29 de out de 2006

Ferrín no Tortoni

Vivir lonxe -na diáspora- e ficar ausente das grandes polémicas, do cotilleo culto (que non deixa por iso de ser cotilleo), dos aplausos fervorosos e os cuimes e críticas despiadadas, permiten que os galegos de fora teñamos ainda a posibilidade de admirar sen as interferencias da convivencia. E eu admiro a Méndez Ferrín. Non é unha admiración das importantes ou das que engaden algo. Nin sequera lin todos os seus libros para que fora -cando menos- unha admiración racional e académicamente xustificable. O meu é unha lectura de fotocopias, no bus ou no metro indo ou voltando do traballo, loitando por non sair fuxindo deses universos abraiantes de intensidade, de instintos e forzas, de espanto e de fascinación que atrapan e sorprenden ao lector dende a primeira línea sen deixalo escapar ata a derradeira, maxistralmente. E esas mulleres ferrinianas... esas mulleres!

Por iso, renuncio -antes de intentalo sequera- a contar unha historia sobre a visita de catro días que o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín fixo a Bos Aires esta semana, xunto á Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. Sería, cando menos, unha herexía. En cambio, vou valerme das ferramentas do meu oficio para deixar testimonio da conversa que mantivo no tradicional Café Tortoni cos profesores e académicos da Cátedra de Estudos Galegos Alfonso Castelao que funciona na Universidade de Bos Aires. Cos integrantes da cátedra e algúns outros, coma eu.


O artigo completo acá. Algunhas das súas palabras a continuación:

“Non pertenzo ao partido da Concelleira que vos falou nin ao do Presidente da autonomia galega. Sen embargo, eu son un dos moitos galegos que pensan que coa subida ao goberno autonómico destes dous partidos (o BNG e o PSOdeG), dalgunha maneira, se produce un cambio. Dende longo un cambio simbólico (que un cambio real é moi difícil de prever) pero é un cambio simbólico total. Un home coma eu, un ancian de 68 anos, e calquera persoa coma min naceu baixo a dictadura de Franco e viviu a maior parte da sua vida baixo a dictadura de Franco. E logo, cando se constitúen os gobernos autonómicos, baixo o goberno do ex ministro de Franco, co-culpable da represión, e co-culpable dunha forma moi protagonista xa que foi o que orquestou as campañas internacionais para xustificar -por exemplo- o fusilamento de Xulian Grimau, morto e torturado, por poñer un exemplo entre milleiros. Un franquista que nunca se desdeciu e nunca fixo autocrítica na súa vida. Este feito condiciona que unha persoa coma min, que naceu nesa epoca, que despois tivo que vivir o resto da súa vida cun ministro de Franco, ten a sensación que de -por primeira vez en toda a súa longa existencia- ten un presidente ao que se lles pode dar a man. Porque eu non lle podia dar a man -nin en público nin en privado- a Fraga Iribarne porque era unha man que estaba manchada de sangue”.

“O noso goberno autonómico, de poderes limitadísimos, está ben, tal como pensamos dende a esquerda. O que está pior é a oposición. Ainda que pareza unha paradoxa. O problema de Galiza neste momentos é que hoxe no Parlamento está só na oposición o partido da dereita, podemos decir da extrema dereita, un partido xenéticamente franquista que está presionando sobre o goberno nunha dirección única, que é a dirección dos intereses da dereita. E non hai outro partido de ningún signo o que fai que o goberno esté cotinuamente defendéndose dun so vento que lle ven en contra. Non se sinte presionado polas esquedas ou por outro tipo de cambio que hai. Está presionado únicamente polas políticas de dereita e a eso responde. Ao revés que no Pais Vasco onde hai seis partidos con representacion parlamentaria ou en Catalunya onde hai cinco. En Galiza hai tres o cal revela unha anormalidade e unha pobreza política porque en Galiza hai máis pensamentos, máis ideas que esas. Pero o pobo de esquedas, na sua desesperación puxo o seu voto neses partidos”.

“As imposicións económicas da Unión Europea (UE) implican que a gandería galega estea na ruína, que o agro estea realmente espoboándose, pero non de persoas senón espoboándose de vacas. E iso foi porque o mercado común tivo e ten a ben protexer o leite francés e holandés e limitar o noso coas cuotas que hai que pagar. Así se chega a que as organizacións de esquedas que se chaman Comisións Labregas cheguen a pedir o liberalismo: «Agora queremos ser liberais, queremos producir todo o leite que queramos e venderllo a quen queiramos sen limites», din”.


“Esa rapaza (pola finalista do Premio Planeta Marta Rivera de la Cruz) quere ser todo, como aquel que na procesión quere estar na banda de música, quere ser Cristo, quere ser santo, que ser o cura... Hai que escoller na vida. Borges decia: «Yo, que tantos hombres he sido», claro, pero os foi sucesivamente xa que ao mesmo tempo é dificilísimo. Tal vez este Café Tortoni teña ecos deses tempos. A min, na miña vida me invitou ninguén a unha universidade de Madrid por ser escritor galego. Se ela escolle ser escritora en castelán ten dereito a levar o Premio Cervantes e eu non porque non escribo en español. Non vou chorar eu porque non mo den. Non teño opción: pódeo levar un arxentino ou calquera escritor que use o castelán. Enton queixase. Evidentemente, isto leva detras outra queixa. De feito, hoxe en Galiza toda a vida literaria faise en galego. O movemento poético que existe en Galiza é en galego. O único teatro que se fai en Galiza é en galego. As dúas únicas revistas de ensaio que se fan en Galiza -que son A Trabe de Ouro que teño o honor de dirixir e a Grial de Galaxia- son en galego. Eu estaría ben conforme con poder gañar o Premio Planeta pero eu non o podo gañar porque non escribo en castelán, e ela non pode gañar o Premio Xerais porque non escribe en galego”.

“As políticas lingüísticas en Galiza foron disuasorias contra o galego. A política lingüística é antigalega, de maneira que a filla que temos con Moncha que ten 22 anos, esa menina sae ao mundo dunha familia galega falante e cando entra na escola non lle ensiñaban nin unha triste cantiga. O prescolar en Galiza era castelán-falante ata agora mesmo. E foi unha política deliberada”.

“En Madrid sigue o españolismo que pensa que a existencia de outras linguas que non sexa o español é unha maldicion bíblica ou un insulto á patria. Hay un odio irracional, unha especie de fobia”.

“Eu nunca vin unha poesía galega tan radicalmente politizada como a de hoxe, na historia non a houbo así nin ao mesmo tempo tan innovadora. Aparece aqui a figura de Chus Pato e das mitas poetas. Hai un fenómeno no que a máis nova poesia galega é unha poesía faminina. Algo que non o houbo nunca e estamos falando dunha nacion que é simbolizada por unha muller: Rosalia de Castro. Ainda así chama a atención a presencia de mulleres novas, de menores de 50 anos. E tamén estase dando en poesía o fenomeno curiosísimo (que en novela todo está nun periodo máis conservador, un periodo de best sellers, no que non se arriscan tanto), de que hai imitadores dos poetas galegos. En León, en Andalucía, en Madrid...”.

“Na novela todo é mais conservador. Se hai un novelista que é o noso representante é Manuel Rivas. Manuel Rivas non fai grandes alardes técnicos, conta as cousas moi ben contadas, moi líricamente contadas, pero non é un grande esperimentalista. El é moi lírico, dunha tendencia moi persoal a unha narración moi sincera. E é un escritor que ten peso. E ainda que non hai ese esperimentalismo que hai na poesia, que non existe na narrativa (tal vez porque xa pasou o tempo de esperimentar na narrativa, que xa esperimentamos todos e non hai tanto mais que experimentar) parece que é a epoca de contar as cousas claras, que está ben tamén, como debe de ser, pois ben tamen está presente a política. A política é inseparable da novela de Rivas, incluso a memoria histórica da que se está falando moito é inseparable da súa obra e de moitas. A política non se vai da literatura galega. É que é difícil que se vaia dunha literatura que vive unha situación tan precaria, tan subalterna. Dun pobo que non acaba de ser un pobo cos seus propios recursos. Enton ten sempre esa inquedanza interior. Por iso, a literatura dende Rosalia ata hoxe está politizada”.

(Fotos de Jorge Navos, titular do SICE)

23 de out de 2006

O que as mulleres queren

Non teño moita experiencia en visita de funcionarios galegos á diáspora. As veces que fun a algún acto, escoitei dende mentiras espantosas ata verdades a medias e deixei de ir. Por iso, digo eu, o que fixo a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, Carme Adán, deixoume sorprendida. Organizou unha xuntanza con mulleres galegas sen reparar nas suas ideas políticas e, sentada fronte a elas, opinou que a colectividade galega en Bos Aires era machista. Non dixo masculina. Usou a palabra machista.

Engadiu que pensaba que as mulleres galegas estaban invisibilizadas. Que era inadmisible que so dous centros galegos -das ducias e ducias que hai- tiveran presidente muller. E que viña non a falar senón a escoitar. E preguntou: "Qué é o que necesitades? Qué é o que queredes? Quixera saber qué pensades".

Non sei quen é Carme Adán. Nunca antes na miña vida a vira, e coido que non a verei de novo. Non sei se é un bo elemento no seu partido, se está formada nos temas de xénero, se fai ben o seu traballo e se as mulleres galegas ven nela a alguen que as axuda. O único que sei é que fixo silencio e, ainda que estaba aí para lanzar o Centro de Información e Asesoramento para Mulleres Galegas Emigradas (CIAM) -os políticos sempre atopan nomes moi longos para as cousas sinxelas-, so quixo escoitar.

As mulleres de mais anos case non falaron. Moitos anos sen ser escoitadas xa deixaran nelas unha naturalización do seu silencio que non foi posible quebrar nunha mañá. Pero as que siguen loitando e rebelándose fronte á discriminación, fronte aos "non" de todos os días, fronte á ignorancia e o medo que tantas veces xeneran as mulleres con ganas e decisión, esas sí falaron.

Houbo quen contou historias familiares ferintes e dolorosas, de abandono e de ausencia completa das axudas mais básicas. Houbo quen ergueu a voz para denunciar o escándalo no que está atrapado o Hospital do Centro Galego (ese no que eu nacín e ao que non levaría ao meu fillo así fora o derradeiro centro de saude da Arxentina) e que se é público é polas mulleres-pacientes que non queren velo morrer. Houbo quen falou do seu proxecto que nunca tivo mais apoio que as suas propias forzas ainda que faga algo tan fermoso coma cantar en galego aos nenos arxentinos. E houbo quen sentiu pudor cando se falou aí do seu pai, Tacholas. Houbo, en fin, voces que eran escoitadas honestamente -coido- por primeira vez.


Sen embargo, voces novas non as houbo. Non había nesa xuntanza nin unha soa muller que tivera menos de 30 e tantos anos. Non é porque non haxa mulleres galegas de esas idades. É porque son listas e guapas e profisionais e non están dispostas a calar coma as súas náis e avóas. E fan ben.

Pode que non o soubera antes, pero o agasallo que deixou a funcionaria antes de marchar non puido ser mellor. Cada unha desas mulleres levouse un pano coa lenda: "Queremos Poder". Dúas palabras que fan xustiza coas mulleres galegas emigrantes. Sempre invisibles. Sempre caladas. Sempre nas sombras.

19 de out de 2006

Un libro galego

Fai dous anos e medio, Fillos de Galicia puxo en marcha, coa colaboración do Departamento de Acción Social da empresa de trasporte MRW, unha recollida masiva de libros en galego en toda España e Portugal co obxectivo de llelos facer chegar un a un aos membros da comunidade virtual que, de feito, é o Centro Galego mais grande de todo o mundo.

Daquela, eu tiña varias fotocopias de libros que léramos na Cátedra de Estudos Galegos Alfonso Castelao da Universidade de Bos Aires e dous libros que comprara na librería que funciona no Centro Galego. O único lugar en toda a Arxentina onde se poden mercar libros en galego. Clásicos dos editados nos anos 40 e 50 na diáspora hainos e non son tan caros. Pero dos autores mais novos son unha rareza e se os teñen é cos seus respectivos custes en euros o que os fai catro veces mais caros.

Coido que por iso, a tarde na que atopei o sobre co logo de Fillos na porta da miña casa e evidentemente dous libros dentro sentín unha ledicia que non son capaz de explicar hoxe. Nin daquela porque era tan grande que non chegaba o lugar para a razón. Voltaba eu das vacacións, e aí estaban Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas e A orella no buraco de Ma. Xosé Queizán. Gratis. Na porta da miña casa. ¿Un milagre? Non.

"Invitamos aos doadores particulares a lle escribir no libro unha dedicatoria a ese fillo ou neto de galegos descoñecido que o vai ler en Arxentina, México, Brasil, Venezuela, Cuba, Uruguai... Tamén invitamos a editoriais, librarías, autores, concellos, ou asociacións a colaborar dando a coñecer a nosa campaña, achegando libros propios. A súa resposta foi moi positiva e chegamos a un total de 1.463 libros", lembran os responsables da campaña que levou literatura galega a todo o mundo.

Segun o informe da asociación, doaron libros o Concello de Ferrol, La Voz de Galicia, Fundación Caixa Galicia, Colectivo Chapapote, Caixanova, o Concello de Rois, o escritor José Luis Sucasas, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Concello de Corcubión (xunto á Asociación veciñal S. Andrés de Canle e o Centro Social), a Asociación Galega de Historiadores, a revista Murguía, Ediciós do Castro, Biblos, o Colexio Público de Negueira de Muñiz, Libraría Landeira, Sotelo Blanco Edicións, o Concello de Betanzos, o escritor Xosé Manuel Pereiro, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Ed. Sec. de Tomiño, a Deputación de A Coruña, o Concello de Pereiro de Aguiar e diversos doadores particulares e anónimos.

Foron tantos e tantos libros que os cartos para mandalos ás casas dos galegos da diaspora non chegaban. Nin chegan. Conta o presidente de Fillos, Manuel Casal Lodeiro -Casdeiro-: "Fomos enviando en función do diñeiro que tiñamos... como recibimos moitos máis dos previstos tivemos que ir pedindo subvencións e a iso dedicabamos os 300 euros que nos concedía ate o de agora a Xunta. Tamén houbo unha axuda específica e puntual de Nunca máis - Sekula Ez Berriro para enviarmos uns comics de "H2Oil" sobre o Prestige".

Os libros non deixaron de chegar á asociación. Por iso, Fillos mandará de novo -segun os cartos que vaian acadando para iso- literatura galega aos seus mais de 3.000 integrantes. "Serán os membros de Fillos de Galicia que non residan en España, xa que son os que teñen maior dificuldade para atopar libros galegos, e que soliciten expresamente recibir algún dos libros por medio das nosas páxinas en Internet, ben ao rexistrarse como membros ou ben posteriormente", din e perfilan aos futuros lectores: "Son en xeral descendentes de galegos procedentes de moi diversos países, con maioría dos países americanos, e que non adoitan utilizar as bibliotecas nin outros servizos dos centros galegos".

As contas de Fillos din: "Baseándonos no número de envíos totais realizados nos anos anteriores, e tomando como media o caso máis habitual de envío de libros de entre 200 e 350 gramos de peso a membros residentes en Arxentina (vid. supra o perfil dos membros de Fillos de Galicia), tomamos os costes das Tarifas de Correos 2006 e temos: 1.400 envíos x (8,90 euros/envío + 0,45 euros/sobre) = 13.090 euros".

Houbo quen ofreceuse a pagar os custes de envío dos seus libros. Houbo quen mandou agradecementos que facían chorar da emoción. Houbo quen ofreceu os libros recebidos para prestalos aos outros Fillos e así ler mais. O que hai, sobre todo, é fame de lingua, de cultura e de identidade. Eu, polo pronto, xa marquei os que me gustaría receber. Había tanto e fica tan lonxe. Pero en Fillos, canto mais lonxe estás, más preto che fan sentir. Agora, espero o sobre da ledicia.

13 de out de 2006

Identidades

Ser e estar. Chegan eses dous verbos para compendiar o que pasou no mítico Café Tortoni de Bos Aires o mércores 4 de outubro, durante a presentación para os amigos e para a prensa do segundo número da revista ReNovaGaliza que, editada polo Foro Civico Galego de Barcelona, inclúe un deslumbrante monográfico titulado A Galiza global: as galegas e os galegos no mundo (que pode baixarse gratis en aca).

O exemplar reune máis de 50 traballos e textos de galegos e de descendentes seus repartidos por todo o mundo en perto de 300 páxinas. Entre os que escribiron figuran Ramón Chao; o diretor do Le Monde diplomatique (París), Ignacio Ramonet; o catedrático Fermin Bouza; e o ministro de Cultura de Venezuela, Farruco Sesto Novás, entre moitos outros. Arxentina ten voces propias tamén: a escritora e catedrática Maria Rosa Lojo, autora de destacadas e exitosas novelas como La princesa federal e a mais recente A fin da terra; o historiador e doutorando por la USC Ruy Farias, o empresario Manuel Corral Vide, a nadadora María Inés Mato, o enxenieiro Xaime Arias, o profesor e entrenador de natación e coordinador do grupo “Hijos y nietos de españoles” na Arxentina Daniel Rodolfo Barreiro, e os responsables de “Galicia espallada” Ulises Pimentel y Mónica Suárez Groba, entre otros.

A presentación na fermosa sala Alfonsina Storni do Café Tortoni tivo coma protagonistas, precisamente, a María Rosa Lojo e Ruy Farías mais a visita de Ana Miranda, responsable de Emigración do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e portavoz de esa forza no Parlamento Europeo (Bruxelas), quen foi a coordinadora e compiladora dos traballos e documentos que forman o monográfico e foi a presencia do Foro Civico Galego de Barcelona en Bos Aires, como ven sucedendo en cada presentación das que xa se fixeron e das que ainda se farán en cada cidade onde un galego puxo voz na publicación.

“Este trabajo se propone participar de una nueva manera de entender la realidad, procurando darle a la globalización un sentido positivo”, dixo Miranda, ás veces falando en castelán e ás veces en galego, ainda que os xornalistas e alguns dos asistentes non coñeceran a lingua. “La idea es devolverle la dignidad a la diáspora y terminar con la relación centro-periferia, dejar de creer en que venimos aquí a dar lecciones”, engadiu. E para exemplificar falou da obra da cuberta do monográfico que non é outra que “Un sol” que Luis Seoane pintou mentres vivía en Bos Aires.

Cando chegou o seu momento, María Rosa Lojo contou historias. Algo que fai moi ben. “Esta es una publicación muy diferente a otras que solemos ver sobre nuestra identidad, donde predomina el cuño tradicional, localista y folklórico”, dixo e insistiu sobre a diversidade presente no monográfico. “Se trata de una forma efectiva de disolver los lamentables estereotipos sobre los gallegos que se han construido desde la alta literatura, la prensa y el sainete”, lembrou Lojo e rematou falando do orgullo que sinte pola orixe humilde da sua familia labrega que “a puro sacrificio, consiguieron abrirles el mundo a los hijos que criaron aquí”.

A última, que non derradeira, intervención foi a de Ruy Farías, especialista na emigración galega no sur do conurbano. Coñecedor da historia pero tamén do presente, o académico non escondeu a sua preocupación pola “difuminación de la impronta gallega y su continuidad en Buenos Aires” e subliñou que hoxe moi poucos se ocupan de manter viva a cultura galega do “grupo étnico más numeroso entre las corrientes migratorias instaladas en la Argentina; el 17 por ciento de los emigrantes eran gallegos, sólo superados por el conjunto de los italianos”.

Se chega como proba, so engadir que os asistentes pidiron a palabra e as sucesivas preguntas e comentarios duraron moito máis que as presentacións de Lojo, Miranda e Farías. Moi ben entendeu todo o xornalista Angel Berlanga que cubriu a presentación para o xornal arxentino Página/12 e que no remate do seu artigo di: “La idea es airear olores rancios, sacudir liturgias, discutir quehaceres gastados de rutina, paralizantes, de señores prendidos desde hace mucho a tetas de instituciones que en estos tiempos reciben leche fresca desde Europa, asuntos que acaso tengan que ver con la disolución de la que habla Farías”.



5 de out de 2006

As mazás de Amparo

O malo de ter unha familia espallada é que nunca tes cómo chamar aos fillos dos curmáns da tua nai ou aos netos da madriña da tua avóa. Por iso, eu sempre uso o democrático termo de "primo/a" que, por xeral e ambiguo, non perde o agarimo. Alá están os curmáns Rocío, Emilio, Lisardo, Carlos e Belén e Adolfito. Tamén as tías Jesusa e as dúas Anas. E moitos outros. E Amparo. Porque hoxe quería falar de Amparo.

Lembrome dela con moita frecuencia, sempre con agarimo e admiración. Teño vivo e intenso o recordo da vez que a coñecín fai xa case dez anos. Eu apenas pasaba dos vinte anos e tiña daquela un estilo estridente, deses que veñen coa xuventude. Ela co seu falar construido de palabras e tamén de silencios pareceume -nos primeros momentos- tímida. E non sería o derradeiro erro de ollada.

Non era tímida. Era intelixente. E as persoas intelixentes so falan o necesario, non mais. E Amparo, por riba, tamén sabe escoitar. É unha muller curiosa e inquieta, un deses espíritos xenerosos que sempre pensan que hai nos outros algo por descubrir. Por iso, tanto pode un falar con ela sobre política no Pais Vasco (onde viviu ata o ano pasado), mergullar nas diferentes políticas de saude que se aplican no Estado Español ou en América Latina, ou recorrer os recunchos dos asuntos mais diversos.

Se a primeira ollada é a que importa, este caso é unha excepción. Cando coñecín a Amparo, pode que polo tempo das vacacións ou polos anos que tiñamos cada unha de nós, parecume discreta de mais. Unha desas mulleres que pon mais énfase en pasar desapercibida que en facerse ver e chamar a atención. Pode que a memoria teña mudado e debuxado as cousas de xeito diferentes, pero ainda a vexo con roupas dunha muller maior ca ela, unha veciña da aldea sempre ocupada na casa, nos fillos e no home. Moito me trabuquei. De novo.

Amparo brilla sen impor a sua presencia. Un fala con ela e así, sen decatarse, ela vai tornando coa forza do interés, a conversa cara a ela. Sempre admirei moito a esas persoas que destacan sen facer esforzo, sen berros nin roupas de vangarda. E estamos a falar dunha delas.

E certamente, ainda non contei o meu erro central daqueles tempos nos que coñecín a Amparo. Souben cedo que tiña estudiado Medicina. A carreira toda. De comenzo a final. E deixara a residencia sen facer cando quixo ser nai. Para quen, coma min, tivo tempo de universidade e logo (moito tempo despois) para os fillos, aquela decisión deixoume abraiada. Na miña cabeza non entraba explicación razoable que dera conta dunha muller que renuncia á medicina para traballar co seu home nun negocio. Non a había.

Pero chegoume o tempo de entendelo. Mais ou menos pola data na que eu souben que ia ter un fillo, Amparo pasou o examen e acadou unha praza de médico. Quen vive en calqueira cidade ou aldea de España sabe moi ben que estou a falar dunha proeza. É unha fazaña para os novos, os graduados do ano pasado que fan os examenes tendo na mente os coñecementos mais recentes. Pero falo acá dunha muller que levaba 20 anos fora da universidade, que estudiara Medicina nos tempos onde o VIH non era mais que tres letras. Ela loitaba por unha praza fronte a médicos xovens que lle levaban vantaxes evidentes.

Cando souben da boa nova (por medio da sua filla Rocío, estudante de Medicina tamén), mandei un correo con présa: "Felicitaciones -puxen en el-. No sé cómo felicitarte y que te llegue toda la alegría que tengo a través de un medio tan limitado como el correo electrónico. Si es que tengo una felicidad tan enorme que parece que la que pasó el examen soy yo!!!".

Logo fun eu nai. E entendín todo.

Este verán, Amparo e a sua familia non tiveron vacacións por mor do traballo novo en Oviedo. O de médica. Contabame fai días nunha carta que sentía moito non poder voltar á aldea en agosto, non tanto polos días de descanso, senón por ver unhas maceiras que puxo alá no inverno. Seica a nai dela, que vive alá, xa lle dixo que non deran froito ningún. Pero ela ainda quere ir e velo por se mesma. E eu, agora que entendo, creo que cando Amparo vaia a Quintá, as maceiras estarán cheas de froitos. Porque ela pode o que ninguén pode. E o fai sin estridencias. Discretamente e ao seu tempo. Coma nacen as mazás.