6 de jun. de 2006

Os contos de Pepe

"Pícaros, pero non groseiros". O mesmo título que leva o libro de contos que a Xunta lle editou a Xosé Cobas Suárez fai anos ben pode usarse con él mesmo. Este home ao que o nome tamén perdéuselle nun mar de Pepes, chegou con 17 anos e alá polo 1971 á Arxentina -dí él- no derradeiro barco de emigrantes que deixou ronsel no Atlántico. Ninguén sabe se é verdade ou non pero non importa. O que interesa, cando Pepe conta, é facer silencio e deixarse levar pola risa.

Dí que marchou da aldea de Piñor, "parroquia de San Lourenzo de Agrón, do concello de Ames (A Coruña)" -segun detalla no limiar do libro o catedrático de Xeografía e Historía Xosé María Lema Suarez- para fuxir dun casamento de comenencia ao que o querían forzar. E o malo pode que non fora a noiva senón, máis que nada, o sogro que viña na rebaixa tamén coma xefe.

Pepe Cobas é o corazón dun dos programas galegos que se poden ouvir nas radios de Bos Aires. Todos os sábados á tarde, o público de Un canto a Galicia gasta os dedos chamando á radio para deixar unha resposta á adiviña que propuxo este próspero industrial do ramo da panadería que non necesita pasar aí o tempo: os que o necesitan son os galegos que sintonizan as suas orellas e a sua memoria dende as catro da tarde para rir canto poden cos contos "pícaros, pero non groseiros", que xa se dixo, e cos labirintos dun cálculo imposible ou de contas que non saen.

Lema Suárez ainda garda un recordo nítido do momento no que Pepe Cobas e os seus contos xurdiron na sua vida: "Durante os respectivos meses de setembro dos anos 1996, 1997 e 1998 estiven na Arxentina impartindo cursos que formaban parte das actividades da Cátedra de Estudios Galegos Alfonso R. Castelao, radicada na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires. Prácticamente ningún dos asistentes ás miñas clases de lingua e cultura galegas era galegofalante. Habíaos de tódalas xeracións, pero case ningún nacera xa en Galicia".

Excepción entre eles era Pepe. E non só polo uso do galego. Sigue Lema Suárez: "Este profesor gardou algunhas mostras dalgúns dos seus alumnos e alumnas. De Cobas tamén, obviamente, e este exercicio que transcribo a continuación, realizado na clase, pode servirnos de exemplo desde enxeño creativo. Tratábase dun exercicio de narración no que había que introducir certas palabras e frases feitas; o texto había que realizalo na propia clase, sen tempo a pensar moito".

E Pepe Cobas entregou un papel con esta história: "Cando era rapaz novo era preguiceiro e tiña duas malas amigas: a noite e a lúa, e paseaba con elas debaixo das estrelas. Decía miña nai e mais a avóa que eu era un fervellasverzas, o único que sabía facer eran trasnadas, pero eso pasou ai moito tempo. ¡Onde vai! ¡Vaiche boa! Despois marchei para Arxentina pra non casarme cunha rapaza que estaba da miña casa a carreiriña dun can, porque si me casaba con ela ia ter que traballar de balde pra meu sogro e así como non me gustaba o choio... Acórdome que era polo Nadal, xustamente o día 22 de decembro que co frío da xiada tiña cristales o regato que tiñamos que andar a paso de boi, ir con xeito, había que ir con pes de lán porque a estrada estaba moi esvaradiza do orballo, e non davamos chegado a Vigo pra coller o barco prá Bos Aires, tuben que gacer fila pra que me deran o número do camarote. Ás veces, na fila apretaba tanto e tanto que era estar coma tres nun zapato e cando á noite puiden deitarme sentinme estar coma un rei nunha cesta". E engade o profesor: "Respectámo-lo orixinal e, polo tanto, tamén a súa ortografía (que nunca foi -nin é- o forte de Pepe). Pouco máis se lle pode pedir a un exercicio que había que realizar en escasos minutos a toda marcha".

Ainda que os contos de Pepe hainos que ouvir para que fagan todo o sentido que a fala lle construen, gústanme estes que vos deixo co desexo de provocarvos hoxe unha pequena e saudable gargallada.


Na cama con outro. Xa que estamos de xogadores de cartas, o outro día estaban catro na taberna botando unha animada partida de a brisca, e de repente entra disparado pola porta un home que se dirixe a un dos xogadores, dicindo: "¡Xan, deixa a partida, tira coas cartas e corre axiña á túa casa, pois a túa muller estache na cama con outro!". Érguese o Xan moi alterado e nervoso ciscando as cartas sobre a mesa e marcha correndo cara á súa casa. Ao cabo dunha media hora, volve a entrar Xan pola porta da taberna e diríxese á mesa da partida, disposto a continuar con ela. Ante a estrañeza dos compañeiros, o Xan exclama mentres toma asento no lugar que deixara: "¡Boh! ¡Con outro, con outro! ¡Pero se é o mesmo de sempre!".


A muller que lle berraba ao árbitro.
Ben sabedes que agora o Deportivo da Coruña é un equipo poderoso, campión de liga española 1999-2000, pero hai anos o club era modesto e desde o graderío aínda podías falar cos xogadores... e cos árbitros. Eu ainda me acordo da primeira vez que fun á Coruña, ver xoga-lo Deportivo no seu vello Estadio de Riazor. Senteime na bancada e eu estaba caladiño sen dicir nada. Pero unha muller que estaba ao meu lado estaba inqueda e nervosa, moi alporizada, e berráballe e berráballe ao árbitro: "¡Pasmón!, ¡Aparvado!, ¡Fillo da túa nai! ¿Non ves que a parou coa man, burro? ¿Qué tes nos ollos, ho? ¡Ai, cando te teña a man! ¡Vaste acordar do día en que naciches! ¡Vouche bourar no lombo! ¡Cando te teña diante vaste acordar da allada, desgraciado!". Parecíame que a muller se estaba pasando nas súas palabras, mostreime disposto a lle valer ao árbitro e díxenlle: "¡Señora, por favor, mida as súas palabras, que non é para tanto!". Miroume cunha cara de can que fendía nubes, e díxome: "¡Pero a vostedes qué carallo lle importa o que eu lle berro ao meu marido! ¡Métase na súa vida!".

7 comentários:

acedre disse...

Sempre hai personaxes coma o Pepe que aledan o dia.
Un saudo.

Anônimo disse...

Estas historias tanme facendo lembrar a outra persoa moi importante e achegada a mín que tamen conta uns contos fantásticos e ten un xeito especial de trasmitilos. Mira por onde tamén se chama Pepe...
Desde aquí mándoche un beijo papi eoutro beijo para ti Torredebabel, por achegarnos sempre cousas de gran interes.
:)

David disse...

Graciñas por poñer estes contos ao alcance de todos nós. Gostei especialmente do da muller que lle berraba ao árbitro, hehe.

Anônimo disse...

Pois moi ben.
Hai que reivindicar a Pepe e con el a Joselín -de Baiona e amigo de Castelao- a O Xestal, da Coruña -que mesmo contaba contos de Manuel Lugrís Freire, e a outros precursores dos contacontos actuais -tipo Quico Cadaval- e que outrora foron deostados pola intelectualidade estreita como "pailáns" ou cousa semellante.
Se non encaramos o futuro cun sorriso, imos de cu.
Saúde e adiante.

Anônimo disse...

Sencillamente delicioso...
Bicos.

torredebabel disse...

Moitas gracias a todos! sempre lembramos a eses grandes contadores de contos que regalan sorrisos, non si? e canta razón tes Etxeokeai: hai tanta soberbia neso que ti chamas "intelectualidade estreita". Eu sinto que os mellores escritores (polo menos moitos dos que me gustan) son eses que tiveron a intelixencia de adoptar os xéneros populares ou malchamados menores.
Apertas a todos!

Cobiñas disse...

Moitas grazas por lembrar o traballo do meu pai. Hoxe atópome por vez primeira con este blog. Serei -sen dúbida- da partida dende agora. Unha aperta, Andrea