29 de abr. de 2007

Rivas en Bos Aires

"Gustaríame definirme como un escritor vivíparo, como dicía Unamuno", dixo Manuel Rivas en Bos Aires. Quen comezou sendo xornalista, quen coñece o oficio de preguntarlle ás xentes e á realidade, vai afacéndose a este asunto de responder. Así, diante de calquera pregunta ou tema, hainos que destecen ideas moitas veces remoidas e mastigadas, moitas veces enunciadas e non menos publicadas. Dende logo, as xentes non temos tantas cousas para decir. Pero hai quen comete respostas e hai quen -sen traizoar o que pensa- tece un discurso, responde, di algo.

"Gustaríame definirme como un escritor vivíparo, como dicía Unamuno", dixo Manuel Rivas en Bos Aires. E ten toda a razón. Nel non hai adestramento ningún. Feitas as preguntas, o autor de Que me queres amor? e O lapis do carpinteiro toma o tempo de pensar e un, alí diante, vai vendo como se xesta a resposta. No comezo son algunhas verbas, unha ou dúas frases. Logo, unha idea que vai medrando. A modiño, sen presas, co virtuosismo dos artesáns di o que quere decir. E di moito máis ainda.

Manuel Rivas estivo até esta fin de semana na cidade de Bos Aires. Chegou -por segunda vez na súa vida e logo de moitos anos- á Arxentina para presentar na 33a Feira do Libro a versión castelá da súa última novela Os libros arden mal. Foi atento coas xentes que -en todos os sitios aos que foi- se achegaron a el para contarlle a súa historia de emigrantes e penas. Historias todas irmás e todas diferentes. Historias que escoitou. Algo nada común para eses homes e mulleres feridos polo afastamento. Foi agarimoso e cordial en cada unha das ducias e ducias de sinaturas que deixou nos libros pero tamén papeliños, folliñas, tarxetas e calquera soporte. Non anotaba alí: "Para Fulano, agarimosamente, Manuel Rivas". Non. Facía debuxos cunha pluma de tinta cor azul, debuxaba mapas, vieiros, camiños de vagalumes. Coido que foi xentil ainda cando non tiña por qué selo.

Déixovos co que dixo, que é o realmente importante e que podedes atopar aquí. E deixo tamén unha historia. Rivas paseou polo esquecido e case abandoado Museo da Emigración. Puido ser crítico dese desinterés do Estado arxentino pola memoria dos emigrantes. Sen embargo, diante dunhas 250 persoas dixo que lle gustara ese estado do museo porque nel víanse ainda as pegadas dos homes e mulleres que baixaban dos barcos coas maletas e baúles. Gustoulle o sitio porque escoitaba ainda as voces falando mil linguas. Porque -dixo- ainda neste presente se poden ouvir os barcos chegar. Con vós, Manuel Rivas.


"Hoxe en día, penso que se está a dar un proceso interesante -non so na emigración senón na Galicia territorial- que é repensar a cuestión da diáspora, superar un pouco esa idea de dous mundos afastados, que só en ocasións se reencontran, para momentos ben de festas, ben de eleccións.

Penso que hai que repensar o país no seu conxunto e pensar que o que chamamos un país e unha cultura non ten por que ter unha situación xeográfica necesariamente, senón que é unha existencia que está máis ben acompañando ás persoas onde sexa que estean. Iso que poderiamos chamar o país portátil.

Ás veces, por exemplo agora que hai unha certa polémica (eses comentarios que sempre volven cando hai eleccións sobre a
participación da diáspora), eu sinalaría que hai máis descoñecemento da Galicia territorial, metropolitana, ou como lle chamemos respecto da emigración, que ao revés.


Penso que hai iniciativas que se están a mover na rede (máis rechamante e interesante en xeracións de netos e de emigrantes) que non só se dá en América, senón en Europa e no propio Estado Español. E son experiencias que mesmo poden ser modélicas, exemplares para a propia Galicia, onde hai tantísimo por facer. En fin, penso, dende logo, que o que hai que facer na eira dos dereitos é ensanchala e ampliala, nunca pensar en reducilos, porque sempre hai xente que está matinando en como reducir dereitos.


O que hai que conseguir é, en definitiva, que Galicia exista como rede, como esa aldea global que imaxinou Marshall Mc Luhan e que nós fixemos en carne e óso. Ademais, a achega que pode facer a diáspora é esencial porque temos alí -formando parte da propia cultura galega- unas antenas que nos permiten recibir simultaneamente, dunha maneira natural, dunha forma ademais simbiótica e fecundante, moitísima información do que está pasando no mundo. É dicir, temos o xeito de tecermos unha rede propia. Iso, se tivesemos que inventalo, sería imposible. Por iso, dunha vez hai que pensar en romper certos nichos mentais e pensar que o mapa de Galicia é o mapamundi.

O mundo vai moi rápido en moitas cuestións e os que levamos un paso de tartaruga somos nós. Igual pasa na cuestión ecolóxica, por exemplo. Hoxe, hai moita mellor disposición dos posibles activistas o usuarios desa Galicia global, que despois non se corresponde coas institucións porque elas seguen tendo un pouco a mentalidade anacrónica: Galicia está en Galicia, o goberno galego está en Galicia e despois hai un mundo de ultramar co que episodicamente -para comunicarse- hai que montar unha comitiva, chegar alí e tal. E xa non é cuestión de comunicarse senón que tiñamos que estar alí, había que constituírse como rede e formar parte, por dicilo así, do mesmo portal.

Eu penso que cando escribes non podes ter unha estratexia mediática de cal vai ser a reacción porque as medidas que rexen a literatura penso que teñen que ser diferentes. Gustaríame definirme como un escritor vivíparo, como dicía Unamuno. Son vivíparo porque noto que as cousas medran no meu interior, hai un proceso relacionado co oficio de escribir que tamén está moi vencellado ao oficio de vivir.

A memoria -tal como a entendo eu- non é unha viaxe cara atrás, senón se escribe viaxando por determinadas épocas, e sempre dende a perspectiva dun presente, que ten conexións coa propia vida, co que somos, coas cousas que doen, que preocupan, que fan gozar tamén. Ese espazo vai enchendo ocos, é unha loita contra o baleiro e a estratexia da memoria é unha estratexia que mira cada adiante. A memoria subministra unha enerxía alternativa que fai avanzar, ir cara adiante.


Mais que nunca, eses poderes (que ás veces móvense no segredismo, ou que teñen formas que se aproximan aos estados de excepción) son cada vez mais conscientes de que o decisivo é o control das mentes. Mesmo para o consumo.

O que ocorre co fume das fogueiras, que é un fume pegañento que non se quere esvaer no ar, é que hai algúns que pensan que ese fume é pasaxeiro e que o que vai suceder é que limitará a súa influencia ao espazo do público, ás prazas (o que sería a toma das institucións do poder político e económico). Pensan que alí quedará e que a eles van deixalos tranquilos, que non os vai afectar. Pero o que sucede co fume, a metáfora que atravesa todo o libro, é que o seguinte paso dese fume é penetrar no espazo privado, nas casas, para finalmente penetrar en nós: vai meterse a través dos ollos, dos sentidos, do nariz, vai ocupar as mentes, que é o que ambiciona finalmente o poder totalitario: poder dominar todo o noso tempo, facerse con el, privatizalo todo, e tamén a liberdade persoal. Nesas estamos..."

((Fotos: xornais Clarin e Página/12 e axencia Telam))

20 comentários:

SurOeste disse...

Con esa mirada que ten, só se pode ser bon rapaz.

Anônimo disse...

Gustoume oir a túa voz o outro día no Diario Cultural da RG. Foi unha agradable sorpresa :-)

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Magnífico Rivas, Magnífico Post e magnífica ti, amiga torredebabel que estás nos bos aires.

Torreira disse...

Unha das miñas debilidades e Mr Rivas

Ra disse...

Todo un lujo, Débora.
Bico

R.R. disse...

Boísimo (todo, como di arumes)

Mario disse...

Si señor, eu estou pensando que nas conferencias de por aquí case nunca se din cousas tan interesantes e tan seguidas. Que lles dades?

Moralla disse...

OLa Débora
Rematei agora mismiño de ler todo, o post fabuloso, Babeliña, NORABOA, e as tres entrevistas apoteósicas. Rivas di moitas verdades, e puiden saborear tanto as intelixentes preguntas como as respostas, pois rematei hai unhas semanas o libro (hai capítulos que ás veces aínda releo). Na de A. Berlanga encantoume a resposta de porque o autor privilexia a oralidade, tamén cando fala de que Galiza non é só saudade, senón tamén paixón (hai que rematar co sempre fodido mito da morriña - un paso adiante, un paso atrás - ), cando fala de que a literatura non é competir (até o capitalismo afecta, irónicamente, nos que se supón que son intelectuais da loita contra este demo aberrante!), pero como di Rivas, eses núcleos da cultura son tamén responsables de barbaries. Gustoume a anécdota do camareiro, cando di que escribir é sentir que os libros golpean sobre ti, que a memoria enche o baleiro. De María Luján, destaco a palabra e o silencio como forma de defensa. Hai varios fragmentos moi bos no libro que falan de distintos tipos de silencio, cando fala de Olinda e a fábrica de mixtos e hai máis.Eu ata chorei nalgúns! os libros son conxursos contra a morte. falar moito e deixar de falar como escudo ou como estratexia para vencer o medo. E de ti Débora encantoume todo, e sobre todo, cando di que hai que romper nichos mentais, o mapa de Galiza non é un mapamundi. A túa
pregunta, así como a resposta (cantas veces reflexionei sobre isto!) de xeitos actuais de como "queimar libros", exultantes. parabéns aos 4
Bicos e grazas por contribuír á nosa cultura deste xeito!
Perdón polo rollo, pero saiume das entrañas
Yoli

Marcos Valcárcel López disse...

Excelente crónica, Fíos, e excelente entrevista a que lle fixeches a Rivas para Vieiros. E todo un agasallo colgar tamén as súas palabras: o autor de "Os libros arden mal" nunca defrauda. Agardo que Rivas che fixera unha dedicatoria ben agarimosa e ben debuxadiña, tal como ti mereces.

TXARI disse...

coincido c´o rivas, hai que repensar que quizais nom somos um país senón um povo, como os xudeos, e creo que nom rematan ahí os paralelismos...noraboa.

Clara Flor disse...

Maravillosa entrevista e ti que lle das ese acento galaicoarxentino e intimo. Ambas temos claro o do mapamundi, verdade?. Porque a diâspora galega merece conferencias e visiôns asi e non paternalistas nen oportunistas.Ate que non asumamos a nosa globalidade, seguiremos vagando. Bicos dende otra cidade con b.

Anônimo disse...

Xenial.

Creo que el capta como pucos a alma galega nas súas letras...

Mrs. Doyle

Anônimo disse...

Perdón por esta precisión: capta como poucos todas as almas galegas, polo menos tantas coma persoas poden presumir de ter algo que ver con Galicia e como máximo as multiplicacións que cada un pode ter de almas no seu seo. Sen contarmos as almas agochadas nos animais, nas plantas ou no balón do Diligent.

moucho branco disse...

Teño a novela na parrilla de saída (mesilla de noite, vaia) como sucesora da miña actual leitura... a ver que tal. :)

Veloso disse...

Confésoche que "Os libros arden mal" me está a dar traballo. É un texto denso, ás veces difícil. O autor tenta manter o equilibrio nunha loita que a miúdo conduce ao fracaso: por un lado, a literatura de Rivas, sempre poderosa; por outro, o seu compromiso coa memoria e coa xente. Non sempre os bos sentimentos fan boa literatura. Por iso é dobremente meritorio o esforzo de Manuel Rivas e a grandeza de moitas das súas páxinas.
Graciñas, Torredebabel, unha vez máis, polo teu traballo e o teu compromiso. Supoño que verías na prensa que estes días hai un debate sobre a conveniencia de que os descendentes de galegos voten dende a diáspora. Se todos fosen coma ti -dentro e fóra- non habería debate. Unha aperta.

Anônimo disse...

A min chamoume moito a atención do libro, ninguén fala disto, a delicadeza, intuición, sabiduría e sensibilidade coa que trata a figura da MULLER. Como poucos.
Noraboa novamente. Súmome á homenaxe que SELVA DE ESMELLE (amazonas XENEROSA) fíxoche, TORREDEBABEL, no seu blog. Grazas sempre polos teus marabillosos posts. Bicos.
Moralla

FraVernero disse...

Vaua, o... cousa é mencionar ao demo, e velaí aparece...

Xa vexo que O'Rivas anda deixando a pacer a língua pola emigración. De seguro que o ven máis do que nós...

Anônimo disse...

joder, quén me dera chegar así ós cincuenta. iso si, hai anos que non lle leo un libro. quedei un pouco atorada de tanto que abusei das súas lecturas. daquela eu era adolescente e nas librerías metíancho polos ollos coma se non houbera máis autores. logo desligueime e coñecín a outros moitos que moitas veces nin sequera acaban nos andeis das librerías. pero ghuapo sigue a estar un bo cacho, si señor.

Anônimo disse...

Alégrome moito de ter dado con este acolledor lugar que tratarei de frecuentar en adiante. Saúdos

Anônimo disse...

Aquí, una entrevista más a Rivas en La Nación del 5-5-7
http://lanacion.com.ar/EdicionImpresa/cultura/nota.asp?nota_id=905885&pid=2488541&toi=5273