10 de jun. de 2008

Tempos novos

Tocan tempos de cambios. Porque, ás veces, cámbiase con toda a intención. Pero outras cámbiase sen máis, sen vontade, porque toca, porque chega esa onda e lévase todo por diante.

Cambiar é nacer de novo. E tamén morrer un pouco. Cambia o vestido este blog. Entre outras cousas.

E xa que cambia, se cadra non estea mal enfocar nas orixes, no comezo. Para non perder o rumbo. Para saber de onde é que vimos e -se se pode- cara onde imos.

Este blog comezou unha tarde, nunha cúpula que aniñaba nun piso 11 no corazón da cidade de Bos Aires. E nada disto é lirismo. Quen sabe qué buscaba eu no google cando apareceu unha páxina. Unha desas chamadas blogs. Chamábase (e ainda se chama) O Cartafol de Silencios.


Anos despóis podería enunciar varias hipóteses sobre o que me pasou esa tarde. Ía chuvia. Pero non importa moito hoxe. Nin as hipóteses nin a chuvia. O caso é que volvín alí unha e mil veces e roubei un nome: os comentarios eran chamados Fíos Invisibles e eu atopeime nela. Abrin un blog con ese nome e metín unha cita de Manolo Rivas ao tempo que escribía a páxina do día no xornal. En castelán era esa frase. Eu daquela non era quen de escribir nada, nin tres palabras en galego.

Débolle a Sara Jess un nome e outras cousas. Débolle aos blogs a posibilidade desta lingua que era miña do mesmo xeito que o pode ser unha casa na que non se habita. E outras cousas. Débolle a cada visitante os minutos que pasou aquí. Á rede, os amigos que fixen. A todos, que me deixasen pasar, ser e estar. E débolle a este blog o prodixio de que o mar se faga máis e máis pequeno. E outras cousas.

14 comentários:

oko disse...

se os cambios van encabezados por un texto tan fermoso, teñen que ser bos. acabo de emocionarme moitísimo ao lelo
é un pracer poder lerte

Clara Flor disse...

E outras cousas que te debemos nos teus admirados lectores e amigos varios. Maravillosos apuntes, maravillosa Galiza cibernetica que nos puxo enfrente xente coma ti. Bicos ao lonxe. Claraflor

paideleo disse...

Din os chinos que todo camiño empeza cun paso pequeno. Ti empezaches de pouco e mira ata onde chegaches...e o que che falta !.
Un saúdo.

llll disse...

"es ghuachi es macanuda ti é-la miña rula
meu repolo meu corasón quéroche moghollón" cántao Tonhito de Poi.

sabes que é toda unha honra que sexas tan educadiña e tan agradecida por unha cousa tan simple como que un día cairas pola miña leira. mais non te enganes: todo o que veu despois débese só ao teu esforzo, á túa curiosidade, ás túas ganas. todo o que es é por ti mesma, e o cariño de toda a xente que che sigue é por algo. porque eles, os lectores e lectoras, entre os que eu me inclúo, saben velo. e escoitalo. porque, déixame dicirche isto, os teus artigos para o Diario Cultural son sempre esquisitos.

algún día coñecerémonos. polo de pronto inda teño pendente mandarche un paquete con videos que che había de gustar ver.

beijo enorme, rula.

Anônimo disse...

É boa cousa que cando un afronta un cambio mire cara atrás por iso de onde veño e a onde vou. Moi bonitiño o vestido novo.

Marinha de Allegue disse...

Agradezo ese día de chuvia que te achegou ao blog de Sara Jess, bendito momento!!.

Gracias a el puiden descubrilo teu espazo e pouco a pouco conhecerte e compartir contigo conversas e inquedanzas.

Quérote Débora!!

Beijinhos da túa "irmá" galega.
:)

A lareira de Santiso disse...

Benvido o novo deseño, e grazas por contarnos as orixes aos que chegamos algo máis tarde a esta restra de fíos invisibles.
apertas

albixoi disse...

Parabéns por este fermosísimo blog.

Cuspedepita disse...

Sempre me pareceu moi acertado o nome da túa bitácora porque creo que iso é o que hai entre ti e Galicia e entre ti e todos nós que te lemos desde esta beira: Fíos invisibles pero moi, moi fortes.

Unha aperta

Torreira disse...

Fermoso e fermosa babel...parabéns por acortar o mar.Debo confesarlle que estiven tentando,saltándome o universo torreiriano,a poñerme en contacto con voçe cando estiven nos baños porteños,mais outra vez será.Bico de LK

Roi Buligan disse...

Pasar por aqui é unha fermosa obriga. Para tecer fios eternos e viaxar por esa marabillosa xeografía que so ten límites nos teus sentimentos. Grazas por existir e por alentarnos. Bicos

Anônimo disse...

Noraboa polo cambio de casa virtual. Avanti, avanti.

Por certo, teño unhas fotiños para ti que che mandarei gustosa se me deixas un enderezo [teño a túa tarxeta co fermoso e diría eu etrusco debuxo do perfil. pero aí non aparece e-mail ningún].

Que tal o teu lindo?

Que ben o pasei alá convosco, que ben, que ben. Foi o meu gustazo deste ano.

Moitas bicas.

LM disse...

que curioso...m&l também vem dum piso once do corazom de bos aires... benvindo o novo desenho e os textos tam lindos que nos permitem partilhar um bocadinho da historia. beijos

Anônimo disse...

Abriches o blog e poñeches unha cita de Manolo O'Rivas...
E tamén Manolo O´Rivas, no seu derradeiro libro " Os Grouchos" nos fala do Club de Lectura galega do Tortoni, do máis célebre café literario de Bos Aires... "ese país de Fíos invisibles. Un sitio, un blog de Bos Aires, que é tamén a mellor metáfora do novo rexurdimento: aquel que vai superar a escisión entre Metrópoli e Diáspora e dará lugar a unha compartida nación do desexo"
Bueno, con aloumiños destes xa me contarás ti :-)
Noraboa e longa vida os "fíos" que moven o teu mundo.