léxico do orientación educativa e profesional, de comercio electrónico, de termos esenciais de botánica, de Historia, léxico editorial e vocabulario de Matemáticas.

A nómina non remata: hai Índice de Plantas Medicinais, a fatídica Taboa Periódica dos Elementos que todos tivemos nas mans na escola. Tamén Léxico Básico das Ciencias Naturais, un Manual de prevención e avaliación de riscos laborais na construcción, o Pan-European Dictionary of Common Names of Wild and Domestic Animals - Mammals and Birds in 53 Languages of Europe, unha ferramenta para usar ben a Fraseoloxía Xurídico-Administrativa e un Vocabulario da fauna mariña.

Xa rematamos case, con tres alfaias: unha páxina coa Terminoloxía do futbol (non están os insultos, non os busquedes), unha base de datos plurilingüe de títulos cinematográficos e o nome das pezas de axedrez en 72 idiomas. Para unha lingua á que tantas veces déronlle a extremaución, non está nada mal. Digo eu.

30 de ago. de 2006

O día do blog

Por Bretemas sei do BlogDay 2006. As instrucción para engadir un novo ladrillo nese muro colectivo, plural, políglota e espallado polo mundo adiante son sinxelas:

O que é o BlogDay?
BlogDay foi criado na convicção de que os bloggers deverão ter um dia dedicado ao conhecimento de novos blogs, de outros países ou áreas de interesse. Nesse dia os bloggers recomendarão novos blogs aos seus visitantes e visitarão blogs recomendados por outros blogueiros participantes, para alargar seus horizontes e criar novas conexões na blogosfera.

O que acontecerá no BlogDay?
Durante o dia 31 de Agosto, bloggers de todo o mundo farão um post recomendando novos blogs a serem visitados. Blogs estes que, de preferência, representem uma cultura, ponto de vista ou atitude diferentes do seu próprio blog. Nesse dia, os leitores de blogs poderão navegar e descobrir blogs desconhecidos, celebrando a descoberta de novas pessoas e novos bloggers e criando novos links na blogosfera mundial.

Instruções para o BlogDay:
1. Liste cinco novos Blogs que você ache interessantes.
2. Notifique por email esses cinco bloggers de que serão recomendados por você no BlogDay 2006.
3. Escreva uma pequena descrição dos blogs e o link para eles.
4. Publique no BlogDay (no dia 31 de Agosto) esse post.
5. Junte a tag do BlogDay usando este link: http://technorati.com/tag/BlogDay2006 e um link para o site do BlogDay: http://www.blogday.org/


Imos alá, entón:

1. Cobiñas: comenzo polo blog de Andrea Cobas Carral, a filla do célebre Pepe Cobas, de quen algunha vez falei. A rapaza é profesora na Universidade de Bos Aires, integrante da Cátedra de Estudos Galegos desa mesma universidade en Bos Aires, investigadora e unha persoa marabillosa, como todos os que fan posible ese lugar de intercambio e coñecemento. O seu blog -dende marzo de 2005- é un perfecto espello do que xurde en Bos Aires da cultura galega e da arxentina. Convídovos!
2. GalizaGlobal: é raro invitar a un blog que apenas está nacendo, pero sei que atoparedes nos días ou semanas vindeiras unha mirada nova e revolucionaria sobre a galeguidade. Non digo mais para gardar o suspenso...
3. Nubosidade Variábel: pode que non teña sentido engadir neste día blogs xa moi recoñecidos. Pero nada dín ao respecto as instruccións, entón eu fago caso a iso de "blogs que ti penses que son interesantes" e, sen dúbida, eu penso que o traballo de SurOeste o é. Valoro moito a calidade das historias, lembranzas, comentarios ou anécdotas. Non son pretenciosas, pero -ao mesmo tempo- sempre din moito mais do que semella que din. Gústame ese xeito de mostrar o mundo e as suas hipocrecías, inxustizas e fermosuras, sen decilo ainda que quede dito. Polo mesmo (e xa sei que é trampa, pero cinco é ben pouco), deixovos o camiño ata un momento e unha perspectiva.
4. Neste ultimo tempo, din con duas páxinas intelixentes, ben informadas e reveladoras para min. Co gallo dramático do lume, O blog do campesiño foi algo de ar entre o fume. Datos e información, onde abunda a palabra fácil e valeira; seriedade e rigor, onde sobra espectáculo e mentiras. Memoria, onde impera o esquecemento. Todo o anotado é do mesmo talle do Blog de Ana Bande ainda que o seu asunto sexan mais os libros, como non podía ser doutro xeito, polo camiño dos textos, Ana Bande deixa pegadas de todos os aspectos da humanidade.
5. O derradeiro, coido, é unha explicación das outras catro eleccións: Falamos galego. En positivo. O blog desenrolado polo profesor e critico e escritor e tantas cousas Marcos Valcarcel coas palabras de Afonso Vázquez Monxardín e tantos outros. No primeiro post, engadido o 18 de xunio, explicaban: "Dende hai un par de meses hai un ruxe-ruxe polo mundo cultural galego e tamén polo mundo das bitácoras galegas arredor da necesidade de buscar un novo estilo de defensa da nosa lingua. Un novo estilo que se define na cabeceira desta mesma bitácora, “Falemos galego. En positivo”, e que pretende buscar tamén un novo discurso que poña sempre en primeiro plano os aspectos positivos da recuperación do idioma e non aqueles, negativos e mesmo de confrontación agresiva, que xa son demasiado subliñados nos medios de comunicación tradicionais". Falemos todos galego! Espallemos as nosas palabras pola internet toda!

24 de ago. de 2006

Onde queda o futuro?

¿Estan envellecendo os centros galegos? A pregunta non é nova, pero poucas veces atopa unha resposta sincera. No ensaio "O papel de Internet na conservación da cultura e identidade galegas entre os descendentes dos emigrantes" o fundador do colectivo Fillos de Galicia, Manuel Casal Lodeiro, di algunhas cousas interesantes.

No artigo que levou o Premio de ensayo "Galeguidade" 2003 de la Xunta de Galicia, o autor asegura que "as cifras dos socios totais inscritos en cada Centro Galego poderían engadir outro motivo de preocupación: nunha grande maioría estase a dar un moderado pero continuo descenso nas últimas décadas. Ás veces o número mantense, pero a costa de se reducir o número de galegos e aumentar o doutras procedencias".

Certamente, o futuro non parece moi prometedor: "Moitos centros están destinados a desaparecer nas próximas décadas, por falta de socios preocupados por manter na emigración a cultural galega, aínda que algúns procederán como foi habitual historicamente a se fusionar con outros para pervivir ou a diluíren os seus obxectivos culturais dentro dunha captación de emigrantes españois sen distinción de orixe. Pero as desaparicións van facer que os que si senten esa inquedanza, non vaian dispoñer dun acceso a esa cultura como o que proporcionaban os centros", denuncia Casal Lodeiro.

E engade: "Esa galeguidade orfa, sen pais nin avós que sigan a aliementar a súa identidade como galegos, sen centros onde acceder á relación social con outros galegos e mais á cultura (por medio dos cursos, actividades, bibliotecas, etc) van precisar outro tipo de acceso a todo o galego, de feito estano xa precisando en moitos lugares do mundo. Velaí onde Internet pode aportar moito".

No mundo do futuro (máis próximo que futuro), pensades que ten futuro a cultura galega fora de Galiza? De quén é a responsabilidade de garantir a sua presencia en cada lugar do mundo onde haxa -cando menos- un galego? Canto facemos os galegos pola nosa identidade? Quen pensa hoxe honestamente nos galegos da diáspora (nos vellos -os dos barcos, a fame e a guerra- e nos novos -os políglotas, profesionais con maestrías e empleos mileuristas sempre fora da terra, moitos fora do Estado-)?

16 de ago. de 2006

Chove en Santiago

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Ãgoa da mañán anterga
trema no meu corazón.


70 anos despois da sua execución, o seu corpo ainda non foi localizado. Nunha reportaxe da BBC, cóntase del: "Vemos a Lorca en la única filmación que existe de él. Es en blanco y negro, y en ella Lorca aparece siempre sonriendo, vital, ayudando con los decorados o actuando. Parece una persona llena de energía. «Federico era radiante y transmitía esa energía a cuantos le rodeaban»", contan hoxe del ainda os que non o coñeceron. Dos seis poemas galegos, da viaxe a Bos Aires, da súa obra, da vida en Fuente Vaqueros, dos rigosos libros de Ian Gibson e de todo o resto pode un falar outro día. Hoxe cumpre lembrar que é un desaparecido. Outro deses que deixa sempre a máquina de matar polo mundo adiante.

8 de ago. de 2006

A nosa cinza

A locura dos piromaniacos? A codicia dos negocios inmobiliarios? Os «despechados»? A memorias das vacas que xa non limpan os montes coma nos tempos dos meus? Todo iso?

(A foto é do blog O quilombo)

2 de ago. de 2006

Unha Galiza global

Co gallo do Día de Galiza, fai alguns días publicouse por segundo ano en Barcelona a revista de pensamento cívico, estudos culturais e solidariedade galega reNOVA GALIza. Nesta edición, a publicación ofrece un monográfico chamado “A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo” no que moitisimos homes e mulleres, intelectuais e artistas, enxenieiros ou políticos, funcionarios e chefs, todos pensan en falan da sua identidade e da terra.

O profesor de Filoloxía galega da Universitat de Barcelona e director da revista, Camilo F. Valdehorras, explica o propósito no editorial: “A nosa idea de “Galiza global” refuga o paradigma da globalización liberal (económica, mediática e “turística”) que ameaza con converter ao mundo nun turbillón de masas migrantes, nun supermercado de escravos laborais e nunha sucesión de parques temáticos. Impugnamos esta globalización negativa que se delata como máscara do imperialismo, depredador de recursos humanos e naturais en beneficio de opacas oligarquías internacionais. Adherimos, en troques, ao globalismo positivo, ético e transformador desta orde mundial inxusta”.

E engade: “Folga lembrar que as identidades culturais son portátiles e transterritoriais, isto é, non dependen das xeografías senón das persoas. É a vontade das persoas, xunto co vínculo familiar, o que forxa os lazos de pertenza (sentimentos, desexos, lembranzas e intereses…)a unha ou outra patria concreta, sendo a mestura de factores étnicos e cívicos os que entrelazan os membros dunha comunidade nacional con independencia do lugar de residencia. Galiza desgaleguizouse coa emigración pero o mundo galeguizouse cos nosos emigrantes. Nesta paradóxica verdade cífrase unha das máis complexas antinomias sobre as que sealicerza o ser desta “Galiza global” que queremos axudar a visibilizar e organizar, como alianza multinacional e multicultural das distintas clases e sensibilidades políticas. Un dosmaiores desafíos a enfrontar polas xeracións actuais é ver de sentar as bases para que floreza nas vindeiras unha Galiza máis libre, máis equitativa, máis próspera e cohesionada como sociedade autocentrada sobre si”.

A idea desa Galiza Global que está xa revolucionando as miradas dentro e fora da terra xurdiu na cabeza e no corazón dunha galega nova, nai e apaixonada nacionalista chamada Ana Miranda. Agarimosa e honesta cos emigrantes como nunca antes eu vira, políglota, con estudos en varias universidades europeas en dereito europeo e internacional e ampla experiencia no Parlamento Europeo, é autora de numerosos artigos sobre dereitos humanos, relacións internacionais e migracións, Miranda é una rara avis da política que moitas veces desconcerta: audaz, intelixente, formada e leal. Ela mesma explica de qué fala cando di “Galiza Global”: “Os galegos, como sociedade do século XXI, deberiamos ter a intelixencia de abordar novos conceptos apostando pola Galiza Global. Como nexo, e contacto, comunicación, transversalidade e innovación, que nos une con outras sociedades. E revalorizar o papel da emigración e a presenza de galegos en todo o mundo por medio da planificación dunha estratexia de aproveitamento desa potencialidade dende varios planos coma o cultural, o económico, turístico e social”.

Pero ela di que vai máis alá ainda: “Precísase facer unha revolta na emigración. O profesor Xosé Manuel Beiras afirmaba que “a emigración, supón na historia moderna das xentes galegas, unha renuncia á revolta”. Chegou o momento, quizais polas ameazantes circunstancias deste mundo globalizado, pola perda de persoas participantes nos centros galegos, polos escasos instrumentos de contactos e soportes culturais existentes anteriormente, de iniciar agora esa revolta. Unha transformación integral para que asuman a súa participación democrática mulleres e nenos, fillos e netos. Para que nos lembremos, un por un e colectivamente, do exilio, da sua pegada, da sua dor. Para que pensemos que o desarraigo e a ansiedade cultural poden ter cura e froitos creadores. Para que exerzamos a diplomacia cultural, social, económica e turística dunha forma activa, non só no marco dos centros galegos senón mais amplamente, para poder relacionarnos bilateral e multilateralmente con individuos, colectivos, asociacións e institucións de calquer lugar do mundo. A Galiza Global precisa dunha oportunidade”.

Velai unha escolma dalgunhas das palabras e das voces que falan nese monográfico. E unha sorpresa ao final para todos vós.

Xosé Neira Vilas (Gres - Vila de Cruces, Pontevedra): “Galicia perdeu coa emigración. Perdeu enerxías. Íase a xente moza, emprendedora, audaz. Quedaban, en xeral, vellos e nenos, eivados e preguiceiros. E quedaban os ricos, que non precisaban ir lonxe para vivir ben, e parasitaban aquí comodamente. Pero de rebote a emigración tamén trouxo beneficios. Non só nos aforros dos emigrantes que posibilitaron que vivisen algo mellor as súas familias, posibilitaron desempeñar unhas leiras ou redimir uns foros ou que os fillos estudasen na Universidade, senón que nos chegaron formas de vida, xeitos de ver o futuro, trescentas escolas, arranxo de camiños, fontes e lavadoiros, restauración de igrexas e ata ideas de progreso, estatutos para sindicatos, normas de hixiene, cemiterios civís...”.

Edmundo Moure (Santiago de Chile): “Nós, os fillos de galegos que tiveramos o privilexio de coñecer o achado da Cultura galega, íamos poñer os nosos pulos vitais na reivindicación da lingua e das auténticas tradicións: as que nos distinguen e dignifican, xa non coma administradores da nostalxia, senón coma artelladores, cara ao futuro, dun patrimonio dinámico e transcendente, única herdanza das xeracións que nos precederan e, asemade, a única proxección posíbel nas canles dunha universalidade respectuosa das identidades culturais… Ben o escribira o noso poeta López Valcárcel:

“Gracias quero dar
pola xuventude e polos sentidos.
polo loureiro e o trigo,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive…”

Eu tamén agradezo, aos nosos antergos e devanceiros, aos fieis penates, deuses lares do fogar, por este galano agromado co sangue do tempo e coa suor de incontábeis mulleres e homes que trouxeran o lume e a palabra a este máxico recanto de Chile. Non é pouca a responsabilidade de manter o facho, máis é grande, sen dúbida, a nosa vontade. ¡Terra a Nosa! ¡Lingua a Nosa!”.

Farruco Sesto (Caracas): “Onde comeza e onde remata Galicia? En que ámbito se constitúe? Nun nome, nun territorio, nunha configuración política, nunha saudade, nunha bandeira, nunha intención, nun recoñecemento de iguais, nun signo, nun destino, na marca dunha sorte de conxurados? Houbo algún tempo no que a procura de respostas claras fixo aflorar poemas que reflectían as mareas internas”.

Xavier Alcalá (A Coruña): “Cando recibín o convite para publicar en reNOVA GALIza, unha vez máis na vida sentín a gratitude que me causa o ser ben recibido polos emigrantes galegos. Curiosa a miña vida: eu son inmigrante nun país de emigrantes, e estou casado cunha inmigrante de país de grande inmigración, a Arxentina. Para rematar, cheguei a ter tres fillos emigrantes, dos cales por fortuna só queda un fóra (precisamente en Cataluña)”.

María Rosa Lojo (Bos Aires): “Tempo atrás, nunha das multitudinarias feiras do libro de Bos Aires, atopei unha colega e amiga, Silvia Bemamán, profesora de Letras, nun espectáculo de música galega (tocaba “Xeito Novo” o “Sete Netos”). Aínda que a música celta, nunha cidade cosmopolita, atrae a públicos de abondo diversos e non só a quen teñen esas raíces culturais, sorprendeume gratamente o interese de Silvia, que era até onde eu sabía, de familia xudía sefardí, procedente de Marrocos. Díxenllo. “Pero cómo -contestoume coa maior naturalidade-. ¿Non sabías que nós tamén somos galegos?” -“Como que galegos? ¿Non eran marroquinos?”. -“Só dende que nos botaron, na época dos Reis Católicos. Pero sempre gardamos a chave da casa de Ourense. Todo o galego me conmove. Nós seguímonos sentindo xente de alí”. Cinco séculos non son nada, podería dicirse, parafraseando o tango. Non o eran polo menos para eses nómades de Sefarad, que conservaron non só unha chave senón, a diferencia de Sarah, a memoria viva, permanentemente actualizada, dese entrañable lugar de pertenza que non quixeran perder”.

Xavier Queipo (Bruxelas): “Quixen dar unha visión que outros non dan por medo ou conservadurismo (as dúas caras da moeda). Unha visión polémica, supoño, no que respecta á valoración do voto dos emigrantes, pero bastante canónica no fondo. Na fin, xa ven, pasei dunha aproximación colectiva a unha aproximación individual. Se cadra isto é un signo dos tempos, onde a literatura testemuñal está tan de moda. Como fun explicando na sección segunda deste testemuño algo aprendín en cada afastamento, en cada emigración en cada exilio. Espero que estas aprendizaxes me valan para un futuro que quero de felicidade e descanso”.

Marga do Val (Tui / Ober-Hibersheim): “Sei que traspaso na miña liorta coas palabras os límites do pasado, furo o aquí e o agora e o acolá que foi en tempos Alemaña e agora un pouco meu. Sei que o futuro non existe máis que como unha evocación do aquí e agora, como unha construción, e non acepto a resignación do mesmo xeito que condeno a crenza en frases lapidarias, estereotipos, que nos condenan como pobo que acepta: Non somos nada e o importante é ter saúde. Renego desa afirmación. E cada día, mentres unha nova palabra alemá se asentaba na miña vida recobraba as palabras de meu, acochadas e gardadas como con medo, ocultas entre todos os xenéricos. Volver escoitar o papafigo e atopar acolá quen imite o seu canto deume a clave definitiva de cal é a miña patria. Creo e afirmo, como Thomas Mann, que a miña patria é a lingua. A lingua que me identifica como pertencente a un pobo, a lingua a través da que aprendo outras linguas, outros códigos, esa lingua que revive nas palabras que nos revitalizan cada día. E iso debe ser o que nos comunica a través das nosas fronteiras elásticas, o que nos conduce contra o global e no global. Sermos pola lingua que nos nomea, sermos patria ou nación, coa palabra que nos dá vida: Galiza, esa lingua. Mais sabedes? Na equipaxe da miña valixa vai xa prendidiña unha ponla de malvadolor, eu que herdei as mans máxicas da miña avoa, por iso quero o seu nome”.

Miguel Allo Vázquez (Bruxelas): “Onde se acaba o territorio galego? Poucos lugares no mundo visitei onde non coñecese un galego. Miña nai sempre me preguntaba cando volvía dunha viaxe: A que atopaches un galego por alá? Non podo falar dos galegos que vivimos fóra sen falar da morriña. Lémbrome, cando era pequeno, ao final das vacacións, ter que deixar a miña terra para volver a Bélxica, era un calvario. Unha vez na autoestrada de Castela, xa non estaba na miña terriña, dicíalle aos meus pais: isto que é, ha de haber indios por aquí? Nese momento preciso empezaba a morriña. Enfermidade da que aínda hoxe non atopei o remedio e non creo que exista. Son fillo de emigrante e algún de vós ha de dicir, que como pode ter morriña un fillo de emigrante. A única explicación que eu vexo é falar da memória colectiva do noso pobo que rexorde nun momento dado na vida de moitas persoas. Na miña casa, meus pais falaban o galego entre eles, o raro é que lle falaran en castelán aos seus fillos. Facíano polo noso ben, claro. Dicían : En la vida, os ha de hacer más falta el español que el gallego. En parte tiñan razón: o traballo que fago na actualidade podo facelo porque falo o castelán. E con todo iso, cando chegaba á Illa, por exemplo, eu queria falar o galego cos meus amigos. Parecía que a miña personalidade cambiaba co idioma que elexía para expresarme. Para min, iso ten tamén a sua explicación. O idioma vehicula a cultura e a maneira de ser dun pobo”.

Ruy Farías (Bos Aires): “Hai un tempo, parolando con Antonio Pérez-Prado, o autor de Los gallegos y Buenos Aires2 , pregunteille qué era el: ¿arxentino? ¿galego? ¿galaicoarxentino? Contestoume “Son un galego ectópico”. Antonio, que naceu en Bos Aires de pais de Parga e Baamonde, considérase un galego criado fóra do útero de Galicia. Como unha homenaxe a quen o acuñou, nunca emprego ese termo para identificarme como o que son. Arxentino con ascendencia paterna vencellada ao país profundo, mais tamén fillo de nai galega, o meu xeito de responder á mesma pregunta non se afasta, porén, moito daqueloutro: son conscientemente galaicoarxentino, e pertenzo tanto a un lugar como ao outro”.

Tamén din o seu Ignacio Ramonet (París), Suso Mon (Barcelona), Ramón Chao (París), Fermín Bouza (Madrid), Constanza Tobío (Madrid), Luís Calvo Salgado (Zurich), Carlos A. Salgado (Roma), Olga Nogueira (París), Manuel Casal Lodeiro (Barakaldo), Elixio Rodríguez (México), Emilio Marí Solera (Barcelona), Paz Noya (París), Xelís de Toro (Brighton), Verónica Codesal (Bruxelas), Xesús Gómez «Miño» (Montevideo), entre moitísimos outros. E tamén Acedre, Marinha de Allegue, Kiko Novas, Rabudo, Veloso, Manuel Gago, Calidonia, Parzival, Sihomesi, Mr Tichborn, Eduardo Estévez, Xavier F.M., Xose Anton Vicente Rodríguez, Manuel Casal Lodeiro, a Ciberirmandade da Fala. A todos vós, que con tanta amabilidade responderon as miñas preguntas para este artigo, moitísimas grazas! E aos que tamén o fixeron para outra nota que xa poderedes ver cedo, tamén grazas!

24 de jul. de 2006

Santiago e a miña patria

"Creo que as nacións hoxe non son territoriais e definidas. Somos arco irís, o touciño entrefrebado. Son o que cada un quere que sexan. Antes, as identidades, por exemplo lingüisticas estaban moi claras. Ou falabas español ou inglés ou francés ou galego... Agora, falamos varias.... e cantas máis mellor. Se eu falo inglés, son un pouco inglés, se me río cun senegalés, son un pouco senegalés. Igual que a identidade lingüística é xa persoal –que linguas falo- a identidade nacional, tamén é algo persoal. ¿Nacionalidad? Terrícola. Nacionalidade? As miñas fillas. Nacionalidade? A miña muller".
Afonso V.Monxardin

13 de jul. de 2006

"El gallego perfecto"

La mujer de mi vida é unha revista interesante. Reune contos e textos mais ou menos literarios que unha vez ao mes dan voltas ó redor dun asunto. Poden ser as loiras, o control, a queixa, o diñeiro, a moda... todo dende unha mirada ben porteña: moito psicoterapeuta, bastante retranca, non pouca superioridade e, moitas veces, tamén moito talento. O xefe é o tema do último número. Coma sempre, as sinaturas falan dunha nova xeración de escritores e escritoras arxentinos, progresistas e intelixentes, con bos libros publicados, recoñecidos (sen ser moi famosos) e cunha carreira nas letras arxentinas que adianta a forza de méritos nunha leira na que non é doado sementar logo de Borges, Cortazar, Puig e tantos outros. Pablo Ramos é un deses autores. E, falando de xefes, deu en contar a historia dun que tivo e que era galego.

Tanto ten que a história sexa real ou non. A galeguidade do xefe non aporta nada novo senón que alimenta (de novo, unha e mil veces) a imaxen de bruto que está asociada ós homes e mulleres que chegaron a esta terra. O galego chámase Perfecto (sería Perfeuto, pero Ramos -sen inocencia, claro- prefire o nome en castelán que tan irónicamente contrasta coa imperfección, coa brutalidade deste home). O galego é un explotador, vaidoso, esaxerado e bastante parvo (fronte ó moi listo autor). É un ignorante, un cretino e un imbécil. E, se iso non é bastante, ten unha muller tamén inculta (ainda que é inexplicablemente arquitecta) que, por suposto, está moi interesada no autor.

Só teño preguntas.

Non, non é verdade. Teño algunhas preguntas e moita indignación. Sobre todo por duas razóns: a primeira, Ramos -que non é un home discriminador- naceu e medrou en Avellaneda, unha cidade cunha taxa de galegos e galegas moi por riba das outras deste país (menos Bos Aires). É decir: alimenta, hoxe, no século XXI, un prexuizo cheo de ignorancia e o fai sen sequera querelo. Sen sabelo, diría eu. Pero coñecendo, sen dúbida, a dor, a inxustiza, o sofremento que calquera minusvaloración leva ás xentes. A segunda: a galeguidade do personaxe non engade nada de nada. Para falar dun home bruto e ignorante, para debuxar esas características nun conto, digo eu que nada sei de literatura, haberá moitos recursos e ferramentas tanto mais delicadas, sutiles, intelixentes, virtuosas co de etiquetalo cunha nacionalidade tan inxustamente maltratada.

O historiador e sobre todo amigo Ruy Farías, nun destacado artigo que se publicará nestes días nun monográfico sobre os galegos no mundo que ven coa segunda edición da revista ReNova Galiza, dí: "O estereotipo do “galego bruto” aínda segue presente na Arxentina. Nos noventa foi un éxito de vendas un libelo miserable de “chistes de gallegos”. O último 23 de abril, seis días antes de que na Feira Internacional do Libro se presentase a derradeira novela de María Rosa Lojo (literata e investigadora arxentina que sempre reivindica a súa condición de filla de sangue galaica), o xornal de maior circulación do país (Clarín) publicou na súa contracapa un chiste que abunda no ferinte estereotipo do galego. Sería isto posible con outras colectividades da Arxentina? Que acontecería se o mesmo xornal incluíse algunha viñeta na que se aludise ao estereotipo do xudío rácano e miserable? A comunidade xudía organizada, os xudíos como colectividade, pedirían a través dos seus máximos representantes unha reparación pública do agravio e encetaría accións legais contra o ousado. Como é lóxico, a comunidade xudía na Arxentina ten as súas diferenzas internas, pero de cara ao conxunto da sociedade respostan máis ou menos de xeito monolítico, defendendo os seus intereses e o seu nome. E souberon artellar unha mensaxe de orgullo identitario cara ao resto da sociedade Arxentina, en ocasións a partir dos mesmos agravios que recibiron".

¿Por qué os galegos non fundamos dunha vez unha nova idea da nosa galeguidade? Os dalá e os dacá e os do mundo. Todos nós. ¿Por qué non comenzar hoxe mesmo, con este conto, con este autor, con esta revista?

6 de jul. de 2006

Fíos invisibles

Xulia medra as veces en Bruxelas e as veces en Vigo. Santiago crece en Bos Aires. Xulia estase despedindo dos dous anos para facer o luns os tres, mentres que Santiago non sabe que esta fin de semana quedanlle ainda dous meses para chegar aos dous anos. Xulia fala galego e francés. Ou as duas linguas xuntas. "Bolborettes", dí. Santiago está aprendendo a falar e as poucas palabras que dí son en castelán. Sen embargo, cando alguén pregunta o seu nome, el sonrí e responde: "Iagoooo". E ten un sorriso fermoso e auténtico como o de Xulia. Fai un tempo, unha amiga regaloulle a Santiago un libro dos Bolechas. A él gústanlle moito os libros e cando mira ese, pon o dedo sobre o can Chispa e di: "Bababau". Logo pasa ao bebé da familia e dí: "Tatá". E como o nome de Pili e Loli non é capaz de decilos, pousa o dedo sobre eses debuxos cando alguén os lee. En Bruxelas ou en Vigo, Xulia pide un conto cada noite. As bandas deseñadas de Mafalda aínda non llas leen porque falan dun mundo que chegaralle o tempo para coñecer. Pero sabe ben que é a nena mais famosa da Arxentina porque se lle parece moito e porque ten unha boneca coa que durme ás veces. Por iso, cando chega o momento da historia que a levará á terra dos soños, Mafalda deixa o lugar a unha princesa oriental contada en castelán pola autora María Elena Walsh, un clásico na quinta provincia, nun libro que lle foi regalado dende Bos Aires. Fíos invisibles entre a Mafalda galega que vive en Bruxelas e o Bolechas arxentino. Fíos invisibles entre os galegos do mundo. Gústanme moito estes fíos invisibles.
adicado á admirada Anita

29 de jun. de 2006

Solteiras

O último post de Marinha fíxome lembrar dunha xa mítica planta de Hortensias que houbo fai décadas na casa dos meus. Eu non cheguei a coñecela, pero seica que o arbusto arrincou suspiros de admiración moitísimas veces por mor das fermosas flores que botaba. A planta naceu, paréceme lembrar que soa e sen ser sementada por ninguén, debaixo da fiestra da cociña. Non era un lugar de moita terra. Pero iso non dí nada especial xa que nesa casa na que ainda hoxe se cultivan fabas, berzas, pimentos, tomates, amorodos, uvas e flores que van dende a camelia ata as rosas ou margaritas, nunca tivo mais que macetas.

Por iso, a ninguén sorprendía tanto que a devandita Hortensia medrara coma se fora alimentada con anabólicos tendo apenas centímetros de terra para nutrirse.

Miña avóa –é inutil escondelo- sentíase orgullosa pola magnitude da planta. E tamén pola fermosura que todos lle recoñecían. Non a mostraba sequera. Pasaba por aí con calquera visita coma se o espécime non estivera e, cando a persoa reparaba no exemplar e falaba dos seus atributos, ela minorizaba o tema de xeito inversamente proporcional ao que medraba a sua vaidade.

Un día deses (un fatídico día tería que anotar), alguén comentou fronte á Hortensia que esas plantas eran fonte de mala sorte. Se fora só un asunto de boaventura e destino a miña avóa non tería nin se decatado da observación, pode que atribuida á envexa pola fermosura das flores e follas. Pero esa persoa falou dun tema sensible e desacougante: a filla solteira.

Daquela, a miña madriña tiña 28 anos, unha vida plena e a paciencia murcha dos lamentos dos parentes por non terse casado ainda. Non casaba porque non quería que os mozos nunca lle faltaron. Pero iso non era resposta para os pais que vían pasar os meses coa angustia de quen perde, pinga a pinga, a derradeira auga que lle queda no deserto.

“As Hortensias fan que as fillas non atopen noivo”, dixo aquela voz e á miña avóa o corazón deulle un salto. A planta non volveu ver o sol nacente. Foi arrincada, con flores, follas e raíces... non fora o demo e volvera a aparecer por aí. E a filla casou dalí a un ano.

Marinha contoume que alá esa creencia non a había. Pero seica que as Hortensias non son as únicas que levan un deses sanbenitos. Félix Molina Tellez, no seu "El mito, la leyenda y el hombre - Usos y costumbres del folklore" fai unha lista de outros exemplares malfadados: a flor da magnolia din que trae mala sorte para os donos da casa; as figueiras son árbores nas que os trasnos se escónden polo que se fai unha cruz no tronco para que eses malos espíritus saian dalí; e tampouco hai que cortar figos con moito sol porque a planta anóxase e fai que saian ampolas nas mans.

22 de jun. de 2006

Viúvas

A foto foi tirada no meu segundo cumpreanos. Cunha Kodak Instamatic que levaba un cubiño con catro disparos para o flash. A pesar do tempo, ainda vense as cores daqueles primeiros anos 70: pantalóns rosas, camisas amarelas ou laranxas a flores, saias verdes con raias brancas ou vermellas. E risas.

Pode que polas cores ou pola alegría da ocasión, a imaxe só desentona no xesto severo das miñas avóas. As dúas sentadas unha xunto á outra, nun recuncho da mesa que non daba moito lugar ao movemento. Case recluídas entre a mesa e a parede. Atrapadas. Co aceno rigoroso de quen non quere sorrir. Nin un pouco. Nada. Seriedade.

E sen embargo, non é o rostro o que mais chama a atención senón eses dous vestidos negros de todo, coas mangas ben longas e o escote pechado. Non é porque fora un traxe raro nin porque non sos vira antes. É, sobre todo, porque eu cumpro anos en xaneiro, o mes máis caloroso e abafante de todo o ano e o daquel 1975 non foi a excepción, coma ben se ve nas roupas abertas e liviás do resto dos invitados.

Moitas fotos teño das miñas avóas e chéganme os dedos dunha man para contar nas que non van vestidas de negro. As veces que preguntei por aquela manía dos vestidos negros, miña nai e maila miña avóa Xerónima explicáronme aquilo do loito. Levar roupas escuras un tempo mostraba a pena pola morte de alguén moi querido, segundo me informaron e adoctrinaron. Por iso, a miña avóa ía de negro. Sempre. Ata a única foto que teño dela na praia, vai cun traxe de baño negro.

Entón, o caso pareceume doado e lóxico. Só moitos anos despóis decateime do asunto. Para o meu segundo cumpreanos, o morto máis recente da miña avóa Xerónima levaba case vinte anos baixo terra e o vindeiro ainda tiña tres meses de vida. E nada moi diferente pasaba coa miña avóa Xosefina.

Non sei a idade que terían elas cando vestiron o loito por primeira vez, pero co paso do tempo, das guerras, da fame, dos barcos, das cartas e da dor, eses traxes negros fixéronse unha segunda pel. Os mortos, pode que non tan nosos nin tan queridos, íanse sucedendo e con eles os loitos.

A miña avóa Xerónima pariu ao seu primeiro fillo vestida de negro. A nai dela morrera xusto un mes antes e deixáralle de herdanza un presaxio: no ventre medraba unha nena. A filla máis vella aferrouse á premonición cunha forza que non tiña para que non lle escapase de todo a nai. Pero no derradeiro día de setembro daquel ano naceu un neno e non a filla prometida por aquela muller con demencia senil e tan perdida. Miña avóa viviu aquel erro da sua nai coma unha segunda morte.

No barco viña tamén de negro. O loito, unha ducia de anos despóis, era agora polo pai. O home dela levaba catro anos na Arxentina, pero chegáronlle algo mais de doce meses para ter traballo, casa e diñeiro para reclamar á muller e os catro fillos. Sen embargo, Xerónima non saía da casa ata que o pai morrera que non estaba disposta a deixalo alá nin o home -vello e enfermo- quería vir á Bos Aires. Tampouco quería deixalo ao coidado das suas irmás, non se sabe ben por qué. Entón, tocaba esperar. Tres anos levoulle ao bisavó Emilio morrer e só cando o sol xa non chegaba ao cadeleito, os cinco fixeron os papeis.

Os tíos, veciños, curmáns, coñecidos, tíos de alguén, sobriños doutros e coñecidos de coñecidos foron engadindo novos loitos. Para os anos 70, moitos mortos ainda virían e moitos outros xa eran lembrados cun traxe negro. Pode que o loito fora por todos eles ou pode que por ningún. Pode que o vestido negro e pechado mostrara daquela a pena, xa non pola morte de alguén moi querido, senón pola morte dunha vida que tivo que morrer para que outra necera. Pode que mostrara a dor do perdido, do que quedaba alá. Pode que tamén falara dunha morte de cada un deles: eran os mesmos pero eran outros nesta terra na que eran os diferentes, os que falaban outra lingua, os que comían outras cousas. Os outros. Eses outros que sempre foron e ainda son: os que chegaron, os distintos, os que non-son-coma-nós.

Cos anos, a miña avóa Xosefina morreu. No hospital, conectada a canto tubo e cable había, vestía unha bata branca. Mágoa. De escoller ela, seguramente prefería o batón negro. Xerónima sigue forte e adusta. O negro foi perdéndose co mesmo ritmo ca sua capacidade de dar ordens ás fillas. Mercaron panos con pintitas pequenas que ela mesma cose e transforma en vestidos, saias ou camisas. Logo chegaron as raias e -co tempo- algunhas cores verdes, celestes e marrones. E eu, ainda, me pregunto por qué os meus avós non vestían de negro nin levaban loito ningún.