16 de fev. de 2006

Ser e estar

Gústame o barrio no que vivo. É verde, nunha cidade de torres e de cemento; as beirarrúas teñen, cando menos, unha árbore cada cinco ou sete metros; os paxaros cantan máis ainda que na casa dos meus pais; e os veciños parecen competir nun torneo imaxinario que vai premiar o xardín mais florido, fermoso e sofisticado. Ainda que estea no extremo da cidade de Bos Aires, ningún lugar dela queda a mais dunha hora de viaxe. E as rúas inúndanse dun vento suave e fresco cada serán, cando saimos a camiñar, amodiño, mentres a noite vai debuxando sombras.

Pero, ainda que me guste vivir nel, eu non me sinto daquí. Porque non é igual vivir nun lugar que ser dun lugar. Os meus, por por un exemplo, levan 50 anos na Arxentina e ainda, cando lles preguntan “Vostede de onde é?”, eles responden: “De Nigueiroá”, para desconcerto de quen escoita e nunca oíse semellante nome.

Cando mo preguntan a mi, eu tamén dou unha resposta, cando menos, rara. “Son de Avellaneda”, digo. E logo explico que vivo dende anos fora desa cidade, que a miña casa fica a máis de hora e meia de viaxe, e que so vou para alá de cando en vez e para visitar a alguén.

Pero eu son dalá. Vivin aí máis de 25 anos e tería nacido en Avellaneda se o Hospital do Centro Gallego ficara alá e non no centro de Bos Aires.

Avellaneda leva o nome dun presidente arxentino e foi a cidade que elixiron máis cantidade de galegos, despois da capital do país, segundo mo contou o meu amigo Ruy. Eu teño a idea de que iso explica que tanta xente da terra sexa simpatizante do Independiente en materia de futbol (digo eu, claro, porque son do “rojo”).

Así, ainda que os tempos de esplendor e brillo fóronse fai décadas desta cidade do sur do Gran Bos Aires e sería moito mellor ser do barrio no que vivo agora (cando menos, sería máis moderno e bonito), eu síntome cerca da cor gris desas casas vellas que ainda falan dos anos xovens dun povo que foi vibrante. Pero do tempo no que Avellaneda era unha fábrica de fábricas, hoxe só sobreviven enormes edificacións abandonadas, valeiras e nas que so quedan os recordos das multitudes de traballadores buliciosos que compoñían coas suas voces e o ruido das máquinas unha imponente sinfonía cotiá.

Nada queda xa daquelas frábricas e obradoiros. So a memoria e o esquelete destos edificios.

Hoxe, Avellaneda é berce de pobreza. Só a cinco minutos da capital do país, hai nenos que só coñecen a fame e as mestras das escolas tiveron que aprender a dividir o día entre as clases, a comida que lles dan aos alumnos (e que para moitos será a única do día), e as axudas psicolóxicas e sociais que chegan como botes nun mar de desgrazas.

En Avellaneda, moita xente vive co plomo na sangue porque un depósito de lixo superou os límites permitidos e contaminou a todolos homes, mulleres e nenos que viven na zona. “E os gobernantes?”. Iso, e os gobernantes?

Pero eu son dalá.

Cando marchei, fun vivir nun departamentiño sobre a avenida Belgrano. Coido que non hai rua máis galega no país que esa: dende o Centro Gallego, o restaurante O Toxo ata a última casa de Castelao neste mundo, a avenida é unha arteria da colectividade. Pero ainda era de Avellaneda.

Dese lugar vin vivir acá cando naceu o meu fillo. Levo dous anos e paso moi ben as tardes que podo pasear polas rúas poboadas de árbores e paxaros. Tamén levo dous anos atopando explicacións ridídulas para non cambiar o enderezo nos meus documentos e papeis. Por iso, pago mais impostos, teño que votar nas eleccións lonxe da casa e o meu pai ten que levarme de cando en vez as cartas do banco, da universidade e do goberno.

Iso é o que ten ser dun lugar e estar noutro.

14 comentários:

Anônimo disse...

Con todo o que contas, cada vez teño máis ganas de ir a Arxentina, tanto para ver o bo como para ver o malo. Lamento non ter pasado moito polos teus fíos nas últimas semanas, pero é que ando embarcado na aventura de mercar un piso e apenas teño tempo para manter o meu blog. Teño a cabeza chea de tipos de interese, Euribors, actos xurídicos documentados, tipos variables e outras herbas. E seguirei así, polo menos, outro mes. O piso xa está reservado, en pleno Santiago de Compostela. E é grande dabondo para acoller visitas, así que cando veñades, xa sabedes onde tedes un refuxio. Un saúdo desde o outro lado do fío.
PD: Xa sei que teño pendiente poñer as miñas manías; un día destes.

acedre disse...

Notase muito carinho cando falas de onde es. Ogalla eu tivese ese don. Aparte tenho a dubida de de onde son eu. Sei que son galego pero ainda non tenho claro nin a provincia nin a cidade ou vila de onde son. Familia paterna dunha provincia (A Corunha) e materna doutra (Lugo). Eu son nado en Vigo e con dez anos de idade marcho para O Porrinho. Servizo militar en Valladolid e Burgos. Volta ao Porrinho. Logo tocou vivir en Londres ou nos EEUU como agora...O futuro ainda non esta claro...
De onde son eu?. Onde tenho o corazon e onde podo dicir "eu son de aqui"?.

acedre disse...

Agora lembrei un dito galego: a vaca e de ond pace, non de onde nace.
Pode ser que esa sexa a resposta.
Un saudo.

Veloso disse...

Ata agora, o único que sabía de Avellaneda era que hai un equipo chamado Independiente (onde xogou o meu admirado Gustavo López, segundo creo). Agora sei que é unha cidade loitadora, que se enfronta a durísimas dificultades. A miña aperta solidaria.
Compréndote ben, Torredebabel, eu levo case sete anos buscando explicacións ridículas para seguir sendo vigués e non cambiar os meus papeis a Zamora.

nenodanorita disse...

As tuas palabras cheas de sentimento trasladáronme de novo a Belgrano, unha avenida que lle fai poñer os pelos de punta e a bagulla no ollo a calquera galego de ben. Tamén me transportan a Avellaneda, coa nosa xente máis digna, máis calada, esa sensación tan estrana de como si se avergoñaran da sua situación, cando non teñen motivos. Transportasme a Ramos Megía, onde viven os meus...
Pero sobre todo do que falas é de amor, de identidade, de autoestima.
Graciñas sempre polas tuas palabras.
Apretas.

Unknown disse...

Eu tamén creo que se é, de onde queda a alma prendada, o lugar ou os lugares onde nos recoñecemos.
Unha Aperta

Anônimo disse...

Eu tamén penso igual que SZ. Somos de onde sentimos que vimos. Emocioneime ao ler as túas palabras Torredebabel.
Unha aperta grande.
:)

hojasdehierba disse...

Eu tamén teño vivido en bastantes sitios dende pequena... Non gosto da pregunta "de dónde es?" porque me fai sentir un pouco estúpida. Cando contesto co corazón, pregúntanme "ah, a túa familia vive aí?" e despois "e logo? naciches alí?" e cando a resposta tamén é non, é difícil explicar por qué escollín ese lugar para ser dalí hai ben tempo...
Curiosamente, non creo que volte a vivir alí, ainda que poida que sí moi cerca...
Una aperta.

edu disse...

é ben difícil saber de onde é un.

o outro día alguén dicía que a lingua de un é a que usas para lembrar a nai do condutor que che obriga a unha manobra violenta por facer o que non debe.

igual eu son do sitio que me sae automático cando alguén mo pregunta.

eu digo que son arxentino.

de todos os xeitos gústame pensar que tamén son un pouco de aquí.

e, realmente, xa non boto tanto en falta a miña cidade natal. só sinto ocos aquí dentro pola xente que teño lonxe. e esa está en moitos recunchos deste mundo.

o teu texto, coma sempre, transmite moita emoción. porque é auténtico, supoño.

Laurindinha disse...

Que historia tan bonita...Paréceme un texto fermosísimo... Grazas por compartir con nós esa realidade tan interesante e auténtica...

TXARI disse...

hai quen dijo que a memória é a infancia e sempre voltamos alí, naceras onde naceras, vivas onde vivas, se hai um lugar onde pasaches a infância ha de ir contigo...ése de onde se está cómodo pero provense da infancia...inexorablemente da infancia...(creio humildemente)

FraVernero disse...

Canto lle gustaría a un poder visitarche na túa cidade porteña, babélica...
Buenos Aires debe ser unha metrópole preciosa, coas cousas terríbeis e tráxicas que gardan eses grandes monstros de cemento e cristal, termiteiros estraños para a maré humana.
Unha ruta en bos aires pasando polos sitios onde Castelao deu mitíns e se reuniu o Consello de Galiza...
Un paseo pola pampa dos gauchos -de castelao e de borges-.
E un tango apaixoado coa muller que amas.

torredebabel disse...

Gracias Rabudo pola visita (sempre ando paseando pola tua páxina que me gusta moito) e xa sabes que tes guía turística na Arxentina! Hai acedre, coido que so poucas persoas poden decir -sen pensar moito niso- de onde son precisamente por iso que dis que somos máis de onde pacemos que de onde nacemos. Ou como dín satine e sz que somos de onde temos o corazón. Tamén concordo con Txari porque a infancia é -en si mesma- un territorio único e amado.
Veloso que bó saber que hai alguén que coma eu busca explicacións ridículas para seguir sendo dun lugar no que xa non vive!! síontome acompañada! O mesmo que hojasdehierba que non gosta da pregunta "de ónde es?" porque as persoas non sempre están listas para ouvir unha resposta sincera.
nenodanorita, como xa te dixen antes, a ver se ves de novo que facemos una xuntanza do blogomillo pero na diáspora!! FraVernero a invitación é para ti tamén, claro, que atoparás en Bos Aires unha cidade única na que vive a identidade máis europea que xa coñeces mesturada con palmeras e a vida de Latinoamérica. Unha imaxen que roubei dunha nota que lin fai días nun xornal na que -algún experto- falaba precisamente desa identidade tan única desta cidade. Ti a debuxaste perfectamente!!!!
Marinha sempre tes ese xeito fermoso de deixar pegadas de agarimo cando visitas este blog! moitas gracias!!!! Tamén gracias ás Laurindinhas que levan fermosura por onde van!
Edu, déixoche para o último porque sei ben que entendes e vives esa dualidad que temos os galego-arxentinos. É como dis: "É ben difícil saber de onde é un".

Ghanito disse...

Chego tarde a esta xuntanza para dicir que, ainda que vivo n´A Coruña dende hai xa mais dun ano, sintome vigués. Para alguén de Bos Aires é coma se cambiara de barrio, pero na rede digo que vivo na AP9 que é a autoestrada entre Vigo e A Coruña, porque ainda que viva aquí o meu corazón sempre está a piques de coller o coche cara a Vigo.

¡Non sei como puiden tardar tanto en atopa-lo teu emocionante blog!