4 de mai. de 2007

Eu por Proust

É Larvos quen trae un desafío ben interesante ao blogomillo: o cuestionario Proust. Mergullando algo pola rede, atopo un pouco de historia sobre este test que se fixo famoso por ser aplicado case a todos os escritores. En verdade e ainda que leve o seu nome, non foi Marcel Proust quen o inventou senón que foi, coma tantos logo, entrevistado con estas preguntas. Moitos coinciden en que o autor d´Á busca do tempo perdido deulle resposta dúas veces na súa vida. No que hai discordancias é nas datas. Hai quen di que na primeira desas veces eran 24 preguntas que Proust percorreu no ano 1886. Na segunda, do ano 1891, xa eran 30. Outros informan que, segundo o libro de André Maurois Proust: Retrato dun xenio, a primeira vez que o escritor francés se enfrontou ao cuestionario foi aos 13 anos (1884) e a segunda sete anos logo (1891).
Sen embargo, nese lustro ou sete anos, nada mudou na vida de Proust xa que o que contou foi o mesmo. Algunhas das respostas do autor son curiosas. Á pegunta cál é, para vostede, a máxima pena? respondeu: "Ficar lonxe da miña nai". Sobre cál é o seu personaxe histórico favorito, Proust dixo: "Unha mestura entre Sócrates, Pericles, Mahoma, Musset, Plinio el joven, y Agustín Thierry". Á pregunta pola calidade que desexaría nun home, o autor respondeu: "Os encantos femininos". E sobre a característica do seu carácter, sinalou: "A necesidade de que me amen e, para detallar, a necesidade de que me acariñen e consintan moito, mais ca necesidade de que me admiren".

Se quixeran facelo, gustaríame moito coñecer as respostas de Marcos Valcarcel, Veloso, moralla, SurOeste, A Raíña Vermella, Rifo I de Zeuquirne, Mario, FraVernero, e Homesdepredraenbarcosdepau. Bueno, se cadra tiña que escoller menos, pero a verdade é que quixera moito ler as súas intelixentes ideas.

As miñas respostas ao cuestionario Proust:

O principal rasgo do meu carácter?
Diría a miña psicóloga que pensar pouco en min e moito nos outros. Diría a miña nai que pensar moito no que eu quero e pouco no que ela quere. Diría eu que algo das dúas cousas.

A calidade que prefiro nun home?
A intelixencia e os ollos que deixan ver a alma. Prefiro os homes que teñen a audacia de saberse persoas sensibles.

A calidade que desexo nunha muller?
Pois non desexo mulleres no sentido erótico, ainda que hai moitas de indubidable seducción. O mellor que temos as mulleres é iso mesmo: ser mulleres. Gústame a valentía das mulleres, conmóvenme as maneiras da xenerosidade feminina, son admiradora da fermosura que saben locir as mulleres maiores, cheas de enrugas, cheas de vida.

O que máis aprecio nos meus amigos?
Que sexan. Que estean. Que saiban. Que falen cando quixera que calaran e os seus silencios cando as verbas sobran.

O meu principal defecto?
Teño defectos sen xerarquías, todos eles son protagonistas ou actores de reparto, segundo o caso. No traballo, non son quen de decir que non (e debería!) e na casa digoo máis do necesario. Como tan fermosamente dí a poeta María do Cebreiro: "¿de que María lles falo? da que fala (demasiado), da que cala (demasiado pouco)? Despois de todo, ¿quen somos nós para falar de nós?".

A miña ocupación preferida?
Teño tres: escoitar como Angel lee contos de Aberlardo Castillo; ollar ao meu fillo, so ollalo, sen que se decate diso, ollalo; leer.

O meu soño de dicha?
Chegar a vella, coa xente que mais amo. Non perder a memoria. Atopar un custodio para deixarlle a historia dos meus.

Cal sería a miña maior desgraza?
Moitas. Non as anoto por non chamalas.

Que quixera ser?
O que son pero moito mellor do que son.

Onde desexaría vivir?
Onde fora que estean o meu home e o meu fillo. Como dixo Afonso Monxardín fai algún tempo, a miña patria son eles.

A cor que prefiro?
Todas. E xuntas. Gústame a polifonía das cores e as distintas sensacións que espertan na alma e no corpo dos homes e das mulleres.

A flor que prefiro?
A gardenia. Sinto poderosa esa mestura da cor branca e o cheiro doce e forte. As gardenias sempre serán o perfume do Nadal. Unha fermosa viaxe a tempos pretéritos. Unha fermosa experiencia presente.

O paxaro que prefiro?
O colibrí. A súa rapidez. As cores imprecisas e brillantes. A fraxilidade do tamaño contra o vertixe das as que non paran, non paran, non paran...

Os meus autores preferidos en prosa?
Jorge Luis Borges. Julio Cortazar. Manuel Puig. Gabriel García Márquez. Rodolfo Walsh. Aberlardo Castillo (estou chegando a el agora). Na literatura galega levo pouco tempo de lectora e non teño mais remedio que ler o que chega (que só é o mais famoso): Xosé Luis Méndez Ferrín, Víctor F. Freixanes, Manuel Rivas, Suso de Toro, Ma. Xosé Queizán, Rafael Dieste, o inmenso Castelao. E sobre todo, Eduardo Blanco Amor. E os que esquezo neste momento...

Os meus poetas preferidos?
Borges. Lorca. Rosalía. Miguel Hernández. Borges. Gelman. Pizarnik (non lin moito pero é perturbadora e fermosa). Borges. Gabriela Mistral. Alfonsina. Borges. María do Cebreiro (a quen descubrin estas semanas pola súa visita a Bos Aires nun libro dela que me trouxo Eduardo Estevez fai tempo). Borges. María Mariño (tamén a estou a descubrir). E Borges...

Os meus heroes de ficción?
Os meus pais.

As miñas heroínas de ficción?
Prefiro os heroes reais. Coñezo moitos e todos anónimos.

Os meus compositores preferidos?
Os ballets de Pyotr Ilyich Tchaikovsky. Caetano Veloso. Astor Piazzolla.

Os meus pintores predilectos?
Xul Solar. Berni. Seoane. Dalí e Picasso.

Os meus heroes da vida real?
O meu fillo que saiu desa incubadora na que o tiñan atrapado con tubos e cables. O meu avó Xoaquín que nunca tivo xenreira á unha nai que moito lla merecía. A miña avóa Xerónima que agonizante, fai poucos días, me dixo: "Non hei morrer. Non ainda. Teño limóns na casa e quería facer con eles un zume, que non quero que se perdan".

As miñas heroínas históricas?
Non creo nos heroes que construe a historia. Sempre son interesados, modélicos, inofensivos e sometedores.

Os meus nomes favoritos?
Os da xente que mais quero porque os nomes, baleiros de persoas, non son nada. Grisel e Gonzalo, Angel e Santiago, Luca, Xoaquín, Xerónima. E Rosalía.

Que detesto máis que nada?
A incoherencia de decir unha cousa e facer outra.

Que caracteres históricos desprezo máis?
A inxenuidade de contar unha historia coa certeza de que é verdadeira cando, claro, non é mais cunha historia.

Que feito militar admiro máis?
Son biolóxicamente incapaz de admirar ningún feito militar. Admiro a paz e niso os militares nunca teñen que ver.

Que reforma admiro máis?
A que está facendo Ana na diáspora. Un traballo de formiga. Sen recursos, nin equipos. Sen pedir votos. Sementando dignidade. Admiro que entendera tanto e tan ben a tanta xente espallada polo mundo.

Que dons naturais quixeras ter?
O do silencio.

Como me gustaría morrer?
Bueno, non o sei. E como tampouco mo tomarán en conta...

Estado presente do meu espírito?
Mellor do esperable. Pior do que semella...

Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Eses que demostran que somos humáns, ainda cando máis queremos disimulalo.

O meu lema?
Non teño ningún pero prometo buscar un para a vindeira vez...

20 comentários:

SurOeste disse...

Miña nai querida!, Torre, miña alta señora, non sería mellor que nos mandases debuxar unha árbore? Enfín, tardarei douus meses en acabar de contestar todo pero prométoche que o farei e mandareiche recado.
E, por certo, grazas infinitas (xa sabes).

Anônimo disse...

Recollo a luva Torredebabel e xa irei pensando as respostas.
Dáme un pouco de temor todo isto porque se son demasiado sincero cas miñas respostas expoñerei as olladas de todos a miña alma e sentireime espido. Se polo contrario non o son, entón de que vale o que escriba?. Se trato de ser intelixente e avispado cas miñas respostas todos se darán conta de que non son nin unha cousa nin outra . Buscarei a maneira de saír airoso sen quedar totalmente espido , tratando de que vala para algo o que poña e buscando a maneira de que non se note moito a miña falta de maxín.

Conclusion: Empresa farto ardua para un mariñeiro
Unha aperta

Marcos Valcárcel López disse...

Recibida a mensaxe, amiga Débora. Hoxe non responderei, porque non foi un bo día e non estou de humor (tema Banco de España, etc.). En canto teña un momento libre e máis gañas, poñereime ó conto.
Moi interesantes tamén as súas notas sobre o cuestionario Proust: tentarei completalas con algúns datos sobre o seu uso en Galicia e na prensa galega.
Saúdos.

besbe disse...

Quedamos en que Borges, non? :D e ben se ve que es máis boa co pan. Do que ando vendo e lendo por aí e que me está convencendo moito é o referente aos héroes, realmente ou sómolo todos ou non o é ninguén.

Bicos :)

Mrs.Doyle disse...

Compartimos cousas, como os gustos literarios. hai pouco descubría a Manuel Puig e ainda non me explico como non o descubrín antes...

Marinha de Allegue disse...

Compartimos respostas e inquietudes. Que maravilla a resposta da túa avoa e a súa recuperación!!!.

Mil Beijos enerxéticos para as dúas.
:)

Da sibeira e do cuarto disse...

Benquerida Débora,
gustoume moito a resposta de:

- O meu soño de dicha?
Chegar a vella, coa xente que mais amo. Non perder a memoria. Atopar un custodio para deixarlle a historia dos meus.

Compartoa totalmente.
Unha aperta,
Suso.

FraVernero disse...

Ai, Débora, Xuíza de Israel, o noso Baleloxio favorito en prosa porteña... como che imos a negar nada? Os teus desexos son ordes. Alén de que sempre é afagador o que nos coloques nas túas listas e nos teus pensamentos...

En brevísimo terás as miñas respostas, nas que teño que cavilar por un chisco.

Bicos.

F.

Son Unha Xoaniña disse...

Alégrome moito que che interesen as miñas opinións, e inda que agora ando un pouco xusta de tempo, tentarei contestar pronto, algunha teño que pensala un chisco.
un saudiño.

Raposo disse...

Veño observando que Borges é un dos autores preferidos que mais se repite, tanto en prosa como en verso.
Definitivamente o ser humano é intelixente.
Unha aperta.

moucho branco disse...

uf!, que descriptivo. Xenial cuestionario... e si, os de Borges sodes lexión... a ver se a estas alturas vou ter que replantexarme tópicos :)

Moralla disse...

Ola Débora. Perdoa por non responder antes. A verdade é que agradezo o teu interese polas miñas respostas, pero se che son sincera...nunca fun partidaria deste tipo de "enquisas", que non nego que no pasado respondera a algunhas, agardo, por favor, que non o tomes a mal. Mais hoxe en día non me van, porque o ser humano está en constante evolución. O que opino hoxe, mañá pode variar, por circumstancias da vida, polo seu misterio; aínda quédame moito por ler, por desfrutar, por imaxinar, por ulir, por sufrir, por descubrir, por aprender. Non sei, este tipo de preguntas penso que son científicas, un tanto absurdas,"amuralladas", o que responda hoxe,nuns días pode variar. Xa sabes, como acontece nunha entrevista. Escoitas ou les as respostas, e cambiarías todo ao cabo duns días; a min pásame, e non é cambio de personalidade, é reflexión. POR FAVOR, non mo tomes a mal. Ademais, certas cousas si as podería responder, pero prefiro gardalas para min, non facer propaganda delas. Supoño que cada un é como é. Grazas de todos os xeitos. Seguiremos en contacto. Un bico "entre mares".
Yoli :-)

Nébeda Piñeiro Barros disse...

E quen dixo que un cuestionario non podía ser fermoso¿?

Son Unha Xoaniña disse...

Xa colguei o cuestionario, sigo a pensar que se cadra dentro dun mes contestaría diferente en moitas preguntas.
un saudiño.

Anônimo disse...

Comparto contigo moitos dos pensamentos que dis, pero se hai un que me chegou moi fondo foi o de que a dicha máis grande sería non perder a memoria. Hai uns días falaba dese tema co meu compañeiro...A miña avoa,a que me queda está comezando a perdela, e decátase diso...Creo que é terrible, é como non ter vivido.

Mario disse...

Vaia, terceiro convite que descubro, considérese respondida, aínda que tarde e compartindo honra con (que eu saiba) outras dúas persoas.

Anônimo disse...

Está vostede moi cerca despois de ler este test. O don do silencio está ben, pero teño debilidade polo da palabra.

Ra disse...

Me quedo con sus ocupaciones...son perfectas!

Anônimo disse...

Sorpréndeme e alégrame ver cantos borxianos hai no blogomillo. Realmente reconfortante. No tocante o dos heroes, faría unha observación. Para min os heroes si son necesarios, pero enfocados do xeito correcto. Isto é, para min os heroes da segunda guerra mundial foron os pouquísimos alemáns, franceses, holandeses, etc, que axudaron aos xudeos a escapar. É dicir, o heroe é aquel que, en tempo de podremia xeralizada, manteñen a súa dignidade. Outra cousa é se poñemos como heroe da segunda guerra mundial ao xeneral Patoon. Iso é outra cousa. Para min non foi un heroe: só foi un funcionario eficaz. Nada máis.

juan l. blanco valdés disse...

Prezada Fíos:

Coincidimos na nosa predilección floral! Fixen o cuestionario a pedimento de Marcos Valcárcel.
Un saúdo cordial.