16 de jun de 2009

Resistencia / Disidencia

. Como calquera sabe, a internet vale para que os rapaces perdan o tempo e copien traballos para a escola. A rede vale para roubar cartos dos bancos, para ligar ou para ver o novo episodio de Lost antes ca ninguén. Pero a internet tamén vale para discutir e para debatir. Para buscar camiños e pensar o futuro.

O crítico cinematográfico Martin Pawley e mais preguntámonos ao longo dos días sobre o futuro próximo da cultura galega. É un debate mar por medio, a través do chat e que se enlaza con cinco horas de diferenza. É un debate que xurdiu dunha distinción semántica: tocan tempos de resistencia cultural para Galicia ou tocan tempos de disidencia cultural?

Martin prefire o concepto de disidencia. El explica o motivo: “O que me interesa é a idea de actuar á marxe, separarse dos camiños comúns -apuntou no chat-. É dicir, creo que agora máis que nunca hai que moverse, optar pola “vía cívica”, pola autoorganización, por facermos cousas á marxe do que nos deixe facer o Estado. E non porque goberne o PP, hai que facelo sempre”.

Na súa páxina dí máis: "Non se trata de deixar de esixir o que é xusto nin de renunciar á crítica razoada e consciente, exercicios básicos de cidadanía, senón de entender que agora non chega con berrar e laiarse. Que é posíbel vencer a noción de sacrificio e de derrota que leva implícita a palabra resistencia para transformala en algo máis produtivo, xerador de contidos, ideas e proxectos máis alá daqueles que o poder é capaz de asumir".

Como non se trata só de ideas, Martín apunta exemplos concretos: “Hai asociacións facendo cousas moi interesantes -escribe-. Espazo Lectura en Gondomar, por exemplo. E terá que haber máis. Crearmos foros e espazos de debate, mais non só de debate, tamén de acción, e procurar recursos á marxe da administración. Non podemos estar permanentemente entregados a ela, pendentes de se terán “sensibilidade” ou non cara as nosas propostas”.

As palabras de Martín Pawley poden soar disonantes no contexto cultural galego pero, para o estilo arxentino non fai máis que retratar o modelo común de xestión cultural por fora do Estado. Dalgunha maneira, a Galicia e a Arxentina ofrecen mecanismos antagónicos e por tanto que se poden retroalimentar. Tamén aquí hai colectivos galegos que funcionan con éxito sen o financiamento estatal (nin dalá nin daquí).

Di él que a pregunta que cumpre facer é se hai espazo por fora dos ocos que o Estado reserva para esas cousas. E pon a consideración unha resposta: “Debe habelo. De feito, tradicionalmente as máis valiosas accións naceron do asociacionismo, da organización cívica… na España dos anos 70-80, houbo moitos colectivos argallando cousas potentes”.

No que coincidimos é que os tempos son chegados. Dende a resistencia ou dende a disidencia. Toca sair á rúa, facer o que pensamos que debe ser feito, deixar atrás a poltrona do espectador e coller o traxe de actores da nosa propia cultura. Ti que sabes facer? Ti que pensas que cumpre facer? Anímaste a buscar a outros que pensen coma ti?

De resistencia e de disidencia. Da cultura galega. Ainda que os xornais pouco falen disto, a internet tamén vale para buscar camiños e pensar o futuro.

Cadro: Matemáticas - serie de los no conjuntos, Juan Meliá
.

3 de jun de 2009

As vacas, a tolemia e a información

.
Di a Galipedia que a Encefalopatía Esponxiforme Subaguda ou Enfermidade das Vacas Tolas ou Mal das Vacas Tolas é unha enfermidade dexenerativa do sistema nervioso central dos bovinos, que se caracteriza pola aparición de síntomas nerviosos nos animais adultos e que, progresivamente, finaliza coa morte ou sacrificio do animal.

A vía de transmisión desta enfermidade coñecida ata o de agora é a inxestión polos animais de alimentos contaminados co prión e posiblemente de nai a cría. O prión causante da enfermidade acumúlase sobre todo no cranio (incluídos encéfalo e ollos), as amígdalas, a medula espiñal, o espiñazo, o intestino (do duodeno ó recto) e o bazo.


Na Galiza, os primeiros casos apareceron no ano 2001. O daquela conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta, Cástor Gago, foi despedido polo presidente Manuel Fraga polo rexeitamento público e político logo de que se coñecesen os enterramentos ilegais dunhas 300 vacas mortas en Mesía, A Coruña.

O propietario dunha granxa chamado Fernando García Lesta foi convidado a lembrar aqueles anos primeiros do mal para un programa da televisión. Dicía esta semana: "Graváronme fai un mes e xa entón expresei as miñas dúbidas de que a reportaxe fósese a emitir. Non é que se contasen cousas que non se visen hai oito anos, pero parece que hai xente que non quere recordar".

Levaba razón o señor García Lesta. O programa non saiu. Porque "los criterios informativos cambian".
.

“Olha que blog Maneiro”


Deixo aquí os meus agradecemos a Paidovento polo agasallo afiado nestes fíos. E paso a dar cumprimento ás miñas obrigas. De primeiras, as normas para sermos “maneiros”:

1. Exhibir a imaxe do premio “Olha que blog Maneiro”.
2. Exhibir o nome do blog que concedeu o premio.
3. Indicar outros 10 blogs propostos para seren maneiros.
4. Comunicar o premio aos blogs seleccionados.
5. Publicar as regras.
6. Comprobar que os blogs premiados seguen as normas.

E de contado, os nomeados para as nosas propostas “maneiras”:

Berlanga
O cartafol de silencios
Galegos na diáspora
Rei de copas
A pícara de Allegue
Brétemas
Cobiñas
A canción do náufrago
Tati Mancebo
O emigma Albixoi


Parabéns!
.