11 de abr. de 2006

Fun, son e quixera ser

Tiña menos de seis anos cando foi tirada esta foto. Ou pode que tivese seis ou sete. Non o sei. Daquela, e a diferencia da miña irmá, eu non sabía qué ia ser de maior. E ainda que agora, tantos anos despois, iso semelle unha cousa sen a menor importancia, naqueles tempos da infancia era un problema complicado. Non tanto pola axitación que calquera podería sentir fronte a un futuro non tan lonxano e sempre preocupante neste país (e neste mundo tamén, claro), senón pola teima que teñen os adultos de preguntar -logo do nome, a idade e a quen se quere máis, se a nai ou ao pai, todo nesa orde-: "E ti, qué queres ser de maior?".

E eu non o sabía. Cousa que non era moi ben vista porque, fronte á miña falla de determinación e total ignorancia sobre o mellor xeito de fuxir do tema con calquera resposta (unha habilidade que co tempo souben descobrir), o que viña era unha infinita lista de oficios, profesións e traballos das máis variadas cores e formas. E eu aí seguía, coa miña face de desconcerto e confusión.

Á miña irmá iso non lle pasaba. Dende que camiñou e puido falar soubo que quería ser bailarina. Ou, polo menos, iso decía. Tanto bailaba na casa e falaba do seu futuro que, con catro anos, a miña nai levouna ás clases de ballet. E eu fun tamén. Coido que pola incerteza.

Cos anos, ela pasou das zapatillas rosas ao tenis e logo ao atletismo. Tamén fixo música e pintou nunha escola de artes e chegou a ganar un concurso literario. Hoxe é unha excelente avogada.

Eu ainda bailo de cando en vez. A diferencia dela, tampouco souben nunca deixar atrás as profisións que fun coñecendo e amando co tempo.

Primeiro dixen que quería ser mestra, coma a miña nai. Ela non o considerou unha homenaxe, chea do moito traballo e do pouco soldo, e díxome sen que lle sobrasen palabras: "Non, mestra non!". Así foi como pasei dez anos na escola de ballet de Bos Aires. Na metade da carreira xa sabía que non ía ser xamáis Maya Plisetskaya. Non tiña o talento nin tampouco a forza para deixar aí toda a miña vida a cambio. Amais, gustabame moito contar histórias. Así foi como cheguei á universidade. Pasei tres anos nas salas da licenciatura en Comunicación sen saber ben onde levaba ese vieiro ata unha mañá. Un home de cabelos longos e pouco peiteado entrou na sala e dixo: "Chámome Carlos Polimeni, son xornalista e nós, os xornalistas, facemos as seguintes cousas...". Carallo!! o home aquel arrexuntou nunha lista todalas cousas máis fermosas que eu quería facer. E pagábanlle por face-lo!

Levo máis de dez anos de xornalista e a vida é ben rara. Ainda que amo este oficio, bailo cando podo e son mestra. Dou clase de xornalismo na mesma universidade na que estudei. Un camiño longo que me deixou no comezo. Hoxe son a bailarina que non fun, a mestra que quixen ser, a xornalista que dende sempre estivo en min, e a galega que quixera ser mentres vou sendo.

21 comentários:

Ghanito disse...

Parabéns, por ser feliz no traballo e por acadar unha vocación.
Eu teño un traballo do que vivo sen problemas, pero non me importaría deixalo mañá mesmo. Pasoume é revés que che pasou a ti, sempre quería ser algo, e á fin, fun outra cousa que nunca se me ocurrira, non pagan mal e non mollo os pes.

Na foto está moi curriña.

nenodanorita disse...

Relato redondo, ben encetado, ben desenvolto e ben rematado. A mín, como tua irmá, pásame ó revés, toda a miña infancia quixen ser outra cousa, para ó final acabar por ser Avogado, ademáis de ser socio (e as veces traballador) doutras tres empresas. E penso o mesmo que Ghanito, se me ofrecen outra cousa igual o deixo todo mañán mesmo. Unha apreta rula.

Manuel Rivas disse...

A mín pasoume o término medio. Toda a vida quixen ser xornalista. Sempre quixen selo e sempre sabía que o sería. Agora son xornalista. Pero había tres variedades que NUNCA quixen desenvolver: deportivo, rosa ou radiofónico. Pois ben, traballo nun diario deportivo.

besbe disse...

Dende logo teñen boa razón os que gaban as túas historias.
A min miña nai tamén me dixo que de panadeira nada, logo descubrín que o de mestra non sería o meu e os anceios de ser xornalista quedaron soterrados cando preferín a física e a química ao grego e ao latín.
Agora adícome a traballar nos corpos vivos dos demais deixando neles as miñas pegadas, non coa pluma da escritora que aínda me gustaría ser, pero si coas mans de quen sabe que algo pode sanar.

Marcos Valcárcel López disse...

Tamén a miña filla ten un foto así, semellante, de pequena e co noso traxe. Despois deixou de bailar e aínda non definiu o seu futuro: está nas portas diso. En canto ao do traballo, desde logo é un auténtico privilexio traballar nalgo que realmente che gusta: sempre pode haber momentos máis floxos, pero cando menos non tes a sensación de perder o tempo. Aínda que o ensino hoxe, en calquera nivel e cando menos en Galiza, é unha profesión vocacional: se non che gusta o mundo dos rapaces, mellor buscar outra cousa. Unha aperta.

acedre disse...

Que che vou contar do meu traballo ?. Non quixen estudiar e tocoume (e tocame) traballar no que me ofrecen. Eu procuro levalo ben e desfrutar tanto no traballo coma fora del. O malo e que vai pasando o tempo e chegara un momento que non me quereran tan doadamente nun traballo.
Por certo, boa mocinha eras na foto.

Anônimo disse...

A verdade é que nunca souben o que quería ser.
Postos a soñar, sempre soñei con ser unha persoa que puidera vivir da caza e da exploración dun territorio, coma nas películas de vaqueiros no oeste (aínda que nunca cacei na miña vida), mais iso son soños pois os tempos non están para elo.
Hoxe teño unha profesión na cal gaño un bo xornal; vivo sen atrancos, e na que en un principio entrei nela como puiden entrar noutra calquera, había que gañar un soldo e era das máis doadas de acadar.
Pensas que podes arranxar problemas na sociedade e van pasando os anos e dáste conta de que formas parte do sistema e estás a ser utilizado. Procuras levalo o mellor posible, aportar o que poidas de xeito individual pois colectivamente non te deixan e agardas que chegue a data sinalada para prexubilarte e largarte canto antes, que por certo, xa está a caer.
Aínda teño o sono de ir ver o Perito Moreno e a Pampa. A ver se algún día se cumpre.

Anônimo disse...

Os designios que nos empurran son múltiples, o contorno, as circunstancias, os desexos, e vannos determinando. Os meus estudos normativos, foron de enxeñaría e xamais vivín deles, de feito nunca exercín.
Na foto aprecio unha ollada franca e resolvida, non me cabe a menor dúbida de que na vida vas facendo o que queres.

Unha aperta

Aultre Narai disse...

xenial. non sei se iso é a felicidade, pero paréceme a min que se lle parece moito... ou polo menos conseguiches os teus soños, ou non? que envexa, eu tamén quero ser xornalista dende que me contaron as cousas que poden facer os xornalistas. e de momento vou tirando mentres escribo e canto algunha canción na ducha ou no coche. por algo se empeza, non si? :)

esa foto xenial, creo que eu tamén teño unha por aí.

Anônimo disse...

Antes de nada decirche que estás guapa guapa na foto. É curioso como nos podemos imaxinar...
Eu cando tiña a túa idade da foto quería ser trapecista, traballar nun circo, pegar chimpos e voar no trapecio, semellaba proporcionar unha gran liberdade e vitalidade. Ata que un día despois de facer os meus primeiros pinitos caín do tendal máis alto que coñecía (o de miña avoa Adela). Tan dura foi a caída que de raiz perdín o gusto, era demasiado arriscado.
A seguinte etapa da miña infancia-adolescencia paseina dubidando; eso si observando, sempre foi algo que me gustou desde ben pequena tanto a observación coma o social. Tamén se me brindou a oportunidade de coñecer persoas que disfrutaban do mesmo xeito, e que influiron moito na miña formación. Os meus pais ensináronme a compartir e a respetar esa foi das 1ªs leccións que aprendín.
Asi que cando me chegou o tempo marchei para a Universidade a estudiar algo directamente relacionado coa observación e o social, aprendín cousas pero non tantas como pensaba. Si cadra tiña esa etapa idealizada, aprendín tanto por fora coma por dentro dela. Sen dúbida a miña capacidade de observación axudoume e ainda me axuda a disfrutar con cada momento que me toca vivir.
Tódalas inquietudes que fun tendo (e foron bastantes) funas facendo realidade, algunhas levoulles máis tempo que outras, pero todo precisa do seu tempo para consolidarse.
Na actualidade estoume formando en algo que de sempre me gustou e que parece que agora chegoulle o seu momento, e á vez traballo no eido socio-educativo que realmente é o que me gusta, e para o que teño actitudes e formación; todo isto acompañado do meu sentimento de galega que non penso deixar de exercer.

Unha aperta agarimosa.
:)

Anônimo disse...

Xa desde pequena xogaba a ser mestra e mestra fun hasta setembre do 2005 en que me xubilei os 60 anos.
Fun moi feliz facendo de mestra e volveria a selo un millón de veces si volvera a nacer.
Estás preciosa nesa foto. Tamén teño unha da milla filla vestida así...
Bicos.

David disse...

Parabéns por encontrar un traballo no que estés contenta.
Eu, loxicamente, estou estudando, mais gosto moito do xornalismo. Non sei se acabarei sendo xornalista, mais é un traballo que me parece moi bonito.
Saúdos.

estibaliz... disse...

que linda eres!

Mr Tichborne disse...

Si..."a vida é ben rara"... Sorte con todo o que emprendas.

oko disse...

logo agardarei a que chegue a clase un home de cabelo longo e despeiteado e me diga todas as cousas bonitas para as que vale un xornalista, e eu diga: pois quero selo!!!
Tras tres anos na faculdade de Xornalismo, cada vez gústame máis o xornalismo e menos o oficio de xornalista. que se lle vai facer!!! (é que eu, de nena, quería ser contadora de historias. aínda quero)

Veloso disse...

Aos dez anos gustábame escribir, aos vinte anos gustábame escribir, aos trinta e seis segue a gustarme... Pero non pensedes que só por iso xa vou renunciar aos meus dous grandes soños. Noutra dimensión, Veloso canta rancheras nunha orquestra e marca goles coa gloriosa camiseta do Real Club Celta de Vigo. O demais é todo conto.

Anônimo disse...

Que ledicia atopar a alguén coa súa vocación realizada. Pola miña banda, tamén adoro o meu traballo, aínda que me amola moito toda a borralla que o rodea. O deseño e desenrolo é moi interesante, pero xúro que os que van de “grandes hombres de negocios”, e que sempre andan zoando ao teu redor -coma os ácaros das alfombras, pero con oitenta e picos quilos de peso- non hai quen os ature. Menos mal que, co tempo, aprendín a rirme da soberbia. Antes conseguían facerme adoecer.

Basho disse...

Eu também sou o que queria ser. Só que sou o que se chama na gíria um PMI (traduzido: Puto Interino de Merda), o que quer dizer que sou o que sou sem sê-lo realmente. Todo um dilema metafísico, frustrante e que não leva traças de cambiar. Assim pois, a ilusão vai ficando pelo caminho e cada vez penso mais seriamente na possibilidade de renunciar à minha vocação e tratar de ser feliz a fazer outra coisa.

torredebabel disse...

Canto custa amar o que somos e facer algo que amemos. Precisamente, a novela de Veloso fala diso: daquelo que somos e todo o diferente que pode ser daquelo que pensamos que iamos ser. Alá van un escritor que quere ser escritor pero non escribe, un camareiro que quixo ser poeta e non foi, unha muller que quixo ser libre e audaz e non sempre puido, e moitos académicos que teñen moito amor polo que son pero iso que son non é tan brillante coma eles o ven. A novela de Veloso fíxome pensar en cómo todos temos moitas vidas vividas nesta. Alguén leva esa frase no seu blog pero non lembro agora quén é. Cantos fumos e ainda somos? Canto de min hai no traballo que fago ou na vida que levo?
Moitas gracias a todos vos polas historias, comentarios e visitas!!!

edu disse...

en cuarto ano da secundaria (3º de bup era aquí a equivalencia) decidín estudar "letras". despois deixeina antes de coñecer unha cita que lle atribúen a piglia: "cando me din conta de que quería ser escritor, deixei letras e púxenme a estudar historia".

eu non me puxen a estudar historia. tampouco "decidín" ser escritor. escribo e vou sobrevivindo como ben podo.

como ghanito e o nenodanorita, se puidese deixar a miña profesión hoxe mesmo, non o dubidaba.

sebes que envexo? o ben que escribes, o ben que fías as ideas, o diáfanas que son, a túa capacidade de engaiolarnos de cada vez.

díxenche que es moi importante para todos nós?

torredebabel disse...

Edu, mátame a vergonza!!!! moitas gracias polas cousas lindas que anotaches pero ben sabes que son totalmente inmerecidas.

Benvida arrigadeira! sabes que moitas mozas contáronme que tiñan unha foto semellante! Falando das tuas vocacións, ainda que a música é marabillosa como xeito de comunicación e de compartir sensacións, penso que "hacedora de galletas" é unha profesión lindísima ;-) Gracias pola visita!