
A primeira vez que entrei nun quirófano foi para parir ao meu fillo. Daquela, pensaba eu que parir é parir e as cesáreas son un xeito de nacer pero non de parir. Agora penso distinto. Foi en setembro do ano 2004, o hospital non permitía que os homes acompañasen ás mulleres nunha cirurxía desta clase pero a doutora Ortega permitiu que o pai de Santiago -e o meu anxo da garda- estivese alí, apertándome, dándome azos, dicindo que todo estaba ben.
Os médicos escoitaban música. E falaban. Cotilleaban sobre alguén, rían. Coma calquera no seu traballo, digo eu. E a min chamoume a atención tanta normalidade.
O venres estiven soa. Non era unha cesárea, non había neno, non estaba o meu home, e eu tiña moito moito medo. Unhas instrumentadoras colléronme a man. Un contacto humano, unha maneira da compaña. O cirurxano dixo que non era nada, que se cadra podía marchar á casa esa noite. E chiscou un ollo.
Toca agardar. E andar con coidado co brazo esquerdo. O malo do ateísmo relixioso e científico é que, claro, vemos máis aos homes e ás mulleres que aos todo-poderosos médicos que nos poden salvar a vida. O bo do ateísmo relixioso e científico é que había homes e mulleres aos que ver. E non só máquinas de sandar.