17 de mai. de 2006

Que non mortos

Dionisia López Amado é integrante da Asociación Madres de Plaza de Mayo. Vai polo mundo cun pano branco na cabeza e unha dor sen remedio polo fillo ausente no corazón. E anoto fillo ausente, que non morto, porque esa desaparición é moito máis cruel e brutal cá morte.

Dionisia López Amado, algunhas veces, ten un tic. Un movemento disimulado, no que poucos reparan. Cando pasa, empúrralle a cabeza cara atrás, coma se fíos invisibles turraran do seu nariz. Unha ou duas veces. Rítmicamente. Pode que sexan tres. Un movemento intenso que a obriga a ollar para atrás. Curioso ese tic. Curioso que a leve a mirar para atrás, para o que quedou alá, na história, algo do que non pode esquecer. Mirar atrás para ir cara adiante. Algo que quedou. Non esquecer. Un tic. Fíos invisibles que turran. Unha ou dúas veces.

Dionisia López Amado está facendo o seu propio Camiño de Santiago por estes días en Galiza. Leva a súa história, as pegadas da dor no corpo e esa pesada cruz sobre as costas. Pero ela non a sinte cruz senón estandarte. Porque esa muller, e moitas outras, non esquecen e dan batalla coa forza da paz e da valentía. Que foron homes os que asasinaron e son mulleres as que siguen dando vida. Cada día. Parindo de novo esos fillos ausentes, desaparecidos, que non mortos. Senón moi vivos!

Déixovos as palabras que Mercedes Vázquez Rodríguez, da Asociación Cultural máislibros, mandoulle a unha amiga moi querida logo de asistir a unha das conferencias que deu Dionisia nestes días.


Fun unha das afortunadas que o pasado 9 de maio asistiu na galería Sargadelos á comunicación , que non conferencia, impartida por Dionisia López Amado, a nai galega do grupo “ Madres de la Plaza de Maio”, alí estivo co pano branco simbolizando o cueiro dos fillos, co nome deles bordado. Saín contaxiada da súa enerxía, do seu entusiasmo…da súa forza, da súa alegría…da verdade desas 30.000 razóns ( os desaparecidos en Arxentina) que cada mañá, desde hai 30 anos, bótana da cama e anímana a non abandonar esa loita pola xustiza e por difundir a verdade da historia.

“ Un pobo sen memoria é un pobo cego” dicía nalgún momento, por iso é fundamental coñecer a historia. Ter memoria para non repetir erros, coñecer a historia para que o mundo sexa mellor. “ O odio só conduce á destrucción” tamén dixo, e en verdade esta sabia incansabel de 78 anos soubo explicar moi ben como o odio paraliza, enferma… e o que hai que buscar son vías para a acción. “ Hai que coñecer para que NUNCA MÁIS volvan pasar esas atrocidades”, repetiu varias veces.

Emocioneime co relato do “ antes”: o seu fillo fotógrafo e a súa nora enfermeira, ambos pertencían ao “Partido Revolucionario de los trabajadores”; ambos traballaban en alfabetización e mellora sanitaria de sectores socialmente deprimidos. Eran moi boa xente, dicía ela. Aquel 15 de maio desapareceron…e desde aquela a súa vida converteuse en loita contra a impunidade da dictadura militar, emocióname ainda máis o relato dese “ despois” tan comprometido.

Ainda que hoxe a miña lembranza de agradecemento para ti, Dionisia, ten que ver coa lingua que empregaches: o galego. Repetiches en varios momentos que amabas esta terra que te disculparamos pola túa fala que non era boa, pensabas, porque ti foches das que tiveron prohibido o galego: “Non se debía falar galego cando eu era nena”. E a túa fala foi perfecta en todo momento. Quen me dera que todos os habitantes deste País souberan falar coma ti falaches! Agradecemento, pois, para ti e para todas as persoas que coma ti non abandonades as nosas raices, a nosa cultura, a nosa lingua. Sodes un exemplo para nós… E por que pensamos que non é normal que unha lingua poda ser estranxeira no seu propio país, por que pensamos que ainda queda moito por facer…

14 comentários:

Nemeth disse...

lindas, moi lindas as verbas de agradecemento a Dionisia. Suscríboas.

apertas

Mr Tichborne disse...

Xustiza, desaparecidos, lingua, non ó odio, memoria... é curioso coma tódalas loitas xustas converxen. Ese pano branco é unha labazada ós que queren que esquezamos, ós que non queren que pensemos.

Anônimo disse...

Dionisia leva os xenes das nosas avoas e bisavoas que coma ela tiveron que chorar en silencio polos fillos que no noso pais matou a forza sen razon. Deus lle dea moita vida, lembremonos dela, e todolos que faltaron do noso arredor.

Anônimo disse...

Ás veces, o futuro está nesas faíscas de luz que deitan esas avoas ao seu paso.

Anônimo disse...

Un pobo sen memoria está condenado a repetir os mesmos erros, ti tes a capacidade de pór en valor a memoria das pequenas cousas e mostrar as máis importantes desde unha sinxeleza que obriga a manter a atención e reflexionar.
unha aperta e gracinhas

David disse...

Como di sz, os pobos que non coñecen a súa historia están condenados a repetila. Esperemos que iso non teña que pasar...
Un saúdo!

Ghanito disse...

Lendo o que hoxe contas lembro o derradeiro discurso de Salvador Allende.
Hai que ter esperanza e loitar por un mundo mais xusto.
"Superarán otros hombres este momento gris y amargo en el que la traición pretende imponerse. Sigan ustedes sabiendo que, mucho más temprano que tarde, de nuevo abrirán las grandes alamedas por donde pase el hombre libre, para construir una sociedad mejor".

Anônimo disse...

Non o dubiden, amigos, todos camiñaremos algún polas grandes alamedas polas que pase o home (e a muller) libre!

acedre disse...

Teria que haber mais Dionisias e menos motivos para sacalas a rua.
Aplaudo a esa muller e as mulleres que queren saber a verdade do destino dos seus seres queridos.

Anônimo disse...

O martes pasado estivo en Vigo, ¡nun acto que eu tiven que organizar! e, por motivos de traballo, non puiden asistir. Mágoa das mágoas. Bicos fortes.

FraVernero disse...

Para os que contemplamos na distancia o que foi a situación arxentina, é duro sacurdirse un pó amargue da boca, pensando na traxedia dunha transición que foi aínda peor que a nosa. As nais da praza de Maio, alén, xa saltaron polos aires na simpatía hipócrita e aséptica dos aburguesados occidentais. O seu radicalismo (honesto a máis non poder, incluso etimolóxico- acudindo á raiceira que desnovelar na pescuda da verdade) perséguenos como unha pantasma de mala conciencia que, de cando en vez, algúns filmes terríbeis e horripilantes redundan no noso maxín...

Anônimo disse...

Dionisia é a metáfora do tesón e o valor é unha nai íntegra.Ten o meu aplauso máis agarimoso e efusivo.

Unha aperta forte.
:)

nenodanorita disse...

Unha frase que nos pode dar a imaxe da dor que pasou e pasa Dionisia é a que me contou a semana pasada tomando un café na Bodeguilla: "Eu preferiría que o meu fillo e a miña nora foran activistas armados que morreran nunha acción de enfrentamento coas formas militares, polo menos así sabería que morreron e sabería onde ficaban enterrados."

Unha apreta

torredebabel disse...

Como dixo Muralla "Larga vida as Madres da Plaza de Maio" e tamén longa vida á memoria que é a luz que nos deixa ver que todas as loitas xustas converxen, como xa dixo Fran.
Gracias a todos vos pola compaña de sempre! Sodes unhas das miña propias luces!