11 de mar. de 2008

No espello dunha postal

« As postais que retratan o noso país levan máis dun século a amosar unha imaxe de nós mesmos que non sempre está moi relacionada coa realidade. O antropólogo Paulo Jablonsky fixo unha primeira achega a este mundo de imaxe, e descubriu que hai constantes entre a representación da Galicia de hoxe e a de finais do século XIX.


“Na Idade de Ouro das postais, entre finais do século XIX e o final da I Guerra Mundial, existía un modelo galego de postal que foi a base da que despois se nutriron as postais do século XX. Nela amósanse figuras supostamente galegas en escenas populares, mariñeiras ou agrícolas”, explica este investigador. “Maiormente son persoas de clases baixas, no caso de que se retraten clases altas aparecen en contexto moi determinados, coma balnearios ou ceas”, completa.



No entanto a apoteose desta tendencia chegaría cara aos anos sesenta. “As persoas aparecen descolocadas, con traxes supostamente de gala imitando facer tarefas agrícolas, onda un carro de bois, unha meda ou un canastro. Tamén hai moitas bailando ou cunha parella que simula o cortexo”, completa. Para Jablonsky, esta tendencia relaciónase coa política estatal de “reducir as diferencias nacionais do Estado a elementos folclorizados coma o baile e a música”, explica, unha aposta na que tiñan un papel fundamental os grupos de coros e Danzas.



Malia ás mudanzas políticas, a imaxe que damos nas postais non mudou moito desde a fin do franquismo. A última reviravolta nesta mesma tendencia prodúcese “a finais dos noventa e comezos dos anos 2000, cun intento de voltar ao realismo costumistar recuperando fotografías antigas, onde ás veces aparecen persoas de clases sociais baixas en branco e negro, dándolle un halo de antigüidade que evita enfrontarse á realidade galega actual”.


Este antropólogo avanza a súa visión sobre como é posible que teñan variado tan pouco a imaxe dos galegos neste medio. Segundo el, “mantéñense un pouco porque, como se ve noutros planos da vida, aínda está aí unha pegada do franquismo. E iso vese especialmente no mantemento de estereotipos, sobre todo referidos ao caso galego”, explica. Para alén “desde o ámbito galego non se tomou a serio aínda o coidado da construción da identidade cultural ou nacional a través de elementos coma as postais. Levamos moitos anos de Autonomía e non ser revisaron reflexivamente os modelos tanto a este nivel coma a outros”, completa. »


14 comentários:

Suso Lista disse...

Moi boa exposici�n a que fais, e non anda desacertado o antrop�logo. Ainda que en moitas cousas nada mudou.

busto.agolada disse...

Gustoume especialmente este artigo polo que supón de análise socio-político de Galicia neste último medio século. Coas postais é certo que se pode analizar toda unha sociedade, os seus traumas, a súa ideoloxía, as tendencias políticas ou doctrinais...
Eu conservo algunhas postais, nada especial. Tería que buscalas e podería engadir algunha máis a esa interesante colección. Coinciden cos estereotipos que recolles nesta entrada.
Unha aperta.

Anônimo disse...

Jablonski é veciño meu (bueno, supoño que non hai moitos Paulo Jablonski antropólogos en Galicia). É fillo de unha dona catalana de un señor norteamericano descendente de polacos, que chegaron a Galicia pouco antes de nacer él. Creo que está claro que é unha persona que se sinte galego e que se interesa por Galicia, a diferencia de moitos netos de galegos-nacidos en Galicia.
Algo ten que ter esta terra para que os fillos dos que chegan, igual que os fillos dos que marcharon, se sintan galegos. E ten que ser, lóxicamente, algo bo.

Pau disse...

A verdade é que é un post moi interesante; con un tema no que creo que non moitos reflexionaran.

Anônimo disse...

A min, xa de pequena, esas imaxes das postais parecíanme bastante patéticas polo que tiñas de floclorico. Igual que as señoritas da vila vestidas co traxe rexional (eses de mudadana, con mil abalorios cosidos a man e que custan uns mil euros, polo baixo) maquilladas ate as orellas e coas gafiñas de sol no desfile do día do traxe galego. Todo ben noxento e patetico, como as postais.

Anônimo disse...

Como que noxento e patético? Non trates de fuxir nen arrenegar desa realidade, porque ela é máis veloz ca ti. Non che gusta, a min tampouco... Pero se percorres as casas dos emigrantes galegos nos EEUU, ou en Suiza, Londres ou Alemaña, como teño percorrido eu non che custará moito ver esas imaxes nalgunha parede dentro dun "Rdo. de Galicia" pendurado dunha parede. A xente humilde que tivo que marchar a traballar polo mundo prefire ese testemuño da sua terra e non un trisquel celta que non significa nada para eles, nin un poster dun tipo fraco de gafas e traxe negro que fuma un pitillo en postura de dor de cadrís (Castelao por se non caeras), este tipo de iconos, son máis acordes co pensamento galego "moderno" dos blogueiros e dos emigrantes erasmu-bolseiros, pero tamén é un "como nos queremos ver" e "como queremos que nos vexan" ó igual que as imaxes de atrezzo das postais.

E sinceiramente... pensar que o que nós pensamos é cool, e o que pensan as paisanas de babi e chancos é patético e noxento non deixa de ser unha sutil forma de autoodio camuflada nun suposto sentimento de superioridade intelectual.

torredebabel disse...

Unha cara igualmente degradante que o autoodio do que tanto se fala é o medo a calquera análise sobre nós mesmos e a crítica a todos os que dubidan ou queren mover de sitio as pezas. Que moitos galegos na diáspora leven estas postais con agarimo non as fai -en si mesmas- nin mellores nin peores, nin moito menos as libra da función político-social das que foron ferramente.

Ollar cara a nós e, como non, atopar elementos, procesos, memorias que non están en sintonía co que somos hoxe en día ou co que nos gustaría ser non é un atentado, non é un ataque. Pola contra, é o xeito de asumirnos e ser donos -na medida das posibilidades- do que somos e do noso proxecto de vida.

Mario disse...

Un camarada meu agasalloume unha atopada nunha libraría de vello: era un barquiño cargado até os topes de xente, baixo a lenda: "La Coruña. Emigrantes embarcando". No fondo non erraron, era unha imaxe típica.

O tema do autoodio habería que poñelo en termos de estigmatización. Cando estigamtizas a alguén hai dúas reaccións posíbeis: 1) rexeitar o estigma e ser o que queres e non o que che din que es, e 2) Asumir o estigma como algo que forma parte de ti, con todas as súas limitacións. Síntoo polos pobres que seguen facendo o segundo.

Veloso disse...

Moi interesante e, ao mesmo tempo, moi representativo do noso país. O abraiante non é que os emigrantes galegos conserven esas postais como reliquias (ao cabo, son metáforas perfectas do que fomos), senón que aínda na actualidade teñan un certo vigor. Cando paso polo Mercado da Pedra, en Vigo, vexo que moitos dos obxectos que se ofrecen aos turistas teñen un regusto anacrónico, algo que ten moi pouco que ver coa Galicia actual... mellor dito, coa España actual, porque tamén habería que falar deses touros e desas bailaoras de sevillanas que todos tivemos por riba da tele nos anos setenta. Con todo, e por intervir minimamente no debate (cun ton algo menos vehemente ca algún dos meus predecesores no uso da palabra), creo que é evidente que xa agromaron novos símbolos que tamén nos identifican, sobre todo ás xeracións máis novas. Non só as siluetas de Castelao ou as figuriñas de Sargadelos, senón, nos últimos anos, a bandeira negra do Nunca Máis.
En fin, Torredebabel, que sirvan estas palabras como postal de Pascua. Pasa unha feliz Semana Santa. E moitas grazas por ofrecernos sempre asuntos tan interesantes. Unha aperta.

Mrs.Doyle disse...

Que fermoso post!

Raposo disse...

Interesant post que fai reflexionar.
E certo, as postais apenas cambiaron o longo do tempo. Seguen a ter os mesmos elementos bucólicos, campestres e folclóricos, que pouco ou nada teñen que ver coa realidade dun país e da súa xente.

Anônimo disse...

Eu penso que non está mal lembrar eses elementos bucólicos, campestres e folclóricos... e non necesariamente quere decir que, deste xeito, un pense que o país ficou cristalizado e sen cambios.

Mais non sería bo esquecer que gracias aos homes e mulleres de a pé da aldea -que gardaron o tesouro da lingua durante séculos- hoxe podemos ter unha Galicia máis moderna, coas súas limitacións tamén, claro ;-)

De tódolos xeitos, é común atopar postais folclóricas en tódalas culturas. Elas non pechan necesariamente a posibilidade de considerar a evolución dos pobos...

Saúdos.

Antón.

Carlos Sousa disse...

Ainda non tiven tempo de ver o teu blog por completo, pero o pouco que vin gustoume moito. Esta entrada púxena nos compartidos de Google Reader.

Che informo que puxemos este blog na lista de enlaces da nosa bitácora. O blog é moi reciente e ainda está un pouco verde, pero xa madurará. Calquera axuda para mellora-las nosas visitas será benvida (Poñer un enlace no teu BlogRoll, por exenplo, jejeje).

Aproveitamos este comentario para enviarche un saudo.

A nosa dirección e: http://areasfs.blogspot.com e o noso Emilio: areasfs@gmail.com

Sorte.

Son Unha Xoaniña disse...

Moi interesante este post e moi certo tamén.
Habería que ir mudando tamén este tipo de cousas pois a realidade do noso País algo mudou tamén.
Apertas.