12 de dez. de 2007

A arañeira da maternidade

Non sempre temos ocasión de ver teatro galego. Case nunca temos ocasión de ver teatro en galego. E moito menos, temos ocasión de pagar o noso billete, como sempre facemos cos espectáculos arxentinos. Se cadra por iso, xa merecía a pena asistir á estrea de Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart. A peza, da autora Marga do Val e interpretada pola compañía Teatro Arte Livre que dirixe Roberto Cordovani no (que hai anos foi o) Teatro Bambalinas, recupera a traxedia real de Aurora Rodríguez Carballeira, unha muller nacida en Ferrol no ano 1879 e falecida no psiquiátrico madrileño de Ciempozuelos en 1955, que desexou ser nai para crear á muller perfecta que serían quen de salvar á humanidade. A súa filla, Hildegart foi unha nena prodixio, converteuse en revolucionaria, feminista, escritora e ensaísta. Pero a nai, ao comprobar que a súa filla non era todo o perfecta que ela quería (sobre todo, todo o submisa que ela necesitaba), asasinouna o 9 de xuño de 1933.

Nun correo antes da estra, a autora comentara que se trataba dunha peza brutal. Chamoume a atención o adxectivo. Un pouco porque está algo en desuso neste mundo brutal, é dicir, perdeu contundencia. E tamén porque sair polo mundo cunha "obra brutal" é dunha audacia enorme. Onte comprobei que é certamente unha peza brutal. E fabulosa. E inquietante. E moi ben interpretada.

A historia de Aurora Rodriguez case que é o de menos porque a obra é -por moito- outra cousa. Unha ollada poliédrica sobre as caras da maternidade que é inquietante. Sobre todo porque todos estamos atrapados na arañeira. Podes ser filla ou fillo, podes ser nai. E podes ser as dúas cousas! Como di Aurora (Roberto Cordovani) nun momento: «Todas as nais son A nai. E todas as fillas son mulleres». Os lazos coa teoría psicanalítica (para o público porteño moi claros) están delicadamente tecidos e a historia desas dúas mulleres é o de menos, unha excusa, o que pasa alí é moito máis poderoso.

Fai moito tempo que me intereso polas maneiras de falar da maternidade, de narrar esa relación de dous e de tantos que é a maternidade en xeral. Paréceme limitante e mesmo inxusto que so haxa dous modelos de nais narradas: a santa e a desquiciadamente cruel. Nese contexto, tamén paréceme fabuloso e sorpresivo que as familias galegas (sobre todo na diáspora) ainda teñan a idea -primitiva e tan actual- de que a nai é dona dos fillos. Dona e creadora. Dona e fonte de todo saber sobre eles. É tan "natural", é o deber ser, é o que temos... Digo isto porque penso que a obra ven raxar despiadadamente e valentemente contra esa ollada paralizante e tradicional e ven facelo ao sitio onde ainda impera esa ollada.

Dalgunha maneira, penso que todas as mulleres (nais ou non nais) e todos os homes debían de ver a obra e enfrontarse a esas moitas mulleres que todos somos. Ninguén está ceibe delas, todas nós somos unha Hildegart que rexeita o control da nai (o control en xeral), pero todas somos Aurora cos nosos fillos e coas nosas creacións, todas somos esa monxa atrapada polo seu medo e polo destino que non a deixa escoller, e todas somos esa tola que é despiadadamente racional na súa insanía ou mesmo podemos ser a escritora que narra a propia vida e a dos outros. E para iso, tanto ten ser home ou muller.

A audacia, a xenerosidade e a lucidez da autora e dos actores é ilimitada e merece cantos aplausos sexamos quen de bater, de pe, aos berros de «bravo!». Non a perdades, se tedes ocasión de vela.

_______________________
Actualización (22-01-2008): dende o xoves 24 de xaneiro, a peza pode verse en Vigo. Será no Teatro Arte Livre, Rúa Vázquez Varela, 19, de xoves á sábados ás 21 e domingos ás 20. Prezo único: 12 euros. www.tal2005.com

10 comentários:

Mario disse...

Lembro esa historia cando ma contaron de pequeno, na familia, e sempre me estremeceu dunha forma especial, moito máis cando fun medrando e encadrándoa en todos os seus detalles (políticos). Cousas que só pasan no Ferrol, supoño.

busto.agolada disse...

Tal é como a describes debe de tratarse dunha obra interesante. Eu nunca me parara a pensar nesas relacións nai-filla. Este teu artigo obrigarame a a mirar as miñas fillas (de 13 e 17 anos)con máis atención. Están nesa idade adolescente onde a vida é unha eclosión e os pais nunca damos aprendido todo para ser e e deixar ser en liberdade, en afecto, en equilibrio.
Saúdos e Felices Festas de Nadal.

Suso Lista disse...

Eu tamén coñecía a historia. ¡Cosas vereís!. Felices festas.

TXARI disse...

tomo boa nota, dessas recomendaçoms das que poucas vezes falhas...saúdos

Marinha de Allegue disse...

Pois si que me gustaría vela obra.E despois ter unha longa conversa...

Unha aperta grande.
:)

Anônimo disse...

Coñezo a historia desde hai moitos anos. A obra parece interesante.

Anônimo disse...

Que envexa ter visto esa obra. Coñezo a historia de Hildegart (vin unha película española hai moito tempo)e tamén lin algo sobre ela. Sempre me pareceu algo tremendamente inxusto e tráxico.
Bo nadal.¿Como é eso de que faiga calor? Non mo podo imaxinar.
Bicos cálidos.

O gato violeta disse...

Que mal rollito. Menos mal que a miña nai so é un pouquiño dese xeito.
Creo que ahí está o segredo de ser boa nai, non se pode evitar esa neura de control, pero pode reducirse a un mínimo razoable.

Anônimo disse...

Coller un tema xa tocado varias veces no cine e na literatura e volver a refacelo, non me parece de moito mérito e si un pouco aproveitado e de pouca imaxinación. O que non quita que obra poida estar ben.

rosa enriquez disse...

Tamén querería eu ver a obra e logo comentar. Un saúdo Torre e bo nadal¡ Espero que poidas estar con todos ou case todos os que queres:)