17 de dez de 2011

Vivencias da emigración

O tema do Certamen literario de narrativa breve organizado pola Federación de Sociedades Galegas da República Argentina co gallo do seu 90 aniversario era case que universal: Vivencias da emigración. Por sorte engadía "galega" porque, senón e considerando que estamos neste país no que estamos, podían ter chegado milleiros e milleiros de historias. Quen non ten un emigrante na súa familia se vive neste recanto austral do mundo?

O caso é que chegar, chegaron 83 narracións. Algunhas breves e outras menos. Algunhas protagonizadas por emigrantes e outras non. Algunhas situadas na Arxentina e outras en Cuba, Galicia, Alemaña... As houbo que falaban de mulleres así como outras falaban de nenos ou de homes. Ainda que a meirande parte delas empregaba o castelán, sí que chegaron varias en galego. Mesmo unha ou dúas en galego reintregrado.


Neste asunto das linguas, houbo unha participación coa que, podo dicir con completa honestidade, me enfadei e moito! Viña escrita en castelán e, digo eu que para gañar a simpatía dos lectores, metía de cando en vez algunhas frases en galego. O caso é que, para iso, deu en usar algún traductor online ou cousa parecida. Ollade no resultado:

"(...) -Para paga a pasaxe para a Arxentina ricos. Onde a prata dicir que atopa caído no chan!... E cando se pode enviar a min, e reunir nosa tenda soño..."

Logo, traduce para que quede ben claro: "Para que pagues el pasaje a la rica Argentina. En donde dicen que la plata la encontráis tirada en el suelo!... y cuanto puedas, me mandas a buscar y pondremos juntos el almacén de nuestros sueños..."

É posible que, ben mirado, o asunto non sexa tan grave. Despóis de todo, ninguén naceu coñecendo todas as linguas do mundo. Xa... Pero penso que, detrás deste tipo de actitudes, sempre hai un menosprezo: o galego non é unha lingua seria coma o castelán, metes unha frase na páxina e tes nun tris trás a traducción lista. E, máis ainda, unha traducción literaria!!!

En fin. Moito queda por andar nestes asuntos.



O caso é que onte tivemos ocasión de coñecer aos gañadores. O primeiro premio foi para o relato Sobre maletas, presentado por Francisco Castiñeira Romar. O segundo, para Las voces del silencio, de María Rosa Iglesias. E o terceiro, foi compartido entre: O artista de Senande, de Xulio Romero Suárez; Jornal dua viagem em 1990, presentado por Manuel Iglesias Iglesias, e No es que no vuelva porque me he olvidado..., de Horacio Rodio Sein.

Para o ano, teremos o libro cunha escolma das narracións. E, cun chisquiño de sorte, tamén teremos a segunda edición do concurso. Ide preparando o lapis!

12 de dez de 2011

O tempo e as cousas

Vaia por Dios, o tempo que hai que non veño por esta leiriña!!
Tería que sachar algo, sementar novas plantas e pintar o lugar. Que perdidiño que o teño!

A ver se atopamos o tempo entre os fillos (si, tiven un Manuel nestes meses), os traballos e as ocupacións. Imos ver...