3 de abr. de 2006

Árbores

Folerpa convidou: "Gustaríame que me falásedes dunha árbore, real non imaxinada, onde na súa tona quedase algunha pegada das vosas vidas. Animádevos e entre todos conformaremos a nosa propia fraga". E alí comezaron a brotar histórias. Veloso falou dos tempos no Colexio Fleming cando os nenos corrian para tocar o tronco dunha árbore sagrada, nun rito cotián. As Laurindinhas lembraron o lombo dunha figueira do que foron expulsadas por unha "lexión abominable de formigas vermellas velenosas". Aquí trouxo unha ameixeira vella que reinaba na aira da casa da súa avóa coa sua sangue de resina. Aldara deixou de lado a casa grande da sua avóa, "con escudo e con capela", para falar do verdadeiro tesouro dese lugar: o inmenso carballo que "posiblemente teña xigantismo". Peke dixo que lembra un enorme pradairo que había na alameda de Compostela. A talentosa Marinha de Allegue tivo que deixar moitas árbores fora para escoller unha cerdeira que había na horta e debaixo da que o seu avó durmía a sesta.

Foi entón, cando Chus reparou en que as árbores "habitan os recordos da nosa infancia". E tamén volveu a ese tempo para falar dunha fraga enteira pois naceu e viviu moitos anos "nunha aldea rodeada de bosque e nunha casa rodeada de árbores". Folerpa tamén anotou que esas árbores pertenceran a fraga da infancia. E deixou unha hipótese: "Supoño que co paso dos anos afastámonos da natureza que nos abrangue, da conexión case sagrada que tiñamos con ela cando nenos. Das formigas, dos paxaros, dos grilos, dos chuchameis...É unha magoa".

Eu quero sumar as miñas árbores a tan fermoso relato común. As primeiras que tiven foron os limoeiros e figueiras que os meus pais tiñan coidado con esmero no xardín da nosa casa. Cando era o tempo, os limóns eran apañados e gardados envoltos en papel de xornal para que non se podrecesen. Pero cos figos, o tempo nunca chegaba: apenas arrincados á póla e mentres a sangue-leite ainda brotaba polo tallo ferido, xa eran atrapados polas bocas lambonas que os tiñan desexado por meses.

Daquela tamén tiñamos roseiras varias. Unha rococó, unha dunha cor vermella case negra que non volvin a ver xamáis, unha branca intensa e algunhas que tiñan duas cores. Ainda que o rei do xardín do fronte da casa sempre foi (e é ainda hoxe) unha fermosísima gardenia. E falando de gardenias, a segunda vez que estiven en Galicia deille á miña tía Jesusa e ao meu primo Lisardo unha gardenia. Pensei que mentres ela vivise, nós teríamos unha vida que nos levase xuntos a pesar do océano que temos no medio.

Cando os meus páis divorciáronse, a cerdeira que tiñan sementado no xardín creceu descomunalmente. Pero ata hoxe, nunca deu nin unha soa cereixa. Cousas raras, que pasan.

Pero na miña vida, as árbores cobraron un sentido novo có nacemento do meu fillo. Apenas soupemos que viña, o meu home escribiu: "Los palos borrachos estaban en flor cuando supe que ibas a nacer". E era moi certo: a cidade enteira estaba cuberta desas flores rosas con forma de estrela. Oito meses despóis, quedei ingresada de urxencia por moitos problemas co embarazo e nesas horas de medo, dúbidas, choros e desesperación unha árbore inmensa e sólida, dende o centro mesmo do xardín do Hospital Británico dábanos a solidez e a forza que non tiñamos. Mirabamo-la moitas veces ao día, procurando na sua maxestuosidade algo de calma e serenidade.

Un deses días, o meu home descendeu as cinco plantas do edificio e foi tirando unha foto en cada un deses piso da nosa árbore nai. Velaí as tendes.

Hoxe, o meu fillo é un neno pequeno, fermoso e san. E para cada día das nais, él e o seu pai regálanme unha árbore. O primeiro ano foi unha gardenia de flores pequenas que vai rubindo polas paredes da nosa terraza. E o ano pasado foi un "aromo" que ten follas verdes na base das ramas e azuis nos extremos. Árbores que falan da vida, que dan vida, nas que vivimos e que viven en nós. Xa o dixo Castelao: "O albre é un engado dos ollos, pol-a súa fremosura; é unha ledicio dos ouvidos, porque n-el cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento. (...) O día que seipamos o que val unalbre, aquel día non teremos necesidade de emigrar".

19 comentários:

acedre disse...

A minha arbore poderia ser unha pereira de Acedre que era o noso acubillo (meu irman, un rapaz vecinho e mais eu) no tempo da sesta. Ali estabamos a falar e rir mentes a aldea durmia a sesta. Tamen buscabamos as peras menos verdes para ilas rillando. Ah, que tempinhos.

nenodanorita disse...

A miña árbore é, foi e será sempre un chorón (salix babylonica). Nacín e crieime arredor destas árbores, meu avó Manoel foi o que prantou todos os que había (quedan dous) entre a igrexa e o horreo grande de Carnota. Tempo despois, por casualidade, descubrín ademáis que esa árbore é o meu signo zodiacal no horóscopo celta.
Unha apreta

Anônimo disse...

A min de neno sempre me gustou subir as figueiras; mais ca por comer os figos era pola ansía que tiñamos, eu mais os meus primos,de subir canto mais arriba mellor e dende alí esnafrarllos nas ventas a quen atoparas por diante.

Anônimo disse...

A miña árbore favorita é o carballo. A miña maior experiencia con elas é a colección de follas que teño na casa. Eu ía recollendo unha folla de cada árbore que vía (das follas que xa caeran e estaban verdes), e nun papel que levaba poñíalle o nome da árbore e tamén o lugar onde a recollera. Téñoas todas conservadas na casa dentro dun libro sobre árbores.

Nemeth disse...

A pesares dun dos meus apelidos (Carballo), a miña árbore sempre foi o castiñeiro. O dos meus avós, que estaba fronte á caso dos pradriños e a carón dos palleiros e que tiña un galiñeiro dentro. Ou o que tiñamos perto da horta, ao que nos escapabamos pra 'vixiar'. Ou o de Pombariños. Ou os do Valdacabra ou Tonxil.

Nemeth disse...

Por certo, vou coller 'emprestado' o teu posteo, se non é moita molestia :)

Anônimo disse...

Pasei polo post de Alfaias sen pór nada e me quedo roendo esa falta miña, hoxe mo volve a lembrar Torre de Babel e agora non o quero deixar pasar.
Había moi pouca distancia da miña casa unha carballeira onde a miña familia ía pasar os domingos, naqueles carballos centenarios a miña imaxinación se desbordaba mentres rubía por eles buscando as ramas máis altas, onde podía pasar horas sen ter necesidade de baixar , tamén lembro unha cerdeira en casa da miña avoa onde o meu pai me axudaba a coller cereixas, posteriormente, fun confeccionando un catalogo de follas de árbore cun debuxo de cada árbore ao lado. Os avatares da vida fixéronme perder ese recordo a pesar dos meus intentos por o localizar.
Hoxe, outra vez veume á cabeza.

SurOeste disse...

Eu hoxe vou reivindicar unha árbore humilde que pasa desapercibida e que sen embargo a min paréceme esplendorosa: o biouteiro (ou sabugueiro). Era unha desas árbores que había sempre arredor das casas pola súa utilidade: o cocemento das súas flores é bon para as infeccións da gorxa e refregando as súas follas na pel alívianse os efectos do contacto irritante das ortigas. Dentro de pouco van florear salvaxemente e as abellas non van dar feito arredor deles.
Hai uns anos, cando se iniciaron os trámites de expropiación para unha das estradas que trazaron polo medio da parroquia, a miña nai observou que con todas as tretas estaban intentando rebaixar o prezo dos terreos que ocupaban (pagar labradíos a prezo de monte e cousas así, pagar certas especies arbóreas e non outras e por aí adiante). Cando lle chegou a vez, sinalou a extensión dos seus labradíos, as árbores e os cultivos que contiñan. Os biouteiros non entraban no Haber. Preguntou por que. "Señora, aún si fueron tullas..." e na súa voz había desprezo. A miña nai respostou que efectivamente, as tullas eran foráneas e o biouteiro era autóctono, e se esa era a razón do desprezo.
Miña nai cobrou polos seus biouteiros. Faltaría máis!

Veloso disse...

Que tal, Torredebabel? Quéroche copiar aquí dous textiños que son moi apropiados ao caso, ou iso creo. O primeiro é do conto "O chopo e o paxaro coxo", de Manuel Lueiro Rey: "Cando un home se fai amigo dunha árbore é sinal de que no corazón anda roldando o equilibrio e que na luz dos ollos están bailando as verdades eternas da vida". E os seguintes "Vida e obra de Ramón Otero Pedrayo", de Carlos Casares: "En febreiro de 1973 un vendaval que se desata sobre Galicia enteira arrinca de raíz a araucaria que o pai de Otero plantara no xardín da casa de Trasalba o mesmo día do nacemento do fillo. A imaxinación do novelista, o seu romanticismo, a súa afección ao símbolo, converten aquel accidente en desacougante premonición". Unhas páxinas máis adiante, escribe Casares, falando do enterro de Otero Pedrayo: "Á hora indicada o templo está abarrotado de xentes chegadas de toda Galicia. En medio dun silencio impresionante entra o cadaleito, construído coa madeira da araucaria que derrubara o vento, levado polos amigos máis achegados". Parécenme historias e xeitos de contar ben bonitos. Unha aperta.

Anônimo disse...

Non é propiamente unha árbore, pero como xa hai moitas ditas, eu vou trae-la viña. Naturalmente, non ese cultivo industrial co que se están a minar moitos montes, senón esas viñas alambradas arredor das eiras, con cepas retorcidas durante décadas, coidadas polos vellos como algo sagrado. Eu teño moitos recordos, bos e malos, relacionados coa viña, coa súa labor, e coa súa paisaxe.

Laurindinha disse...

Emocionoume, coma sempre... e sentímonos moi agradecidas por ter quitado a nosa figueiriña da infancia á que lle de o sol cálido arxentino...
Pero se algo me fascinou por riba de todo o que relataches... foi a idea de retratar á árbore de abaixo a arriba... como un ritual máxico encantado... Envéxote por ter unha familia que sabe, por riba de todo, atopar e aproveitar as cousas pequenas e bonitas que a vida ofrece de cando en vez...

Marcos Valcárcel López disse...

Das árbores e dos poetas galegos: sobre ese tema publiquei unha páxina no xornal GALICIA HOXE en marzo do 2003. É moi longa para postear e só lle mando un anaquiño (se lle interesase o traballo faríallo chegar enteiro):
FRAGAS DE MEDO E SOEDADE
O medo e a soedade son elementos asociados a cotío á poesía das árbores das montesías fragas. Pensemos no poema “O bosque” de Luís Pimentel, que reproduce o medo case infantil producido por unha paisaxe nocturna nas fragas: “Ninguén te acompaña./ Dentro de pouco estarás perdido/ entre as sombras iguais./ Cada árbore coa súa sombra. / Dediante da túa casa hai unha árbore/ amiga e solitaria./ Máis este é un bosque/ de repetidas sombras verticais./ Xa non ves as túas maos./ A túa casa está cerquiña e lonxe”. Velaí tamén, nunha liña semellante, este laio dos ameneiros no poema “O neno” de Manuel Luís Acuña: “Alcipreste. / Campadario./ A noite velliña fía/ liño preto de salaios./ E como brúan os medos/ nos ameneiros do río./ No adro da Igrexia probe/ morren os mortos co frío./ Polas estrelas difuntas./ Polas arbres./ Polo vento pelerino./ ¡Ai!/ ¡Meu fillo, meu probe fillo!”. E a soedade fonda do poeta, que Celso Emilio Ferreiro debuxa nestes versos: “Ollaime ben, eu son un arbre triste/ afincado na orela/ dun río interminable, misterioso...”. Imaxe que segundo Miro Villar moi ben puido deixar pegadas nun soneto de Blas de Otero, poeta de estética tan próxima ó celanovés: “Yo soy. Un árbol. Arraigado. Firme./ Aunque, en el fondo, bien sé que he de irme/ en el río que arrastra nuestras vidas”.

XESÚS MANUEL MARCOS disse...

Eu escollería a nogueira. Unha nogueira que prantei co meu avó hai moitos anos, nunha ourela dunha horta. Agora que meu avó morreu, cando vou por Galicia achégome moitas veces a aquela horta coa súa nogueira, e lembro aquela mañá cediño, cando nos levantamos para prantala. Eu non durmira en toda a noite agardando polo intre de ir con el, da súa man, e prantar a nogueira. E alí está, como un cesto de lembranzas.

Anônimo disse...

Pois eu xa falei da cerdeira debaixo da que dormía a sesta o meu avó e á que subía eu para facer trastadas das miñas.
No tempo das cereixas aquelo era unha festa eran sabrosas de verdade. A min sempre me gustaron moito as cereixas de sabor, de cor, de forma...e xogar con elas entusiasmábame, poñelas de pendentes por exemplo.
Que lembranzas tan cálidas e sanas!!.

Unha aperta grande.
:)

FraVernero disse...

Con algo de retraso súmome a esta fraga textual á que nos anima a nosa aprezadísima voz galego-arxentina.
No meu caso, resucito para vós o Pomeleiro que medraba vizoso (segue vivo, enorme, rodeado de silveiras e dando uns pomelos descomunais e doce-amargos, tal a vida) na horta a carón do meu fogar infantil: a casa de Tavilo, na aldea chea de lembranzas...
Lembrar xa de neno comer os froitos da árbore, soterrados baixo unha espesa capa de zucre para tornalo máis lambetada para o padal...
Tiven unha época en que soñaba parte da miña adultez cun xardín enorme cheo de frutais. Á marxe de que conserve o proxecto, non desisto de plantar, anque fose en maceta, un pequeno abrollo desa árbore que tan simbólicamente me vencella ao meu propio pasado...

verdello disse...

'Boris guardaba dentro de sí un secreto. Un secreto que le roía el alma y atormentaba su espíritu. Un secreto que no podía revelar a su esposa porque, horrorizada, dejaría de ser su esposa. Ni a su mejor amigo, porque allí terminaría su amistad. Ni tampoco al cielo, por temor a una eterna punición divina. A punto de enloquecer, una noche Boris decidió poner fin a tan insoportable situación. Buscó el árbol más alto del pueblo, y durante horas le contó en un incesante murmullo todo su secreto. Regresó a casa y durmió muy larga y desahogadamente con desconocida placidez. Desde entonces, la brisa que pasa por aquel árbol, lleva a oídos de todos el secreto de Boris. Pero Boris pasea tranquilo, porque sabe que en su soberbia, al género humano no le interesa comprender nada de lo que cuentan las demás especies'. Quino.

beixos verdes e vermellos

torredebabel disse...

Moitísimas gracias pola fermosa e rica fraga que acá queda. Gracias acedre pola súa pereira, gracias nenodanorita polo chorón (salix babylonica), gracias pepe penas polas figueiras, gracias David polo teu carballo e as follas coleccionadas, gracias Nemeth polo castiñeiro e gracias tamén por seguir sementando árbores na tua páxina. Gracias SZ pola carballeira e a cerdeira, gracias SurOeste pola reivindición necesaria e xusta do biouteiro, gracias Veloso polos textos que falan das árbores (fermosos os dous! emocioneime co de Otero, non coñecía a história), gracias F. Miguez pola viña e gracias Laurindinha polo agarimo de sempre. Gracias tamén marcos valcarcel polo convite: gustaríame moito ler ese texto das árbores e dos poetas galegos. Gracias pola visita e pola nogueira a Oulego, gracias Jan pola árbora da que colgaba un columpio, gracias Marinha pola cerdeira, polas cereixas e polas trastadas. E gracias FraVernero polo Pomeleiro e pola lembranza dos pomelos que tamén comín "soterrados baixo unha espesa capa de zucre", e gracias verdello pola fermosísima história de Boris.

Anônimo disse...

Oi, sou Veronica, de Buenos Aires, Argentina. Eu quiser saber si você tem uma imagem de Quino nessa historia de Boris que teve um secreto. Si você poderia enviar-me issa imagem seria muito bonito.
Disculpa meu portugues, e horrivel.

Anônimo disse...

Ah! Meu email é veronica.kechichian@yahoo.com.ar
Brigada!