12 de out de 2008

Risos, bolsas e sombreiros

Non lle sei o apelido porque sempre foi Dona Rosa a de Senén. Senén non era o home senón o fillo. Ou pode que un dos fillos, tampouco o lembro ben. Home non tiña. Con toda seguridade. Semellaba viuva ainda que -por veces- podíase pensar que o marido se perdera dalgunha das maneiras nas que se esquecían daquela as xentes non queridas.

Todos a chamábamos Dona Rosa, os maiores e os neno. Só a miña avóa tiña licencias abondo para chamala Rosa. Tanto formalismo, con todo, derrubábase na súa presencia: dona Rosa era a mellor contadora de chistes do mundo. Non eran como esas bromas humillantes para alguén, desprezativas ou salvaxes. Ela o que facía era lembrar os paos da vida dun xeito divertido. E certamente moito rían as mulleres, naquelas visitas que facía á casa da rúa Aragón, en Mar del Plata.

Ademáis de encher as casas amigas de risos, Dona Rosa agasallaba bolsas e sombreiros. Nós tiñamos unha chea deles, moi xeitosos por certo para unha casa na praia, como era aquela na que pasabamos os tempos do verán.

Ela mesma os facía. Despedazaba as bolsas plásticas da leite en cintas que logo tecía con coidado, atendendo aos colores e formas. Os chapeos tiñan xenerosas abas que nos coidaban do sol e as bolsas tiñan usos varios. Sempre eran pezas en cores branco e azul, porque así eran os sachets que ela non tiraba. Onde vai toda esta historia... Hoxe chámanlle reciclaxe e hai quen pensa que o inventaron nestes anos listos que aprenderon ecoloxía no instituto e espelidos deseñadores de moda.


5 comentários:

Antón de Muros disse...

Vexo que Dona Rosa era unha muller sabia.

Mudar os paos da vida por risos e agarimo non é para calquera.

Coa túa lembranza a historia non se perde.

Unha aperta.

Antón.

Suso Lista disse...

Ainda quedan algunha Donas Rosas, pero están en vias de extinción. Un bico grande

Marinha de Allegue disse...

Fantástica Dona Rosa, creativa e ecolóxica...

Unha aperta linda.
:)

O Raposo disse...

A reciclaxe xa se practicaba nos anos duros da postguerra, cando había que aproveitar todo e nada se tiraba.
Apertas.

atopar disse...

Anunciate gratis en galego

www.atopar.es "Anuncios en Galego"