8 de abr de 2008

A vida nas aldeas

«As aldeas están nun proceso de "reconversión" e, como en todo momento de cambio, nel conviven riscos e potencialidades. A inmobilidade do rural nunca foi máis que un tópico, dado que históricamente foron moitas as adaptacións realizadas e as mudanzas vividas, pero o proceso actual ten fasquías que parecen capaces de transfigurar definitivamente o mundo rural.


Como ten sinalado o profesor Ramón Villares, "se algo caracteriza ao mundo contemporáneo é esa transición dende unha civilización agraria, dun "estilo de vida" que os antropólogos teñen descuberto no mundo rural, cara unha civilización urbana, tercerizada ou pos-indutrial... o período contemporáneo constitúe, neste senso, un longo adeus, unha demorada despedida dunha civilización que xa non é".


O curioso é que "ese modo de vida que xa non é" é o que agora os neorrurais teiman en imitar en ocasións e o que os turistas rurais queren sentir durante unha fin de semana ao ano e o que, malia a todo, marca aínda a identidade do país.


Agora xa non, pero non hai moito tempo, en aldeas galegas como taraza, "había ducias de vacas varrendo cos seus rabos brancos as cunetas" (Rosa Aneiros). Teríalles gustado velo aos turistas».


Tres tempos nun só tempo: as aldeas en Galiza
Ana Cabana Iglesia
Arraianos VII - A vida nas aldeas

18 comentários:

estibaliz... disse...

A verdade quíxencho comentar hai un tempo, pero logo houbo unha serie de pequenas cuestións laborais que me levaron a dubidar se finalmente acudiría ou non.E ata a semana pasada non se esclareceu o asunto.

Pero si, semella que si, vou. Faime unha ilusión enorme. E a verdade, teño ganas de coñecerte en persoa [xa que non puiden cando estiveches por aquí].

Unha bica grande

O Raposo disse...

O estilo de vida da aldea rural galega practicamente xa desapareceu, e que agora quede como unha especie de manifestación folklórica/turística de fin de semana para divertir a 4 ricos da cidade paréceme lamentable.

Chousa da Alcandra disse...

Podemos chorar ou arrincarnos por muiñeiras, pero hai máis de certo no texto que nos nósos desexos...

paideleo disse...

Todo cambia e a vida da aldea tal como vivían os nosos avós cambia tamén.
Hai aldeas que se afunden ós poucos e outras que resisten malamente e outras que son museos ou espazos turísticos.
O tempo dirá como rematan as aldeas.

Non coñecía a revista Arraianos e ese número éntrame polo ollo.

Granizo dise sarabia en galego.

Un saúdo.

Roi Buligan disse...

Para que o neorural sexa máis que unha pose ou tendencia é importante vivir e participar na aldea para dicir que amas a aldea...quero dicir que nun mes de verán, nun domingo de comida na casa dos avós, apenas arañas a sensación de soedade, de illamento, de periferia verdadeira pero tamén de beleza, de tempo liberado, de cheiro a campo e animal e de pedras espalladas para romper os teus pasos. Non chega inspirar na sobremesa e dicirlle aos vellos, como envexo a vosa vida!!...e devecer (calado) recuperar coberturas, a-de-se-e-les e tabernas de deseño.

Anônimo disse...

Parece evidente que a vida nas aldeas cambiou moito, poucas son as familias con catro vacas, pitas e un porco para matar no Nadal. A soidade tórnase invisible grazas a chegada das novas tecnoloxías, melloras nas estradas...

Pero... ¡ollo! o cambio de vida non ten porque esnaquizar ese cheiro a campo do que fala outro comentario, temos que pensar en conservar a esencia do rural.

Cambiarán os medios e traballos das xentes pero eu fico convencido dende hai anos en que non haberá un despoboamento masivo. A vida nas ciudades tipo Barcelona e Madrid é insufrible. As cidades galegos van polo camiño. Unha boa parte da sociedade ficará no rural.

Unha cousa para a esperanza. Nos EEUU aumentou un 30% o número de traballadores na casa. Eu soño con traballar na aldea, chegará o meu día, seguro. Imaxinades un traballo no que teñas que ir a cidade un día por semana?? por min, xenial!!!

Aquí temos o futuro, fóra toda desilusión

paidovento disse...

Mentres o agro non sexa rendible, e non o é, a desaparición da aldea seguirá o seu curso.

d´Agolada disse...

Hola, acabo de coñecerte a través de chousa da alcandra. Tes un blog muy interesante, volverei por aquí máis veces. O mundo rural e as aldeas estan sumadas en pleno proceso de reconversión, tras unha gran crise que desgraciadamente aínda non rematou de todo. Eu no meu blog tamén falo moito destos temas, se queres pásate por él, haber que che parece. Saudos

A Raíña Vermella disse...

Falo dende unha experiencia estritamente urbanita, e felizmente urbanita, peri coido que precisamente a supervivencia do rural pasa por un cambio necesario e profundo. O rural ten que ofrecer a mesma comodidade e as mesmas oportunidades en tódolos aspectos que a cidade, ou está perdido.

Mario disse...

Lembro un documental da hai uns anos "Terra, fin de ciclo", no que se presentaba a desaparición do rural como algo inevitábel, pero non necesariamente como unha traxedia. Creo que estou dacordo. O rural forma unha parte tan importante da nosa personalidade como pobo precisamente porque non tivemos outra cousa, non porque sexa intrinsecamente noso. De feito, se existe o turismo rural é porque existe un estigma que asocia á Galiza á ruralidade.

Pau disse...

A dureza do rural é o que fai que non haxa relevo xeneracional. Quen sabe si co tempo a xente volvera para as aldeas a traballar o campo lonxe do estres da cidade. Ogalla

Cuspedepita disse...

É posible que "ese modo de vida que xa non é" debera dar paso a outro máis "terceirizado", dando un salto que permita saltarse a "secundarización" e polo tanto todos os seus efectos nocivos, para ter, como di a Raiña Vermella, coa que concordo totalmente, as mesmas comodidades e oportunidades que nas cidades, ou, polo menos, non unha diferencia tan abismal, no "xardín de Europa".
Daquela quizá a xente se plantexase que merece a pena habitar as aldeas todo o ano, no canto de ir só nas vacacións.

FraVernero disse...

O dos neorrularitas é unha experiencia curiosa -anque todas as 'redescubertas' e voltas atrás sempre dín máis do presente que do pasado, de certo. Por suposto, o novo rural disneyficado que gusta para as vacacións temporais neo-bucólicas é un rural sen rural (igual que a moda posmoderna do chocolate que adelgaza, ou do café sen café; o producto baleirado da súa esencia, na inxenuidade de que só perdeu a súa parte negativa). Rural de certo inclúe una lista de aspectos negativos para os seus moradores, moito máis cando están acostumados a unha certa comodidade de servizos propios das grandes urbes (internet, tendas, discreción e intimidade) e que trasplantan mal a esas horríbeis urbanizacións, ou graciosas (anque menos horríbeis) aldeas restauradas.
Eu, que vivín aínda nunha aldea de rapaz onde ter w.c. na casa era un luxo desacostumado, gardo certo escepticismo sobre o seu futuro (alén de como parque temático para urbanitas en vacacións ou fín de semana). E tamén vexo difícil que poida chegar a competir cun mundo urbán a nivel global que acabou morrendo de éxito. Porque xa non existe case a dicotomía modernista do campo-tradición-pasado e a cidade-modernidade-futuro. Todo é cidade e periferia urbá en maior ou menor medida.

Mar e Lúa disse...

É triste que moitos nenos se sorprendan cando ven unha vaca ó lonxe dende o coche dos pais... Eles seguramente xa non coñeceran aquela forma de vivir. Eu tampouco a coñecín apenas.

Por certo, unhas fotos boísimas!

Apertas

Suso Lista disse...

Galiza ten un enorme potencial agroforestal e gandeiro, penso que se debería relanzar a vida nas aldeas e crear riqueza donde antes eso mismo era sinónimo de pobreza.

L&M disse...

depende muito do que nós estejamos dispostos a fazer também. nós somos urbanitas da corunha e ainda assim a nossa filha de quatro anos já cacheou patacas, perseguiu as muxicas das meigas nas cacharelas de s.xoam...
para os urbanitas da corunha o domingo 4 de maio festejasse em carral(www.concellocarral.com)a festa do burro. nom é que seja mui "rural"mas dá para ver um animal que nom circula pelas cidades.
o turismo em si mesmo nom é mau, o caso é nom perder-se nele.

Marinha de Allegue disse...

A vida nas aldeas, unha vida chea de intres sen prezo e valores en triste decadencia...

Unha aperta.
:)

Álvaro disse...

Tamén penso que a vida rural que temos idealizada na mente non vai voltar, pero non estou certo se eso é bó ou malo.
Por certo, Ana Cabana forma parte do nos Grupo de Investigación de Historia Agaria, contamos con web propia

www.usc.es/histagra

Apertas