7 de set. de 2009

Fíos visibles

.
Se algo ten de bo ir medrando (mesmo envellecendo) é que o corpo apréndenos a escoitalo mellor. Dende logo, non sempre é posible atender ao que pide, pero que non sexa por non saber. A min, hai tempo que o corpo me pide mudar de actividade. Cando menos, mesturalas algo. Un chisquiño de cabeza, un chisquiño de escrita e outro chisquiño dalgo distinto.

Así foi como din en tecer.

Non foi unha descuberta. Nin unha aprendizaxe. Hai ben anos que a miña avóa e logo a miña nai desveláronme os segredos desa cruza de fíos. Era eu unha nena e non había diferenza entre o xogo e a calceta.

Moito tricotei daquela. Abrigos e bufandas, medias e gorros. Tamén cosía, pero diso xa falamos. Logo, coa universidade e o traballo non foi quedando tempo e as agullas tanto como os fíos deixaron espazo para outras actividades.

Nas últimas semanas volvín tricotar. Foi unha viaxe á rapaza que fun, unha volta no tempo. Cantos que somos mentres imos sendo! moitos lados que deixamos á vista hoxe e van quedando agochados mañá. Recuperei o goce do nobelo que é todo posibilidade. Atopei de novo o desafío das febras deitadas sen mais. E botei algúns cagoendios diante dos nós e dos atrancos de quen leva décadas sen mover as agullas.

Non andiven moito por estes recantos nas últimas semanas pero levo feitos chalecos para o fillo e o afillado, un saco para o sobriño, un abrigo para min e unha chea de amigurumis para os nenos e nenas da familia que foron unha encantadora descuberta.

.

10 comentários:

besbe disse...

que cousa máis bonita, eu levo tempo querendo facer deses amigurumis (que non sabía como se chamaban)e si, tamén de pequena sabía facer ben máis cousas ca agora: calcetar, ganchillar e coser na máquina...supoño que algún día tamén o retomarei dese mesmo xeito :) bico!

SurOeste disse...

Mira en que se nos andaba entretendo a nosa misteriosa Torre... e volveu con regaliños para todos!

Antón de Muros disse...

Parabéns pola "nova" actividade :-)

Unha aperta.

Antón.

Chousa da Alcandra disse...

Miña nai sempre me calcetaba os xerseis. E metíalles unha cenefa polo medio doutra cor que non me gustaba un carallo.
Ainda daría algo por saber que foi deles...

paidovento disse...

A calceta tense identificado maioritariamente como unha actividade feminina, pero eu lembro un colega da época universitaria ao que lle encantaba calcetar, e iso que non coñecía os "sunamis" eses.

paideleo disse...

Fíos visibles e ben xeitosos. Supoño que axudará o tempo invernal.

Xosé Manuel Carreira disse...

Pois eu penso que eses graciosos bonequisños mesmo terán o seu bo tirón comercial. Moita sorte.

Marinha de Allegue disse...

Es unha verdadeira artista...

Beijinhossssssssss linda.
:)

Paz Zeltia disse...

hoxe vin dar ó teu blog,
non sei nin cómo,
atópote por aí nalgún comentario de cando en vez,
en blogs que tamén leo eu...
non sei polo qué fásteme cercana,
e vas
e estás en buenos aires!!

isto que dis da calceta, moveume á emoción
non, non as cousas que fas,
que tamén,
se non polos cagoendios porque de pequena cando miña nai me quería ensinar a calcetar,
a min escapábanseme os puntos todos, e escarallábaseme o conto, e din que calcetar relaxa, pero a min poñíame dos nervios,
e terminaba tirando o labor no chan, e saltando enriba dela coa rabia!
entón ainda non me atrevía a decir un "pecadazo" como cagoennnndiós!, pero agora moitos botaría!!!
un saudiño, moza.

llll disse...

sempre quixen ter unha nai que soubera coser,para lle pedir estas cousas. ben, aprendeu a coser doutro xeito, cos anos, aprendeu a coser palabras comigo. pero os teus bonecos nunca mos fixo. qué chulos!