14 de jun. de 2006

Vinte anos

"A Santiago chegamos en novembro, co outono, e recibiunos un amable e melancólico orballo; eramos Borges e mais eu, dous peregrinos do século XX. Viñamos dunha delongada volta por Europa, na cal fomos desde a daquela República Federal Alemá a Londres e desde Estocolmo a Paris. Debiamos tomar o noso avión de regreso a Madrid. Mais eu decidín que non podiamos volver a Buenos Aires sen visitar Galicia, sen volver á miña amada Compostela". A lembranza -publicada na revista Grial 169- leva a sinatura de María Esther Vázquez, a daquela asistente do escritor arxentino que non quedou na historia por levar o Premio Nobel, coma moitos, senón por non telo ganado nunca, como só pasa cos que realmente o merecían.

María Esther Vázquez é filla de galegos. Escritora e xornalista, hai que din que foi colaboradora de Borges. Sen embargo, foi moito máis que iso: Vázquez foi os ollos do xenial escritor, foi a man que o guiaba na rúa, foi a voz que lia os libros que eses ollos cegos xa non podían navegar. Pode que, por iso, a sua biografía deste home polémico e autor único e virtuoso é a mais auténtica e honesta que eu atopei. Tamén a máis divertida.

No artigo de Grial, conta detalles dese roteiro europeo que fixo con Borges. "Cando lle contaba o que vía, sempre agregaba algo que -decíalle eu- me recordaba Compostela; e así tiña moriña da chuvia escintilando no empedrado da praza do Obradoiro, ou da envoltura barroca da catedral que gardaba a fachada románica, ou dos capiteis labrados no comedor do pazo do bispo Xelmírez, ou das esculturas do Pórtico da Gloia (onde o profeta Daniel segue a rir da outrora opulenta raíña Ester), ou o manto de prata do Santo, gastado pola rozadela das mans de millóns de peregrinos que ao longo de dez séculos lle amosaron a súa devoción...".

Pode que non fora a súa muller (e hai quen dí que puido se-lo), pero iso non a libraba das estratexias tan femeninas que -claro- consisten en tecer fíos de influencia, quecer potas de insistencia, e sementar campos de paciencia. "E tanto cae a pinga sobre a pedra que un día, ao chegarmos a Madrid, Borges me preguntou: «¿Cánto tempo nos queda antes da data marcada na pasaxe para volvermos a Buenos Aires?» Quedaba unha semana e, daquela, timidamente suxeriu: «E se fósemos a Santiago de Compostela?»".

Xa en Compostela, Vázquez e Borges visitaron "ao intelectual máis famoso de Galicia, don Ramón Piñeiro". É divertida e emocionante a lembranza que fai a muller deles dous, famentos e que non vían a hora de xantar na casa de Piñeiro. Pero, por mor dos horarios e costumes diferentes entre Galicia e Arxentina, as horas pasaban falando de libros e de bibliotecas e a comida non chegaba. Sobre as tres e media da tarde estaban xa "mortiños de fame", como di, o que explica o que fixeron. "A muller de Ramón trouxo unha bandexa con algunhas cousas "do eido" para picar, é decir, chourizo cortado, queixo galego, talladas de xamón, viño branco. Diante de Ramón serviámonos con gran civilidade: eu alcanzáballe a Borges unha talladiña e servíame outra, pero cada vez que o dono da casa se erguía e saía do cuarto para traernos un libro que era unha rareza, eu enchíalle a Borges a man esticada e mendicante coa palma cara arriba e el, igual ca min, comía con velocidade voraz e vergoñenta".

Antes de partir, Piñeiro contoulles dos anos na cárcere. "Espantados, preguntamos por qué e Ramón con gran dozura contounos: «Pois eu editaba unha revista en galego e a Franco non lle gustou e daquela mandáronme uns anos a prisión». Quixemos saber qué fixera cando o deixaran en liberdade. «Pois nada -foi a resposta- volvín editar a miña revista en galego». Mirámolo con admiración e no caso de Borges non sen certa envexa: nada o conmovía máis que o desprezo polo perigo, que o desprezo pola propia vida".

Fai por estes días vinte anos que morreu. Lonxe dos seus, só e asustado. Moitas enquisas din -insistentes e teimosas- que é o escritor favorito dos arxentinos. Cousa bastante rara porque é dos menos leidos.

16 comentários:

SurOeste disse...

A fame é neghra!

Anônimo disse...

Borges foi un hom moi peculiar con moitos recobecos que mirar.

Unha aperta.
:)

acedre disse...

Gustoume a lembranza que fixeches de Borges e a sua estadia por terras galegas.
Un saudo.

Veloso disse...

Debeu de ser absolutamente marabilloso ese momento en que sentaron á mesma mesa Borges e Piñeiro. Magnífica a anécdota das talladas de xamón. Unha aperta dende Zamora, hoxe con nubes e posibilidade de treboada.

TXARI disse...

cando se juntam dous almas en peregrinaçom, o caminho sempre está por escribir...

Anônimo disse...

Xa teño escrito nestes comentarios que desfruto ca túa forma de contar as historias.
Pois unha vez mais.

edu disse...

ouh, borges, borges. non é a primeira vez que o digo aquí, pero sempre está ben lembrar o grande mestre.

unha vez entrei nunha sucursal bancaria que xa non existe, fronte á praza san martín, e alí estaba el sentado, coas mans na súa posición característica: unha sobre a outra sobre o bastón.

imaxinalo polas rúas orballadas de compostela é imaxe ben curiosa.

Mr Tichborne disse...

Fermosa historia da conexión galega de Borges.
Eu oira unha historia duns arxentinos que atracaron unha biblioteca. Si, unha biblioteca. E non levaron cartos: foron directamente ó B e levaron tódalas obras de Borges.

Anônimo disse...

Borges sempre me leva inevitablemente ao Aleph, se cadra ese punto o encontrou en Compostela.

Laurindinha disse...

Grazas por este post!!

Anônimo disse...

O teu blog é como unha fonte galega que sempre sacia a sede da terra, do recordo e da morriña´
Miles de bicos.

torredebabel disse...

moitísimas gracias a todos por compartir estes minutos atopandonos cun Borges moito máis real e simpático do sempre vello cego que traenos as fotos. Foi un home moito máis encantador do que se pensa. Pero tamén moito mais xenial do que se cree... Gracias a todos!

Anônimo disse...

Non leo crítica sobre Borges

Caín, nas túas redes

sobor un tecido, un tecido agromado

e me pregunto se existir existirei

de tecido agromado de frores

do mundo do recordo, nese mundo

Para o teu cativiño

Señoriño existir existirei

Santiago de Compostela, Xuño do 2006

Anônimo disse...

O H. Q. Tordu

Señor das historias imaxinarias

Lector coma min de Borges

(E máis de Mª Esther)

Ó señor H. Q. Tordu:

Compartimos fantasías: eu tamén o vin en Compostela

torredebabel disse...

moitas gracias por esas palabras borgeanas pero en galego. Fermosos fios invisibles. Benvid@!

Anônimo disse...

Hoxe o lume queimoume a alma mesmo ao lado da casa, as lapas furibundas enguedelláronse na vida para consumila en dous intres; na miña cabeza as imaxes acústicas pedían venganza tan forte que escoitaban ata os veciños; eles miraban e miraban pero máis nada, despois de todo que lles importa a eles a miña alma.
Agora que todo está calmo de novo e xa só quedan cinzas pregúntome se a eles tamén lles ardería a alma ou se realmente son de xeo.