
Meu pai botáballe unha man ao seu amigo Pepe nun arranxo da casa. Caíalle ben Pepe. Tiñan moitas cousas en común: galegos chegados de nenos os dous, contaban daquela uns vinte e poucos anos. Eran veciños no barrio e compartían partidos de fútbol. Algunha vez, foran compañeiros na carpintería na que o meu pai traballaba dende os 13 anos. Por iso, andaba ese día a axudalo.
Non lle gustaba moito á nai de Pepe ter xentes estrañas na casa. Pero o mozo estaba alí a traballar, de xeito que o convidou con algo. Pode que fose unha bebida ou algo de comer. O caso muda segundo as versión da historia. O meu pai pisou asi, por vez primeira, a cociña e agradeceu o convite.
Foi alí cando viu, ao fondo da casa, a unha rapaza que mergullaba nuns papeis e libros. Calou. Rematou a bebida e volveu ao traballo.
- Ouviches, quén é a rapaza dalá?
- ... a miña irmá.
- Non me pareceu que fose Anita.
- Non é Anita. É Rosalía.
- Tes outra irmá?
- Teño.
- Xa...
- Pero non sae nunca. Sempre está estudiando.
Unha Noite Boa fixéronse noivos. Á miña avóa levábaa o demo: "Nada de noivos aos 16 anos", berrou. Pero o meu avó chamoulle a atención: "Déixaa estar. Se non é este será outro. E, cando menos, o rapaz é galego coma nós". Pasaron sete anos de noivos. E casaron. Pasaron 32 anos de matrimonio. E divorciáronse. Agora, levan 4 anos sen falarse. E eu quixera saber se unha historia de amor deixa de ser unha historia de amor cando a parella se separa.
.









