7 de set de 2009

Fíos visibles

.
Se algo ten de bo ir medrando (mesmo envellecendo) é que o corpo apréndenos a escoitalo mellor. Dende logo, non sempre é posible atender ao que pide, pero que non sexa por non saber. A min, hai tempo que o corpo me pide mudar de actividade. Cando menos, mesturalas algo. Un chisquiño de cabeza, un chisquiño de escrita e outro chisquiño dalgo distinto.

Así foi como din en tecer.

Non foi unha descuberta. Nin unha aprendizaxe. Hai ben anos que a miña avóa e logo a miña nai desveláronme os segredos desa cruza de fíos. Era eu unha nena e non había diferenza entre o xogo e a calceta.

Moito tricotei daquela. Abrigos e bufandas, medias e gorros. Tamén cosía, pero diso xa falamos. Logo, coa universidade e o traballo non foi quedando tempo e as agullas tanto como os fíos deixaron espazo para outras actividades.

Nas últimas semanas volvín tricotar. Foi unha viaxe á rapaza que fun, unha volta no tempo. Cantos que somos mentres imos sendo! moitos lados que deixamos á vista hoxe e van quedando agochados mañá. Recuperei o goce do nobelo que é todo posibilidade. Atopei de novo o desafío das febras deitadas sen mais. E botei algúns cagoendios diante dos nós e dos atrancos de quen leva décadas sen mover as agullas.

Non andiven moito por estes recantos nas últimas semanas pero levo feitos chalecos para o fillo e o afillado, un saco para o sobriño, un abrigo para min e unha chea de amigurumis para os nenos e nenas da familia que foron unha encantadora descuberta.

.