22 de jun. de 2006

Viúvas

A foto foi tirada no meu segundo cumpreanos. Cunha Kodak Instamatic que levaba un cubiño con catro disparos para o flash. A pesar do tempo, ainda vense as cores daqueles primeiros anos 70: pantalóns rosas, camisas amarelas ou laranxas a flores, saias verdes con raias brancas ou vermellas. E risas.

Pode que polas cores ou pola alegría da ocasión, a imaxe só desentona no xesto severo das miñas avóas. As dúas sentadas unha xunto á outra, nun recuncho da mesa que non daba moito lugar ao movemento. Case recluídas entre a mesa e a parede. Atrapadas. Co aceno rigoroso de quen non quere sorrir. Nin un pouco. Nada. Seriedade.

E sen embargo, non é o rostro o que mais chama a atención senón eses dous vestidos negros de todo, coas mangas ben longas e o escote pechado. Non é porque fora un traxe raro nin porque non sos vira antes. É, sobre todo, porque eu cumpro anos en xaneiro, o mes máis caloroso e abafante de todo o ano e o daquel 1975 non foi a excepción, coma ben se ve nas roupas abertas e liviás do resto dos invitados.

Moitas fotos teño das miñas avóas e chéganme os dedos dunha man para contar nas que non van vestidas de negro. As veces que preguntei por aquela manía dos vestidos negros, miña nai e maila miña avóa Xerónima explicáronme aquilo do loito. Levar roupas escuras un tempo mostraba a pena pola morte de alguén moi querido, segundo me informaron e adoctrinaron. Por iso, a miña avóa ía de negro. Sempre. Ata a única foto que teño dela na praia, vai cun traxe de baño negro.

Entón, o caso pareceume doado e lóxico. Só moitos anos despóis decateime do asunto. Para o meu segundo cumpreanos, o morto máis recente da miña avóa Xerónima levaba case vinte anos baixo terra e o vindeiro ainda tiña tres meses de vida. E nada moi diferente pasaba coa miña avóa Xosefina.

Non sei a idade que terían elas cando vestiron o loito por primeira vez, pero co paso do tempo, das guerras, da fame, dos barcos, das cartas e da dor, eses traxes negros fixéronse unha segunda pel. Os mortos, pode que non tan nosos nin tan queridos, íanse sucedendo e con eles os loitos.

A miña avóa Xerónima pariu ao seu primeiro fillo vestida de negro. A nai dela morrera xusto un mes antes e deixáralle de herdanza un presaxio: no ventre medraba unha nena. A filla máis vella aferrouse á premonición cunha forza que non tiña para que non lle escapase de todo a nai. Pero no derradeiro día de setembro daquel ano naceu un neno e non a filla prometida por aquela muller con demencia senil e tan perdida. Miña avóa viviu aquel erro da sua nai coma unha segunda morte.

No barco viña tamén de negro. O loito, unha ducia de anos despóis, era agora polo pai. O home dela levaba catro anos na Arxentina, pero chegáronlle algo mais de doce meses para ter traballo, casa e diñeiro para reclamar á muller e os catro fillos. Sen embargo, Xerónima non saía da casa ata que o pai morrera que non estaba disposta a deixalo alá nin o home -vello e enfermo- quería vir á Bos Aires. Tampouco quería deixalo ao coidado das suas irmás, non se sabe ben por qué. Entón, tocaba esperar. Tres anos levoulle ao bisavó Emilio morrer e só cando o sol xa non chegaba ao cadeleito, os cinco fixeron os papeis.

Os tíos, veciños, curmáns, coñecidos, tíos de alguén, sobriños doutros e coñecidos de coñecidos foron engadindo novos loitos. Para os anos 70, moitos mortos ainda virían e moitos outros xa eran lembrados cun traxe negro. Pode que o loito fora por todos eles ou pode que por ningún. Pode que o vestido negro e pechado mostrara daquela a pena, xa non pola morte de alguén moi querido, senón pola morte dunha vida que tivo que morrer para que outra necera. Pode que mostrara a dor do perdido, do que quedaba alá. Pode que tamén falara dunha morte de cada un deles: eran os mesmos pero eran outros nesta terra na que eran os diferentes, os que falaban outra lingua, os que comían outras cousas. Os outros. Eses outros que sempre foron e ainda son: os que chegaron, os distintos, os que non-son-coma-nós.

Cos anos, a miña avóa Xosefina morreu. No hospital, conectada a canto tubo e cable había, vestía unha bata branca. Mágoa. De escoller ela, seguramente prefería o batón negro. Xerónima sigue forte e adusta. O negro foi perdéndose co mesmo ritmo ca sua capacidade de dar ordens ás fillas. Mercaron panos con pintitas pequenas que ela mesma cose e transforma en vestidos, saias ou camisas. Logo chegaron as raias e -co tempo- algunhas cores verdes, celestes e marrones. E eu, ainda, me pregunto por qué os meus avós non vestían de negro nin levaban loito ningún.

9 comentários:

SurOeste disse...

Aquel sentido da decencia e do deber por riba de todo das avoas...dádevos conta o ben que funcionaba daquela a familia como transmisora do que hoxe chamamos "valores". O resultado é que a maioría das veces non había que pensar, só cinguirse ao esquema aprendido e interiorizado: o hábitus de Bourdieu.

Laurindinha disse...

Só unha das miñas dúas avoas levou sempre o loito a costas... Cando era nena sentía desexos de quitarllo (era para min tan estraño que honrase así a un avó que eu nin tan sequera coñecera...). Máis tarde, cando ela morreu, as súas prendas que eu contemplaba eran como a súa propia pel, así é que un día a min soa (aínda nena), deume por apreixalas contra min con moita forza... o seu mandilón e o seu pano negro xa non só eran o fin da miña avoa Laurinda, eran o fin dunha xeración de avoas mergulladas no loito... que eu non comprendía pero que agora estraño. Canto daría por verme de novo na miña aldea rodeada das mulleres que xa nos deixaron, sempre dignas co seu loito, mulleres valentes, traballadoras, sempre nas veigas e coas vacas... É unha xeración que esmorece, que xa boto de menos dende hai anos...

Sei que os tempos cambian, e que o loito era unha condea en vida... máis paréceme que toda aquela xeración posuía unha sabiduría altísima, e que as novas xeracións da aldea non souberon adaptarse, perderon as boas costumes e adoptaron outras máis propias do mundo globalizado. E tanta destrución ponme moi triste...

Precioso texto...

Anônimo disse...

Moi entrañable tal cual falas das túas avoas , das lembranzas.
O loito reflexado na roupa de sempre me pareceu castrante e moi ligado ao xénero; como ti ben reflexas no teu texto. Os homes "cumprían" con levar unha banda negra na manga en sinal de dor, en fín, ben se deita que os mundos cambian. E como ben decía unha tía avoa miña que morreu con 102 anos -hai que ir cos mundos sempre sen esquecer de onde ves-.

Unha aperta moi agarimosa.
:)

Anônimo disse...

Reflícteo moi ben marinha, pero ou moito equivócome ou é un mundo que case está diluído na globalización, o bo e o malo.
A túa ollada é real e fermosa, como a que sentía cando me achegaba a algún hotel de Lisboa, onde me encontraba co decadente en todo o seu esplendor, aínda hoxe o lembro con saudade.
unha aperta :)

Marcos Valcárcel López disse...

Por aportar algo de humor: sempre que falo ou leo algo sobre o loito, lémbrome dunha antiga película de M. Summers, creo que titulada "La niña de luto", que era magnífica (aínda que é da época franquista): trataba a historia dunha moza en Andalucía que ía casar e, a cada vez que o pretendía, morríalle unha parente e tiña que gardar loito varios anos e agardar pola voda; transcorre a historia e a película e pásase a vida de loito e sen casar. Magnífico texto, polo demáis, amiga D.

Marcos Valcárcel López disse...

Se tes un momentiño de vagar, convidámoste a visitar e máis a participar nunha bitácora que quere traballar por defender o galego en positivo:
www.blogoteca.com/falamosgalego/
Un saúdo cordial. S

Anônimo disse...

Só unhas palabras para animala a seguir no seu cometido. Saiba que, dun ou doutro xeito, somos moitos/as os/as que a apoiamos e seguimos.

Anônimo disse...

O meu cometario empezou a medrar tanto, que parecía un bolo no forno. Así que collín e púxeno a modo de post, un pouco máis desenrolado, na miña. Invítote a que lle botes un ollo cando teñas tempo, si che parece.

torredebabel disse...

Moitísimas gracias por estas palabras e sobre todo por esas avóas ou bisavóas coas suas histórias de loito e vestidos negros. Moitos fíos invisibles hai nestas vidas que lavamos a tantos kilómetros de distancia. Graciñas, dende acá para alá!