1 de abr. de 2007

Os xeitos da presencia

“Cada unha das víctimas da dictadura militar arxentina tiña esperanzas, proxectos de vida que quedaron truncados", dixo o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel na presentación do informe Galegos víctimas do xenocidio arxentino, do político Lois Pérez Leira e a xornalista e locutora Mónica Lázaro Jodar.

“Non son unha lembranza con morriña, senon unha presencia que nos chama en cada inxustiza do presente, en cada cativo que non ten que comer hoxe”, dixo Nora López Tomé, unha das sobreviventes do centro clandestino El Vesubio.


Ningunha guerra é allea. Ningunha.

24 de mar. de 2007

Música galega na ialma

Fai algo menos dun ano, unha amiga desas que fan a vida máis bonita deixoume un agasallo na casa. Nese momento, entre as verbas, a comida, a ledicia do cotilleo compartido, non reparei especialmente nese CD que viña cunha aclaración engadida: “Son unhas rapazas estupendas que fan música en Bruxelas”, dixo a miña amiga.

Esa noite o CD foi a melodía que pintou de cores as nosa estridente conversa. Ao día siguinte, xa soa, volvín escoitalo: puxen o disco no aparello, senteime e fun siguindo as músicas coa lectura do libriño que ven con el. Coma os catadores que dedican todo o tempo do mundo a unha copa de viño, escoitei unha e mil veces e reparei unha e mil veces nas imaxens. O que atopei nelas era algo fabuloso: mozas guapas, listas, talentosas e novas facendo música tradicional pero sen renunciar ao tempo no que viven.

Se cadra, a tarefa dos artistas sexa só traballar no seu arte. Pero dende fora, esas rapazas son un exemplo marabilloso para tantos e tantos fillos e netos de galegos que non se achegan a súa orixe porque pensan que "é cousa de vellos" ou, pior ainda, porque herdaron o menosprecio ao galego identificado coa pobreza e a brutalidade. Ese CD, ese talento, esas imaxens fan maxia!

As rapazas das que falo se chaman Nuria Aldao, Natalia Codesal, Veronica Codesal, Magali Menendez e Marisol Palomo, e conforman Ialma. Non puideron atopar mellor nome para o que fan: música que chega a alma, música que cruza océanos e achega aos galegos do mundo. Ialma é unha ponte delicada e seductora pola que uns e outros, galegos todos, podemos ficar moito máis preto.

Déixovos algunhas das cousas que contaron nunha entrevista que lles fixen polo correo electrónico e que podedes ler completa aquí.

- Por qué un grupo de mozas novas que vive en Bruxelas escolle adicarse á música galega con fortes pegadas do tradicional?
- En primerio lugar, porque a música, a cultura galega, son as nosas raíces. Aínda que sexamos residentes nunha cidade coma Bruxelas, seguimos mantendo a nosa identidade como galegas na propia emigración, como fillas de emigrantes galegos. A música galega formou sempre parte da nosa vida. Xa máis tarde descobriunos a discográfica EMI e fixemos o noso primeiro cd "Palabras Darei" no ano 2000. O máis interesante, sen dúbida, é dar a coñecer e comprartir a nosa cultura galega cos cidadáns belgas, que alucinan con todo o que temos que ofrecer como galegas, e se cadra isto é debido a que en Bélxica non existe unha tradición oral tan forte coma en Galicia.

- De que xeito traballades o tradicional mesturado co pop mais actual? Quero decir, como fustedes construindo ese estilo co tempo?
- O primeiro cd de Ialma, Palabras Darei foi íntegramente a cappella, no que se deu a coñecer a tradición oral galega máis pura. Xa no segundo, Marmuladas, mesturamos a tradición galega con músicos e ritmos belgas, que fixo da nosa música algo moi peculiar e moi diferenciado doutros grupos de cantareias que xa existían en Galicia. E neste último cd, Nova Era, foi no que houbo máis cambios: houbo cambios no grupo, chegou Nuria dende Galicia, que non é filla de emigrantes pero sí emigrou dende Pontevedra a Bruselas fai dous anos! A nivel musical, traducíronse todos os textos das cancións en galego, de xeito que todas as cancións están cantadas en galego. E ademáis quixemos invitar a xente que coñecimos ó longo da nosa traxectoria coma grupo: xente de aquí, de Bélxica, pero tamén xente da nosa terra, de Galicia, xente coma Mercedes Peón, Quique Peón, Guadi Galego, etc. En ova Era" non hai soamente temas recollidos, de tradición, senón que tamén hai temas propios, compostos por nós ou concretamente un tema, Cantar e olvidar composto por un amigo noso, Miguel Allo, que tamén é un dos galegos residentes en Bruselas e fillo de emigrantes. Fixemos tamén algo que nunca fixo un grupo de cantareiras anteriormente, que foi versionar e facer coma propia unha canción do grupo americano Red Hot Chili Peppers, un tema, Lévame, moi especial gracias á colaboración que tivemos por parte das Damas de Laxoso. E aparte de todo isto, está tamén o noso productor, Adriano Cominotto, un italo-belga que non coñecía en absoluto a música galega! e que polo tanto puido traballar dende un punto de vista completamente neutro, o que foi tamén moi enriquecedor para nós.

- Se fora posible xeralizar, cómo conectades co publico galego maior na diáspora e cómo cos mozos, fillos deles (pode que netos)?
- Cando facemos un concerto en Bélxica é doado que haxa entre o público algún galego…: emigrante ou ben fillo de emigrante. Sempre ó rematar ós concertos achegámonos o público, falamos con todos eles porque tamén nos permite saber cómo acollen a nosa música e que é o que pensan realmente. En Galicia pasa o mesmo, pero é se cadra diferente, a emoción que temos sempre é maior cando se canta en Galicia, e por suposto tamén intentamos contactar co público, como fixemos o pasado verán na nosa primeira xira galega.

- Contabas fai tempo que cando actuades en Bélxica sodes galegas e cando actuades en Galicia sodes belgas. Ten lugar a cultura galega para os traballos feitos por galegos fora da terra?
- Como galegas residentes na emigración, temos asociadas dúas culturas diferentes: a belga e a galega, collendo o mellor sempre de cada unha delas. Aínda que nacimos en Bélxica, somos galegas. O feito de facer un proxecto coma o noso no marco da emigración, fixo que a música galega se extendese e se dese a coñecer nese marco, non só en Bélxica, senón tamén noutros países de Europa. E isto tamén facilitou a que moitos grupos de Galicia viñeran a tocar a Bélxica porque había xa un interese pola música galega.

- Algo parecido pero diferente: E cultura galega o que fan os fillos e netos de Galicia na diaspora?
- Sempre e cando o que fagan os fillos e netos de Galicia sexa para apoiar a cultura galega, entón sí. A cultura galega pódese apoiar na diáspora a través de moitas canles, non soaemente a través da música, que é sen dúbida unha delas.

- Canto pode facer pola lingua galega e a sua pervivencia o traballo de artistas que como vós canta en galego fóra de Galicia?
- Penso que moitísimo. E non soamente para a lingua, senón tamén para a música e a cultura en xeral. Cantando en galego, dás a coñecer a lingua galega, e indudablemente tamén axudas a súa pervivencia, pero tamén dalgún xeito das a coñecer ó mesmo tempo rasgos da cultura galega, debido a que é precisamente a tradición o que se dá a coñecer cando se canta en galego, e , na maioría dos casos, para un público que tra-lo concerto aumentan o seu interese por coñecer todo o que teña relación con Galicia.

- Algo máis, se pode facer música seductora para a xente nova que sexa cantada en galego? Ou só o ingles é unha ponte para a xuventude?
- Sí que se pode facer música seductora para a xente nova en galego, pero é certo que é moi difícil entrar no mercado musical da xente nova con música cantada en galego, a pesares de que Ialma teña xa un certo recoñecemento e o seu público abarque case tódalas idades. Pero é verdade que o inglés segue sendo quizáis a lingua maioritaria neste senso.

- Cales serán os vindeiros pasos de Ialma. En qué estades traballando e cales son os proxectos mais importantes deste ano 2007?
- En primeiro lugar, seguir promocionando este disco, Nova Era. E tamén preparar o que podería ser a nosa segúnda xira en Galicia no verán, porque un verán sen xira en Galicia non é un verán para nós! E comezar a traballar xa no que sería o novo disco, que saldría no 2008.

21 de mar. de 2007

Poetizarse

1- A poesia non morde, non fai dano e, ainda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin dificil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.

2- A poesia serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, muscar, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa as persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.

3- Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, meredendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademáis, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.

4- A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na turina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.

5- O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En definitiva, facer da poesía un prazer.

5 motivos para ler poesia - Fran Alonso

Ao manifesto de Fran Alonso, co gallo do Día da Poesía, engado eu que a poesía axúdanos a lembrar: lembrar quén somos e sobre todo dende onde vimos. Tamé, polo mesmo, cara onde marchamos. De cando en vez, gústame pasar uns minutos entre marabillosos poetas galegos que me contan, ao oido, so para min, esas historias, eses versos tecidos artesanalmente con palabras fermosas.

Eu quedo con estes, hoxe, escollidos arbitrariamente. Porque sí. Ainda que un dos poemas que máis me emocionan, unha e outra vez, estea escrito en castelán. Ainda que teña lembranzas que se contan a partir dun poema. Ainda que me fascine atopar un deles de cando en vez xurdido na miña casa. Coido que, ainda sen sabelo, todos temos a vida atravesada por poemas.


Pontevedra

Zbarski, Adrio, Bóveda, fouces, martelos, patria.
Xullo do trinta e seis, cando a vergoña abafa.
Ludres, bostas, apóstemas, enfóuzannos a ialma.
Na Caeira un piñeiro secou de tantas balas.
Corvos de alma de aceiro pairaban sobre a Fracha.
Poio Pequeno éravos un lugar sen lembranza.
Na Moureira laiábanse os xeiteiros e as lanchas.
Casino, tres da tarde, xarutos, gargalladas,
Víctor Lis de uniforme narrando a paseata
en canto Bernardito López arregañaba
a dentamia de ouro, a dentamia canalla.
Pola Rúa da Oliva case ninguén falaba.
Era todo silencio en Mourente e na Parda.
Carne de testemuño os veigais estercaba.
Xullo, noventa e dous, resistimos, qué pasa.
Os mortos non vingados nos coutan a esperanza.
Zbarski, Adrio, Bóveda, fouces, martelos, patria.

Vigo 1992.
Xosé Luís Méndez Ferrín


O povo que deixa

O POVO que deixa perder a sua palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente sua,
está emprobrecendo ó mundo
e perpretando o seu propio xenocidio.
Ese povo vil
ollará aniquilada a sua lembranza
e o seu nome indigno
borrárase, sen máis, do universo:
hai agresiós á beleza e ó espíritu
que a vida non tolera nen perdoa.

Monforte de Lemos, 1998
Manuel María


A miña lingua nativa é o fascismo
A imposibilidade do fascismo para dicir os nomes do real.
PerturbaciónOrixe

Muros, 1995
Chus Pato

15 de mar. de 2007

A intelixencia

Meu avó Xoaquín non ía á escola cando neno. Iso, que para o resto dos rapaces puideira ser un aceno da deusa fortuna, para el certamente non o era. Rabeaba por aprender as contas e as letras, pero as vacas comían todos os días, a terra non entendía de ensinos con libros e os avós ian vellos demáis. Entón, a escola semellaba unha perda de tempo, un luxo e eles, claro, non eran xentes de luxos. Máis ben, eran xentes de paos.

Meu avó Xoaquín non ía á escola cando neno. Cando menos, non ía todos os días porque, ás veces, deixaba as vacas no monte e fuxía... á escola! Dende pequeno foi un rapaz brillante, listísimo e dunha rapidez mental insospeitable para un ninguén, coma el. Non poucas labazadas levou por esas trasnadas ao revés. Con todo, cando os anos e a vida convertérono no avó Xoaquín, aquelas poucas horas na escola ainda lle permitían facer razonamentos e abstraccións inverosímiles para un home con unha biografía coma a del.

Tiña eu uns 12 anos cando din en furgar entre as súas anotacións de pescador: pasaba moitos meses na casa de Mar del Plata, ocupando o tempo, os días, a vida, na pesca e daquela podíase decir que era un especialista.

Xoaquín levaba un rigoroso rexistro das especies que a sua cana pillaba cada día. Ademáis, facía sofisticados cálculos do que podía conseguir conxugando as mareas, a hora e o clima. Nesas andaba eu, fochicando nas taboas de horarios de baixamar e preamar, por ver se atopaba algunha lóxica ás series de letras, números e debuxos completamente incomprensibles.

Nada. Non había maneira. Iso semellaba un código segredo dos que se poden ver nas películas de espías.

E, certamente, era un código. Ainda hoxe, tantos e tantos anos despóis, lembro nidio o trazo firme e lento da combinación que representaba ao "pejerey": P-G-(e o deseño dunha coroa). Calquera dos meus alumnos, afeitos a escribir con présa, podería lucir moitas destas claves nos seus apuntamentos. Pero o meu avó Xoaquín non ía á escola cando neno. Cando menos, non ía todos os días. E os que foi pagounos carísimos: cobrábanllos en paos, berros e labazadas.

Hoxe preguntábame de qué falamos cando falamos da intelixencia? E a única resposta que fun capaz de tecer foi esta historia.

8 de mar. de 2007

Carlos Casares

Cheguei tarde a Carlos Casares. Moi tarde. Cando lin a súa primeira novela, xa morrera tempo atrás. E, por iso, non souben da curiosidade de todas as semanas por descubrir historias á marxe, a ledicia de agardar os libros saídos do prelo apenas horas antes, e o disfrute da súa conversa que ainda hoxe, cinco anos despóis, moitos botan en falta.

Con todo, daquela e agora tamén, conmóvenme fondamente as pegadas de agarimo que deixou nos que o recordan. E chámame a atención tanto afecto, tanto cariño, tanta dor pola súa ausencia porque -como todos os outros ámbitos- o mundo das letras, os escritores e os críticos non adoita ser moi xeneroso que digamos. É moito máis doado atopar comentarios ferintes sobre un autor, dúbidas sobre o seu talento e desprezo á sua obra, que palabras de louvanza. É moito máis doado agás no caso de Carlos Casares.

Conmoveume o día que, procurando quén sabe qué, atopei un artigo desesperado e fermoso de Manuel Rivas no que decía, so horas despóis da morte de Casares:

"Disque unha cousa é o que existe e outra o que sucede.

Sssssh. Non dicir que morreu. Non llo dicir a ninguén. Tampouco hai que mentir, claro. Non dicir nada. Temos que admitir a realidade. Pero a realidade tamén debería ser máis dialogante. Non pode chegar como unha ladroa na noite, e levarse, así como así, do melloriño que temos, a lúa polo prezo dunha mazá reineta.

Podemos chegar todos a un acordo. Para iso está a literatura. Pararlle un pouco os pés á realidade. Non aceptala cando se comporta como un rufián que anda acoitelando corazóns e reloxos desta maneira. Independentemente do que sucede, Carlos Casares existe. Si, señor. É un grande escritor e un gran tipo. Un froiteiro en flor. Da mellor estirpe de Galicia, a da liberdade, o humor e un pisco de melancolía.

Sempre haberá algún túzaro que veña coa verdade por diante como unha máquina cortadora de céspede: «¡Morreu, morreu, morreu!».

Non facerlle caso. É a realidade que anda a meter ruído. Nós escoitamos a voz de Casares escribindo no aire. Abrimos o libro como quen abre unha cancela e imos por esa corredoira do segredo: ¡Alí está Carlos falando coa rosa, o raposo e o principiño!

E o tipo da cortadora, dalle que dalle: «¡Morreu, morreu, e morreu!».

Hai que manterse firmes. Non deixarse comer a moral. ¿Morreu? ¿E sábelo ti, eh, listo espelido? Porque unha cousa é morrer un día, por exemplo o 9 de marzo do 2002, e outra moi distinta morrer toda a vida".
E tamén conmoviume esta idea fermosa, cálida e sobre todo xenerosa de Marcos Valcárcel que nos achega a posibilidade de engadir o noso fío ao tecido de homenaxe que se espalla agora pola blogósfera toda. Para iso, pregunteille a Marcos se Carlos Casares estivera na Arxentina. A resposta non tardou en chegar, coma sempre, chea de precisións e de amabilidade: "Casares viaxou moitísimo, por Europa, por Estados Unidos, por Latinoamérica e por todo o mundo. Cónstame que estivo en Buenos Aires, cando menos (ó mellor foi máis veces), nos anos 80: acaba de confirmarmo un seu amigo moi directo e colega. Creo que foi nunhas xestións enviado polo Ministerio de Cultura Español e, entre as anécdotas, tivo algún problema cun tal Cesarsky, da Triple A arxentina, creo, que o chegou a amenazar ("Ud. no sabe quien soy yo, pero yo si y le tengo controlado")".

Da man desta lembraza, fun na procura das súas crónicas no xornal La Voz de Galicia. Atopei dúas moi interesantes nas que fala da Arxentina. Unha comeza así:
"A primeira vez que oín falar da Arxentina como dun país conflictivo foi alá polo principio dos anos sesenta, cando estudiaba en Santiago e mantiña unha boa relación persoal co meu catedrático de Literatura, don Enrique Moreno Báez, que con frecuencia me invitaba a tomar o té á súa casa, o mesmo que a dous ou tres alumnos máis, cada vez que tiña a algún convidado ilustre".
E, como non podía ser doutro xeito, na segunda fala de Maradona:
"O sábado pola noite, case de madrugada, estiven vendo na televisión o partido de fútbol de homenaxe a Diego Maradona. Este presentouse no campo gordísimo, case inflado, cun aspecto moi pouco deportivo, pero foi recibido con delirio, eu diría incluso que con loucura. Fenómeno curioso, difícil de entender".
Con todo e postos a facer un homenaxe ou lembranza, coido que o xeito más xusto de lembrar a un bo home que fixo das letras o seu mundo é deixalo contarnos unha historia. Aquí vola deixo. Porque non morre quen vive no amor da xente. E non morre un escritor que nos conta unha historia.


4 de mar. de 2007

Unha lingua para falar

Levo máis ou menos ano e medio contándovos historias. Por iso, comezar hoxe dicindo que falo moi mal o galego é -cando menos- redundante. Xa o sabedes.





PD: a diferencia nos tempos (un mes, ano e medio) é porque a historia foi contada primeiro para a radio.

25 de fev. de 2007

Ser ou non ser

Unha gaita que canta dende Uruguai.
Panderetas que vibran en Bruxelas.
Un feixe de poemas en galego escritos en Bos Aires.
Un ensaio mecanografiado nun ordenador de Nova Iork.
Documentales grabado en Caracas.
Os artigos xornalísticos de calquera revista dun Centro Galego dalgún recuncho do planeta.


¿É cultura galega o que fan os fillos e netos de Galicia na diaspora?

18 de fev. de 2007

Doentes de emigración

Alexandre García-Caballero é neto dun arxentino fillo de galegos que naceu en Chabás (provincia de Santa Fé) no ano 1898 e que coñeceu o retorno a Galicia alá polo 1914. E o que o avó de Alexandre García-Caballero tamén coñeceu foi a certeza de que ás veces voltar non é para mellor. Se cadra o soubo cando fixo medrar mais ainda as listas dos represaliados por republicáns.

Alexandre García-Caballero é psiquiatra e ven de gañar o premio Ramón Piñeiro de Ensaio. O traballo feito xunto ao seu colega Ramón Area Carracedo leva un nome cando menos curioso: Psicopatoloxía do retorno. Porque a emigración enferma. E os galegos levamos décadas sen dar cunha terapia que nos sande.

Co Atlántico por medio pero os fíos da tecnoloxía do noso lado, estas dúas beiras achegáronse algo nesta entrevista mantida polo e-mail (versión completa acá).

- Por qué sintiron interese en mergullar no xeito de reinsertarse en Galicia dos retornados. Por qué ese tema. Por qué esa búsqueda?
- A investigación, o tema, viu dalgún xeito imposto. Eu traballo nunha unidade de saúde mental en Ourense dende hai 5 anos. Pola miña consulta pasan centos de persoas ó mes con queixas varias, moitas son debidas a patoloxías mentais graves, pero noutros moitos casos a demanda é máis borrosa. Os nosos pacientes sobre todo os máis vellos, non están afeitos a psicoloxiza-los seus problemas, senon que somatizan os seus conflitos. Daquela as queixas soen ser, polo menos nos vellos, por problemas físicos, pero a pouco que se rabuñe nesa códia o que aparece detrás é todo un mundo de tensións, de relacións persoais problemáticas, de frustracións nos proxectos... Despois de tempo escoitando estas historias, encetei a recolle-las de forma sistemática e a preguntar abertamente pola experiencia migratoria. Despois de recoller estas historias durante dous anos (uns 70 casos), escribín un borrador. Este texto inicial foi sobre o que traballou Ramón Area.

- Escoitei no Diario Cultural da Radio Galega que falaba vostede especialmente dos casos das mulleres que chegaban á vosa consulta con cadros de depresión. Quixera saber se existen diferencias entre o xeito de responder a este sentimento de alienación na propia terra entre os homes e as mulleres e cales serían esas diferencias.
-Para os homes a adaptación é máis sinxela porque existen no rural espacios de lecer axeitados para eles. Non sucede o mesmo para as mulleres, que viven á volta como unha experiencia regresiva con respecto ós dereitos e servizos que tiñan noutros países ou no medio urbán. Doutra banda a narración de cada un é diferente porque mentres os homes valoran o conquerido, ás mulleres valoran máis ás relacións, sobre todo cos fillos. Varios casos que vimos de mulleres eran de nais solteiras que despois de moitos anos fóra de moito sacrificio chegaban aquí para decatarense de que os fillos non querían saber nada delas. elas facían o dó pero por outra banda tampouco querían molestar.

- Sinalan vostedes duas fontes de conflicto emocional: por unha banda, “situacións relacionadas co desencontro cos fillos que non voltan” e por outra “co encontro cos que quedaron aquí e que non entenden porque se foron, desubicación ao regresar tras moitos anos emigrados”. ¿Como funciona cada unha desas problemáticas?
- Para os emigrantes o ideal é un ideal sacrificial, isto está por exemplo na excelente novela Mamá do voso compatriota Jorge Fernández que citamos no texto: "Para avanzar había que sufrir y sufrir era avanzar", di nalgún sitio referido ó seu pai. Pois ben, este ideal pode non ser compartido polos fillos que criados en berce alleo (en Suíza por exemplo, noutro contexto, compartindo un estado de benestar e unhas oportunidades que nada teñen que ver coas da orixe dos pais) simplemente non entenden o mundo do mesmo xeito. Ás veces, isto pasa tamén cos nenos criados polos avós. Se os fillos asumen este ideal entón non hai conflito e pode ser un éxito, pero que ocorre cando o critican? Hai tamén unha cuestión política. Mentres os emigrantes manteñan a súa vista fixada na terra e se comparen co grupo de pares da súa aldea, non cobran "conciencia de clase" no país de destino.

-Ainda que non sexa asunto da vosa investigación, quixera preguntarlle se é posible imaxinar as características do retorno nos vindeiros retornados que son os mozos e mozas galegos, novos, profesionais, hiperformados que tamén hoxendía siguen a emigrar.

- Nun mundo globalizado, as diferencias hanse reducir, pero o que sinalamos no texto é que políticamente o que os retornados reclaman é un funcionamento social "limpo" alleo a cacicadas, meritocrático: son ideais das revolucións burguesas, pero no noso país, aínda que melloramos moito, parece ás veces que a ilustración e a revolución francesa non sucederon hai máis de douscentos anos. Esta reclamación está detrás de moitas das queixas dos nosos emigrantes actuais ás universidades de media europa, ou a traballos cualificados en Inglaterra ou Escandinavia.

((Fotos de Manuel Ferrol))

11 de fev. de 2007

Seguindo as pegadas de Seoane

“Buenos Aires, a cosmopolita urbe do sur de América, tiña máis dun millón trescentos mil habitantes, dos cales máis dun setenta por cento eran estranxeiros cara a 1910, cando naceu nela Luís Seoane no seo dunha familia de inmigrantes galegos”. Así comeza a formidable crónica que os irmáns Pablo e Eduardo Rodríguez Leirado veñen de publicar na revista Grial para percorrer cos lectores o roteiro Luis Seoane en Bos Aires. Vinde, que o paseo tralas pegadas que deixou nesta cidade non teñen desperdicio.

“Buenos Aires e Luís Seoane están intimamente vencellados, hai rastros e testemuños por todas partes da súa intensa actividade como editor, periodista, ensaísta, ilustrador, deseñador, cartelista, pintor, ceramista, gravador, poeta, dramaturgo e muralista, o que, sumado ao seu compromiso social e político, o converte nunha figura extraordinaria. Pero coidamos que das múltiples facetas que presenta Luís Seoane, a de muralista é a que máis o une a Buenos Aires. Nas paredes da capital arxentina aínda hai máis de trinta murais que falan desa simbiose”, explican os Rodríguez Leirado.

Pablo Rodríguez Leirado é xornalista e sinónimo dunha moi boa publicación de cultura (á que tristemente non poden adicarlle moito tempo por estas datas), Sitio al Margen. Tamén, foi corresponsal do portal Vieiros en Arxentina entre 1999 e 2003. Pola súa banda, Eduardo Rodríguez Leirado é arquitecto, especialista en informática dixital aplicada á arquitectura, o deseño e a historia, e actualmente traballa na recuperación e divulgación do arquivo de placas fotográficas do Instituto de Arte Americano da Facultade de Arquitectura da Universidade de Buenos Aires.

No artigo lembran: “Esa xenerosidade que Maruxa e Luís Seoane brindaron á parella de Pilar Xeremías Cela e Xosé Martínez Romero-Gandos varios anos despois atopa un xeito moi particular de agradecemento nos percorridos que organizan a varios dos murais de Seoane para os que veñen de Galiza en visita a Buenos Aires. (...) Unha das visitas, Aurichu Pereira, ao remataren a xira polos murais, suxeriulles plasmar e difundir dalgunha maneira ese percorrido para “que os que chegamos a estas terras non perdamos semellante beleza”. No ano 2000 conformouse un grupo de traballo, (...) para relevar e situar os murais de Luís Seoane, evitar que se destrúan e crear un sitio web homenaxe dedicado á súa obra mural en Buenos Aires”.


O paseo tralas fermosas pegadas que falan ainda hoxe de Seoane comeza polo “elegante e distinguido Barrio Norte”, din os autores. E engaden: “O percorrido que propoñemos iníciase con dous fitos na rúa Montevideo, entre a Avenida do Libertador e a rúa Posadas. En Montevideo 1985 está o edificio onde viviron Maruxa Fernández e Luís Seoane a partir de 1962. Na planta baixa da súa vivenda, no vestíbulo de entrada aos ascensores, realizou un mural que logo, incriblemente, caeu baixo a picota, e no seu lugar instalouse un enorme e vulgar espello. Noutro edificio de apartamentos, en Montevideo
1920, no vestíbulo de planta baixa, antes dos ascensores, atópase
o mural en resinas sintéticas denominado As carretas, realizado en 1958 e que afortunadamente se acha en bo estado”, detallan.

Os pasos avanzan pola Galería Santa Fe, a Avenida Callao, na rúa French 2278, ou pola esquina da avenida Santa Fe e a rúa Uriburu. “Na rúa Sarmiento, no número 2233, atópase a sede da Sociedade Hebraica, onde efectuou a súa primeira exposición en Buenos Aires en 1947. Varios anos despois, en 1968, inaugurou no seu teatro un vitreaux onde as escintilantes cores e a representación de letras hebreas logran un magnífico simbolismo. Seoane mantivo unha vizosa relación coa industriosa colectividade xudía da cidade de Buenos Aires, a máis numerosa do mundo despois da establecida na cidade de Nova York”, lembran.

“O percorrido continúa pola avenida, máis coñecida como a “rúa” Corrientes (tal era a súa orixe e foi ensanchada e convertida en avenida cara á década de 1930). Tamén foi chamada a “Broadway” arxentina pola cantidade de teatros que a poboaban. Cabe recordar que a atracción desta avenida igualmente a comparten as librerías, especialmente as que se dedican á compra e venda de libros usados. En moitas delas aínda poden atoparse as edicións das obras que arranxaron Seoane, Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela nas múltiples editoriais e coleccións que eles crearon, como Nova, Botella al Mar, Citania, Galicia Hoy, Hórreo, Dorna, e Camino de Santiago, por citar algunhas. Moitas desas obras referíanse á cultura e historia galegas e, ademais, moitas estaban escritas en idioma galego, en momentos en que na mesma Galicia se dificultaba ou se facía imposible editalas. Buenos Aires era, daquela, o centro editorial máis importante de Latinoamérica. Así se divulgaba a cultura galega, con Seoane como un dos seus animadores principais, nunha metrópole coa maior presenza de poboación galega no mundo, proxectándoa cara a todo o continente”, avanza o artigo de Grial.

Segundo detallan os Rodríguez Leirado, “Seoane viviu e traballou nesta fundamental arteria na súa etapa dourada, cando se atopaban librerías e teatros abertos a calquera hora da noite ou da madrugada, e se discutía interminablemente nos famosos bares e confeitarías das máis diversas e variadas disciplinas, con ou sen coñecemento do tema”. Indican que “a unhas cuadras en dirección ao emblemático Obelisco, atópanse dous murais. En Corrientes 2166, insolitamente na entrada dun aparcadoiro dunha galería comercial de tamaño considerable, aparecen unha serie de figuras en módulos. O incesante tránsito de vehículos e persoas provocou a perda en parte da súa cor, tamén está luxado e algunhas partes están esfanicadas”. (...) “Na beirarrúa da banda contraria, Corrientes 2135, hai outro mural no corredor de ingreso a un edificio de oficinas comerciais, realizado en pedra picada, que lamentablemente se atopa cuberto por un desagradable panel de formica, por tanto descoñécese cal pode ser o seu actual estado. A administración está ao tanto da existencia do mural, mais non queren investir para modificar a estética actual da entrada”.

O imprescindible artigo non esquece a súa “máis famosa e importante obra mural. Ten trinta e tres metros por once e está situado no vestíbulo do segundo subsolo do Teatro San Martín. Tamén chega aos traballos que Seoane foi deixando no Microcentro e nos barrios de Retiro, Palermo, e Belgrano, así como fora de Bos Aires. E remata: “Parte de Galicia atópase en Buenos Aires, en todas as actividades que milleiros de inmigrantes galegos e a súa descendencia desenvolveron nunha cidade que contribuíron a crear e conformar. Luís Seoane, que naceu e viviu parte da súa vida en Buenos Aires, encargouse de facérnolo saber. E por se o esquecemos, as paredes da cidade refréscannos a memoria”.

1 de fev. de 2007

Pinta a túa aldea

Se cadra, é verdade esa idea que dí que somos moi semellantes ao lugar onde nacemos. Se cadra, cada aldea imprime na alma da súa xente trazos e cores propios que, co tempo e a súa eterna paciencia, eles rematan por sentir que son propios, deles, que xurdiron en eles e morrerán con eles. E é nese erro onde reside a enorme sabedoría dese lugar-berce: en nutrir o noso ego, fomentar o noso individualismo facendo invisible á nosa mirada esas pegadas que falan ao mundo da nosa orixe.

Se cadra, León Tolstoi tiña razón: "Pinta a túa aldea e serás universal". Xabier Feixoo leva tempo pintado a súa. "Tiven amoreadas durante anos multitude de artigos e documentos sobre o meu concello (Sandiás), sobre a lagoa de Antela e sobre A Limia, e decidín buscarlle unha saída para darlle visibilidade a tal feixe de documentación. ¿Como fixen? Pois resumín a información e púxena nunha páxina web", conta.

A fórmula semella sinxela. A resposta sobre os motivos tamén: "¿Por que a levo dende entón? Pois para dar a coñecer e por en valor (palabra de moda) o rico patrimonio cultural do meu concello e da Limia. É unha iniciativa modesta e moi local mais imaxínate se se realizara nos 315 concellos da nosa terra", suxire.

E eu podo imaxinalo. Claro que si.

Algún tempo atrás, falei eu das miñas aldeas arxentinas. Pero tamén teño unha aldea galega. Chámase Nigueiroá ainda que o cartel do camiño pon mal o nome. A correxión foi feita polo meu curmán Lisardo que herdou do seu pai o compromiso de coidar da aldea coma se fora a súa responsabilidade. Cando estiven alá (xa fai unha década) pareceume simbólica esa falta de coidado na toponimia oficial, ese descoñecemento, ese esquecemento dos pobos que fican na raia.

Durante décadas, miña nai buscou con énfase en cada enciclopedia que lle chegaba ás mans o nome da súa aldea. E durante décadas non o atopou. Tampoco figuraba no ano 1996, cando fun alá. Pero Nigueiroá si estaba.

Dos cultivos, as vacas e ovellas, das festas, das xentes e xentes traballando a terra, das flores e dos rapaces que poboaban as historias e lembranzas dos meus, non atopei case nada. Unha aldea de poucas persoas, moitas moi vellas, de mozos que viven e traballan en Ourense, Pontevedra, Bilbao... E ainda así, nese testemuña do pasado e do presente, fun feliz. Inmensamente feliz. Porque nesa aldea eu atopei a parte de min que non encaixaba nesta beira do Atlántico.

Esas pezas se acomodaron en Nigueiroá, en Quintá, no Viñal, nesas corredoiras, na casa da tía Jesusa comendo rosquillas e roscón e escoitando a metade que faltaba das historias tantas veces escoitadas, xantando con Emilio, Amparo e Rocío na mesma casa na que naceu a miña avóa e logo tamén a miña nai, falando e falando con Lisardo.

Se cadra Xavier ten razón: "Podemos e debemos empregar as novas tecnoloxías para salvagardar a nosa memoria (as lendas das nosas aldeas, as súas tradicións, as cousas dos nosos avós, os nosos documentos, etc.) para legarlles algo do noso rico patrimonio material e inmaterial ós que veñen despois de nós". Se cadra é verdade. Se cadra, somos como as nosas aldeas.

25 de jan. de 2007

Na diáspora da ciencia

Moito imos ao psicologo, acá en Bos Aires. E digo en Bos Aires e non na Arxentina porque as taxas máis altas de seguidores de Sigmund Freud atópanse nas grandes megalópoles coma New York, París e algunhas outras capitais europeas e americanas. O fenómeno é dificil de explicar ata para os mesmos psicólogos, e os pacientes -coma seguidores dunha nova relixión- falamos de aprender a coñecerse un mesmo, de vivir mellor, de asumir os problemas e elaborar os traumas.

Cando o tema é xeral e non individual, colectivo, a complexidade dese coñecemento propio, dunha vida mellor e de elaborar os traumas, medra e medra. Xa non chegan os psicólogos e necesitamos de historiadores, de sociólogos, de economistas e de escritores. En Bos Aires, a capital do psicanálise, os galegos que chegaron e os que nacimos acá seguimos sen saber moito de nós, sen coñecérmonos ben, sen disfrutar da nosa rica identidade.

Na Arxentina, destino de barcos e de xeracións de europeus, se fixeron catro veces máis estudos sobre a emigración italiana que sobre a emigración española. Os datos foron publicados fai anos polos académicos Alejandro Fernández e José Moya en dous libros: “La emigración española en la Argentina” e “Primos y extranjeros”. E como pasa moitas veces, os números sorprenden.

É verdade que a emigración italiana foi a máis numerosa nestas terras, pero non é menos verdadeiro que de todas as etnias chegadas á Arxentina, a galega supera absolutamente a todas as outras. Chegaron máis galegos que cataláns, que vascos, que leoneses, que asturianos, que madrileños ou que cidadáns de calquera rexión do Estado español. Chegaron máis galegos que calabreses, que sicilianos, que napolitanos, que xenoveses, que romanos, ou que cidadáns de calquera rexión do Estado italiano. E ainda que chegaron moitísimos máis galegos que xudeus, a cantidade de traballos académicos sobre ese colectivo é dezaseis veces superior aos adicados aos homes e mulleres de Galicia.

As abismales disparidades tamén se atopan nos estudos migratorios dos colectivos menos numerosos, coma pode ser o galés. Entón, por qué hai tan poucos investigadores novos, nados na Arxentina pero fillos e netos de Galicia, con interese en traballar na súa propia história, na súa propia identidade?

Unha posible resposta a tece a escritora e académica María Rosa Lojo, autora de moitas novelas recoñecidas e que fixo da súa galeguidade parte do seu traballo de investigadora. Di ela: “É verdade que na Arxentina non é habitual que os escritores e científicos recoñezan unha orixe galega e, ainda menos, que sintan orgullo por ela. Iso ten motivos sociais: estamos nun país onde os libros de chistes de galegos foron best-sellers, onde o estereotipo do galego configurado no imaxinario colectivo presenta unha imaxe devaluada, na que non é cómodo ollarse reflectido”.

Por iso, eu concordo co chamamento que fai outra galega de Bos Aires. Chámase María Rosa Iglesias e é a nai do historiador galego-arxentino Ruy Farías Iglesias, que está rematando a súa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela cun estudo -precisamente- sobre os galegos do sur do conurbano bonaerense. “É preciso que os galegos novos -di ela- tomen conciencia da marxinación que existe no ámbito académico e que tomen conciencia de que a única maneira para revertila é facendo accións que nos dean sona, prestixio, que rachen o prexuizo contra o noso colectivo”.

19 de jan. de 2007

Natureza /1

Cando vivía cos meus pais, nunha casa con xardín sementada na periferia da cidade de Bos Aires, non tiña especial relación con ese exterior verde onde medraban árbores e plantas e flores de todas as razas e todas as cores. Se cadra, era moi pequena e moi urbana. Se cadra, tiña cousas máis importantes nas que reparar (ou iso pensaba daquela). Ou será que me viñan nos xenes os xementes recordos dos fríos e dos calores apañados polos meus na terra galega, os esforzos descomunales por pintar nela gromos alimentados de sacrificios, a semi-esclavitude que o agro reclama. A verdade é que non me foi dado coñecer os motivos, pero hoxe boto en falta ese anaco de terra negra e xenerosa que tantos anos foi parte da miña paisaxe cotiá.

Foi co embarazo que -meu home e eu- comenzamos a sentir unha fascinación polas árbores. E ainda que xa contei esa historia fai tempo, ven de novo a referencia porque esa conexión coa vida, coa natureza, coa forza todopoderosa dunha póla que semella seca e murcha no inverno e que pode encherse de pequenas follas en poucos días coa chegada da primavera, unha e outra vez, nos deixa conmovidos.

Foi daquela que atopamos o fío que nos leva á orixe, á terra. Vivimos nunha pequena casa na capital do páis. Temos avenidas e rúas famosas moi perto, o metro e a posibilidade de estar no Obelisco en 20 minutos. Sen embargo, non temos xardín. Apenas, unha terraza que se pode percorrer con dez pasos.

É dende esa casa urbana que soñamos cunha hectárea fora da cidade na que sementar un vieiro de agapanthus que debuxe unha invitación a pasar en cores violetas e azuis nos tempos do Nadal, moitos árbores (limoeiros e laranxeiras que sexan poboados polos azahares nos meses de setembro e outubro, eucaliptus, algún piñeiro, un carballo...) e non menos flores. E unha enorme horta que non deixe comer o que sementamos.

Mentres ese soño non se torna realidade, teño dúas plantas de tomates nunha maceta. E algo de ciboulette noutra. Unha albahaca que morre de cando en vez e, coma pasa co Ave Fenix, rexurde. Un mandarineiro diminuto e un fermosísimo Aromo de follas azuis. E a memoria das mans dos meus colonizadas pola terra durante séculos. E unha certeza: ningún froito cae moi lonxe da árbore.

10 de jan. de 2007

Memoria historica

"Logo de longos meses de crudel sofrimento, foi internado no Sanatorio do Centro Galego para sere sometido a unha delicada operación quirúrxica, co fin de coutarlle a firente dôr que o martirizaba; e a tal efeito, as autoridades do Centro asiñá ronlle unha habitación especial con tudal-as comodidades e dispuxeron se lle prestasen as máisimas atencións de tudo orde, e o mesmo â súa dona, doña Virxinia, que ficou â súa veira no Sanatorio até o derradeiro intre. Mais apesares da abnegación dos doutores Gumersindo Sánchez Guisande e Miguel S. Pastor que non se arredaron nin un sô intre do leito do ilustre enfermo, éste non reaicionou da delicada operación quirúrxica a que fora sometido. E ao fio das 23 horas da noite do sábado 7 de xaneiro,
surtiu pra Eternidade o grande home que perante toda a súa vida fixo un culto do amor a Galiza e ao seu povo, e que loitou arreo pol-a súa liberdade".

((CRONICA DA ENFERMEDADE, MORTE I ENTERRO DE CASTELAO - A Nosa Terra NÚMERO ESPECIAL ADICADO A CASTELAO ANO XXXII - Nº 474. DIA DE GALIZA DE 1950. AÑO DEL LIBERTADOR GENERAL SAN MARTÍN))


"Era imposibel non amalo, porque o amor a Castelao era amor a Galiza. Il, o home o dibuxante i-o escritor, realizábase en espresión galega tanto como Galiza se espresaba a través d-il. Il era Galiza por transubstanciación. Il fíxonos visibles e inevitables as nosas obrigas de conducta, pra con ila, como Pondal, Curros e Rosalía nol-a fixeron conscente nas súas doores, belezas i-espranzas. Pro o que aquiles dibuxaron no ar estrelecido do verso, Castelao modelouno en nidia e dura materia de conducta política e social. Il creou unha nova responsabilidade, un novo xeito de ser galego. Antes de Castelao podía amarse a Galiza de moitos modos. Dempois d-íl todal-as fronteiras d-iste amor están acotadas".

((DISCURSO DE EDOARDO BLANCO AMOR A NOME DA COLEITIVIDADE GALEGA))


"Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente:
La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna.
Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto políltico.
Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista.
Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados.
De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil.
Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente".

((O 8 DE XANEIRO, TRALA MORTE DE CASTELAO, A DIRECCION GENERAL DE PRENSA ENVIALLES ESTA CONSIGNA AOS XORNAIS))


Longa vida a Castelao!