30 de nov de 2005

Memória



¿Onde vai a memória dunha aldea cando morre o último dos seus habitantes?

27 de nov de 2005

Son galego

Dende Brasil, Marcia Dieguez, “galega dende o ADN”, como ela mesma din, anotou en portugues: “Enquanto existirem pessoas com a Cultura Galega no sangue, alma e coração, ela se perpetuará através das gerações”. E asinou. Dende Bos Aires, Antonio José Francisco Rey asinou xogando coas palabras e metendo o título do seu libro: “Asino estes compromisos porque son galego”.

Dende o seu ordenador nos Estados Unidos, Juan F. Domínguez Fernández escrebeu: “Eu comprométome a asumir todo-los compromisos para a conservacion da nosa galedidade, como decendente de galegos”. Dende Bariloche, na Patagonia Arxentina, Silvana Pelizza Rodríguez dixo en castelán: “Asumo el compromiso por tener sangre galega y por amar la tierra de mis mayores”, e anotou o nome do pobo: A Pobra de Trives - Ourense.

Moitos anos despois de ter deixada a terra, María Rosa Iglesias López comprometeuse: “Asumo este compromiso. Todos los días de mi vida trato y trataré de manifestar mi galleguidad de manera de honrar a mi patria”. E dende Panamá, Enrique Rodríguez Álvarez detallou: “Polo pronto, asumo cumplir desde fai xa anos con dezasete deles. Crio ter feito grandes avances co número catro. Cando cheguei a Fillos, aos meus 53 anos, só coñecia unhas cantas palabras do galego, lembro dos meus pais. Co número seis xa resultou moi tarde na miña vida. Agora toca-lle aos meus fillos. Co número sete van-me ter que axudar a ver como "galeguizo" os apelidos Rodríguez e Álvarez. Polo demáis, viva Galicia con ela até morrer...”

Moitas veces, non é doado ser galego en Galicia. E moitas mais non é nada sinxelo ser galego en España. Pero ser galego fora da terra é arduo. Ben o saben o case millón e meio de galegos que viven polo mundo.

Mais de meio millón deles, escolleron países da América e, deles, mais da metade vive na Arxentina. Por iso, a comunidade galega na Arxentina conta con 330 mil persoas, segundo a Secretaría Xeral para-las Relazóns coas Comunidades Galegas: mais galegos dos que ten toda Europa (sen contar España), o duplo dos que viven en Madrid, dous veces os que moran en Cataluña e 4,5 veces os que habitan no País Vasco. Os galegos da Arxentina enchen 4,5 veces o Estádio Santiago Bernabéu de Madrid ou o Estádio Monumental de Bos Aires e hai case tantos galegos na Arxentina coma en toda-la província de Ourense.

Moitos deles. E moitos dos que viven en Uruguai, Chile, os Estados Unidos, ou Brasil comprometéronse, entre outras cousas, a considerar a Galicia como a Patria; a proclamar en público e en privado que son galegos/as; a aproveitar sempre que se poida para practica-lo galego e a perfeccionalo escribindo, falando, lendo e escoitando; a trasmitir aos fillos e netos o orgullo de ser galegos; ou a poñerlles nomes galegos aos fillos.

E non é so por o nome nunha web. É vivi-lo. É dicir “son galego” e face-lo.

21 de nov de 2005

A fame dos lobos

Fai días lin en La Voz de Galicia que os lobos teñen fame. Segundo o xornalista (de quen esquecin o nome, coido que foi porque il ou ela anotou-no na nota coma se fose moi importante), o número de animais xa tiña descido de xeito alarmante porque non teñen qué comer e, se atopan algo, pode que sexa cebo envenenado. Iso sen falar dos cazadores e das desputas políticas de quen o quere protexer e de que quere que a Xunta pague cando o bicho mata unha ovella o unha cabra.

Sempre escoitei histórias de lobos en casa. Dos lobos propios, dos nosos lobos, e dos lobos alleos. Porque cedo souben que os lobos, como os medos, son sempre de alguen.

E niso, como sempre, o noso lobo non era feroz, nen sanguinario, case que non era salvaxe. O noso lobo era mais ben gris, mais non só de cor, era gris e sen importáncia. Como sempre son as nosas cousas galegas na Argentina. Pero ese é outro asunto.

O noso lobo atopou a Anita cando a meniña tiña dous o tres anos e só un añiño. Achouna na eira, sentada xunto ao valo. E ninguén sabe nada mais que iso, xa que Anita chegou á casa chorando: “Ay, meu añiño! Meu añiño que mo comeu o lobo”.

A nosa história non ten nada de máxica, non hai nela pelos postos de punta, nen xentes sen fala. Coido que o noso lobo é coma nos. Discreto, matou sen molestar ós demais, sen chamar a atención, case non se fixo notar.

Pero sei de outros lobos mais importantes. Os lobos mais crueis e bravos que ninguén atopará nunca xamais. Xa o conta a tía Celsa, que sempre ten as mellores cousas e, claro, o mellor lobo tamén. E as tías de Monte Chingolo que non poden ter un lobo na história se non é unha fera salvaxe e asasina.

Por iso, penso, ninguén dos meus pode crer que hoxe, os lobos, teñan fame. Din que os xornais so contan o que queren e que sempre o que queren son mentiras. E eu non quero nen podo dicer-lles que si, que morren de fame. E non llos digo porque ninguén merece asistir á morte do seu medo mais grande, ese que os fixo ficar espertos nas noites de inverno xelado, silencio e lúa chea, anavallados polos ouvidos. Ese que, de tanto en vez, ainda os fai tremer co recordo. Ninguén o merece.

6 de nov de 2005

Patriotas e bárbaros


Nunha folla voandeira de 1955, saída da imprenta Sindical da Coruña, leíase o seguinte: “Hable bien. Sea Patriota. No sea Bárbaro. Es de cumplido caballero que Usted hable nuestro idioma oficial, o sea, el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino ¡¡Arriba España!!”. A folla voandeira ainda non tería caido ao chan, cuando os meus montábanse ao barco que os levaría para América. Na casa arxentina, nunca falaron outra cousa co galego da aldea. Fora, nunca falaron outra cousa que castelán. Hoxe, 49 anos despois, cando eu comencei coas clases de idioma galego en Bos Aires e cos libros galegos á voltas, a miña avoa miroume con aquela pesadume e dixo-me: “¿E para que?”. Mentres, a folla voandeira segue e segue aboiando no ar.