8 de nov. de 2007

meme x 8

Aprendo esta mañá de primaveira (día 8 por certo) que o 8 é o número atómico do osíxeno. Entérome tamén que no sistema anglosaxón de medicións, hai 8 onzas nunha cunca, 8 pintas nun galón, 8 furlongs nunha milla e aproximadamente 8 chiscos nunha culleradiña. Oito é o número de patas que teñen as arañas e o número de pesos nun real español durante a época colonial. O 8 represéntase coas 2 serpes enlazadas, símbolo do equilibrio entre forzas antagónicas. "Tamén representa o eterno movemento cósmico base de rexeneración e de infinito, polo que o 8 tombado vese representado en moitas pilas de bautismo".

Digo eu que ten que ser por todo iso que o meme este púxose tan dificil. O primeiro que vin foi o da Raiña co que rin moitísimo! Dalí cheguei á orixe do asunto e, como levaba días sen tempo para facer visitas aos amigos, onte e hoxe atopeime con todas as versións, formas, historias e recursos posibles de ser imaxinados. O de Arumes achega os temas mais citados polo blogomillo adiante pero faino cunha gracia encantadora e se algún fallaba xa chegou OCCAM a completar a lista; Suroeste percorre momentos epifánicos da súa vida co seu estilo de sempre, sempre fascinante. Qué fago eu enton? A idea de falar de sitios mellor non porque Paideleo fíxoo co seu ton de cronista virtuoso; o dos tangos tampouco por non cansar e porque o de ZeroVacas é impecable! Rifo I de Zeuquirne cumpriu coa gastronomía, faltaba máis! o malo foi chegar a esa foto e a ese artigo sobre as 21 e traballando no xornal... E se nalgún momento dixen que mellor fotos, pois nada porque Pau atopou unhas fermosísimas.

Nestes casos críticos, sempre valen os amigos. Déixovos con oito homes e mulleres (bueno, son nove) que, polo mundo adiante, fan o que Castelao pedía: dan sona a Galiza.

Andrea Cobas Carral. Licenciada en Letras. Docente e investigadora da Universidade de Bos Aires. Bolseira do CONICET. Está iniciando os seus estudos de doutoramento cun proxecto sobre as representacións da violencia de Estado na narrativa do Cono Sur dos últimos quince anos. Coordina o Ciclo de Literatura Galega "Lectores en Bos Aires" que se desenvolve no mítico Café Tortoni. Foi docente da Cátedra de Estudos Galegos "Afonso R. Castelao" e publicou diversos traballos críticos en publicacións académicas arxentinas e estranxeiras. Ademáis de todo, ten un exquisito sentido do humor e un blog.

Alguén dixo que Delmi Álvarez é a "ollada da porta de atrás: a humanidade sempre retratada no seu sufrimento e a súa alegría. As súas instantáneas son flashes nas que a composición do espacio non é máis que a casualidade case espontánea". Eu de fotografía non lles sei moito pero podo dicir que as imaxes que lle vin a este home son quen de capturar algo tan esvaradío coma a alma. Para máis detalle, a alma galega. Os datos din que é fotoxornalista freelance e que ese traballo de reporteiro gráfico mestúrao coa impartición de cursos, conferencias e seminarios (unha das maneiras da xenerosidade). Foi editor gráfico no desaparecido Diario de Galicia (1985-87) e é autor de varios libros e proxectos de documentalismo. É gañador de dous dos prestixiosos premios Fotopress. Foi fundado do Seminario Galego de Fotoxornalismo.

Nancy Pérez Rey ten dúas cousas impresionantes: a súa bondade contaxiosa e unha enerxía revolucionaria que xa é moito dicir nun país coma Cuba. É licenciada en Xeografía e Historia, na Sección de Historia de América, pola Universidade Complutense de Madrid e realizou cursos de doutoramento no Instituto Ortega y Gasset de Madrid e un máster en Poboación e Migracións na U.S.C. Foi documentalista do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e bolseira de investigación no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento sobre a emigración galega na área de Nova York e ten publicadas varias investigacións arredor da emigración e o exilio galego en América. Por fóra do seu CV formal, é a presenza galega na Habana.

Manuel Casal Lodeiro ven de voltar a Galiza. É unha desas voltas que só coñecemos os galegos de fóra. Porque é voltar a un sitio onde non estivemos antes. O que dicía María Rosa Lojo nun fermoso ensaio. Non é que Casdeiro non estivera antes na terra. É que, a contramano da xente do seu tempo, el deixa a súa vida en Bilbao para buscar futuro na Galiza. É licenciado en Informática pola Universidade de Deusto (Bilbao) e o creador e xestor da comunidade virtual Fillos de Galicia. Premio "Galeguidade" de ensaio 2003 con "O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descendentes dos emigrantes".


Marga ten nomes e vidas varias. Marga Romero Lorenzo é licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portugués pola USC. Profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galegas. Exerceu a docencia como Lectora de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Tréveris (1995-2000) e impartiu aulas na Universidade de Colonia. É Vicepresidenta da Asociación Galego Alemá. Marga do Val é crítica literaria e articulista e como tal colabora en diferentes medios. Como escritora deixou pegada en varios libros. E como actriz non deixa de apañar aplausos e parabens. E todo na mesma muller intensa, ilimitada e ceibe, sen prexuizos que é un dos xeitos máis audaz de ser libre.


Non teño amigos no Patronato da Cultura Galega de Uruguai. Non importa porque dende a súa tarefa son amigos de todos os galegos do mundo. O historiador Xosé Manoel Núñez Seixas deu unha definición do Padroado rigorosamente xusta: "Unha verdadeira alfaia como institución dende a súa fundación, que se mantén fidel á tarefa de preservar o patrimonio e termar da cultura galega na capital uruguaia". Fundouse no ano 1964 (8 de xuño) por iniciativa dun grupo de bos galegos. Xurde como un xeito de resposta á situación da Terra e mais da colectividade galega no Uruguai. Desde a súa fundación ata o remate do franquismo foi un foco de resistencia, centrando o seu quefacer no eido cultural –como ten pasado co galeguismo en varios momentos da nosa historia-. Nesta negra etapa, o Patronato publica libros en galego, de autores e temas prohibidos na Terra; danse conferencias, fanse exposicións… Din que a razón de ser desta institución é “promover e espallar a cultura galega” para o que unha das bandeiras foi sempre a defensa do idioma, convencidos, como Castelao, que “se somos galegos é por graza e obra do idioma”.


Ruy Farías Iglesias leva un nome raro que fala, sobre todo, da inmensa persoalidade da súa nai que o sinalou dun xeito único facendo del unha persoa inesquecible. Naceu en Bos Aires e é Profesor de Historia pola Universidade de Buenos Aires e case douctor pola Universidade de Santiago de Compostela, onde investiga a emigración galega ao Sur do Gran Buenos Aires. Membro do Programa de Historia Oral da UBA, nel traballa sobre a represión en Galicia durante e logo da Guerra Civil española, e o exilio galego á Arxentina. A través desta temática colabora tamén co proxecto de investigación interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces, os lugares" para a para a recuperación da memoria das vítimas da represión franquista en Galicia (USC, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña). Baixo a dirección da Doutora María Rosa Lojo forma parte do proxecto de investigación "Os galegos no imaxinario socio-cultural arxentino", financiado polo Consello da Cultura Galega.


E falando de María Rosa Lojo, non está de máis lembrala e dicir de novo que é doutora en Letras pola Universidade de Bos Aires e investigadora do Conicet. Recibiu tamén o Primeiro Premio de Poesía da Feira do Libro de Bos Aires (1984) e o Primeiro Premio Municipal de Bos Aires Eduardo Mallea de narrativa (1996) pola novela La pasión de los nómades, entre moitos outros; asemade é colaboradora permanente do suplemento literario do xornal La Nación. O seu pai, galego republicano, exiliouse en Arxentina tras a Guerra Civil. Por dúas veces foi finalista do Premio Planeta e non deixa de escribir e publicar historias. O seu último libro Cuerpos resplandecientes: santos populares argentinos, ao que alcuma agarimosamente "Los santitos" está dando moito que falar nestes días na prensa, na radio e na televisión arxentina. María Rosa Lojo fai da súa orixe galega parte do seu traballo profesional e académico. O que moitos esconden ou esquecen, ela o loce.


Hai moitas maneiras de falar de Ana Miranda. Coma cadro do BNG (é portavoz desa forza no Parlamento Europeo no marco do acordo polítco coa coalición Galeuscat), coma experta en Dereito Europeo e Internacional, coma emigrante (marchou a Bruxelas en 1997 onde exerce sua actividade profesional), coma a nai dunha Mafalda con todas as letras, ou coma a autora e coordinadora de artigos e publicacións sobre a diáspora galega... Dende abril de 2007, é Vicepresidenta da Alianza Libre Europea (ALE), un partido político europeo ao que pertence o BNG. Eu prefiro falar dunha muller baixiña, de sorriso luminoso e sempre disposta a escoitar, que fixo propia unha tarefa máxica: cando non o notades, cando semella que está liada noutras cousas, cando menos o pensades, Ana tece pontes. Pontes e autovías, vieiros e camiños. Calquera cousa que achegue aos galegos que andan no mundo. Ana loita na diáspora para desfacer a lonxanía da emigración: galegos somos todos, di. E como o di con tanta convicción haberá que crerlle...

E como non hai meme se non hai convidados, chegoume por Mario, Mr Tichborne e rosa enriquez e deixoo aos que ainda non o fixéstedes.

19 comentários:

Son Unha Xoaniña disse...

Moi Bo o seu meme, cheo de humanidade tanto por tratarse de persoas como pola gradeza das que menciona.
Un saudiño.

Pau disse...

Gustame o teu neme, gutame saber que hai xente repartida polo mundo que cree na Galiza e no seu futuro

SurOeste disse...

Os/as da Táboa Redonda: cal deles ou cal delas atopará o Santo Grial? Mellor que colaboren para ver se entre todos...

FraVernero disse...

Vaia... Some good men (and women), para poñerlle o titular dunha famosa película e dunha antoloxía de crítica feminista...

É o que consideramos 'facer país', nalgúns casos tan lonxe do idem, e hibridando coas nacións e loitas latinoamericanas...

Avante!

Unknown disse...

carai pois si que correu o MEME este, pois eu tamen fixen nunha versión, xa o vera pero non saeu tan ben coma o seu... apertas de fin de semana, en santiago seguimos cunha primavera inestable que lle roubou o turno ao outono e sequia...mais noticias nos nosos boletins infirmativos cada en na radioblogaliza y a media se vives no hemisferio sur (broma) bikos

Cobiñas disse...

Grazas, moitas grazas, querida Torre de Babel. Bicos, Andrea

paideleo disse...

Meme seica vén a dicir algo como unidade mínima de información pero no teu caso isto non é un meme senón un supermeme. Primeiro falas do número oito e logo dás a coñecer oito ( nove ) persoas que dan sona a Galicia.
Unha anécdota: Marga do Val é do mesmo val onde vivo e o irmán estudou comigo en clase.

Un saúdo e graciñas polo piropo.

Nuca disse...

Non os coñecía. Agora sí, gracias por elo. Habería que invitalos -os que ainda non teñen blog- a que se una o blogomillo

Fada Branca disse...

Grazas polo yeu último comentario, espero tamen a tua opinión do meu último post

Anônimo disse...

fantástico meme, fantásticas 9 persoas, fantástica a décima.

Afrodite disse...

um meme inteligente e original e generoso também. Adorei visitar-te. Voltarei em Dezembro (estou fora, num net point). Agradeço a tua visita à 'Parvinha'

busto.agolada disse...

Ola Débora: Coma sempre, moi interesante o teu post. A ocorrencia de pescudar o significado do 8. E logo a regalía de nos presentar persoas cualificadas e destacadas polo mundo para facermos a Galicia tan universal, de sempre espallada alén dos mares. Só sabía de Ana Miranda.
Moitas apertas.

Anônimo disse...

Pois o do meme aínda non o fixen, e non sei se o farei, xa que deixas o listón moi alto. Parabéns.

Anônimo disse...

Grazas por darnos a coñecer a tarefa de xente que traballa pola terra, dentro e fóra dela.
Bicos

Lula Fortune disse...

Xeneroso meme, vive dios!!!
mentras nós só sabemos mirar o ombligo, vostede amosa un mundo cheo de xente. Unha inmensa aperta.

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Xa pode cambiarlle o nome ao blog porque ben visibles están a ser os seus fíos. Tanxibles e formidables. Unha aperta transoceánica. E se ve a miña amiga María Jesús Fariña polo Tortoni (anda por Buenos Aires estes días), déalle unha aperta. Aínda que non a coñeza: é o que teñen os poucos fíos invisibles que lle van quedando, amiga Torredebabel.

Anônimo disse...

Sen dúbida a xente que temos ao redor e coa que compartimos ilusións e traballo, fainos medrar. Parabéns por gozar de tan boa compaña.

Hai Cada disse...

Fíxome ilusión este post... resulta que coñecía de vista a Ana Miranda da facultade (estaba no meu curso) e non a volvera a ver dende entón, ainda que sí que me falaran do que andaba a facer agora. Ver unha foto actual dela foi realmente curioso para min.
Grazas.

Zerovacas disse...

Supoño que o meme das oito cousas pretendía conseguir algo así, unha caste de enciclopedia temática de oito entradas. Moi interesante