19 de out. de 2006

Un libro galego

Fai dous anos e medio, Fillos de Galicia puxo en marcha, coa colaboración do Departamento de Acción Social da empresa de trasporte MRW, unha recollida masiva de libros en galego en toda España e Portugal co obxectivo de llelos facer chegar un a un aos membros da comunidade virtual que, de feito, é o Centro Galego mais grande de todo o mundo.

Daquela, eu tiña varias fotocopias de libros que léramos na Cátedra de Estudos Galegos Alfonso Castelao da Universidade de Bos Aires e dous libros que comprara na librería que funciona no Centro Galego. O único lugar en toda a Arxentina onde se poden mercar libros en galego. Clásicos dos editados nos anos 40 e 50 na diáspora hainos e non son tan caros. Pero dos autores mais novos son unha rareza e se os teñen é cos seus respectivos custes en euros o que os fai catro veces mais caros.

Coido que por iso, a tarde na que atopei o sobre co logo de Fillos na porta da miña casa e evidentemente dous libros dentro sentín unha ledicia que non son capaz de explicar hoxe. Nin daquela porque era tan grande que non chegaba o lugar para a razón. Voltaba eu das vacacións, e aí estaban Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas e A orella no buraco de Ma. Xosé Queizán. Gratis. Na porta da miña casa. ¿Un milagre? Non.

"Invitamos aos doadores particulares a lle escribir no libro unha dedicatoria a ese fillo ou neto de galegos descoñecido que o vai ler en Arxentina, México, Brasil, Venezuela, Cuba, Uruguai... Tamén invitamos a editoriais, librarías, autores, concellos, ou asociacións a colaborar dando a coñecer a nosa campaña, achegando libros propios. A súa resposta foi moi positiva e chegamos a un total de 1.463 libros", lembran os responsables da campaña que levou literatura galega a todo o mundo.

Segun o informe da asociación, doaron libros o Concello de Ferrol, La Voz de Galicia, Fundación Caixa Galicia, Colectivo Chapapote, Caixanova, o Concello de Rois, o escritor José Luis Sucasas, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Concello de Corcubión (xunto á Asociación veciñal S. Andrés de Canle e o Centro Social), a Asociación Galega de Historiadores, a revista Murguía, Ediciós do Castro, Biblos, o Colexio Público de Negueira de Muñiz, Libraría Landeira, Sotelo Blanco Edicións, o Concello de Betanzos, o escritor Xosé Manuel Pereiro, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Ed. Sec. de Tomiño, a Deputación de A Coruña, o Concello de Pereiro de Aguiar e diversos doadores particulares e anónimos.

Foron tantos e tantos libros que os cartos para mandalos ás casas dos galegos da diaspora non chegaban. Nin chegan. Conta o presidente de Fillos, Manuel Casal Lodeiro -Casdeiro-: "Fomos enviando en función do diñeiro que tiñamos... como recibimos moitos máis dos previstos tivemos que ir pedindo subvencións e a iso dedicabamos os 300 euros que nos concedía ate o de agora a Xunta. Tamén houbo unha axuda específica e puntual de Nunca máis - Sekula Ez Berriro para enviarmos uns comics de "H2Oil" sobre o Prestige".

Os libros non deixaron de chegar á asociación. Por iso, Fillos mandará de novo -segun os cartos que vaian acadando para iso- literatura galega aos seus mais de 3.000 integrantes. "Serán os membros de Fillos de Galicia que non residan en España, xa que son os que teñen maior dificuldade para atopar libros galegos, e que soliciten expresamente recibir algún dos libros por medio das nosas páxinas en Internet, ben ao rexistrarse como membros ou ben posteriormente", din e perfilan aos futuros lectores: "Son en xeral descendentes de galegos procedentes de moi diversos países, con maioría dos países americanos, e que non adoitan utilizar as bibliotecas nin outros servizos dos centros galegos".

As contas de Fillos din: "Baseándonos no número de envíos totais realizados nos anos anteriores, e tomando como media o caso máis habitual de envío de libros de entre 200 e 350 gramos de peso a membros residentes en Arxentina (vid. supra o perfil dos membros de Fillos de Galicia), tomamos os costes das Tarifas de Correos 2006 e temos: 1.400 envíos x (8,90 euros/envío + 0,45 euros/sobre) = 13.090 euros".

Houbo quen ofreceuse a pagar os custes de envío dos seus libros. Houbo quen mandou agradecementos que facían chorar da emoción. Houbo quen ofreceu os libros recebidos para prestalos aos outros Fillos e así ler mais. O que hai, sobre todo, é fame de lingua, de cultura e de identidade. Eu, polo pronto, xa marquei os que me gustaría receber. Había tanto e fica tan lonxe. Pero en Fillos, canto mais lonxe estás, más preto che fan sentir. Agora, espero o sobre da ledicia.

15 comentários:

Anônimo disse...

Lendo o que dis decátome do afortunada que son de vivir en Barcelona, aquí temos unha tenda Sargadelos cheíña de libros en galego, ao prezo que lles corresponde. As novidades chegan case ao mesmo tempo que en Galicia e se non atopas un libro podes pedilo e tráencho nuns días.

A iniciativa de Fillos é encomiable, e o aprezo e agradecemento que mostrades vós é entenrecedor. Encantoume o que explicaches.

moucho branco disse...

está claro que a algúnha cousa cotiá non lle damos o valor que ten até que lemos cousas coma esta... reitero a anterior dúbida

un saúdo.

Torreira disse...

As veces o terruño resta perspectiva...

Mrs.Doyle disse...

Debería haber máis iniciativas deste tipo.

torredebabel disse...

Naufragha e moucho branco, segundo creo, os libros nunca deixaron de chegar. Ata hoxe. A campaña de recollida comenzou no ano 2004 pero coma os cartos para mandalos polo mundo diante non chegan, a sua viaxe ás mans dos galegos foise desenrolando dende entón en diferentes envios. De feito, Fillos acaba de informar que -segundo o diñeiro o permita- se fará un novo envío para o cal moitos xa escollimos os libros que nos interesan dunha lista que podedes atopar na web www.fillos.org
De todos os xeitos e para responder correctamente, convidei a Casdeiro para deixar unha explicación nesta ventaniña. A atoparedes nestes días...

Concordo con Gemma, con Torreira e Mrs. Doyle: a iniciativa é -para os que estamos lonxe- un milagre. Sobre todo, porque algo tan doado como mercar un libro en galego, para nós é dificil e para moitos mais imposible (económicamente). Graciñas pola vosa compaña.

Moralla disse...

Querida Torredebabel:
Perdoa polo retraso. Agradezo tanto as túas verbas tan fermosas! e tamén a túa recomendación ! agora mesmo vou ao google a investigar sobre esa poeta! chamoume a atención neste post de que falas de María Xosé Queizán! Ela, xunto con Luisa Villalta son das miñas favoritas en Galiza, a mágoa é que a segundo morreu repentinamente hai uns anos e non a puiden coñecer, pero queda a súa magnífica obra coa que me sinto tan identificada! Mais seguro que xa a coñeces, porque estou anonadada de todo o que sabes da nosa terra, encantaríame que viñeses a Galizas para pasar tardes falando, rindo e desfrutando nas rúas compostelás!! Algún día...
Unha aperta linda

Ra disse...

Que gozada de iniciativa. Imagíno la alegría que produce recibirlos. De nuevo, gracias por tu aliento.

Anônimo disse...

Iniciativas coma isa fan de verdade país na diáspora.

Silvio Falcón disse...

A 5ª Provincia medra cada día máis...

Anônimo disse...

Moralla eu tiven a sorte de ter a Luisa Villalta como profesora de literatura galega cando tiña 15 anos nun INdtituo de Ferrol (hai xa 18). Chamábanos a atención a todos, ademais de guapa, era unha excelente profesora-no meu curso deu lírica medieval galaico portuguesa, unha gozada!!!-. Sentín moita pena cando a súa morte, e cando penso nela, lémbrome ademais da súa imaxe, cuns tenis Puma azuis de plataforma,os vaqueros axustados e a boina de lá.

En canto a iniciativa de fillos da GAliza paréceme fabulosa, non sabía que houbera tantas dificultades para que chegaran aí libros en galego; grazas Torredebabel, por ternos sempre tan informados.

Unha forte apreta para os tres!

Anônimo disse...

En primeiro lugar grazas, Débora, por te facer eco desta iniciativa de Fillos. Aínda que vos poida parecer inexplicable, aínda esta semana parecía que nos quería poñer pegas desde a Secretaría Xeral de Emigración para que destinásemos 500 euros que nos concederan para "actividades socioculturais". Semella que ao final non vai haber problema.

En canto ao de nos enviardes máis libros, por nós encantados, pero dado que aínda temos máis de 1.000 por enviar, non vos podemos aegurar cando sairán das nosas caixas para o mundo... E agora MRW xa non os recolle de balde, así que deberiades pagar os custos de envío ate a nosa oficina de Barakaldo. O enderezo é:
C/ Eguskiagirre, 7 - 1º dpto. 5
E-48902 Barakaldo

En realidade o que precisamos é máis diñeiro para enviarmos os que xa temos, máis ca novos libros, que desgraciadamente han ficar aquí collendo pó ate que algunha institución ou patrocinador nos axude cos custos. Xa vistes os custos que lle pasamos a Débora... non sae doado enviar libros tan lonxe.

Grazas!

Moralla disse...

Ola Babel!!!!grazas pola mensaxe tan chea de razón que escribiches sobre o medo. Es unha moza moi culta. Sabes de todo. Con respecto a Delfina. Lin algúns versos, e gústame. Mais de Arxentina a min xa sabes quen me gusta, Alejandra Pizarnik. Teño que indagar máis!! Seguimos en contacto, compañeira!! Unha aperta de liberdade!!
Y

torredebabel disse...

Moitisimas grazas polas vosas palabras de copaña na ledicia que temos os galegos globales cada vez que temos nas mans un libro que nos fala na nosa lingua. Grazas polo interese, polas ganas de engadir un libro mais e polas preguntas que deixan ver a empatía e a sensibilidade. Grazas, sempre, sobre todo por estares aí.

Anônimo disse...

Muito bom, o teu Blog, Amiga! A reportagem sobre a xuntanza de Mulheres Galegas para receberem a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, Carme Adán, tocou-me muito. Tens uma forma de escrever que nos transmite uma imagem muito nítida do que acontece. Parabéns!
Desejo-te boa sorte e que o "sobre da ledicia" te leve livros que tu gostes na Língua Mãe.
Beijinhos para ti e para o teu Neninho e, até sempre!

Marga

torredebabel disse...

marga, benvida!!!! grazas polas tuas palabras e as portas desta páxina se abrirán felices cada vez que queiras pasar por acá.