29 de abr de 2007

Rivas en Bos Aires

"Gustaríame definirme como un escritor vivíparo, como dicía Unamuno", dixo Manuel Rivas en Bos Aires. Quen comezou sendo xornalista, quen coñece o oficio de preguntarlle ás xentes e á realidade, vai afacéndose a este asunto de responder. Así, diante de calquera pregunta ou tema, hainos que destecen ideas moitas veces remoidas e mastigadas, moitas veces enunciadas e non menos publicadas. Dende logo, as xentes non temos tantas cousas para decir. Pero hai quen comete respostas e hai quen -sen traizoar o que pensa- tece un discurso, responde, di algo.

"Gustaríame definirme como un escritor vivíparo, como dicía Unamuno", dixo Manuel Rivas en Bos Aires. E ten toda a razón. Nel non hai adestramento ningún. Feitas as preguntas, o autor de Que me queres amor? e O lapis do carpinteiro toma o tempo de pensar e un, alí diante, vai vendo como se xesta a resposta. No comezo son algunhas verbas, unha ou dúas frases. Logo, unha idea que vai medrando. A modiño, sen presas, co virtuosismo dos artesáns di o que quere decir. E di moito máis ainda.

Manuel Rivas estivo até esta fin de semana na cidade de Bos Aires. Chegou -por segunda vez na súa vida e logo de moitos anos- á Arxentina para presentar na 33a Feira do Libro a versión castelá da súa última novela Os libros arden mal. Foi atento coas xentes que -en todos os sitios aos que foi- se achegaron a el para contarlle a súa historia de emigrantes e penas. Historias todas irmás e todas diferentes. Historias que escoitou. Algo nada común para eses homes e mulleres feridos polo afastamento. Foi agarimoso e cordial en cada unha das ducias e ducias de sinaturas que deixou nos libros pero tamén papeliños, folliñas, tarxetas e calquera soporte. Non anotaba alí: "Para Fulano, agarimosamente, Manuel Rivas". Non. Facía debuxos cunha pluma de tinta cor azul, debuxaba mapas, vieiros, camiños de vagalumes. Coido que foi xentil ainda cando non tiña por qué selo.

Déixovos co que dixo, que é o realmente importante e que podedes atopar aquí. E deixo tamén unha historia. Rivas paseou polo esquecido e case abandoado Museo da Emigración. Puido ser crítico dese desinterés do Estado arxentino pola memoria dos emigrantes. Sen embargo, diante dunhas 250 persoas dixo que lle gustara ese estado do museo porque nel víanse ainda as pegadas dos homes e mulleres que baixaban dos barcos coas maletas e baúles. Gustoulle o sitio porque escoitaba ainda as voces falando mil linguas. Porque -dixo- ainda neste presente se poden ouvir os barcos chegar. Con vós, Manuel Rivas.


"Hoxe en día, penso que se está a dar un proceso interesante -non so na emigración senón na Galicia territorial- que é repensar a cuestión da diáspora, superar un pouco esa idea de dous mundos afastados, que só en ocasións se reencontran, para momentos ben de festas, ben de eleccións.

Penso que hai que repensar o país no seu conxunto e pensar que o que chamamos un país e unha cultura non ten por que ter unha situación xeográfica necesariamente, senón que é unha existencia que está máis ben acompañando ás persoas onde sexa que estean. Iso que poderiamos chamar o país portátil.

Ás veces, por exemplo agora que hai unha certa polémica (eses comentarios que sempre volven cando hai eleccións sobre a
participación da diáspora), eu sinalaría que hai máis descoñecemento da Galicia territorial, metropolitana, ou como lle chamemos respecto da emigración, que ao revés.


Penso que hai iniciativas que se están a mover na rede (máis rechamante e interesante en xeracións de netos e de emigrantes) que non só se dá en América, senón en Europa e no propio Estado Español. E son experiencias que mesmo poden ser modélicas, exemplares para a propia Galicia, onde hai tantísimo por facer. En fin, penso, dende logo, que o que hai que facer na eira dos dereitos é ensanchala e ampliala, nunca pensar en reducilos, porque sempre hai xente que está matinando en como reducir dereitos.


O que hai que conseguir é, en definitiva, que Galicia exista como rede, como esa aldea global que imaxinou Marshall Mc Luhan e que nós fixemos en carne e óso. Ademais, a achega que pode facer a diáspora é esencial porque temos alí -formando parte da propia cultura galega- unas antenas que nos permiten recibir simultaneamente, dunha maneira natural, dunha forma ademais simbiótica e fecundante, moitísima información do que está pasando no mundo. É dicir, temos o xeito de tecermos unha rede propia. Iso, se tivesemos que inventalo, sería imposible. Por iso, dunha vez hai que pensar en romper certos nichos mentais e pensar que o mapa de Galicia é o mapamundi.

O mundo vai moi rápido en moitas cuestións e os que levamos un paso de tartaruga somos nós. Igual pasa na cuestión ecolóxica, por exemplo. Hoxe, hai moita mellor disposición dos posibles activistas o usuarios desa Galicia global, que despois non se corresponde coas institucións porque elas seguen tendo un pouco a mentalidade anacrónica: Galicia está en Galicia, o goberno galego está en Galicia e despois hai un mundo de ultramar co que episodicamente -para comunicarse- hai que montar unha comitiva, chegar alí e tal. E xa non é cuestión de comunicarse senón que tiñamos que estar alí, había que constituírse como rede e formar parte, por dicilo así, do mesmo portal.

Eu penso que cando escribes non podes ter unha estratexia mediática de cal vai ser a reacción porque as medidas que rexen a literatura penso que teñen que ser diferentes. Gustaríame definirme como un escritor vivíparo, como dicía Unamuno. Son vivíparo porque noto que as cousas medran no meu interior, hai un proceso relacionado co oficio de escribir que tamén está moi vencellado ao oficio de vivir.

A memoria -tal como a entendo eu- non é unha viaxe cara atrás, senón se escribe viaxando por determinadas épocas, e sempre dende a perspectiva dun presente, que ten conexións coa propia vida, co que somos, coas cousas que doen, que preocupan, que fan gozar tamén. Ese espazo vai enchendo ocos, é unha loita contra o baleiro e a estratexia da memoria é unha estratexia que mira cada adiante. A memoria subministra unha enerxía alternativa que fai avanzar, ir cara adiante.


Mais que nunca, eses poderes (que ás veces móvense no segredismo, ou que teñen formas que se aproximan aos estados de excepción) son cada vez mais conscientes de que o decisivo é o control das mentes. Mesmo para o consumo.

O que ocorre co fume das fogueiras, que é un fume pegañento que non se quere esvaer no ar, é que hai algúns que pensan que ese fume é pasaxeiro e que o que vai suceder é que limitará a súa influencia ao espazo do público, ás prazas (o que sería a toma das institucións do poder político e económico). Pensan que alí quedará e que a eles van deixalos tranquilos, que non os vai afectar. Pero o que sucede co fume, a metáfora que atravesa todo o libro, é que o seguinte paso dese fume é penetrar no espazo privado, nas casas, para finalmente penetrar en nós: vai meterse a través dos ollos, dos sentidos, do nariz, vai ocupar as mentes, que é o que ambiciona finalmente o poder totalitario: poder dominar todo o noso tempo, facerse con el, privatizalo todo, e tamén a liberdade persoal. Nesas estamos..."

((Fotos: xornais Clarin e Página/12 e axencia Telam))

23 de abr de 2007

Para que sirve un libro

O día do libro atópame mergullando nunha cidade de libros. Seica esta data "celebrouse por primeira vez o 7 de outubro de 1926. A idea foi do escritor e editor valenciano establecido en Barcelona Vicent Clavel Andrés, que llo propuxo á Cámara Oficial do Libro de Barcelona. O día foi escollido inicialmente en conmemoración do nacemento nesa data de 1547 do autor do Quixote, Miguel de Cervantes. Con todo, no ano 1930 trasládase a data ó 23 de abril, conmemorándose neste caso a data de falecemento de Cervantes, que sucedeu no ano 1616. O día 23 de abril coincidía ademais de que na mesma data e ano da morte de Cervantes tamén se produciu a do autor peruano Inca Garcilaso de la Vega e do escritor inglés William Shakespeare", segundo informa Galicia-Hoxe.

De feito que, neste día do libro, pregunteime para qué cousa valen os libros. Dende logo, non para que a meirande parte dos autores se fagan ricos. Fixen esta lista. Pequena e incompleta. Coa esperanza de i-la completando coas achegas de cada un de vós. Despois de todo, cada libro complétase cando alguén o lee e o transforma noutra cousa. Como tamén pasa cos textos no blogomillo.

Na miña vida, os libros valen para que Santiago aceite ir durmir pola noite (sempre a cambio dun conto... poden ser dous). Para comprobar que as casas van empequenecendo co paso do tempo e, dun xeito misterioso, onde tiñas sitio abondo para os vindeiros libros, de súpeto xa non o tes máis. Os libros tenden pontes, achegan persoas e cruzan o Atlántico moito máis rápido cos avións. Os libros vencen a emigración. Os libros equilibran mesas e pechan portas. Os libros namoran. E eu estou namorada dun marabilloso escritor e xornalista, amante dos libros (ainda que, como en todos os amores, tamén ás veces non os queira preto). Os libros agasallan amigos e eles mesmos son sempre o mellor regalo que dar e que receber. Os libros saben decir iso que nós non sabemos, saben as cousas que quixeramos aprender, e ensinan ainda cando non queremos estudar. Os libros viaxan en bolsos, sobres, máns e axilas. E son fabulosos compañeiros de viaxe: no metro, no bus e no tren e avión. Quitan medos e penas e soidades. Nun libro todo é posible: fuxir voando nunha saba voandeira (como nos Cen anos de Soidade de García Marquez), cuspir coellos e vivir nunha casa ocupada por extraños (como imaxinou Cortazar), ou ser un home que nada esquece, nada nada (como o Funes de Borges). O único que non é posible, para min, é vivir sen libros.

17 de abr de 2007

Correspondencia /III

Ben sei que vivimos en tempos electrónicos, pero a min ainda me emociona atopar unha carta na porta da miña casa. Refírome, claro, a unha carta de alguén para min, escrita coa man e atesorada nun sobre deses que ainda traen un pespunto de raias azuis e vermellas.

Dende logo, non é algo que me pase moito. So de cando en vez, no medio dunha preamar de correspondencia dirixida á miña carteira, atopo algunha mensaxe. E son feliz. Gústame ter o sobre nas mans un momento sen abrilo, disfrutando dese breve suspenso, desa véspera efémera.

Certamente, eses sentires non xurden da miña vida presente na que o correo electrónico é parte importante do meu traballo e das miñas amistades. Non, a emoción polas cartas -pensu eu- só pode entenderse no filme completo da miña historia. A propia e a familiar.

Por carta foi o único contacto que tivo o meu avó Xoaquín coa súa nai entre os dous anos e os corenta, cando a rencontrou na Arxentina. E por carta soubo que ía ser pai de novo, xa que a muller quedaba embarazada na terra -sen eles sabelo- cando el marchou cara a América.

Por carta mantiveron case outros corenta anos unha amistade forte e próxima con Francisco, o curmán case irmán da muller que quedou en Nigueiroá. E por carta soubemos todos da súa morte, moitos días despois de ocorrida, unha tarde que a miña memoria de nena gardou chea de choros, de silencio e de ar doente.

Outras mortes tamén chegaron en papel finiño, demoradas e cunha caligrafía afectada pola pena. Tamén asistimos ao lonxe a felices vodas das que tamén tivemos foto, a nacementos sempre venturosos e a accidentes máis ou menos serios que, para o momento en que nos eran contados, xa pasaran sen novidade.

Días e semanas, e anos e décadas da nosa vida quedaron atrapados nos trazos irregulares da caligrafía dos meus. E de tantos outros que viviron (e ainda viven) afastados dos seus. Parte importante da historia de Galicia foi contada dende o palco da nosa correspondencia.

10 de abr de 2007

mmmmmusica

Grazas a Fran atopome buscando música. Non é, dende logo, unha musica calquera senón esa que sexa capaz de acompañar e potenciar o mellor dese encontro de sensacións e corpos, de pulsacións en sintonía, de fantasías e de pracer que chamamos sexo (ou amor, nalgúns marabillosos casos).

Segundo informa Vieiros, a idea xurdiu das mentes de Maríademallou e de Gustavo Harvey, "que decidiron espallar a proposta, nun primeiro momento, a outros cinco blogueiros: Sergio74 (Retropower), Besbellinha (Beliscos Pequenos), Projecto Mourente (Prosciutto Mourente), W. Sobchak (CCCP) e Rosa Enríquez (Valdeorosa). Agás esta última, todos lle transmitiron o meme, nomeado Mmmmúsicas, a outras outras cinco persoas, e así sucesivamente, avanzando polas redes sociais do país".

Así as cousas, "o blogomillo está invadido por un meme musical. Unha boa parte das bitácoras galegas están a reproducir a mesma idea: publicar cinco vídeos de temas que melloran a experiencia sexual ou, dito doutro xeito, de música para foder".

Como case todos escolleron músicas en inglés, preferín facer unha lista das linguas que amo, se mo permitides. Que poucas cousas chegan mais fondo na alma que as que foron ditas na mesma lingua dos soños, do amor e das fantasías. As que deixo aquí teñen unha historia detrás, unha lembranza ou emocións asociadas no tempo. Non é polo que din. Nin polo xeito de decilo. É polo que significan.

Antes da lista, entón, que queden aquí os acordes de Almas de Fisterra, do admirado Carlos Nuñez. Unha noite nun bonito teatro do barrio de Belgrano, cheo de encanto, de amor, de verbas que nunca xamáis volverán a significar o mesmo (Begonia, por exemplo). Son a mesma pero tamén son outra dende que teño un anxo da garda, unha paixón, un compañeiro, un amigo, un refrente, un pai para Santiago, un sorriso, unha aperta nos momentos duros, un refuxio, esa metade roubada da que falaba Platón no Banquete. (*)

Comezo con Marisa Monte e Não vá embora que é lindísima. Engado ao mestre Caetano cos acordes de Vocé é linda que sempre, sempre, sempre serán máxicos.

O Tajabone de Ismael Lo nunca poderá despegarse da tarde na que a escoitei por primeira vez, mentres mergullaba nunha historia de Almodovar.

No remate, Los Piojos co Tan solo de vellos tempos que non han voltar pero que non por iso perden a intensidade que tiveron. E Jacques Brel en Ne me quitte pas, tan triste, tan intensa.

Se eles queren compartila, gustaríame coñecer a escolla de Marinha, de Clara Flor, de Nemeth, de Torreira e de homesdepedraenbarcosdepau. E de todos os que queiran contala, dende logo...

(*) engadino hoxe -11-04-07-porque non lembraba o nome correcto do CD.

1 de abr de 2007

Os xeitos da presencia

“Cada unha das víctimas da dictadura militar arxentina tiña esperanzas, proxectos de vida que quedaron truncados", dixo o Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel na presentación do informe Galegos víctimas do xenocidio arxentino, do político Lois Pérez Leira e a xornalista e locutora Mónica Lázaro Jodar.

“Non son unha lembranza con morriña, senon unha presencia que nos chama en cada inxustiza do presente, en cada cativo que non ten que comer hoxe”, dixo Nora López Tomé, unha das sobreviventes do centro clandestino El Vesubio.


Ningunha guerra é allea. Ningunha.