29 de out. de 2006

Ferrín no Tortoni

Vivir lonxe -na diáspora- e ficar ausente das grandes polémicas, do cotilleo culto (que non deixa por iso de ser cotilleo), dos aplausos fervorosos e os cuimes e críticas despiadadas, permiten que os galegos de fora teñamos ainda a posibilidade de admirar sen as interferencias da convivencia. E eu admiro a Méndez Ferrín. Non é unha admiración das importantes ou das que engaden algo. Nin sequera lin todos os seus libros para que fora -cando menos- unha admiración racional e académicamente xustificable. O meu é unha lectura de fotocopias, no bus ou no metro indo ou voltando do traballo, loitando por non sair fuxindo deses universos abraiantes de intensidade, de instintos e forzas, de espanto e de fascinación que atrapan e sorprenden ao lector dende a primeira línea sen deixalo escapar ata a derradeira, maxistralmente. E esas mulleres ferrinianas... esas mulleres!

Por iso, renuncio -antes de intentalo sequera- a contar unha historia sobre a visita de catro días que o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín fixo a Bos Aires esta semana, xunto á Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. Sería, cando menos, unha herexía. En cambio, vou valerme das ferramentas do meu oficio para deixar testimonio da conversa que mantivo no tradicional Café Tortoni cos profesores e académicos da Cátedra de Estudos Galegos Alfonso Castelao que funciona na Universidade de Bos Aires. Cos integrantes da cátedra e algúns outros, coma eu.


O artigo completo acá. Algunhas das súas palabras a continuación:

“Non pertenzo ao partido da Concelleira que vos falou nin ao do Presidente da autonomia galega. Sen embargo, eu son un dos moitos galegos que pensan que coa subida ao goberno autonómico destes dous partidos (o BNG e o PSOdeG), dalgunha maneira, se produce un cambio. Dende longo un cambio simbólico (que un cambio real é moi difícil de prever) pero é un cambio simbólico total. Un home coma eu, un ancian de 68 anos, e calquera persoa coma min naceu baixo a dictadura de Franco e viviu a maior parte da sua vida baixo a dictadura de Franco. E logo, cando se constitúen os gobernos autonómicos, baixo o goberno do ex ministro de Franco, co-culpable da represión, e co-culpable dunha forma moi protagonista xa que foi o que orquestou as campañas internacionais para xustificar -por exemplo- o fusilamento de Xulian Grimau, morto e torturado, por poñer un exemplo entre milleiros. Un franquista que nunca se desdeciu e nunca fixo autocrítica na súa vida. Este feito condiciona que unha persoa coma min, que naceu nesa epoca, que despois tivo que vivir o resto da súa vida cun ministro de Franco, ten a sensación que de -por primeira vez en toda a súa longa existencia- ten un presidente ao que se lles pode dar a man. Porque eu non lle podia dar a man -nin en público nin en privado- a Fraga Iribarne porque era unha man que estaba manchada de sangue”.

“O noso goberno autonómico, de poderes limitadísimos, está ben, tal como pensamos dende a esquerda. O que está pior é a oposición. Ainda que pareza unha paradoxa. O problema de Galiza neste momentos é que hoxe no Parlamento está só na oposición o partido da dereita, podemos decir da extrema dereita, un partido xenéticamente franquista que está presionando sobre o goberno nunha dirección única, que é a dirección dos intereses da dereita. E non hai outro partido de ningún signo o que fai que o goberno esté cotinuamente defendéndose dun so vento que lle ven en contra. Non se sinte presionado polas esquedas ou por outro tipo de cambio que hai. Está presionado únicamente polas políticas de dereita e a eso responde. Ao revés que no Pais Vasco onde hai seis partidos con representacion parlamentaria ou en Catalunya onde hai cinco. En Galiza hai tres o cal revela unha anormalidade e unha pobreza política porque en Galiza hai máis pensamentos, máis ideas que esas. Pero o pobo de esquedas, na sua desesperación puxo o seu voto neses partidos”.

“As imposicións económicas da Unión Europea (UE) implican que a gandería galega estea na ruína, que o agro estea realmente espoboándose, pero non de persoas senón espoboándose de vacas. E iso foi porque o mercado común tivo e ten a ben protexer o leite francés e holandés e limitar o noso coas cuotas que hai que pagar. Así se chega a que as organizacións de esquedas que se chaman Comisións Labregas cheguen a pedir o liberalismo: «Agora queremos ser liberais, queremos producir todo o leite que queramos e venderllo a quen queiramos sen limites», din”.


“Esa rapaza (pola finalista do Premio Planeta Marta Rivera de la Cruz) quere ser todo, como aquel que na procesión quere estar na banda de música, quere ser Cristo, quere ser santo, que ser o cura... Hai que escoller na vida. Borges decia: «Yo, que tantos hombres he sido», claro, pero os foi sucesivamente xa que ao mesmo tempo é dificilísimo. Tal vez este Café Tortoni teña ecos deses tempos. A min, na miña vida me invitou ninguén a unha universidade de Madrid por ser escritor galego. Se ela escolle ser escritora en castelán ten dereito a levar o Premio Cervantes e eu non porque non escribo en español. Non vou chorar eu porque non mo den. Non teño opción: pódeo levar un arxentino ou calquera escritor que use o castelán. Enton queixase. Evidentemente, isto leva detras outra queixa. De feito, hoxe en Galiza toda a vida literaria faise en galego. O movemento poético que existe en Galiza é en galego. O único teatro que se fai en Galiza é en galego. As dúas únicas revistas de ensaio que se fan en Galiza -que son A Trabe de Ouro que teño o honor de dirixir e a Grial de Galaxia- son en galego. Eu estaría ben conforme con poder gañar o Premio Planeta pero eu non o podo gañar porque non escribo en castelán, e ela non pode gañar o Premio Xerais porque non escribe en galego”.

“As políticas lingüísticas en Galiza foron disuasorias contra o galego. A política lingüística é antigalega, de maneira que a filla que temos con Moncha que ten 22 anos, esa menina sae ao mundo dunha familia galega falante e cando entra na escola non lle ensiñaban nin unha triste cantiga. O prescolar en Galiza era castelán-falante ata agora mesmo. E foi unha política deliberada”.

“En Madrid sigue o españolismo que pensa que a existencia de outras linguas que non sexa o español é unha maldicion bíblica ou un insulto á patria. Hay un odio irracional, unha especie de fobia”.

“Eu nunca vin unha poesía galega tan radicalmente politizada como a de hoxe, na historia non a houbo así nin ao mesmo tempo tan innovadora. Aparece aqui a figura de Chus Pato e das mitas poetas. Hai un fenómeno no que a máis nova poesia galega é unha poesía faminina. Algo que non o houbo nunca e estamos falando dunha nacion que é simbolizada por unha muller: Rosalia de Castro. Ainda así chama a atención a presencia de mulleres novas, de menores de 50 anos. E tamén estase dando en poesía o fenomeno curiosísimo (que en novela todo está nun periodo máis conservador, un periodo de best sellers, no que non se arriscan tanto), de que hai imitadores dos poetas galegos. En León, en Andalucía, en Madrid...”.

“Na novela todo é mais conservador. Se hai un novelista que é o noso representante é Manuel Rivas. Manuel Rivas non fai grandes alardes técnicos, conta as cousas moi ben contadas, moi líricamente contadas, pero non é un grande esperimentalista. El é moi lírico, dunha tendencia moi persoal a unha narración moi sincera. E é un escritor que ten peso. E ainda que non hai ese esperimentalismo que hai na poesia, que non existe na narrativa (tal vez porque xa pasou o tempo de esperimentar na narrativa, que xa esperimentamos todos e non hai tanto mais que experimentar) parece que é a epoca de contar as cousas claras, que está ben tamén, como debe de ser, pois ben tamen está presente a política. A política é inseparable da novela de Rivas, incluso a memoria histórica da que se está falando moito é inseparable da súa obra e de moitas. A política non se vai da literatura galega. É que é difícil que se vaia dunha literatura que vive unha situación tan precaria, tan subalterna. Dun pobo que non acaba de ser un pobo cos seus propios recursos. Enton ten sempre esa inquedanza interior. Por iso, a literatura dende Rosalia ata hoxe está politizada”.

(Fotos de Jorge Navos, titular do SICE)

34 comentários:

Veloso disse...

Interesantísima a entrevista. Na miña opinión, o mundo cultural galego leva anos sendo inxusto con Ferrín (e con Neira Vilas ou mesmo co desaparecido Casares). É un dos nosos grandes escritores e pasa case inadvertido. Non digo que Suso de Toro ou Manuel Rivas non sexan merecentes do balbordo que se ergue ao seu redor, pero penso que non por iso debemos esquecer aos clásicos que aínda están entre nós. Cóntoche unha anécdota persoal. Ferrín e mais eu vivimos no mesmo barrio. Cando vou a Vigo, é frecuente que o vexa pola rúa. Nunca me atrevo a dirixirlle a palabra (tampouco sabería que dicirlle) e el, obviamente, non me coñece. Aínda así, sempre sinto unha leve emoción, como cando un adolescente ve de préto un cantante ou un deportista de sona. Persoalmente, non estou de acordo con algunhas das opinións de Ferrín, pero sempre contará coa miña admiración. Parabéns polo teu traballo, Torredebabel, e, como sempre, moitas grazas por nolo transmitir.

Veloso disse...
Este comentário foi removido por um administrador do blog.
torredebabel disse...

Veloso! moitísimas grazas polas tuas palabras e, sobre todo, pola historia. É curioso como a admiración achéganos a esa persona que nos interesa e ao mesmo tempo nos afasta. Sen dubida, sería fabuloso que a seguinte vez lle falaras xa que, o que eu vin nel, foi un home amable, agarimoso e sumamente intelixente. E, por riba, ten un sentido do humor tan delicado que é unha ledicia falar con él.
Eu sempre penso que é moito máis meritorio admirar e valorar ás persoas coas que non estamos cen por cento de acordo. Porque iso deixa ver que as respectamos na sua totalidade. Tamén coas cousas que non nos parecen ou que non nos gusta. Grazas!

Anônimo disse...

Tanto na súa faceta literaria como na política, para min Ferrín é un exemplo de brillantez, de honestidade e de constancia. Un home que nunca foi tratado polo seu país como o que é: un clásico vivo que, de seguro, non merece gañar o Premio Cervantes pero tal vez mereza gañar o Premio Nobel.
Na política non comparto as ideas que defende na Frente Popular Galega, pero estou de acordo con el cando afirma que é unha anormalidade política que un país como o noso so teña tres forzas políticas con representación parlamentaria (PSOE, BNG e PP) cando existen moitas máis ideoloxías, tanto pola dereita como pola esquerda, que non nos sentimos representados por eses partidos tan semellantes entre eles.
Coma sempre, un relato impecábel.

paideleo disse...

Eu non tratei nunca con Ferrín pero recoñezo que di muitas verdades e que é un mestre.
Tiveches sorte de coñecelo anque sexa pouco tempo.

moucho branco disse...

Eu coincidín con el en varias ocasións e é un home de trato correcto e mente esperta. Amigo de polémicas, sen pelos na língua e non sempre consecuente... pero literariamente brillante.

torredebabel disse...

Sen dúbidas concordo plenamente con A Randeeira niso de que "Ferrín é un exemplo de brillantez, de honestidade e de constancia". E sen dúbidas é un clásico vivo, un mestre -coma ben dixo Acedre-, literariamente brillantes -como dixo e eu concordo moucho branco- que, na miña opinión, moi merecidamente tería o Premio Nobel ao que foi proposto. Saliento as palabras de ollador (benvido!!) que penso son as xustas: "Ferrín é. Outros moitos queren ser". A verdade, síntome afortunadísima de ter coñecido ao decano das letras galegas.

Torreira disse...

Ferrín é insobornabelmente Ferrín

Moralla disse...

Ola Torre de Babel!!! alégrome que coñeceras a Ferrín. Eu tiven a ocasión de estar de fronte a el nunha cena de escritores en Santiago de Compostela e a verdade é que é un home que sabe moito da vida e de literatura. Falamos moito de Ourense, pois eu son tamén de alí, contou anécdotas coa súa impresionante oratoria e impresionoume moito a súa compañeira, un encanto de muller. Agardo lagún día acade o Nobel, sería todo un orgullo!!! Un bico para ti, compañeira
Y :-)

Anônimo disse...

ola!

veño aquí saudarte. eu, q non son ferrín, estou moi feliz de terte coñecido a ti nesa cidade marabillosa q é bos aires. foi un auténtico pracer.

grzs por todo. unha aperta.

ro

Marcos Valcárcel López disse...

Moi interesante información, querida Torre de Babel. Co teu permiso usareina como base para a miña "Andoliña" de mañá (que xa che remesarei). Unha aperta,

X disse...

Independentemente doutras valoracións creo que Ferrín é das personaxes públicas máis íntegras.

Mario disse...

O feito mesmo de que se presente con Ánxela Bugallo e declare non ser do seu partido nen do seu presidente é bastante esclarecedor. Ferrín é unha das poucas persoas que soubo entender que neste país hai cousas o suficientemente importantes como para traballar xuntos por elas. Cando está en xogo a nosa supervivencia como pobo ou o valor da nosa cultura debemos aparcar as nosas diferenzas, aínda que sexa brevemente. Bravo por el, aver se outros toman exemplo.

Alberte Momán Noval disse...

para non sobrecargar este apartado de comentarios, fixen algunha precisión aos comentarios de Ferrín no meu blog. se cadra parécenvos de interese.
un saúdo

Anônimo disse...

Ferrín é o máis grande. E o que máis me gustou das súas verbas é ese comentario sobre a concepción liberal de comisións labregas sobre a cota leiteira. Escoitar a Suárez Canal, ademáis, pregar por unha desterritorialización (perdón) da cota parece insólito nun partido nacionalista. Pero á forza, aforcan. E Ferrín, que non se casa con ninguén, ten a valentía, porque pode, de decilo.

Anônimo disse...

Saúdos para todos vós e para todos os irmáns da Arxentina.

ALMIRAL MOUCHEZ

torredebabel disse...

Tes moita razón e fas xustiza, Moralla/Y., en falar de Moncha que é efectivamente unha muller que destaca e brilla coa sua propia luz. E iso, se estamos a falar da compañeira de Ferrín, penso que xa é dar idea da calidade e calidez desa fermosa dama. Gustoume tanto o xogo de palabras de Torreira que quixera adoptalo porque penso que en poucas letras di case todo. E X graciñas por falar da integridade de Ferrín. Nos tempos que corren, iso é decir moito de alguén.

Marcos, sabes ben que sinto unha débeda enorme por todo o que aprendo e coñezo grazas a ti. Calqueira cousa que atopes neste blog e che sexa útil (so pasa iso pola tua xenerosidade e non polo que eu deixo, claro), será só unha pequena maneira de agradecerche.

Para Mario, alberte momán, o usuario anónimo e Almiral Mouchez, benvidos! e moitas grazas polas vosas palabras, comentarios e referencias. Quero engadirme ao dito por Mario e deixar os meus desexos de que moitos fixeran ese xesto de xenerosidade do que el fala.

A ro, especialmente, decirte que foi fabuloso coñecerte, ver o que fixeches, o xeito de facelo e a calidade e o agarimo que deixastedes en todas partes. Dan un orgullo que eu non coñecía antes xentes que traballan dun xeito tan profesional, sen histerias senón con respecto, rigor e coidado. Ogallá a vida, o traballo, o simplemente un avión che traian de novo por aca. Para min, sería estupendo!!

Mrs.Doyle disse...

Ferrín é o mellor escritor da literatura galega actual, polo menos dos coñecidos.

Ferrín é admirado internacionalmente por moitos intelectuais e eruditos, chegou, incluso a ser proposto para o premio Nobel, pero Ferrín non é políticamente correcto e por eso tratan de boicotealo na Galiza. Pero, é tan xenial, que sobrevive...

Marcos Valcárcel López disse...

ANDOLIÑA 1 novembro (Galicia Hoxe)
Méndez Ferrín en América
MARCOS VALCÁRCEL
Hai que felicitar a Consellería de Cultura da Xunta por convidar a Méndez Ferrín en embaixada cultural a Arxentina e Uruguai. Sabemos desa visita pola extenso comentario que da mesma fai ‘Torre de Babel’ no seu blog Fíos Invisibles. E sabemos así que a voz de Ferrín se escoitou en América, contundente, e aló falou de política, de lingua e de literatura. Enérxico, como adoita, na súa posición política: “Eu non podía darlle a man a Fraga Iribarne porque era unha man manchada de sangue”. Reclamou a presenza doutra esquerda no Parlamento galego, para que a oposición ó bipartito non sexa só de dereitas (onte mesmo laiábame eu da escasa pluralidade ideolóxica do noso Parlamento ó carón do vasco ou do catalán).
Falou de lingua: desmontou a falacia do mal chamado “bilingüismo harmónico” e cunha soa frase guindou polo chan as queixas dalgúns escritores nacidos en Galicia que optaron polo castelán: “Hai que escoller na vida. Non se pode ir na procesión e ser o Cristo, e ser o santo, e ser o cura...”. E de literatura: houbo gabanzas para Chus Pato e para Manolo Rivas e para a poesía feminina de hoxe. Como se escribía onte nos foros de internet, Ferrín: insubornable.l

Anônimo disse...

Foi toda unha honra compartir ese momento con el. Eu nunca tiven o pracer de poder escoitalo en directo, se cadra, chegará o día...

Unha aperta grande guapa.
;)

Suso Lista disse...

Hoxe mismo penso leer o texto integro no meu programa de Radio Roncudo (a Radio Libre da Costa da Morte) . Eu si que son mais das ideas del ca das de Anxela Bugallo, e sintome honrado de que sea Galego. Espero que o pai da discriminada lle faga un dia unha entrevista pra esa radio de extrema dereita pra que traballa, pero penso que Ferrín, vai pasar bastante del.

Anônimo disse...

O feito de que Ferrín volva a Bos Aires da man das novas autoridades é unha alegría para todos. Fala da normalidade de país que imos construíndo. Agora, que o que sexa bo para o disidente famoso, sexa para todos.
¿Foron el e a Anxela a casa de Rosa? ¿Solucionouse o tema?
Non vexo claro o da Adán. Non sei se será a vía ou se é mellor traballar con máis silencio e discreción para acadar a igualdade.
Un pano "queremos poder" non me parece estético, máis ben paréceme patético nese país de panos cheos de dor como as da praza de Maio.
Saúde

Anônimo disse...

Está bastante ben orquestado todo o coro que se arma arredor de Ferrín, escritor contrastado, pero... non sei por qué sempre lamenta el a mala sorte dos dictadores (seica de esquerda): Stalin, Fidel, Gadafi, Chavez... ¿Que nos tería preparado ós galegos caso de presidir el este noso país? Oe, ¿e que será do anónimo espía entre o centeo que desapareceu porque un blogueiro logrou identificalo coas iniciais XANC?

torredebabel disse...

Grazas a todos! a Mrs.Doyle polo fermoso perfil de Ferrín. E grazas sempre a Marcos Valcárcel, tamén pola Andoliña de hoxe tan ecuánime, tan precisa e tan elegante. Marinha, chegará ese día e moitos outros que a vida é longa e xenerosa. Suso grazas! por tomar o texto pero penso que sería mellor que o corrixiras e lle deras unha escrita mellor, que xa todos saben dos meus limites co galego.
Para Etxeokeai Fernández, quixera contarlle que efectivamente a concelleira visitou a casa de Rosa Puente. Falaron bastante con ela (ainda que non coñezo os detalles) sobre as posibilidades de revalorizar as cousas marabillosas que ela ten e o xeito adecuado de axudala no que necesita. A filla do señor Puente pidiu unha proposta por escrito con todo o falado para tomar unha decisión. Imaxino que sen que pase moito tempo a sua situación atopará unha solución xa que agora hai tratativas concretas, propostas concretas, persoas responsables. Ainda que sempre será mellor esperar e ver...

Anônimo disse...

supoño que é duro para os disidentes, alábaselles a súa postura, pero a gracia está en que ningunha destas maniobras está orquestada, senón que xurden espontaneamente. claro que o ferro é unha persoa coas súas luces e sombras, como todo o mundo, pero comparalo con stalin paréceme sacar os pés do testo, e pensar en que sería de nós se ferrín gobernase é como pensar que pasaría si los niños mandasen en la tierra, é tan improbable que pase algún día que non paga a pena sequera pensalo. de calquera xeito, algo mellor que se vargas llosa mandase no perú, ou juaristi no pais basco, seguro.

Anônimo disse...

Unha cabeza tan ben amoblada como a de Mendez Ferrin é un luxo que queda reflectido neste traballo, sen pretender descubrilo agora, resulta un pracer encontrar o seu pensamento tan ben ordenado e expresado nun espazo tan curto.
Parabéns.

paideleo disse...

Graciñas polas apertas que nunca sobran.
Rematou o mal momento con boa fortuna.

Xosé Manuel Carreira disse...

As veces Ferrín di as verdades que outros calan e ás veces Ferrín é "el perro del hortelano". Non sei canto hai do un do outro nesta declaración.

Anônimo disse...

Aínda se me quedaron no bandullo as lamentación do Ferrín pola mala prensa do porco-asasino-pederasta Mao, polas 'inxustizas' contra o xenocida Milosevich, e agora andará moi apesadumbrado polas críticas ao rexime de Corea do norte e o seu mequetrefe presidente. En fin..., para que seguir?

Anônimo disse...

Eu coido que ese discurso do Ferrín no Tortoni é dun simplismo nauseabundo. ¡Vaia imaxe que deixa do noso país! Efectivamente está ancián. Vaia por deus, digo polo diaño.

Anônimo disse...

Chapó, Ferrín.

torredebabel disse...

Grazas polos vosos comentarios, a todos. SZ tes moita razón: Mendez Ferrin é un luxo e deixou ben en alto o nome de Galiza nesta visita a Bos Aires.

Da sibeira e do cuarto disse...

Moitas gracias torredebabel por esta marabillosa crónica da estancia de Ferrín en Bos Aires. Sempre é de agradecer saber de primeira man que é o que di este grande da cultura galega que ten ademais a grande visrtude de non calarlle a ninguén. Parabéns para Ferrín e para torredebabel.

torredebabel disse...

Grazas Suso! moito pulo dan as tuas palabras e as visitas que fas tan xenerosamente a este recuncho.