22 de mai. de 2006

Que che deu o blog?

Memoria. Coñecidos. Algunhas sorpresas humanas. Bos momentos. Unha satisfacción plena. Moitas oportunidades para enfrontar ilusións contra frustracións. Menos tempo libre. Recoñecemento. Comunicación con xente moi variada. Muita diversion. Un exercicio intelectual mui ameno.

Fixen unhas entrevistas nestes días para escribir un artigo sobre a Galiza da que falan e tamén a que constrúen eses homes e mulleres que hai doutro lado das páxinas do blogomillo. E como pasa moitísimas veces, a pregunta máis pequena, máis breve e máis sinxela, foi a que pescou nas súas redes as sereas que hai en todos os entrevistados.

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en medios Manuel Gago Mariño contou que o blog lle deu memoria: "Moitas cousas que non podería lembrar neste mundo acelerado podo recuperalas agora". E engadiu: "Deume coñecidos cos que se establecen interesantes redes sociais e se intercambian contactos. Tamén me deu algunhas sorpresas humanas, como que un descoñecido, nun pub, me pregunte pola miña gata. E tamén me deu disciplina de publicación, algo moi relevante para a miña creatividade un tanto dispersa".

Dende Suecia, Kiko Novoa ainda lembra o día que recebeu o primeiro comentario: "Foi incrible. Non recordo quen foi o primeiro que escribiu, pero non foi ninguén que coñecera. Pareceume apaixoante que xente coa que nunca me relacionei gastara un segundo en min".

Rabudo contou que lle da moita importancia aos comentarios que lle deixan os visitantes. "Mentiría se dixera o contrario. Teño en conta as críticas cando son constructivas e prefiro que veñan firmadas, máis que nada porque eu firmo o meu traballo, tanto na Voz como no blog, e penso que agachar a identidade nunha crítica non é máis que cobardía. Tamén me sirven, pola contra, para darme ánimos en momentos de dúbida, de decaimento. Este é un traballo que desgasta moito, e nunca veñen mal os espaldarazos, aínda que tampouco os busco".

Marinha de Allegue, a autora dun dos blogs máis integrais e estéticamente coidado da blogósfera, dí que a sua páxina lle está dando "bos momentos, gran divertimento e a posibilidade de coñecer xente moi interesante e dispar. E incluso xente doutras latitudes".

Para o escritor, recentemente premiado, Fran Castiñeira o blog cobrou unha importancia na súa vida e rutina que -di- non agardaba. "Penso en ideas para relatiños ou tiro fotos e agora penso "isto debería colgalo". Entrei nunha comunidade de blogueiros, sen pretendelo, na que nos lemos e comentamos entre nós e que conta con notables novos talentos, sobre todo poetas, xa case amigos, aínda que curiosamente non coñezo a ningún personalmente. Crea un vencello á vida cultural do país que eu non tiña nin cando vivía nel (agora resido en Asturias)".

Tamén escritor, poeta neste caso, Eduardo Estevez levou ao blogomillo un libro en construcción. El deixa aí os poemas e os lectores poden suxerir modificacións, opinar e, dese xeito, influir na escritura e rescritura que cada texto protagoniza ata atopar a sua personalidade final. "Eu crieime en obradoiros literarios. Neses ámbitos un aprende a escoitar as opinións que os demais verquen sobre os teus textos e, sobre todo, aprendes a utilizar esas opinións do xeito máis convinte para o texto. Agora son eu quen coordina obradoiros literarios e sempre lles digo á xente que participa neles que non tomen notas dos comentarios que fan os compañeiros dos textos propios. E moito menos se poñan a corrixir in situ. As suxestións sobre os textos hainas que procesar. Moitas veces un comentario feito negativamente en realidade non fai máis que confirmar que o camiño escollido é o correcto. As observacións que os demais realizan dos textos son sempre importantes pero non se lles pode facer caso sen as procesar serenamente. En todo caso, a xente está a ser, para o meu gusto, demasiado precavida cos comentarios no blog. Eu preferiría máis atrevemento pero en fin...", comparte.

Xavier non leva un blog senón que coas ferramentas de internet está dando a coñecer canto pode do seu concello. Sobre esa tarefa dí: "Deume unha satisfacción plena por dar a coñecer algúns dos aspectos dun pequeno concello do interior de Ourense e a súa bisbarra, o lugar onde me criei, e isto non hai verba ca describa".

A Manuel Casal Lodeiro, xestor do portal Fillos de Galiza, o seu traballo -conta- deulle "moitas oportunidades para enfrontar ilusións contra frustracións". E engade: "Sobre todo resulta moi duro ter que ser o líder dun proxecto que ano tras ano é ignorado pola administración e pola maior parte da sociedade galega... Tes que animar a toda a xente que está detrás de ti axudando, pero moitas veces pensas que non che dan máis as forzas. Cando recibes algún desprezo, algunha negativa ou simplemente o silenzo de quen debería dar un apoio aínda que fose simbólico (non falo só de cartos!), ou ataques de xente que non quere que o proxecto se consolide, pois perdes a fe na xente, na nación, e mais nos políticos. Pero cando recibes ao día seguinte unha chamada emocionada polo reencontro coa galeguidade dun home maior que perdera tempo atrás o contacto con Galiza ao perder aos pais, unha mensaxe electrónica contándoche a ledicia que forneceu Fillos para unha familia que se reencontrou, cando ves que algún fillo ou neto novo se atreve a practicar galego nas súas conversas, cando coñeces xente tan marabillosa e xenerosa coma a que temos na Asociación... pois entón esqueces todos os sinsabores e segues para adiante con máis ilusión ca nunca".

Veloso é un dos escritores máis talentosos e xenerosos do blogomillo e leva tempo compatindo cos lectores o que sen dúbida será un libro dacá a pouco: as azañas dos seus veciños de Silvaoscura. Tamén usa o blog para experimentar: "De feito, as historias de Silvaoscura, ademais de supoñer para min esa especie de gozosa liberación dunha obriga moral que teño coa miña xente, tamén me serven para experimentar un xeito de contar as cousas, na distancia corta, ás veces na simple pincelada, cunha mestura de humor e melancolía, á maneira en que o facían (salvando as enormes e lóxicas distancias) escritores como Castelao ou Dieste".

O autor responde con histórias, que non podía ser doutro xeito: "No Nadal coñecín á Pícara de Allegue, a Artipractor e ao Ollo da Vaca. Hai quince días, en Vigo, estiven tomando un café con Náufrago e Folerpa. Onte, en Zamora, xantei con Nemeth. O blog estame permitindo coñecer a xente encantadora, xente coa que me sinto moi enriquecido, grazas á súa cultura, á súa capacidade de observar a realidade dende un ángulo diferente. Hai xente que asegura que os blogs cumpren a función que hai anos tiñan as tertulias literarias e políticas. Non sei se será así, pero eu estou encantado de pertencer a este mundo".

Fiel ao seu estilo, o xornalista, músico e tantas outras cousas Xosé Manuel Pereiro non deixa de lado a ironía intelixente cando dí: "O blog deume, por un lado, menos tempo libre, que é o que máis me amola. Polo outro, polo bo, sempre é agradable o recoñecemento, que digan que escribes ben, que criticas mellor... A verdade é que os lectores, quizais porque son -supoño, pero con toda probabilidade- máis novos ca min, pórtanse moi ben comigo. Eu non penso que o anonimato que permite internet se poda aproveitar para o insulto, e menos nunha páxina persoal que non debe estar sometida ás normas da información oública, ou sexa que non dubidaría en eliminar calquera post especialmente besta, pero ata agora nunca o fixen. Ó pouco de me mudar de casa e de concello, un tipo desde un coche díxome "Benvido a Oleiros", pero non sei si se enterou polo periódico ou polo blog".

Parzival tamén respondeu á pregunta: "O blogue dá-me muita satisfacção porque me proporciona exactamente o que buscava ao criá-lo: comunicação com gente muito variada, mas com inquedanças similares às minhas. Noutro nível, permite-me manter um mínimo de contacto com a língua, contacto que desejo manter por motivos pessoais tanto como académicos".

Finalmente (ainda que non foron os únicos entrevistados), Acedre non deixa de responder con humor: "Meu pai dixome: "Vas aos EEUU e escribes en galego. Ti andas ao rives coma os caranguexos". O meu blogo deume muita diversion. E o meu hobbie e e unha charla tranquila con xente que mais ou menos pode entender o que eu digo. O meu blogo deume a conhecer xente virtualmente que espero conhecer e tratar en persoa. Non sei. Eu penso que escribir un blogo e un exercicio intelectual mui ameno e unha maneira mui boa de aprender e de conhecer outra xente. Dende logo e millor que estar apapaxado mirando a tele".

A pregunta era "qué che deu o blog?".

18 comentários:

torredebabel disse...

tamén eu teño unha resposta á pregunta que quero deixa acá: o blog deume a cada un de vós e a xenerosidade de tanta xente marabillosa que deixa nesta páxina minutos valiosísimos do seu tempo. Nin no mellor dos meus soños eu podería imaxinar algo así de fermoso. Nunca. E non é que non teña imaxinación. É que pertencer a este blogomillo é un agasallo tan fermoso que nin imaxinalo podía eu!

Anônimo disse...

Pois Torre, ainda que non teño blog –minto si o teño dende dous meses atrás, pero non me atrevín ata o de agora, facelo público porque estiven agardando por algo que presentía integramente en galego, (verei de crealo agora en blogalego ou blogaliza sin ter que galegizalo), pola contra o noso fillo de 11 anos máis desvergonzado có seu pai, sí que o ten, para intercambiar cos seus colegiñas.
Lévovos cheirando, e tamén saboreando no cocido do blogomillo para dous anos e pico, teñovos nunha dúcia de preferidos que agora non vou citar, a algúns ultimamente téñolle feito comentarios e certamente estou enganchado.
Pra min os blogs son a sustitución da grande lareira co lume facendo ferver o pote do caldo da palabra no centro, e tallos ou cadeiras ocupadas polos donos dos blogs, onde o maxín, a historia, as experiencias, e tamén as andrómenas de cada un pasan, e deambulan polo mundo globalizado da rede.
Así era tamén a cociña da miña veciña de porta con porta, a da Sra Emilia, onde todos do pobo, ían parar ó remate do día, a fisicamente conversar o mesmo que conversamos nós virtualmente Aquela cociña era tamén un parlamento libre, que tiña como testigo o bó e malo, e cada un contaba e opinaba o mellor que cada un sabía cousas actuais, e cousas do faiado dos seus miolos, era a literatura de cordel da miña aldea, e entraban e saían pola porta da lareira, e entre o canizo, polas regandixas das tellas curvas de tella do país, os bules bules, chismes e aconteceres de Rabal dos pobos dos arredores.
A min o blogomillo pois, veume a sustituir aquela cociña añorada da Sra Emilia.

Un abrazo de corazón a ti Torre e a tódolos blogistas, e non deixemos morrer a labareda galega da palabra.
XulioDRabal.

Veloso disse...

Para min é unha grande honra pertencer ao blogomillo, dígoo moi en serio. Graciñas polas túas palabras, Torredebabel, xa me puxen rubio de mañá. Unha aperta.

Anônimo disse...

¿Que me deu o blog?...
É curioso, o primeiro en galego, non o actual, naceu coa dobre pretensión de utilizar un arquivo virtual en galego, idioma ao que amo, onde ir desenvolvendo os bosquexos dunha non novela que estaba / estou a escribir e cal sería a miña sorpresa ao ver que había persoas que me lían e encima tiñan uns blogs moi interesantes.
Nun momento de esmorezo, dúas delas, Marinha e Muralla, tiraron de min.
O blog dame o pracer de ler e tratar a outras persoas que me enriquecen cos seus puntos de vista e os seus comentarios, a unha parte dos blogueiros, aínda que non os coñezo en persoa, os sinto moi vinculados por eses fíos invisibles que están prendidos por afinidades.
Quitar, non me quita, nin tempo, simplemente o distribúo doutra maneira.

Mr Tichborne disse...

É interesante ver coma coincidimos case todos e como a todos o bloghear deunos máis ainda do que lle pediamos cando comezamos.

Anônimo disse...

Gran traballo. Parabéns.

TXARI disse...

nom pode dar nunca nada malo, a min doume liberdade, de información, de contactar e de escolher a quem me lea (un chisco se cadra) e últimamente dáme pena nom ter tempo para levalo ao día...un saúdo.

Anônimo disse...

Unha pregunta básica pero que pouca xente se fai. Moitas grazas por facer remexer as ideas!

acedre disse...

Gracinhas por este artigo e incluirme nel (xa me sinto importante e tenho o peito a rebentar).
Podo engadir que aparte de diversion o meu blogo deume satisfacion emocional co estes xiringazos de moral que fan rexurdir un defunto.
Un saudo para ti, para a tua familia e para eses blogueiros que nos len nesta "lareira virtual".

Anônimo disse...

Eu xa expresei, como ben recolliches ti todo o que o blog me da, intentei aglutinar as sensacións que teño. Xa che agradecín no seu momento que pensaras en mín para respostar as túas preguntas e agradézoche de novo que me menciones no teu post. Chámame a atención que o resto dos mencionados sexan todos "blogs masculinos". Sería ese tamén un interesante estudio, valorar si hai máis homes ou mulleres no blogomillo e pensar nas razóns...

Unha aperta de satisfación e gratitude.
:)

besbe disse...

Ola, como di magago, son poucos os que se fan esa pregunta...ata o de agora non se me ocurrira plantexarma e de feito tampouco sería quen de dicir que é o que me da (tamén é que levo pouquiño tempo), pero dende logo nada malo.

Gústame chegar aquí e pararme a ver que é o que conta o resto da xente, algo así coma unha correspondencia, escribes cartas, recíbelas e esas relelas unha e outra vez.Ás veces mandas unha notiña de volta ou, se non, gárdalas na caixiña coma ouro en paño.

Pode ser eso o que aporte, tesouros, secretos e amiguiños/as cos que reunirse e compartilos, coma nenos pequenos.
Saúdos :)

Anônimo disse...

Noraboa polo artigo. E graciñas por incluirme a min que son dos poucos que non teño bitácora (conxuntamente co do portal de Fillos).

Anônimo disse...

Hola! Acabo de verte pola televisión, nunha entrevista que che fixeron, e animeime a acudir a túa blog! Estiven lendo e, páreceme estar lendo algo dunha persoa totalmente galega, que reside aquí e que gosta da súa nación; eu chámome María e resido en Galiza, teño 23 anos e vivo en Santiago de Compostela. E increibel observar como lexos de nos hai xente que se considera galega e o leva con todo o orgullo, que aprende un idioma, como é o galego, e o fala; esperemos que pouco a pouco esto tamén se vaia recuperando aqui, porque cada día que pasa, menos xente fala galego.
Moitas grazas por ser así.

Anônimo disse...

Felicidade, amig@s novos e milleiros de cousas impagables...
Bicos.

SurOeste disse...

É curioso: o outro día confeseille a unha amiga o do blog e contáballe o gratificante que me está resultando esta experiencia comunicativa. Ó outro día ela poñía en marcha un propio.
Fermoso campo inzado de flores.
Por certo, Torre, non te vin na tele pero adícoche o último post.

David disse...

Tamén a min, como a case todos, o blogue deume moito máis do que lle pedía. A verdade é que é unha alegría ver que hai xente que se para a ler o que escribo e que dá a súa opinión.
Saúdos ;)

Anônimo disse...

Tamén cheguei á casa de traballar ás 14:45, prendo a tv. Zapeo e alí estás na 2. Chego ós tres derradeiros minutos dos teus Fíos Visibles, a demostración palpable de que alén, as raíces, esta Terra, turran. O dito ten razón de ser : "Fai máis quen quere ca o que pode".

XulioDRabal

torredebabel disse...

Moitas gracias a todos os amigos, que así vos penso e vos sinto dende tan lonxe e sen vos coñecer a cara sequera. Porque iso e un lugar para que a miña identidad medre é o máis importante que me deu este blog. En especial, hoxe, quero decir gracias a María de Santiago de Compostela que, sen formar parte do blogomillo, procurou este enderezo e deixou un comentario. María: eu son unha persoa (case) totalmente galega e gústame moito a miña nación (as dúas que teño). O que máis me gusta da miña Galiza son as persoas xovens coma ti que falan galego. Iso é o que máis me gusta xunto cos libros, a chuvia e a cociña de mi tía Jesusa. "Esperemos que pouco a pouco esto tamén se vaia recuperando aqui, porque cada día que pasa, menos xente fala galego", dis e eu tamén digo. Porque como dixo SurOeste, o blogomillo pero tamen a Galiza toda é "un fermoso campo inzado de flores" e por iso -coma dixo XulioDRabal- "non deixemos morrer a labareda galega da palabra". Gracias!!!!