28 de mai de 2007

Gerónima

Gerónima López Diz, viuva de Vázquez
Nigueiroá 8-8-1916 -- Bos Aires 28-5-2007

Pídovos unha lembranza bonita para a miña avóa que marchou nesta mañá xélida e gris, unha oración para os que tendes o refuxio dun máis alá, e a compaña dos que -sobre todo dende a diáspora- entendedes a dimensión desta enorme dor, desta inmensa soidade.

16 de mai de 2007

De letras e de días

Parabens no Día das Letras para cada un de vós! Parabens nesta festa da palabra en galego! Parabens para os que empregan o galego para comunicarse, para traballar, para contar un conto aos fillos. Parabens, para os que bican en galego. Para os que berran en galego. Tamén para os que soñan en galego. E, a propósito,
por qué falades en galego?




Linguas cruzadas - María Yañez e Mónica Ares - 1.08 minutos

10 de mai de 2007

Zume de limóns

Di a miña avoa Xerónima que o terror que sinte no corpo ao estoupar cada lóstrego os días de tormenta venlle dende aquela tarde na que viu como un lategazo de luz deixou sen vida, alí mesmo e inmediatamente, a un seu veciño. O alustro matou ao home e condenou á miña avóa a unha extraña penitencia: en cada trono, en cada día de treboada, ela recupera unha e mil veces esa morte, ese reflexo luminoso asasino que volve cobrar no presente a vida do home aquel, mentres un medo irracional e todopoderoso baleiralle o entendemento.

Fai algúns días, unha impensada tormenta pechou o ceo da tarde e pintou de cor negra o serán de Bos Aires. A desfeita climática, moi esmeradamente tecida polo cambio climático, atopou desprevenidos aos bonaerenses. En poucos minutos milleiros deles quedaron atrapados pola inundacion, paralizados polo caos de coches e buses, e martirizados pola rabia dun bombardeo de lóstregos que imprimiu medo até no rostro do máis valente. Nese mesmo momento, miña avóa Xerónima tivo un infarto. O segundo. Nun corazón de 90 anos.

Ela non se decatou. Está afeita e non queixarse, a aturalo todo. O que decía Castelao. Xa sabedes. Dous días infartada sen decir nada. Chamáronme o sábado pola mañá. Estaba eu na universidade dando clase mentres ela estaba en estado crítico no mellor centro cardiolóxico do país.

É posible cunha muller de 34 anos coma min, nai por riba, deba de estar afeita á morte da xente maior. Pero os avós son unha peza clave na vida dos que somos galegos ectópicos*. No meu caso, a miña avóa Xerónima é a miña memoria galega.

Non só pola prodixiosa capacidade de lembralo todo (moitas veces penso nela como a versión femenina do Funes, el memorioso, de Borges), senón porque non teño aquí pegadas da miña historia galega. O que son, o que foron e ainda son os meus, a longa cadea na que eu son apenas unha peza mais, vive na memoria da miña avóa e o dia que ela falte, pois quedarei perdida, illada. Non teño rúas, recantos, casas e falas... todo quedou alá.

Fun onda ela. Tiña oxixeno, un novelo de cables e tubos que lle entraban e saían do corpo e case non podía falar. Un momento antes, quitáranlle os aparellos de medición e todo o que tiña porque, decían os médicos, que non valían xa para nada. Era cousa de agardar o momento do pasamento. Nese estado, achegueime para bicala e díxome case sen voz: "Non hei morrer. Non ainda. Teño limóns na casa e quería facer con eles un zume, que non quero que se perdan".

Non morreu, non. Para sorpresa dos médicos e de todos, recuperouse algo. O corazón quedou moi mal, fraxil, ela toda é coma un cristaliño finiño e feble. Pero miña avóa Xerónima está afeita a cumprir o que promete. O dos galegos na diáspora coma un pobo honesto. Xa sabedes.


* A frase débolla a Antonio Pérez-Prado, o autor de Los gallegos y Buenos Aires, que lla dixo ao historiador Ruy Farías cando este lle preguntou qué era el: ¿arxentino? ¿galego? ¿galaicoarxentino? e Pérez-Prado contestou: "Son un galego ectópico, un galego criado fóra do útero de Galicia".

4 de mai de 2007

Eu por Proust

É Larvos quen trae un desafío ben interesante ao blogomillo: o cuestionario Proust. Mergullando algo pola rede, atopo un pouco de historia sobre este test que se fixo famoso por ser aplicado case a todos os escritores. En verdade e ainda que leve o seu nome, non foi Marcel Proust quen o inventou senón que foi, coma tantos logo, entrevistado con estas preguntas. Moitos coinciden en que o autor d´Á busca do tempo perdido deulle resposta dúas veces na súa vida. No que hai discordancias é nas datas. Hai quen di que na primeira desas veces eran 24 preguntas que Proust percorreu no ano 1886. Na segunda, do ano 1891, xa eran 30. Outros informan que, segundo o libro de André Maurois Proust: Retrato dun xenio, a primeira vez que o escritor francés se enfrontou ao cuestionario foi aos 13 anos (1884) e a segunda sete anos logo (1891).
Sen embargo, nese lustro ou sete anos, nada mudou na vida de Proust xa que o que contou foi o mesmo. Algunhas das respostas do autor son curiosas. Á pegunta cál é, para vostede, a máxima pena? respondeu: "Ficar lonxe da miña nai". Sobre cál é o seu personaxe histórico favorito, Proust dixo: "Unha mestura entre Sócrates, Pericles, Mahoma, Musset, Plinio el joven, y Agustín Thierry". Á pregunta pola calidade que desexaría nun home, o autor respondeu: "Os encantos femininos". E sobre a característica do seu carácter, sinalou: "A necesidade de que me amen e, para detallar, a necesidade de que me acariñen e consintan moito, mais ca necesidade de que me admiren".

Se quixeran facelo, gustaríame moito coñecer as respostas de Marcos Valcarcel, Veloso, moralla, SurOeste, A Raíña Vermella, Rifo I de Zeuquirne, Mario, FraVernero, e Homesdepredraenbarcosdepau. Bueno, se cadra tiña que escoller menos, pero a verdade é que quixera moito ler as súas intelixentes ideas.

As miñas respostas ao cuestionario Proust:

O principal rasgo do meu carácter?
Diría a miña psicóloga que pensar pouco en min e moito nos outros. Diría a miña nai que pensar moito no que eu quero e pouco no que ela quere. Diría eu que algo das dúas cousas.

A calidade que prefiro nun home?
A intelixencia e os ollos que deixan ver a alma. Prefiro os homes que teñen a audacia de saberse persoas sensibles.

A calidade que desexo nunha muller?
Pois non desexo mulleres no sentido erótico, ainda que hai moitas de indubidable seducción. O mellor que temos as mulleres é iso mesmo: ser mulleres. Gústame a valentía das mulleres, conmóvenme as maneiras da xenerosidade feminina, son admiradora da fermosura que saben locir as mulleres maiores, cheas de enrugas, cheas de vida.

O que máis aprecio nos meus amigos?
Que sexan. Que estean. Que saiban. Que falen cando quixera que calaran e os seus silencios cando as verbas sobran.

O meu principal defecto?
Teño defectos sen xerarquías, todos eles son protagonistas ou actores de reparto, segundo o caso. No traballo, non son quen de decir que non (e debería!) e na casa digoo máis do necesario. Como tan fermosamente dí a poeta María do Cebreiro: "¿de que María lles falo? da que fala (demasiado), da que cala (demasiado pouco)? Despois de todo, ¿quen somos nós para falar de nós?".

A miña ocupación preferida?
Teño tres: escoitar como Angel lee contos de Aberlardo Castillo; ollar ao meu fillo, so ollalo, sen que se decate diso, ollalo; leer.

O meu soño de dicha?
Chegar a vella, coa xente que mais amo. Non perder a memoria. Atopar un custodio para deixarlle a historia dos meus.

Cal sería a miña maior desgraza?
Moitas. Non as anoto por non chamalas.

Que quixera ser?
O que son pero moito mellor do que son.

Onde desexaría vivir?
Onde fora que estean o meu home e o meu fillo. Como dixo Afonso Monxardín fai algún tempo, a miña patria son eles.

A cor que prefiro?
Todas. E xuntas. Gústame a polifonía das cores e as distintas sensacións que espertan na alma e no corpo dos homes e das mulleres.

A flor que prefiro?
A gardenia. Sinto poderosa esa mestura da cor branca e o cheiro doce e forte. As gardenias sempre serán o perfume do Nadal. Unha fermosa viaxe a tempos pretéritos. Unha fermosa experiencia presente.

O paxaro que prefiro?
O colibrí. A súa rapidez. As cores imprecisas e brillantes. A fraxilidade do tamaño contra o vertixe das as que non paran, non paran, non paran...

Os meus autores preferidos en prosa?
Jorge Luis Borges. Julio Cortazar. Manuel Puig. Gabriel García Márquez. Rodolfo Walsh. Aberlardo Castillo (estou chegando a el agora). Na literatura galega levo pouco tempo de lectora e non teño mais remedio que ler o que chega (que só é o mais famoso): Xosé Luis Méndez Ferrín, Víctor F. Freixanes, Manuel Rivas, Suso de Toro, Ma. Xosé Queizán, Rafael Dieste, o inmenso Castelao. E sobre todo, Eduardo Blanco Amor. E os que esquezo neste momento...

Os meus poetas preferidos?
Borges. Lorca. Rosalía. Miguel Hernández. Borges. Gelman. Pizarnik (non lin moito pero é perturbadora e fermosa). Borges. Gabriela Mistral. Alfonsina. Borges. María do Cebreiro (a quen descubrin estas semanas pola súa visita a Bos Aires nun libro dela que me trouxo Eduardo Estevez fai tempo). Borges. María Mariño (tamén a estou a descubrir). E Borges...

Os meus heroes de ficción?
Os meus pais.

As miñas heroínas de ficción?
Prefiro os heroes reais. Coñezo moitos e todos anónimos.

Os meus compositores preferidos?
Os ballets de Pyotr Ilyich Tchaikovsky. Caetano Veloso. Astor Piazzolla.

Os meus pintores predilectos?
Xul Solar. Berni. Seoane. Dalí e Picasso.

Os meus heroes da vida real?
O meu fillo que saiu desa incubadora na que o tiñan atrapado con tubos e cables. O meu avó Xoaquín que nunca tivo xenreira á unha nai que moito lla merecía. A miña avóa Xerónima que agonizante, fai poucos días, me dixo: "Non hei morrer. Non ainda. Teño limóns na casa e quería facer con eles un zume, que non quero que se perdan".

As miñas heroínas históricas?
Non creo nos heroes que construe a historia. Sempre son interesados, modélicos, inofensivos e sometedores.

Os meus nomes favoritos?
Os da xente que mais quero porque os nomes, baleiros de persoas, non son nada. Grisel e Gonzalo, Angel e Santiago, Luca, Xoaquín, Xerónima. E Rosalía.

Que detesto máis que nada?
A incoherencia de decir unha cousa e facer outra.

Que caracteres históricos desprezo máis?
A inxenuidade de contar unha historia coa certeza de que é verdadeira cando, claro, non é mais cunha historia.

Que feito militar admiro máis?
Son biolóxicamente incapaz de admirar ningún feito militar. Admiro a paz e niso os militares nunca teñen que ver.

Que reforma admiro máis?
A que está facendo Ana na diáspora. Un traballo de formiga. Sen recursos, nin equipos. Sen pedir votos. Sementando dignidade. Admiro que entendera tanto e tan ben a tanta xente espallada polo mundo.

Que dons naturais quixeras ter?
O do silencio.

Como me gustaría morrer?
Bueno, non o sei. E como tampouco mo tomarán en conta...

Estado presente do meu espírito?
Mellor do esperable. Pior do que semella...

Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Eses que demostran que somos humáns, ainda cando máis queremos disimulalo.

O meu lema?
Non teño ningún pero prometo buscar un para a vindeira vez...