.
A muller achegóuseme no remate dunha tertulia literaria. Nese momento derradeiro no que algúns queren saudar cun bico ata a próxima vez e no que outros teñen algo que comentar ou que pedir. A muller agardou a súa quenda e cando xa non quedaban outros interesados en falar, pediume un momento para unha consulta.
A muller contoume que viña de rematar o seu curso CELGA (o sistema de certificación de lingua galega que a Xunta de Galiza implementou tamén na cidade de Bos Aires) pero que non era ese motivo de ledicia porque lles chegara o ruxe ruxe de que non terían oportunidade de seguir con esas clases porque o goberno galego non os ía financiar máis.
A muller falaba en nome do seu grupo de estudos. Levaba o sorriso agre dos que sinten unha preocupación que non marcha. E isto non é que eu o imaxine. Ela mesma mo dixo: “Nós estamos moi mal porque non queremos deixar de aprender a lingua. E non entendemos por qué quitan os cursos que teñen moitos alumnos e vese que medran”, apuntou.
Ás veces, non se entende o que sí se entende…
Conveidei á muller e aos seus compañeiros a seguir as tertulias literarias que levamos pero eles o que queren é falar en galego. Queren que alguén lles mellore a pronuncia e queren aprender a gramática e as expresións que o galego ten de seu. Queren facer exercicios na casa e descubrir novas palabras. O que queren, penso, é respecto. Queren ser parte. Queren vivir a lingua da súa orixe coa dignidade coa que se aprenden tantas outras linguas.
Queren o que, disque, xa non terán.
A muller e este grupo de persoas -que dedicou tempo e esforzo da súa vida na cidade de Bos Aires para aprender a lingua da terra- vanse xuntar nas vacacións que aquí comezan agora para pagar eles un profesor de galego e non perder así o aprendido neste ano. Pagarán o profesor no caso de atopalo, claro. Porque o filólogo Carlos Rodriguez Brandeiro -que leva aquí anos e anos aprendéndonos o noso idioma co maior compromiso- non pode atender tantos e tantos pedidos de clase.
Cousas veredes neste mundo que adianta para atrás.
.
Um comentário:
Agora mesmo, neste proceso de desmantelamento, non está moi claro a vantaxe de ser posuidor dun CELGA4 (nível C1) ou CELGA5 (nível C2) de cara á contratación de persoal na administración. A ver se ate vai restar puntos.
Postar um comentário