23 de abr. de 2007

Para que sirve un libro

O día do libro atópame mergullando nunha cidade de libros. Seica esta data "celebrouse por primeira vez o 7 de outubro de 1926. A idea foi do escritor e editor valenciano establecido en Barcelona Vicent Clavel Andrés, que llo propuxo á Cámara Oficial do Libro de Barcelona. O día foi escollido inicialmente en conmemoración do nacemento nesa data de 1547 do autor do Quixote, Miguel de Cervantes. Con todo, no ano 1930 trasládase a data ó 23 de abril, conmemorándose neste caso a data de falecemento de Cervantes, que sucedeu no ano 1616. O día 23 de abril coincidía ademais de que na mesma data e ano da morte de Cervantes tamén se produciu a do autor peruano Inca Garcilaso de la Vega e do escritor inglés William Shakespeare", segundo informa Galicia-Hoxe.

De feito que, neste día do libro, pregunteime para qué cousa valen os libros. Dende logo, non para que a meirande parte dos autores se fagan ricos. Fixen esta lista. Pequena e incompleta. Coa esperanza de i-la completando coas achegas de cada un de vós. Despois de todo, cada libro complétase cando alguén o lee e o transforma noutra cousa. Como tamén pasa cos textos no blogomillo.

Na miña vida, os libros valen para que Santiago aceite ir durmir pola noite (sempre a cambio dun conto... poden ser dous). Para comprobar que as casas van empequenecendo co paso do tempo e, dun xeito misterioso, onde tiñas sitio abondo para os vindeiros libros, de súpeto xa non o tes máis. Os libros tenden pontes, achegan persoas e cruzan o Atlántico moito máis rápido cos avións. Os libros vencen a emigración. Os libros equilibran mesas e pechan portas. Os libros namoran. E eu estou namorada dun marabilloso escritor e xornalista, amante dos libros (ainda que, como en todos os amores, tamén ás veces non os queira preto). Os libros agasallan amigos e eles mesmos son sempre o mellor regalo que dar e que receber. Os libros saben decir iso que nós non sabemos, saben as cousas que quixeramos aprender, e ensinan ainda cando non queremos estudar. Os libros viaxan en bolsos, sobres, máns e axilas. E son fabulosos compañeiros de viaxe: no metro, no bus e no tren e avión. Quitan medos e penas e soidades. Nun libro todo é posible: fuxir voando nunha saba voandeira (como nos Cen anos de Soidade de García Marquez), cuspir coellos e vivir nunha casa ocupada por extraños (como imaxinou Cortazar), ou ser un home que nada esquece, nada nada (como o Funes de Borges). O único que non é posible, para min, é vivir sen libros.

17 comentários:

Son Unha Xoaniña disse...

Fixo vostede unha liata na que é dificil engadir máis, e fíxoa magníficamente, eu síntome totalmente identificada con todo eso que significan os libros para vostede.
Tampouco sería posible para min vivir sen libros.
unha aperta.

Anônimo disse...

Esquece unha cousa, se cadra de tan evidente que é.
Ler o libro axeitado é moi divertido, mais que ver a televisión.
Desgraciadamente moita xente nova non o sabe.

Asimè Triko disse...

Tantos libros para ler e tan pouco tempo para adicarlles. Quen puidera lelos todos.

Seoman disse...

Os libros para que valen. Pois para escapar de esta vida por un intre e poder ir a un mundo alleo no que encontrarse a gusto. Valen para culturizarse que algunhas persoas deberian ter en conta. Vale para vivir, Viva o libro. Saudos

Torreira disse...

Os libros serven pra que entre outras cousas haxa xenta coma ti que diga e conte tan ben pra que serven

Anônimo disse...

Os libros son o que non sabemos de nós, quizais de aí a paixón de ler.

Mario disse...

E sen esquecer o que dan de falar e de teorizar, ou como xeran outros libros, case até o infinito.

Anônimo disse...

Guía , titor , conselleiro, mentor, mestre, profesor, amigo, compañeiro, aliado, socio, compadre, confrade, colega, cómplice, , secuaz, educador, ayo, instigador, inductor , promotor, creador, causante, factor, irmán, socio... e un millón de cousas mais, pode ser un libro.
Nas mans dun necio un adorno nun estante, nas dun inculto un mestre, nas dun aburrido unha diversión , nas dun doente de amor papel secante para lágrimas, nas dun tolo un instante de cordura e nas dun cordo o momento que todos necesitamos de tolemia. En fin , un libro é o que o seu posuidor queira que sexa
Unha aperta

moucho branco disse...

os libros, como todo o mundo sabe serven para suxeitar patas das mesas que se tambalean... outro uso importante é o decorativo, neste sentido hai que escoller ben as cores... tamén hai quen os lé e seica aprenden cousas e viven aventuras e soños e todas esas cousas, eles saberán o que fan...

Ra disse...

Dalmiro Saénz lo dijo mejor que yo:
"El General Paz era un filósofo. Cuando estuvo ocho años en un calabozo, sin libros, dijo:"Me han condenado a la certeza".¡No podía darse el lujo de dudar, no tenía libros y estaba solo!"

Qué mejor compañía. Apertas.

Mrs.Doyle disse...

Cada libro é un mundo cheo de vida.

Anônimo disse...

Pouco que engadir...Ou tanto. Supoño que para cada un de nós, para cada unha das persoas que amamos as letras, é algo diferente...Enfermaría sen eles...E aínda que saiba, que non darei lido todos os formarán a miña biblioteca, non podería vivir sen eles...

FraVernero disse...

Aaa, para qué serven os libros...

Para leña non deben de valer (xa dixo Rivas iso de que 'os libros arden mal').

Como perfume tampouco, anque lembro uns exemplares de clásicos filosóficos en inglés que teñen na biblioteca da Serra e que receden que dá gusto como a plastilina...

Cando estás só ou en tránsito, valen para pasar o rato. Nese momento, gatos aparte que o cacen, uns versos ou unha lectura lixeira entreteñen unha barbaridade...

Non sabía que o Inca Garcilaso tamén entraba nesta xa pasada data sinalada. Haberá que erguerlle un altar tamén, entre Willian e Miguel, e reler os 'Comentarios Reales'...

Anônimo disse...

Veño descubrir a existencia do “cuestionario Proust” e, aínda que é “prescrito” xeralmente a escritores, creo que tamén serve para blogueiros.
Propóñolle pois, un post respostando a dito cuestionario (se lle peta, claro).


O cuestionario Proust:

O principal rasgo do meu carácter?

A calidade que prefiro nun home?

A calidade que desexo nunha muller?

O que máis aprecio nos meus amigos?

O meu principal defecto?

A miña ocupación preferida?

O meu soño de dicha?

Cal sería a miña maior desgraza?

Que quixera ser?

Onde desexaría vivir?

A cor que prefiro?

A flor que prefiro?

O paxaro que prefiro?

Os meus autores preferidos en prosa?

Os meus poetas preferidos?

Os meus heroes de ficción?

As miñas heroínas de ficción?

Os meus compositores preferidos?

Os meus pintores predilectos?

Os meus heroes da vida real?

As miñas heroínas históricas?

Os meus nomes favoritos?

Que detesto máis que nada?

Que caracteres históricos desprezo máis?

Que feito militar admiro máis?

Que reforma admiro máis?

Que dons naturais quixeras ter?

Como me gustaría morrer?

Estado presente do meu espírito?

Feitos que me inspiran máis indulxencia?

O meu lema?

torredebabel disse...

Moitas moitas grazas polas vosas achegas, polas vosas ideas, por tantas verbas interesantes e estimulantes. Dende logo, é tan fermoso ler un libro coma lervos a vós.
Moitas grazas ao amigo Larvos polo convite!! Coñecía o cuestionario Proust e xa estou pensando nas respostas... menudo desafío!

A Raíña Vermella disse...

Os libros valen sobre todo para que a miña casa vaia encollendo progresivamente, como Alicia, ata o punto no que penso: ou me cambio de piso ou deixo de mercar libros. Resígnome e comezo a mirar anuncios inmobiliarios.
P.D: moi interesante o do cuestionario Proust, aínda que se cadra debería mudar o de "cualidade que prefiro nun home" e "que desexo nunha muller", por aquilo de non resultar anacrónicos, e de que sexa aplicable a tódalas opcións sexuais:)

Marinha de Allegue disse...

Os libros acompánhannos dende a nenez, nos momentos de formación, de lecer, en intres de espera fannos gran companhía, ocupan espazos nas nosas casas a dan solución a certas dúbidas. Con eles flúen as nosas emocións somos capaces de rir, de chorar...
Na nosa vida refléxanse os libros que foron pasando por ela e deixaron algún pouso dalgún xeito ou de outro.

Beijos e Sorrisos para ti minha benquerida amiga.
:)