24 de mar. de 2008

Bernasconi: Debuxos alende e aquende

O Prestige. A emigración. Os galegos na diáspora. O ilustrador arxentino Pablo Bernasconi puxo formas e cores a eses asuntos nosos que -máis e con maior elocuencia- falan do que somos. Fíxoo na prensa galega e tamén na prensa arxentina. E faino na prensa mundial: La Nación (Costa Rica); The Asian Wall Street Journal (Japón); The New York Times (Estados Unidos) y The Times (Inglaterra); nas revistas Rolling Stone, Nueva, Latido, Insider, PC Users, e traballa para organismos y empresas (Correo Argentino, MTV, Secretaría de Turismo, Gobierno de la Ciudad de Buenos Aires, Abuelas de Plaza de Mayo) e editoriais (Planeta, Santillana, Longseller, Sudamericana, Alfaguara e outras). Ademáis, é autor dunha chea de libros para nenos e agora publica Retratos, o seu primeiro traballo para adultos. Unha entrevista con este deseñador gráfico que, dende o sur do mundo, debuxa a realidade galega (e a de moitos outros países).


Cando foi que comezou a pensar no debuxo como unha profesión?
Cando elixín Deseño Gráfico como carreira, non imaxinaba que ía terminar sendo ilustrador, ata traballei varios anos como deseñador, pero as cousas da pouco foron dirixíndose, (ou fun dirixindo) ata o que fago hoxe. O que é importante é aclarar que eu non me considero un gran debuxante, senón un ilustrador, que é diferente. O que facemos é plasmar, gráficamente, e polo medio que sexa, ideas, conceptos, solucións gráficas.

Como chegou ao xornal La Voz de Galicia?
Foi a raíz dos premios que gañei na SND, polo xornal Clarín. Contactáronse comigo por unha nota en particular, e logo comecei a ilustrar cada vez máis seguido. Pero xustamente, a eles servíalles nese momento o meu xeito de resolver certos problemas gráficos. Depende moito tamén de quen estea a cargo do departamento de Arte, xeralmente cando os directores cambian, tamén cambia o staff de ilustradores ou se traslada cara a outra tendencia. E eu véxoo ben, é esencial ter clara a dirección, calquera sexa, consolidala, nutrila de expoñentes tanto xornalísticos como visuais. O director de arte, se fai ben o seu traballo, é quen concientemente decide isto.


Que sabía de Galicia cando ese vínculo comezou?
Non demasiado, o que se sabe en xeral dun país que non é o dun. Da pouco fun coñecendo cousas, figuras, personaxes, códigos, elementos que necesitaba para compartir unha relación cos lectores, para volver máis eficaces os meus discusos visuais. Traballo para moitos diarios ao redor do mundo, para moitos países, e trato de utilizar unha paleta de códigos que lle sexa familiar ao lector específico. Trato de mergullar no seu folclore, para aproveitar cada recurso metafórico.

Ilustrou tanto asuntos propios (como o Prestige) como temas que implicaban aos arxentinos (e indirectamente aos galegos) como a crise ou o exilio. Que características do teu traballo ou da súa mirada pensa que valoran os lectores de Galicia?
Supoño que achego certo aire, ou visión que parte naturalmente dunha orixe, un síntoma folclórico, ese estilo cambalache que nos fai tan particulares aos arxentinos. Isto vese por exemplo no libro O Diario do Capitán Arsenio, moverse cara adiante se importar o obstáculo ou os impedimentos, rexurdir da catástrofe, sobreporse ao fracaso, etc. Teño doutra banda, unha carga de acidez e humor bastante particular, que traslado aos meus traballos, en maiores ou menores doses. Involuntariamente isto transformouse no meu estilo, nunha especie de marca polos que os lectores recoñécenme.


Recebiu catro premios á excelencia na SND (Society of Newspaper Design) por ilustracións en Clarín e La Voz de Galicia. Cales foron eses traballos?
Foron varios traballos, de diferentes épocas, recordo algúns, como unha tapa que fixen para a Voz sobre o terrorismo, unha semana despois do atentado en Atocha. Outra sobre o xenial xornalista polaco Ryzszard Kapuzcinsky nun aniversario da súa morte. Outras para Clarín sobre filmar na Arxentina con dous pesos, paixón pola música, e o medo á escola. Xeralmente estes premios, fan fincapé no contexto en que foi publicada a ilustración, ou sexa, de que xeito respondeu o artista ante o requisito da nota, do texto. É moi interesante observar unha vez que sae o libro, as diferenzas de estilo e opinión que xeran unha mesma noticia. Unha vez máis, o perfil editorial define claramente as posicións, apoiado por un grupo de profesionais.


Como foi construíndo a súa linguaxe gráfica?
Sempre tiven preferencias estéticas, pintores que admiraba, deseñadores que me incentivaban. Pero o que fago, o collage, é o mellor xeito que atopei para conceptualizar ideas, para desenvolver e construír metáforas. De todos os xeitos, non foi algo que xurdiu de súpeto, senón que se foi depurando e mellorando co tempo. Gústame por exemplo Roman Cieslewicz, e a maioría da escola do afiche polaco. Gústame Raplh Steadman, Brad Holland, Joe Sorren, Calef Brown, xente que se preocupa en xeral por dicir algo, por afondar, máis aló do recurso estético, na mensaxe.


Como traballa o nacemento de cada debuxo?
Bosquexo moito, non tanto para obter resultados sintácticos, senón semánticos. Dedico un 70% do tempo de cada ilustración, ao desenvolvemento da idea. Xeralmente unha vez que teño pechado o concepto, podo prever, visualizar, como vai ser o resultado plástico da ilustración. O mecanismo estético entón, é no meu traballo máis previsible que a elaboración da idea, que presenta sempre un desafío novo.


Canta presenza teñen os ordenadores nos seus debuxos?
Penso a computadora como unha ferramenta máis, que axiliza os tempos, que optimiza os resultados, pero que non garante nada máis. Sen dúbida non é máis imprescindible que un lapis. Nas miñas ilustracións, utilizo a computadora como un elemento para terminar mellor certos detalles e aspectos, para pechar e solucionar problemas de escala, cor, textura. Pero tamén traballo moito con outros elementos (tinta, óleo, fotografías, obxectos reais, papeis, recortes) en paralelo. Estou convencido que o que debe preceder ao como, que debemos ter en claro o obxectivo conceptual antes de preocuparnos polos elementos plásticos que o xeren. Xustamente, sae agora o meu primeiro libro para adultos, Retratos onde profundo este tema, unha especie de
ensaio de técnicas diversas, axuntadas por un mesmo punto en común: a retórica.


Na súa traxectoria é notoria a presenza de ilustracións para libros infantís. Por que cres que os nenos conectan con eses personaxes?
O que podo intuír é que os nenos son realmente moi detallistas. Buscan, escudriñan cada elemento que compoñen as ilustracións, gústalles identificar as pezas, recoñecer os actores que compoñen cada personaxe. Hai pouco por exemplo, escribiume un mail un neno, quen se mostraba moi preocupado porque contara os chanzos que conducían ao castelo do bruxo na ilustración, e non eran sete mil douscentos e pico como eu especificara no texto. Este tipo de cousas pásanme todo o tempo, os nenos tómanse moi en serio os elementos que converxen nunha historia, nunha imaxe. E eu tamén.

Máis Bernasconi aquí, aquí e aquí.

12 comentários:

rosa enriquez disse...

Gustoume moito este post, Torre! Pareceume moi interesante o traballo de Bernasconi. Unha aprende e aprende. Bicos.

Pau disse...

Os debuxos son boisimos, maiormente o do Prestige

Marinha de Allegue disse...

Non conhecía a este xenial debuxante, gustoume a súa obra e gustoume vir aprendelo neste espazo tan querido para min.

Unha aperta colorida.
:)

Roi Buligan disse...

noraboa por esta brillante aportación e descubrirnos as novas direccións do deseño arxentino e global

Mr Tichborne disse...

Interesanta a súa aportación, tendo en conta que non é galego nin tinha relación coa nosa terra (colixo, por como o presentas).
Un saúdo

Suso Lista disse...

Bernasconieira debería ser...

paideleo disse...

Só hai unha xente que envexo máis ca os escritores: os debuxantes.
Gustoume coñecer a obra de Bernasconi.

From Hell disse...

fermosos debuxos.
Saúde

busto.agolada disse...

Eu lembro a portada de Los Domingo de La Voz que aperece no teu post. Peor nin me fixara en quen fora o debuxante. Por ti veño de coñecer a Bernasconi e a confirmar outra vez máis a globalización do traballo, dos gustos, etc.
Unha aperta.

Marcos Valcárcel López disse...

moi bo o debuxo do Prestige...
hai xente marabillosa facendo debuxos e ilustracións e non sempre reparamos neles: moi oportuno o post, pois.

Anônimo disse...

Interesante entrevista e interesantísimas ilustracións. Non coñecía a este artista...Paréceme especialmente boa a ilustración do Prestige...Un debuxo pode contar tantas cousas....

TXARI disse...

moi bo saber del!