26 de fev de 2010

O señor Omar e o mar

.
Nunha cafetería, agardabamos Santiago e mais eu para facer o noso pedido cando un home achegouse a nós e díxolle ao neno: "Vaia, chámaste coma min, Omar". E sorriu.

O pequeno, rápido como é -sobre todo se de falar se trata-, respondeu que non, que ese non era o seu nome. "Como que non, se levas unha camiseta que pon Omar". A camiseta levaba, certamente, este debuxo:


Foi un agasallo de Helena Torres e ao cativo gústalle moito porque é negra e o debuxo é ben simpático.

Cando se decatou do erro, o neno explicou: "A camiseta non pon Omar, o que dí é o mar, «el mar»". Pero o home non remataba de entender o asunto. Enton metinme na conversa e apuntei que o mar significaba el mar (o mesmo que xa dixera Santiago) e aclarei que estaba escrito en galego.

O señor Omar preguntounos se eramos galegos. Porque a súa dona tamén o era. E alí mesmo a chamou: "Mira, estas xentes tamén son da Galiza!". A muller chegara cando nena e emocionouse ao ver a camiseta. Contou a súa historia, dende logo; falou dos curmáns e tíos que alá tiña; de ser distintos. Conversamos un intre máis e apuntou co maior interese os datos do ciclo de literatura galega.

Nesas estabamos cando outra muller do mesmo tempo ca ela, mais ou menos, achegouse e dixo: "Sinto, estaba escoitándovos e eu tamén son galega. ¿Podedes darme os datos deses encontros sobre libros galegos?".

Unha tarde calquera. Nunha cafetería calquera. Na cidade de Bos Aires. Un sitio onde, se falas un pouquiño a lingua da terra, sáenche galegos e galegas de todas partes.

.

7 comentários:

Mario disse...

Que fermoso!!! Non podo evitar lembrarme dun conto de Castelao, seguro que xa sabes cal é, aquel no que dous mariñeiros bébedos se sorprenden nun porto de mar cantando a mesma canción na mesma lingua.

Antón de Muros disse...

Pois tes toda a razón, Torre: Bos Aires é ben galega ;-)

Unha aperta.

Antón.

paideleo disse...

Pasoume en Londres a min que topei galegos por todas partes.

zeltia disse...

unha anécdota emotiva e simpática!

(e a Helena Torres que agasallou a camiseta, é a mesma de Implicadas no Desenvolvemento?)

Cedricko Hansel disse...

Oi Amiga,
Meu nome é Cedricko Hansel e sou do Brasil, moro em uma cidade chamada São Luís que fica no estado so Maranhão, estou iniciando o meu blog por esses tempos, procuro por pessoas que sejam divertidas, interessantes e influentes.
Espero que me adicione para ser o meu primeira amiga estrangeira, nunca falei com pesoas de outros países, se bem que por aqui têm muitos turistas, mas eu não falo com nenhum, moro de vergonha em falar.
Me adicione pelo MSN: rico-hansel@hotmail.com
Me adicione pelo orkut: santiagosoart@hotmail.com
Me adicione pelo blog: Clique na minha foto.

Amanhã eu espero encontrar algum contato seu, estarei esperando, eu nem sei exatamente como vamos nos comunicar, já que eu não entendo sua língua, mas não falo nem escrevo.

Dei uma olhada em seu blog e achei muito interessante, é diferente dos outros que sempre são divertidos ou safados, já o meu é alegre e inútil.



Eu vou te esperar!

Cobiñas disse...

E? Que pasou? Morreu Fíos invisbles????

A Conxurada disse...

Cando as casualidades poden ser marabillosas....